Content-Length: 247257 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Banco_Mundial

Banco Mundial - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Banco Mundial

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Banco Mundial
Logo
AcrónimoWB, BM, BM, BM e BM
Tipoinstitución financeira internacional
Data de fundación27 de decembro de 1945
Presidente/aAjaypal Singh Banga (pt) Traducir (2023-) Editar o valor en Wikidata
Director/aKristalina Gueorguieva
SedeSede do Banco Mundial
Enderezo1818 H Street NW, Washington, DC 20433, USA
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://www.worldbank.org/, https://data.worldbank.org/, https://www.banquemondiale.org/, https://donnees.banquemondiale.org/, https://www.albankaldawli.org e https://www.vsemirnyjbank.org/
Facebook: BancoMundialBrasil Twitter: WorldBank Instagram: worldbank LinkedIn: the-world-bank Youtube: UCE9mrcoX-oE-2f1BL-iPPoQ Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Banco Mundial é unha institución financeira internacional que proporciona préstamos[1] aos países en vías de desenvolvemento para os programas de capital. Componse de dúas institucións: o Banco Internacional para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BIRD) e a Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID). O Banco Mundial é un compoñente do Grupo do Banco Mundial, e membro do Grupo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas.

O Banco Mundial traballa con outra entidade, o Fondo Monetario Internacional (FMI), o cal dá financiamento para alixeirar os problemas na balanza dos pagos da débeda. Ambos son coñecidos como "Institucións de Bretton Woods", posto que a conferencia internacional que levou á creación destas institucións e onde se asinaron os Acordos de Bretton Woods levouse a cabo na vila homónima, Bretton Woods, parte do municipio de Carroll, no estado de Nova Hampshire (Estados Unidos de América), do 1 ao 22 de xullo de 1944.

O obxectivo oficial do Banco Mundial é a redución da pobreza. De acordo co seu Convenio constitutivo, todas as súas decisións teñen que ser guiadas por un compromiso coa promoción da investimento estranxeiro e o comercio internacional e a facilitación do investimento de capital.[2][3]

John Maynard Keynes (dereita) e Harry Dexter White, os "pais fundadores" do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional (FMI).[4]

O Banco Mundial foi creado en 1944 na Conferencia de Bretton Woods, xunto con outras tres institucións, incluíndo o Fondo Monetario Internacional (FMI). O Banco Mundial e o FMI teñen os dous a súa sede en Washington DC, e traballan estreitamente entre eles. Non foi ata a ratificación internacional dos Acordos de Bretton Woods o 27 de decembro de 1945 que non empezou a funcionar formalmente.

A Sala de Ouro no Hotel Mount Washington onde o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial foron creados.

A pesar de que moitos países estiveron representados na Conferencia de Bretton Woods, os Estados Unidos e o Reino Unido eran os máis destacados en presenza e dominaron as negociacións.[5]:52-54

1944-1969

[editar | editar a fonte]

Antes de 1969, a reconstrución e os préstamos ao desenvolvemento proporcionados polo Banco Mundial eran relativamente pequenos. O persoal do Banco era consciente da necesidade de xerar confianza no banco. Gobernaba un conservadorismo fiscal, e as peticións de préstamos seguían criterios estritos.[6]:56-60

O primeiro país en recibir un préstamo do Banco Mundial foi Francia. O presidente do Banco da época, John McCloy, escolleu Francia por riba dos outros solicitantes: Polonia e Chile. O préstamo era de 250 millóns de dólares, a metade da cantidade pedida, e estaba acompañado de condicións moi estritas. Francia aceptou para conseguir un orzamento equilibrado e tivo que dar prioridade ó reembolso desta débeda diante dos outros gobernos. O Banco Mundial controlou de preto o uso dos fondos para asegurar que o goberno francés cumpría as condicións. Ademais, antes de aprobar o préstamo, o departamento de estado dos Estados Unidos esixiu ao goberno francés que terían que ser apartados aqueles membros asociados ao Partido Comunista. O goberno francés cumpriu a esixencia e sacou o partido comunista do goberno de coalición. O préstamo a Francia foi aprobado en cuestión de horas.[7]:288, 290-291

Cando se despregou o Plan Marshall en 1947, moitos dos países europeos empezaron a recibir axudas doutras fontes. Enfrontado con esta competencia, o Banco Mundial cambiou o seu foco a países extraeuropeos. Ata que en 1968, os seus préstamos foron consignados para a construción de infraestruturas que produzan ingresos, como portos, redes de autoestrada, e plantas de enerxía, que xerarían suficientes ingresos para habilitar ao país a devolver o préstamo.

