Content-Length: 144311 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Casti%C3%B1eiro_de_Par%C3%A1

Castiñeiro de Pará - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Castiñeiro de Pará

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  • Cómpre salientar que esta especie non está emparentada co castiñeiro europeo, nin coas árbores do xénero "Castanea" en xeral.
Castiñeiro de Pará

Póla de Bertholletia excelsa
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Dilleniidae
Orde: Ericales
Familia: Lecythidaceae
Subfamilia: Lecythidoideae
Xénero: Bertholletia
Especie: B. excelsa
Nome binomial
Bertholletia excelsa
Humb. & Bonpl. 1807
Sinonimia

O castiñeiro de Pará[2], ou castiñeiro do Brasil (Bertholletia excelsa), é unha árbore nativa de América do Sur, especificamente de Bolivia, Brasil, sueste de Colombia, Güiana, Perú, leste e nordés da Arxentina e sur de Venezuela. No Brasil recibe os nomes vulgares de castanha-do-pará, castanha-do-acre, castanha-do-brasil, tocari e tururi. Cultívase polo froito chamado de castaña de Pará ou castaña do Brasil. Pará é un estado brasileiro situado no leste da Rexión Norte.

Inflorescencia

Descrición

[editar | editar a fonte]

A árbore é a única especie do xénero Bertholletia. Atópase en grupos de árbores espallados de até 100 individuos, sobre solos ben drenados en grandes bosques das concas dos ríos Amazonas, Negro e Orinoco. É unha árbore grande que acada entre 30 e 50 m de altura. O tronco ten de 1 a 2 m de diámetro. Pode vivir 500 anos ou máis. Na Amazonía peruana atopáronse árbores de até 1200 anos de antigüidade. O toro é recto e non ramificado deica a metade da súa altura, mais cunha coroa inesperada de pólas grandes sobre o pavillón das outras árbores circundantes. A casca é agrisada e lisa.

As follas son cedizas, alternas, simples, oblongas, de 20 a 35 cm de longo e 10 a 15 cm de largo. As flores son pequenas, averdasdas-abranazcadas; cada flor ten un cáliz dividido en dous, seis pétalos amarelo-crema desigualmente coloreados, e estames numerosos.

As súas flores só se poden polinizar mediante a acción dun insecto o bastante forte. As abellas Euglossinae dos xéneros Eulaema, Xylocopa, Bombus e Centris, polinizan a árbore da castaña de Pará. As orquídeas Coryanthes vasquezii producen un cheiro que atrae as abellas macho, que á súa vez o requiren para atraeren as femias e acoplárense, polo que hai unha simbiose indisolúbel entre a árbore, a orquídea e mailas abellas.

Se as orquídeas e as abellas están presentes, o froito, botanicamente unha noz, tarda 14 meses en madurecer trala polinización das flores, e acada entre 10 e 15 cm de diámetro e 1 a 2 kg de peso, con casca lígnea de 8 a 12 mm de grosor. No interior contén de 8 a 24 sementes en forma de media lúa, de 4 a 5 cm de longo. Unha árbore madura pode dar entre 200 e 400 froitos.

Os capuchinos (primates) saben abrir as castañas usando un coio como engra. A cápsula contén un burato pequeno nun extremo, que permite a roedores como os agutís, abrila ao rillaren e comeren parte do interior, soterrando o resto, esperando consumilo posteriormente, de xeito que algunhas destas sementes "agochadas" poden xermolar para producir árbores novas. En realidade, a maioría das sementes son "sementadas" polos agutís en locais sombreados, xermolan logo dun ano e o desenvolvemento das árbores depende da cantidade de luz solar que eventualmente poida acadar as plantas novas, polo que ás veces a planta debe agardar a que outra árbore caia para que unha clareira de luz permita o crecemento da nova.

O principal exportador mundial de castañas do Brasil é Bolivia, onde se coñecen coma almendras (améndoas) ou castañas de Pando. No Brasil, ao igual que en galego, coñécense coma castanhas de Pará; en español porén, coñécense coma nueces de Brasil (noces do Brasil). Os nomes indíxenas inclúen juvia na área do Orinoco, e sapucaia no Brasil.

