Batalla de Mohács
Batalla de Mohács | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Expansión otomá por Europa | |||||||
A batalla de Mohács de Bertalan Székely (1866). | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Imperio otomán Khanato de Crimea |
Reino de Hungría Reino de Croacia Reino de Bohemia Sacro Imperio Romano Xermánico Reino de Baviera Reino de Polonia | ||||||
Líderes | |||||||
Suleiman I | Lois II de Hungría † Ladislau Szalkai † Paulo Tomori † Xurxo de Zápolya † Paulo Várdai | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Estimación antiga: 70.000[1]-100.000[2] 300 canóns[2] Estimación moderna: c. 55.000[3][4] |
Estimación antiga: 150.000[2] 100 canóns[2] Estimación moderna: c. 35.000-40.000[3][4] 85 canóns[6] (pero só 25.000 a 30.000 homes[5][7]e 53 canóns participaron na batalla)[6] | ||||||
Baixas | |||||||
1.500 mortos[3][4] | 14.000[3]-20.000[4]mortos |
A batalla de Mohács foi un combate que supuxo a derrota do exército húngaro comandado polo rei mozo Lois II de Hungría, a mans do exército otomán, ao mando do sultán Suleiman o Magnífico. Esta batalla tivo lugar o 29 de agosto de 1526 en Mohács, a 170 km ao sur de Budapest.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]As tensións entre Hungría e o Imperio Otomán deron pronto en incursións otomás por territorio húngaro. Suleiman esixiulle o pago de tributos ao reino de Hungría como prevención, e cando este se negou, os otománs avanzaron cara ao norte cun exército formado por uns 65.000 soldados, 45.000 deles regulares, tomando Belgrado (onde executaron 500 prisioneiros) e chegando á fronteira húngara. O rexente húngaro Xoán Hunyadi, grande heroe na loita contra os turcos, morrera había case 70 anos; seu fillo o rei Matías Corvino había 35, perdéndose todo rastro do grande Exército Negro de Hungría que representaba unha das forzas militares máis poderosas da Europa da época. A crise económica do reino, así como a débil xestión dos seguintes reis Ladislau II de Hungría e seu fillo Lois II, foron levando o Estado ao abismo, que se agravou aínda máis co fortalecemento do Imperio Otomán.
Ante a resposta negativa do pago de impostos, Suleiman mobilizou as súas forzas militares desde Constantinopla até Hungría para someter o reino e posteriormente continuar cara ao Sacro Imperio Romano Xermánico para derrotar os Habsburgo. Ante isto, Lois II reuniu un numeroso exército, pero que non se equiparaba co do do Sultán, e no canto de esperar os últimos reforzos de Croacia e Transilvania, avanzou cara ao sur desde Buda. O conde Xoán de Zápolya, voivoda de Transilvania, apresurouse coas súas tropas, pero por falta de tempo non logrou reunirse coas do do rei, quen avanzou acompañado de Ladislau Szalkai, o arcebispo de Esztergom e o moi influente comandante militar Paulo Tomori, nomeado arcebispo de Kalocsa. Por outra banda, Xurxo de Zápolya, irmán de Xoán, si conseguiu unirse ao exército principal.
Lois II non gozaba do apoio e simpatía dos seus súbditos checos, aos que non lles agradaba ser gobernados desde Buda, así que as forzas do rei non contaron coas de Bohemia. As delicadas relacións entre o Papa e o emperador Carlos V tamén causaban cada vez máis inconvenientes, sucedéndose a batalla de Pavia en febreiro de 1525, onde o rei Francisco I de Francia foi derrotado polas forzas imperiais e españolas. Pedindo asistencia a Suleiman contra os Habsburgo, as tropas turcas sentiron con máis dereito de avanzar cara a Viena por territorios cristiáns.
A batalla
[editar | editar a fonte]Os húngaros escolleron o campo de batalla, unha chaira aberta a carón dunhas brañas do Danubio. Os turcos avanzaron sen atopar oposición, asediaron cidades e cruzaron os ríos Sava e Drava mentres Lois II agardaba en Buda.
A batalla apenas durou dúas horas. Un exército de rumelios lanzou o primeiro ataque otomán (13:00), que foi rexeitado polos húngaros de Paulo Tomori, o arcebispo de Kalocsa. Unha hora máis tarde chegou de golpe todo o continxente turco, que atacou despois de varios bombardeos dos canóns e mosquetes otománs. Os cristiáns mandaron a súa cabalaría, pero esta foi repelida pola artillaría inimiga. Os europeos trataron de fuxir cara a unhas brañas, onde miles afogaron polo peso das súas armaduras, incluído o rei húngaro. As forzas húngaras foron practicamente aniquiladas e o mesmo rei morreu na batalla. O papel que desenvolveu o Gran Visir do Imperio Otomán, Pargalı İbrahim Paşa, foi fundamental para o plan de ataque e éxito tanto estratéxico como en batalla para eliminar o inimigo.