1968-1980

[editar | editar a fonte]

De 1968 a 1980, o banco concentrouse en satisfacer as necesidades básicas das persoas no mundo en desenvolvemento. A media e o número de préstamos a prestatarios incrementouse en gran medida como préstamos orientados a ampliar as infraestruturas dos servizos sociais e outros sectores.[8]

Estes cambios hai que atribuílos a Robert McNamara, quen foi designado como presidente en 1968 por Lyndon B. Johnson.[6]:60-63 McNamara pediu ao tesoureiro do banco, Eugene Rotberg, buscar novas fontes de capital máis aló dos bancos norteños que foran as fontes primarias habituais. Rotberg utilizou o mercado de bonos global para aumentar o capital dispoñible do banco.[9] Unha consecuencia deste período de atenuación da pobreza foi un aumento rápido da débeda do terceiro mundo. De 1976 a 1980 a débeda mundial do mundo en desenvolvemento aumentou a un índice anual medio do 20%.[10][11]

En 1980, o Tribunal administrativo do Banco Mundial creouse para decidir nas disputas entre o Grupo Banco Mundial e o seu persoal nas alegacións de incumprimento de contratos de ocupación ou dos termos dos acordos.[12]

1980-1989

[editar | editar a fonte]

En 1980, McNamara foi sucedido por Alden W. Clausen candidato do presidente dos Estados Unidos, Jimmy Carter. Substituíu moitos membros do equipo de McNamara e instituíu un novo enfoque ideolóxico. A súa decisión de 1982 de substituír o economista principal do banco, Hollis B. Chenery, por Anne Krueger era unha indicación deste novo enfoque. Krueger destacouse pola súa crítica sobre o financiamento ao desenvolvemento e por describir os gobernos do Terceiro Mundo como "estados buscadores de rendas".

Durante os anos 1980, o banco fixo fincapé nos préstamos para pagar a débeda do Terceiro Mundo, e as políticas de axuste estrutural deseñadas para optimizar as economías das nacións en desenvolvemento. A finais da década de 1980, UNICEF informou que os programas de axustamento estruturais do Banco Mundial foran responsables da "diminución da saúde, dos niveis nutritivos e educativos de decenas de millóns de nenos de Asia, Latinoamérica, e África".[13]

1989-presente

[editar | editar a fonte]

A comezos de 1989, en resposta á dura crítica de moitos grupos, o banco empezou a incluír grupos ambientais e ONGs nos seus préstamos para mitigar os anteriores efectos das súas políticas de desenvolvemento.[6]:93-97 Tamén creou unha axencia para desenvolver, de acordo co Protocolo de Montreal, as medidas de protección da capa de ozono e da atmosfera terrestre reducindo nun 95% o uso de substancias químicas que esgotan o ozono, co 2015 como data obxectivo. Desde entón, de acordo cos seus coñecidos como "Seis Temas Estratéxicos", o banco aplicou varias políticas adicionais para conservar a contorna á vez que se promove o desenvolvemento. Por exemplo, en 1991, o banco anunciou que para protexer contra a deforestación, especialmente da Amazonia, non financiaría ningún desenvolvemento comercial ou proxecto de infraestrutura que botara a perder o medio ambiente.

Para promover bens públicos globais, o Banco Mundial tenta controlar as enfermidades contaxiosas como a malaria, repartindo vacinas en varias partes do planeta e unindo forzas para combatelas. En 2000, o banco anunciou unha "guerra á SIDA", e o 2011, o Banco uniuse á Sociedade para Parar a Tuberculose.[14]

Nesta liña, en 2010 levou un proxecto ás Seychelles para promover o turismo local chamado MAGIC. Este foi continuado polo proxecto TIME, lanzado en 2012.

Tradicionalmente, e por un acordo tácito entre os Estados Unidos e Europa, o presidente do Banco Mundial sempre foi seleccionado entre os candidatos dos Estados Unidos.