As castañas de Pará, de delicado gusto, son unha fonte excelente de selenio e unha boa fonte de magnesio e de tiamina. Son ricas en proteína (14%), glícidos (11%), e graxa (67%). A proporción de graxas insaturadas das castañas de Pará está entre as máis altas de todos os froito secos. Ademais, son un dos alimentos máis radioactivos do mundo, por mor á acumulación de radio e de bario do solo na castaña.

O consumo das castañas do Brasil, aínda que inofensivo en pequenas cantidades, pode carrexar diversos problemas. Tipicamente, 100 gramos de castañas de Pará conteñen máis de 30 veces a dose diaria de selenio recomendada para un adulto,[3] podendo o seu abuso provocar selenose, polo que se recomenda un consumo moderado e esporádico. A longo prazo, a acumulación de radio nos ósos pode ademais ter efectos prexudiciais para a saúde.

O aceite da castaña do Brasil utilízase para a alimentación e tamén como lubrificante de reloxos e para facer pinturas dos artistas. A medicina tradicional atribúe ao consumo das castañas quentadas (preferibelmente en leite), propiedades como diurético e recomenda o seu uso tópico externo para afeccións do ouvido.

A madeira úsase en construción de vivendas e naval, mais a súa explotación non é compatíbel coa produción de castaña.

Sostibilidade ambiental

[editar | editar a fonte]

As castañas de Pará prodúcense exclusivamente de árbores bravas. O seu aproveitamento considérase un modelo para xerar ingresos do bosque tropical sen destruílo. As pescudas demostraron que unha colleita moderada permite a proliferación de novas árbores.

Porén, tense aínda que establecer o real impacto sobre a fauna silvestre dos miles de colleitadores que, na tempada da colla, percorren as forestas para a súa extracción. Segundo estudos realizados en Bolivia, a acción destes recolectores provocou a redución da poboación de numerosos animais e até a extinción local de mamíferos coma o mono araña.

Radioactividade

[editar | editar a fonte]

As castañas de Pará poden conter pequenas cantidades de radio, un elemento químico radioactivo. Se ben esta é unha cantidade pequena, arredor de 1–7 pCi/g (40–260 Bq/kg), onde a maior parte deste elemento está contida no corpo do froito, esta cifra é até 1.000 veces máis elevada que noutros alimentos. Isto non se debe a niveis elevados de radio no solo, senón ao extremadamente extenso raizame subterráneo da árbore.[4]

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Indicacións: é antioxidante, emoliente, insecticida e nutritivo.[5]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Bertholletia excelsa foi descrita por Humb. & Bonpl. e publicado en Plantae Aequinoctiales 1: 122–127, pl. 36. 1807.[6][7]

Sinonimia

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Sinonimia en APWeb
  2. Nome vulgar en galego Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000
  3. "Office of Dietary Supplements - Selenium". ods.od.nih.gov (en inglés). Consultado o 2022-03-02. 
  4. "Brazil Nuts". Museum of Radiation and Radioactivity (en inglés). Consultado o 2022-03-02. [Ligazón morta]
  5. "Bertholletia excelsa". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 10 de novembro de 2009. 
  6. "Castiñeiro de Pará". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 2 de febreiro de 2013. 
  7. Castiñeiro de Pará en PlantList/
  8. "Bertholletia excelsa Bonpl.". www.catalogueoflife.org. Consultado o 2022-03-02. 
  • Mori, Scott A. & G. T. Prance (1990). "Taxonomy, ecology, and economic botany of the Brazil nut (Bertholletia excelsa Humb. & Bonpl.: Lecythidaceae)". Selective Advances in Economic Botany 8: 130–150. 
  • Peres, Carlos A.; et al. (2003). "Demographic threats to the sustainability of Brazil nut exploitation". Science 302 (Dec. 19): 2112–2114. 
  • Schultes, R. E. (1990). "Gifts of the Amazon Flora to the World". Arnoldia 50 (2): 21–34. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Casti%C3%B1eiro_de_Par%C3%A1

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy