Garudá
Garudá é un paxaro mítico, considerado un deus menor (ou semideus) no hinduísmo e no budismo.
Xeralmente é iconizado como unha aguia xigante e antropomórfica: corpo humano de cor dourada, rostro branco, peteiro de aguia e grandes ás vermellas. É moi antigo, enorme e pode tapar a luz do Sol.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Posiblemente Garudá proveña da raíz grī e signifique ‘devorador’, quizais, porque antigamente era identificado co devastador fogo do Sol. Aínda que no alfabeto devanágari non leva ningún acento diacrítico (polo que debería ser grave), a pronunciación aguda /garudá/ provén de tradición oral.[1]
- Formas de escrita:
- garuḍa, no sistema AITS (alfabeto internacional de transliteración sánscrita).
- गरुड, en escritura devanágari do idioma sánscrito.[1]
Mitoloxía
[editar | editar a fonte]É xefe da raza das aves e inimigo da raza das serpentes, vahana do deus Visnú,[2] e fillo de Kashiapa e Vinatā. Segundo o sagrado texto épico Mahábharata, ao nacer Garudá, os deuses aterráronse debido ao seu terrible brillo corporal. Supuxeron que era Agní (o deus do lume) e pedíronlle protección. Logo descubriron que era un bebé, e aínda así loárono como un ser supremo e chamárano Lume e Sol (segundo o Mahábharata, 1. 1239).[2]
Aruná, o amencer personificado e auriga de Suria (o deus do Sol), é irmán máis vello —ou irmán máis novo—[2] de Garudá. Swahá, a esposa de Agnídev (o deus do fogo), adopta a forma dunha Garudī feminina, tamén chamada Suparṇī (segundo o Suparṇādhiāia e o Taittirīia āraṇiaka)[1] para aparearse con Garudá (segundo o Mahábharata, 3. 14307 e 3. 14343).[1]
Garudá, xunto cos rishis, axudou a crebar as hostilidades entre Indra (o rei do ceo) e o piadoso asura (‘demonio’) Vritra.
No Xapón, Malaisia, Indonesia e Tailandia
[editar | editar a fonte]Considérase que Garudá é a versión malaia do mito da ave Fénix (ser que podía renacer das súas cinzas). Indonesia e Tailandia teñen esta ave como símbolo nacional. A liña aérea nacional de Indonesia chámase Garudā Airlines.
Os xaponeses tamén coñecen a Garudá, a quen denominan Karurá. Din que Garudá comía aos seus inimigos serpentes até que un príncipe budista lle ensinou a importancia do vexetarianismo. Despois Garudá resucitou todas as víboras que comera e dixerira.
Outros Garudá
[editar | editar a fonte]- Garudá: nome dun fillo de Krisná (segundo o Jari vamsha, 9196).[1]
- garudá: nome dun ordenamento peculiar dun exército, coa forma da ave Garudá (segundo o Mánava samjitá, 7. 187, de Manu).[1]
- garudá: nome dun edificio de planta con forma básica da ave Garudá (segundo o Brijat samjitá, de Varaja Mijira).[1]
- garudá: nome do décimo cuarto período kalpa.[1]
- Garudá: na relixión xainista, nome do servente do décimo sexto arhat do actual avasarpiṇī (segundo lexicógrafos sánscritos, tales como Amara Siṃja, Jalaiuda, Jema Chandra etc.).[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Véxase a entrada Garuḍá, que se atopa na metade da terceira columna da páx. 348 Arquivado 14 de maio de 2016 en Wayback Machine. no Sanskrit-English Dictionary do sanscritólogo británico Monier Monier-Williams (1819-1899). (en inglés)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Segundo Religious Thought and Life in India (Brāhmanism and Hindūism), páx. 104, de Monier Monier-Williams.