O 23 de marzo de 2012, o presidente dos Estados Unidos Barack Obama anunciou que o país nomearía a Jim Yong Kim como presidente do Banco.[15] Jim Yong Kim foi elixido o 27 de abril de 2012.

Grupo Banco Mundial

[editar | editar a fonte]
Poder de voto no BM
País Porcentaxe
Estados Unidos 16,39 %
Xapón 7,86 %
Alemaña 4,49 %
Francia 4,30 %
Reino Unido 4,30 %
Outros 62,66 %

As cinco institucións están estreitamente relacionadas e funcionan baixo unha única presidencia. Son:

O BIRF proporciona préstamos e asistencia para o desenvolvemento a países de rendas medias con bos antecedentes de crédito. O poder de voto de cada país membro está vinculado ás súas subscricións de capital, que á súa vez están baseadas no poder económico relativo de cada país. O BIRF recolle gran parte dos seus fondos a través da venda de títulos nos mercados internacionais de capital. Xuntos, o BIRF e a AIF forman o Banco Mundial.

Desempeña un papel importante na misión do Banco que é a redución da pobreza. A asistencia da AIF concéntrase nos países máis pobres, aos cales proporciona préstamos sen xuros e outros servizos. A AIF depende das contribucións dos seus países membros máis ricos - incluso algúns países en desenvolvemento - para recadar a maior parte dos seus recursos financeiros.

A CFI promove o crecemento no mundo en desenvolvemento mediante o financiamento de investimentos do sector privado e a prestación de asistencia técnica e de asesoramento aos gobernos e empresas.

OMGI axuda a estimular investimentos estranxeiros nos países en desenvolvemento por medio de garantías a investidores estranxeiros contra prexuízos causados por riscos non comerciais. A OMGI tamén proporciona asistencia técnica para axudar aos países a divulgar informacións sobre oportunidades de investimento.

O CIADI proporciona instalacións para a resolución- mediante conciliación ou arbitraxe - de disputas referentes a investimentos entre investidores estranxeiros e os seus países anfitrións.

Presidencia

[editar | editar a fonte]

O presidente do Banco Mundial foi tradicionalmente un cidadán estadounidense, até que en 2008 accedeu ao cargo o surcoreano Jim Yong Kim.

Tipos de préstamo

[editar | editar a fonte]

Por medio dos seus diferentes organismos, descritos anteriormente, o BM xestiona cinco tipos diferentes de préstamos, controlando aspectos de investimentos, desenvolvemento institucional e políticas públicas de aproximadamente 150 nacións.

1) Préstamos para proxectos: este tipo de préstamos outórgase para desenvolver un proxecto específico como estradas, proxectos pesqueiros, infraestrutura en xeral.

2) Préstamos sectoriais, vía BIRF e AIF: estes préstamos gobernan todo un sector da economía dun país, é dicir, enerxía, agricultura, etcétera. Estes comportan condicións que determinan as políticas e prioridades nacionais para este sector.

3) Préstamos Institucionais: estes serven para a reorganización de institucións gobernamentais co fin de orientar as súas políticas cara ao libre comercio e obter o acceso sen restricións, das empresas transnacionais (ETN), aos mercados e rexións. Doutra banda serven para cambiar as estruturas gobernamentais sen aprobación parlamentaria, baixo as directrices do Banco.

4) Préstamos de axuste estrutural: este tipo de préstamos foron creados teoricamente para aliviar a crise da débeda externa co fin de converter os recursos económicos nacionais en produción para a exportación e fomentar a entrada das empresas transnacionais en economías restrinxidas. Os países do sur experimentaron estes axustes e as consecuentes medidas de austeridade.

5) Préstamos a fondo Perdido: este tipo de préstamos foron creados como maneira de cambio monetario sen retorno, o prestamista non recibe de novo este diñeiro prestado.

No ano 1993 o BIRF marcaba como os seus maiores prestatarios por orde descendente a: México, India, Brasil, Indonesia, Turquía, China, Filipinas, Arxentina, Corea, Colombia, Marrocos e Nixeria. Os préstamos do BIRF negócianse de forma individual, inclúen un período de cinco anos sen necesidade de amortización; despois os gobernos prestatarios dispoñen dun prazo de 15 a 20 anos para amortizar a débeda aos tipos de xuro do mercado. O Banco nunca reestrutura a débeda nin cancela un préstamo. Pola súa influencia en fontes públicas e privadas o Banco figura entre os primeiros lugares de acredores dos seus clientes.

