Content-Length: 104710 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Angustia

Angustia - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Angustia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escultura "Waiting On Shore" en Rosses Point, Sligo. A escultura, de Niall Breton, reflicte a angustia dos familiares que esperan polo retorno dos mariñeiros.

A angustia (do indoeuropeo anghu-), ou anguria,[1] é un sentimento de opresión e inquietude, que se manifesta en desesperación, incapacidade de reacción, malestar xeral e medo sen que exista un motivo claro e concreto. Tamén se pode definir como un sentimento de ameaza, que pode aparecer no momento no que menos o esperemos sen unha causa xustificada.

Unha forma de angustia que provén da forma de pensar de moitas persoas é a idea: "A vida debería ser fácil e transcorrer por onde quero, sen demasiados problemas e molestias e, se non é así, é horrible e non podo soportalo". Dado que o máis probable é que nos empecemos a sentir mal no mesmo momento no que nos entreguemos a este tipo de pensamentos, o normal será que suframos un ataque de angustia.

Tipos de angustia

[editar | editar a fonte]
"Horas de angustia" (Julio Romero de Torres, 1904).

É díficil clasificar os diferentes tipos de angustia. Desde o punto de vista clínico, o interese inmediato fíxase nos límites entre a angustia normal e a patolóxica. Porén, podemos distinguir entre as seguintes:

  • Angustia existencial: Está ligada ao movemento filosófico do existencialismo. Non hai un feito que a preceda senón que o individuo comeza a facerse preguntas acerca de: quen é, a onde vai, para que está aquí, ... É dicir, o individuo cuestiónase a propia existencia.
  • Angustia cotiá: É aquela que expresa a ansiedade, por exemplo, de comer, de ver algo ou de atoparse con alguén. Ademais é unha angustia de tipo vergonzoso ou culposo, que che gustaría borrar, xa que ven de sentir un posible fracaso.
  • Angustia somatizada: É aquela rexeitada ao plano físico coa conseguinte creación dun síntoma ou signo orgánico.
  • Angustia vital: Ten unha orixe interna e non é provocada polos acontecementos da vida.
  • Angustia depresiva: Consiste no medo a que se fixera dano aos obxectos amados e implica a aceptación do ocorrido e a necesidade de reparalo.
  • Angustia psicótica: É o medo a destruírse, a partirse, dividirse dentro do illamento ou soidade propia da psicose.
  • Angustia cultural: Aquela que pasa inadvertida para as propias persoas pero que produce unha enervación do corpo como: insomnio, mareos, irregularidades sexuais.

Pensamento freudiano

[editar | editar a fonte]

Coloquialmente, a angustia é equivalente á ansiedade extrema ou medo. Non obstante, abrangue máis variábeis e é cuestión de estudo da psicanálise. Como todos os conceptos freudianos, o de angustia foi construído por Sigmund Freud. Este considera que o que fai tan particular a este estado afectivo, é que aparece referíndose a algo indeterminado, é dicir, sen obxecto.

Primeiros desenvolvementos

[editar | editar a fonte]

Esta primeira teoría parte da diferenza entre a "angustia realista" e a "angustia neurótica". A primeira, é un estado afectivo particular que se sente coa percepción dun perigo exterior. Atribúese ao medo que queda despois dunha vivenza de dor.

Di Freud: A angustia realista aparece como algo moi racional e comprensible. Dela diremos que é unha reacción fronte á percepción dun perigo exterior, é dicir, dun dano esperado, previsto; vai unida ao reflexo da fuxida e é licito ver nela unha manifestación da pulsión de autoconservación

.

Por outro lado o que máis lle interesaba a Freud era a angustia neurótica, que definiu como a transfromación da excitación sexual acumulada e non satisfeita: a libido non satisfeita produce unha suma de excitación que ao non ser descargada transfórmase directamente en angustia.

Unha vez que alcanzou a coñecer mellor todas as características deste sentimento, chegou a conclusión de que o EU é o unico culpable da angustia, e que só el pode producila e sentila. Presentou entón tres variedades deste estado afectivo: a angustia realista, que corresponde aos perigos do mundo exterior; a neurótica, que é sentida polo EU e que só busca a satisfacción e descarga sen mirar pola realidade; a angustia social, na que o Supereu lanza as súas críticas sobre un Eu que quere alcanzar o ideal do eu.

Na filosofía

[editar | editar a fonte]

Ademais de Sigmund Freud, houbo outros filósofos que tamén achegaron as súas ideas sobre a teoría da angustia, como por exemplo Heidegger e Sartre.

Angustia en Heidegger

[editar | editar a fonte]

Heidegger pensa que a angustia pon a un ante a súa propia existencia; aparece como unha forma interesante de estar do Dasein (ser-aí), cuxo interese radica precisamente no que é situado ante o seu propio estar, de maneira indeterminada. É dicir, ao home impónselle vivir e por tanto morrer.

A angustia é a disposición fundamental que nos coloca ante o nada

Angustia en Sartre

[editar | editar a fonte]

Sartre distingue a angustia do medo: o medo aparece ante un perigo concreto e relaciónase co dano que a realidade nos pode inflinxir; a angustia non é por ningún motivo concreto, nin de ningún obxecto externo. É medo dun mesmo, das nosas decisións, das consecuencias das nosas decisións. É a emoción ou sentimento que aparece ao darnos conta da nosa liberdade, de que o que imos ser depende de nós mesmos; a angustia aparece ao sentirnos responsables radicais da nosa propia existencia. Sartre recórdanos que este sentimento coñéceno todas as persoas que teñen responsabilidades, e cita o caso do xefe militar que decide enviar aos seus homes ao combate, sabendo que talvez os envíe á morte. El é o reponsable do ataque, elixe esta acción e decídea en soidade.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para angustia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Angustia

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy