Crocodylus palustris
Crocodylus palustris | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Esta especie é o réptil nacional de Paquistán. | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Crocodylus palustris Lesson, 1831[1]"Crocodylus palustris". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2009.6 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 27 de abril de 2017. </ref> | |||||||||||||||||
Área de distribución do C. palustris
|
O Crocodylus palustris, xeralmente chamado crocodilo indio ou crocodilo das marismas,[2] é unha especie de crocodilo que se encontra por todo o subcontinente indio e os países que o rodean, como Paquistán, onde este crocodilo é o réptil nacional.[3] É un dos tres crocodilianos que se encontran na India (xunto co gavial e o crocodilo de auga salgada).[4] É un crocodilo de mediano tamaño que habita principalmente en lagos, lagoas, ríos lentos, pantanos e marismas.[5] Os machos crecen ata os 4 ou 5 m de lonxitude. Como noutros crocodilianos, as femias son menores.[6] Ten o morro máis ancho de todos os crocodílidos existentes, polo que ten un certo parecido cos aligátores. É unha especie moi acoirazada con escudos agrandados no pescozo. Os adultos son grises escuros ou marróns, mentres que as crías son de cor torrada.
É un hábil depredador que depreda diversas especies. Como outros crocodilianos é un cazador de emboscada, e espera a que as súas presas se acheguen. Espera camuflado nas augas avoltas para lanzar o seu ataque no momento máis axeitado. Come principalmente peixes, réptiles, aves e mamíferos. A reprodución ten lugar nos meses de inverno. As femias poñen os ovos en niños que son buratos escavados na area. A temperatura durante a incubación é o que determina o sexo das crías. Posúe o tamaño necesario para ser unha seria ameaza para os humanos, pero non é tan agresivo coma outras especies, como o crocodilo de auga salgada, cuxa area de distribución se solapa coa do crocodilo indio. Xeralmente evita as áreas nas que hai crocodilos de auga salgada.[7] É unha especie bastante social e tolera aos seus conespecíficos cando toma o sol ou se alimenta.
Características
[editar | editar a fonte]Teñen 19 dentes superiores en cada lado; un morro que é de 1⅓ a 1½ tan longo coma largo na base; unha ruda cabeza pero sen cristas; a sínfise mandibular esténdese ao nivel do cuarto e quinto dentes; a sutura premaxilo-maxilar no padal é transversa, case en ángulo recto ou curvada cara a adiante; e os ósos nasais separan os premaxilares enriba. Catro grandes escudos nucais forman un cadrado, co máis pequeno a cada lado; dous pares de nucais máis pequenos nunha serie transversa detrás do occipucio. O escudo dorsal está ben separado do nucal; os escudos xeralmente son 4, raramente 6, en series lonxitudinais, os das dúas series mediais xeralmente considerablemente máis anchos que longos; 16 ou 17 series transversas. Escamas das patas carenadas. Os dedos con membrana interdixital na base; dedas externas extensamente palmadas. Bordo exterior da pata coa beira serrada. Os adultos son de cor oliva anegrado: os individuos novos son olivas claros, con pintas negras.
Tamaño
[editar | editar a fonte]Considérase que é unha especie de medio tamaño, que medra ata os 4 ou 5 m de lonxitude.[8] Os machos son máis longos que as femias. Chegan á madurez sexual ao medrar ata os 1,7 a 2 m as femias e 2,6 m os machos.[8] O espécime máis grande conservado no Museo Británico mide 3,7 m.[9]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]A especie pode encontrarse na India, Bangladesh, Sri Lanka, Paquistán, Nepal, sur de Irán, e probblemente en Indochina e nun lugar do sur de Iraq. É o único crocodiliano que se enconra en Irán e Paquistán. Esta crocodilo é a especie de crocodiliano máis estendida da India, e supera claramente en número de exemplares ao moito meirande crocodilo de auga salgada no país.
Na década de 1980, a poboación silvestre máis grande destes crocodilos en Tamil Nadu, no sur da India vivían na Reserva Amaravathi, e nos ríos Chinnar, Thennar e Pambar que desembocan nela. A súa poboación total alí foi estimada en 60 adultos e 37 subadultos. A granxa de crocodilos de Amaravati Sagar, establecida alí en 1975, é a gardería de crocodilos máis grande da India. Os ovos recóllense de niños silvestres no perímetro a reserva para que as crías eclosionen e se críen na granxa. Chegaron a ter alí 430 animais á vez. Centos de crocodilos adultos da granxa foron reintroducidos na natureza.[10] A poboación estimada en Paquistáan é de entre 400 e 450 animais que se encontran en áreas costeiras e ríos do Sindh e Baluchistán. A cifra estimada de animais no Sindh é de 160, mentres que en Baluchistán estímase que hai 64.
Na costa iraniana de Makran, en Chabahar encóntranse arredor de 200 exemplares. Viven nas cuncas dos ríos Sarbaz, Bahu Kalat, Kaju e Pishin na provincia de Baluchistán. Debido ás actividades humanas e a longas secas a finais da década de 1990 e inicios da do 2000, este crocodilo estivo a piques de extinguirse nos últimos anos. Despois de varios ciclóns tropicais, como o ciclón Gonu e o ciclón Yamyin en 2007, e o ciclón Phet en 2010, gran parte do hábitat dos C. palustris iranianos foi restaurado a medida que os lagos secos e hamuns (lagos ou marismas estacionais) quedaron inundados de novo.
O C. palustris é unha especie de auga doce que vive en lagos, ríos e marismas. Prefire corpos de auga pouco fondos e de augas lentas. Prosperan en presas feitas polo home e canais de irrigación. Aínda que prefire a auga doce, ten certa tolerancia pola auga salgada e hai informes ocasionais de que se observou en lagoas de auga salgada. É simpátrico (vive no mesmo sitio) co gavial (Gavialis gangeticus) nalgunhas áreas da India e Nepal e co crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus) noutras áreas, pero separados polos seus hábitos a maior parte do tempo. Está adaptado á vida terrestre (como o seu parente o crocodilo cubano) máis que a maioría dos crocodilianos, pero é ecoloxicamente moi similar ao crocodilo do Nilo africano. É máis móbil en terra, poden migrar a considerables distancias por terra na procura dun hábitat máis axeitado. Pode perseguir as súas presas en terra durante curtas distancias. Escava buratos e refuxios durante a estación seca.
Bioloxía e comportamento
[editar | editar a fonte]Os C. palustris poden alcanzar velocidades de arredor de 12,8 km/h en curtas distancias para perseguir as presas. Poden nadar moito máis rápido do que corren ata velocidades de 16 a 19,2 km/h en curtos sprints e teñen unha velocidade de cruceiro de 1,6 a 3,2 km/h.
Caza e dieta
[editar | editar a fonte]Como é un gran réptil carnívoro, come peixes, serpes, tartarugas, aves e mamíferos. As presas mamíferas son xeralmente pequenas ou de medio tamaño, como monos, esquíos, o cervo chital e londras. De feito, a maioría dos vertebrados que se aproximan a beber á beira da auga poden ser presas potenciais, e poden ser atrapados e arrastrados á auga e afogados e devorados cando xorde a oportunidade. Os adultos grandes depredan ás veces grandes animais, como grandes cervos, como o sambar, e grandes bovinos, como vacas e búfalos de auga domésticos, pero esas presas tan grandes non son presas tan comúns para el coma para o crocodilo de auga doce. De noite, ás veces cazan en terra, esperando emboscados preto dos carreiros do bosque.[11] Durante estas cazas nocturnas, a miúdo rouban as presas cazadas por outros predadores, como os leopardos,[12] e ás veces comen outros depredadores tamén.[13] Esta especie é xeralmente considerada un perigo ocasional para os humanos.
Uso de ferramentas polo animal
[editar | editar a fonte]Estes crocodilos documentáronse utilizando enganos para cazar presas como aves.[14] Isto significa que están entre os primeiros réptiles nos que se rexistrou o uso de ferramentas. Balanceando paus e ramas sobre as súas cabezas, estes crocodilos poden enganar as aves que están buscando materiais adecuados para faceren o niño. Esta estratexia, que tamén a ten o aligátor do Mississippi, é especialmente efectiva durante a estación de nidificación, na cal é máis probable que as aves recollan materiais para faceren os niños.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Crocodylus palustris". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2009.6 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 27 de abril de 2017.
- ↑ Encyclopedia Americana Marsh Crocodile
- ↑ "The Official Web Gateway to Pakistan". www.pakistan.gov.pk. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2016. Consultado o 2016-10-23.
- ↑ Hiremath, K.G. Recent advances in environmental science. Discovery Publishing House, 2003. ISBN 81-7141-679-9.
- ↑ Da Silva, A. and Lenin, J. (2010). "Mugger Crocodile Crocodylus palustris, pp. 94–98 in S.C. Manolis and C. Stevenson (eds.) Crocodiles. Status Survey and Conservation Action Plan. 3rd edition, Crocodile Specialist Group: Darwin.
- ↑ Mugger (Crocodylus palustris) Arquivado 13 de xullo de 2017 en Wayback Machine.. Arkive. Retrieved on 2013-04-13.
- ↑ Current Distribution of Crocodylus palustris Arquivado 23 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.. Crocodile Species List. Retrieved on 2013-04-13.
- ↑ 8,0 8,1 Britton, Adam. "Crocodylus palustris (LESSON, 1831)". Crocodilian Species List. Crocodile Specialist Group. Consultado o 21 de xullo de 2015.
- ↑ Boulenger, G. A. (1890) Fauna of British India. Reptilia and Batrachia.
- ↑ Andrews, Harry V., "Status and Distribution of the Mugger Crocodile in Tamil Nadu" [1] Arquivado 23 de novembro de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ Dinets, V.L. (2010). "On terrestrial hunting in crocodilians" (PDF). Herpetological Bulletin 114: 15–18. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2017.
- ↑ "Sri Lankan Leopard". Arkive.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2011. Consultado o 23 de xullo de 2017.
- ↑ Bhatnagar, C., & Mahur, M. (2010). Observations on feeding behavior of a wild population of marsh crocodile in Baghdarrah Lake, Udaipur, Rajasthan. Reptile Rap, 10, 16-18.
- ↑ Dinets, V; Brueggen, JC; Brueggen, J.D. (2013). "Crocodilians use tools for hunting". Ethology, Ecology and Evolution 1. doi:10.1080/03949370.2013.858276.
- ↑ "Crocodiles are cleverer than previously thought: Some crocodiles use lures to hunt their prey". ScienceDaily. 4 de decembro de 2013. Consultado o 8 de decembro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Crocodylus palustris |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Crocodylus palustris |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Encyclopedia of Life Mugger crocodile