Entre outras vítimas que caeron na batalla de Mohács achábanse o arcebispo Paulo Tomori de Kalocsa, así como o conde Xurxo de Zápolya e Ladislau Szalkai, o arcebispo de Esztergom. Igualmente, Francisco Balassi, Nicolao Tharczai, membro da cámara real, Xoán Paksy de Pakos, Xoán Istvánffy, membro da corte real, Emérico Wárday, Miguel Podmaniczki, Xurxo Orlovcsics, capitán do castelo de Zeng, Estevo Aczél, capitán do castelo de Bratislava, o ancián Sexismundo Pogány de Cséb, portador da bandeira real e exdirector da cámara de sal de Máramaros, Xoán de Tornalya, Xoán e Estevo de Lánya, Xoán Drágffy de Béltek, xuíz do reino,[8] así como Nicolao Forgách. Igualmente morreron preto de 500 nobres de alto rango, así como miles de nobres de baixo rango e soldados.[9]
A aristócrata Dorotea de Kanizsa e 400 dos seus servos encargáronse xunto aos relixiosos da zona en dar sepultura a todos os caídos na batalla, pasando a quedar inmortalizada en versos posteriores como o de Mihály Babits.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]As consecuencias para Hungría foron nefastas. O rei Lois II morreu sen deixar herdeiros, ante o cal Fernando I de Habsburgo, irmán de Carlos V, reclamou o trono húngaro a través dos seus dereitos matrimoniais con Ana Jagellon de Hungría e Bohemia, irmá do falecido monarca. Por outra banda, o conde Xoán de Zápolya fíxose coroar como rei Xoán I de Hungría, polo cal en poucos meses o reino, abatido polos turcos, contaba con dous reis.
Despois de doce anos de guerra civil entre os dous reis, gran parte do país foi absorbido polo Imperio turco; só o terzo oriental, incluída Transilvania, mantivo certa autonomía, transformándose no principado de Transilvania, gobernado pola nobreza alta húngara que debía certo sometemento ao sultán turco. O fillo do rei Xoán I, Xoán Sexismundo de Zápolya, foi o primeiro príncipe de Transilvania e pretendeu o trono húngaro fronte aos Habsburgo durante varias décadas como Xoán II de Hungría, aínda que xamais foi coroado.
A batalla de Mohács é comparada coas de Nicópolis e Crécy no século XIV, ao ocorrer en todas elas que un exército de cabaleiros con armaduras pesadas sucumbía fronte a continxentes menores equipados con frechas, e en Mohács con armas de fogo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Embaixada de Hungría - Historia de Hungría
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Historia de la Humanidad. La edad de los descubrimientos. Editorial Larousse, 2005, Santiago de Chile, pp. 69, ISBN 956-8402-36-5
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 A dictionary of military history and the art of war, André Corvisier & John Childs, pp. 365-366, editorial Wiley-Blackwell, 1994.
"In 1526, at the battle of Mohács, the Hungarian army was destroyed by the Turks. King Louis II died, along with 7 bishops, 28 barons and most of his army (4,000 cavalry and 10,000 infantry)."
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Minahan, James B. One Europe, many nations: a historical dictionary of European national groups, Greenwood Press, 2000, pp. 311.
"A peasant uprising, crushed in 1514, was followed by defeat by the Ottoman Turks at the battle of Mohacs in 1526. King Louis II and more than 20,000 of his men perished in battle, which marked the end of Hungarian power in Central Europe."
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Stavrianos, L.S. Balkans Since 1453, C. Hurst & Co. Publishers, 2000, pp. 26
"The latter group prevailed, and on August 29, 1526, the fateful battle of Mohacs was fought: 25,000 to 30,000 Hungarians and assorted allies on the one side, and on the other 45,000 Turkish regulars supported by 10,000 lightly armed irregulars."
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Nicolle, David, Hungary and the fall of Eastern Europe, 1000-1568, Osprey Publishing, 1988, pp. 13
"Hungary mustered some 25,000 men and 85 bore cannons (only 53 being used in actual battle), while for various reasons the troops from Transylvania and Croatia failed to arrive.
- ↑ Dupuy & Dupuy, 1986: 496. O 23 de abril o exército otomán que parte de Istambul era de 70.000 ou 80.000 tropas. O 15 de agosto o exército aliado compoñíase de 12.000 xinetes e 13.000 infantes. Uns 10.000 infantes e 5.000 xinetes aliados morreron na batalla.
- ↑ Fallenüchl Zoltán. 1988. Magyarország főméltóságai. Maecenas kiadó. 72p.
- ↑ http://mek.oszk.hu/05800/05872/html/gmbrodarics0002.html
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Richard Ernest Dupuy & Trevor Nevitt Dupuy (1986) [1970]. The Encyclopedia Of Military History: From 3500 B.C. To The Present. 2a. Edición. Nova York: Harper & Row. ISBN 978-0-06181-235-4.