Críticas

[editar | editar a fonte]
Protesta contra o Banco Mundial en Iacarta.

O Banco Mundial sempre foi criticado por organizacións non gobernamentais, por exemplo o grupo de dereitos dos indíxenas Survival International e académicos, incluído os seus ex economistas en xefe Joseph Stiglitz, Henry Hazlitt e Ludwig Von Mises.[16][17][18] Henry Hazlitt argumentou que o Banco Mundial, xunto co sistema monetario, foi deseñado (cando eles o defenderon) para promover unha inflación mundial contida e "un mundo no cal o comercio internacional fose rexido polo estado".[19] Stiglitz sostivo que as chamadas políticas de reforma do mercado libre que defendía o Banco a miúdo eran prexudiciais para o desenvolvemento económico se se aplicaban mal, demasiado rápido ("terapia de choque"), nunha secuencia equivocada ou en economías competitivas débiles.[17][20]

Unha das críticas máis fortes ao Banco Mundial foi a forma en que se rexe. Aínda que o Banco Mundial representa 188 países, está dirixido por un pequeno número de países economicamente poderosos. Estes países (que tamén proporcionan a maior parte do financiamento da institución) elixen a presidencia e a alta dirección do Banco Mundial, así os seus intereses dominan o banco.[21]:190 Titus Alexander sostén que o poder de voto desigual dos países occidentais e do Banco Mundial, respecto dos países en desenvolvemento, fai que o seu papel sexa similar ao do Banco Surafricano polo Desenvolvemento baixo o apartheid, e por tanto un dos alicerces do apartheid global.[22]:133-141

Na década de 1990, o Banco Mundial e o FMI forxaron o Consenso de Washington, unhas políticas que incluíron a desregulación e a liberalización dos mercados, a privatización e a redución do poder dos gobernos. A pesar de que o Consenso de Washington foi concibido como unha política para promover un mellor desenvolvemento, foi criticado por ignorar a equidade, a ocupación e como se levaron a cabo reformas como a privatización. Joseph Stiglitz argumenta que o Consenso de Washington puxo demasiada énfase no crecemento do PIB, e non bastante na permanencia do crecemento ou de se o crecemento contribuía a elevar o nivel de vida.[18]:17

O Comité do Senado dos Estados Unidos de Relacións Exteriores elaborou un informe crítico co Banco Mundial e outras institucións financeiras internacionais por centrarse demasiado "na emisión de préstamos en lugar de no logro de resultados concretos de desenvolvemento dentro dun período definido", e pediu á institución "fortalecer os esforzos contra a corrupción".[23]

As críticas ao Banco Mundial a miúdo toman a forma de protestas como en acontecementos recentes: as Protestas de Oslo do 2002 ao Banco Mundial,[24] a Rebelión de Outubro[25] e a Batalla de Seattle. Estas manifestacións producíronse en todo o mundo, mesmo entre o pobo brasileiro kayapó.[26]

Outra fonte de crítica foi a tradición de ter un presidente norteamericano. Implementouse debido ao feito de que os Estados Unidos proporcionan a maior parte do financiamento do Banco Mundial. "Cando os economistas do Banco Mundial visitan os países pobres para dispensar axuda monetaria e consellos", observou The Economist en 2012, "din rutineiramente aos gobernos que teñen que rexeitar o amiguismo e que o mellor candidato dispoñible ocupe cada traballo importante. É un bo consello. O Banco Mundial teríao que aplicar."[27]

  1. World Bank, ed. (14 outubro 2008). "About Us" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2012. Consultado o 9 novembro 2008. 
  2. Articles of Agreement: as amended effective 16 February 1989.
  3. World Bank, ed. (29 xuño 2011). "About Us" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2018. Consultado o 14 agosto 2011. 
  4. International Monetary Fund (ed.). "The Founding Fathers". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2017. Consultado o 11 agosto 2012. 
  5. Goldman, Michael (2005). Imperial Nature: The World Bank and Struggles for Social Justice in the Age of Globalization. New Haven, CT: Yale University Press. ISBN 978-0-30-011974-9. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Goldman, Michael (2005). Imperial Nature: The World Bank and Struggles for Social Justice in the Age of Globalization. New Haven, CT: Yale University Press. ISBN 978-0-30-011974-9. 
  7. Bird, Kai (1992). The Chairman: John J. McCloy, the Making of the American Establishment. Nova York, NY: Simon & Schuster. ISBN 978-0-67-145415-9. 
  8. World Bank. World Bank Group, ed. "World Bank Historical Chronology: 1970-1979". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2011. Consultado o 31 maio 2012. 
  9. Rotberg, Eugene (1994). Bretton Woods Commission, ed. "Financial Operations of the World Bank". Bretton Woods: looking to the future: commission report, staff review, background papers (Washington, D.C.). Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2016. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  10. Mosley, Paul; Harrigan, Jane; Toye, John (1995). Aid and Power: The World Bank and Policy Based Lending, 2nd Edition 1. Abington, UK: Routledge. ISBN 978-0-415-13209-1. 
  11. Toussaint, Eric (1999). Your Money or Your Life!: The Tyranny of Global Finance. Londres, UK: Pluto Press. ISBN 978-0-74-531412-9. 
  12. World Bank. World Bank Group, ed. "World Bank Administrative Tribunal". Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2011. Consultado o 14 agosto 2011. 
  13. Cornia, Giovanni Andrea; Jolly, Richard; Stewart, Frances, eds. (1987). Adjustment with a Human Face: Protecting the Vulnerable and Promoting Growth. Nova York, NY: Oxford University Press USA. ISBN 978-0-19-828609-7. 
  14. World Bank. World Bank Group, ed. "Results". Consultado o 31 maio 2012. 
  15. Office of the Press Secretary (23 maio 2012). "President Obama Announces Un.S. Nomination of Dr. Jim Yong Kim to Lead World Bank". The White House. Consultado o 23 marzo 2012. 
  16. Stiglitz, Joseph E. (2003). The Roaring Nineties: A New History of the World's Most Prosperous Decade (en inglés). Nova York, NY: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-39-305852-9. 
  17. 17,0 17,1 Stiglitz, Joseph E. (2003). Globalization and Its Discontents (en inglés). Nova York, NY: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-39-332439-6. 
  18. 18,0 18,1 Stiglitz, Joseph E. (2007). Making Globalization Work (en inglés). Nova York, NY: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-39-333028-1. 
  19. Hazlitt, Henry (1984). From Bretton Woods to World Inflation: A Study of the Causes and Consequences (en inglés). Washington, D.C.: Regnery Publishing. ISBN 978-0-89-526617-0. 
  20. Schneider, Jane (2002). "World Markets: Anthropological Perspectives". En MacClancy, Jeremy. Exotic No More: Anthropology on the Front Lines (en inglés). Chicago, IL: University of Chicago Press. ISBN 978-0-22-650013-3. 
  21. Woods, Ngaire (2007). The Globalizers: The IMF, the World Bank, and Their Borrowers (en inglés). Ithaca, NY: Cornell University Press. ISBN 978-0-80-147420-0. 
  22. Alexander, Titus (1996). Unravelling Global Apartheid: An Overview of World Politics (en inglés). Cambridge, UK: Polity. ISBN 978-0-74-561352-9. 
  23. Committee on Foreign Relations, United States Senate, 111th Congress (2010). U.S. Government Printing Office, ed. "The International Financial Institutions: A Call For Change" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de maio de 2013. Consultado o 20 agosto 2012. 
  24. Gibbs, Walter (25 xuño 2002). "Europe: Norway: Protests As World Bank Meets" (en inglés). The New York Times. Consultado o 20 agosto 2012. 
  25. Williams, Clarence; Ruane, Michael E. (20 outubro 2007). "Violence Erupts at Protest in Georgetown" (en inglés). The Washington Post. Consultado o 30 maio 2008. 
  26. Clendenning, Alan (21 maio 2008). "Amazon Indians Attack Official Over Dam Project" (en inglés). National Geographic. Associated Press. Consultado o 21 maio 2008. 
  27. "Hats off to Ngozi" (en inglés). The Economist. 31 marzo 2012. Consultado o 2 abril 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Banco_Mundial

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy