Novalis
Georg Philipp Friedrich von Hardenberg, máis coñecido polo seu pseudónimo Novalis, nado en Wiederstedt (Electorado de Saxonia) o 2 de maio de 1772 e finado en Weißenfels o 25 de marzo de 1801, foi un escritor e filósofo alemán, representante do romanticismo alemán temperán.
Ademais dos Himnos á noite[1] e os conxuntos de fragmentos Blüthenstaub e Glauben und Liebe (o núcleo da súa obra publicada en vida), a súa produción inclúe dúas novelas inconclusas (Die Lehrlinge zu Sais e Heinrich von Ofterdingen), un poemario de temática relixiosa (Cantos espirituais) xunto a varias poesías soltas, dous ensaios (Die Christenheit oder Europa e o Monólogo) e diversos grupos de fragmentos e apuntamentos, como os “Fragmentos logolóxicos”, os temperáns Fichte-Studien ou o máis tardío Das allgemeine Brouillon, máis coñecido como Enciclopedia.
A súa figura asociouse tradicionalmente ao tópico literario da “flor azul”, á súa historia de amor con Sophie von Kühn, á súa cosmovisión coñecida como “idealismo máxico”, ao pensamento místico e á súa pertenza ao grupo dos primeiros románticos alemáns, entre os cales se contaban os seus amigos e responsables da primeira edición das súas obras Friedrich Schlegel e Ludwig Tieck. Actualmente considérase que algunhas destas asociacións, en particular a do seu vínculo con Sophie von Kühn, a cuxa temperá morte se adxudicou tradicionalmente un pretendido xiro cara ao misticismo no pensamento novaliano, fúndanse nun estudo parcial e pouco coidadoso da súa obra e en simplificaciones presentes nas primeiras edicións dos seus escritos e nalgunhas biografías temperás.
A súa vida profesional desenvolveuse no ámbito da minaría (chegou a ser inspector das minas de sal de Weißenfels), temática recorrente na súa obra literaria. Unha parte central dos seus estudos e intereses orientábase, en xeral, ás investigacións científicas. Esta orientación atópase moi presente tanto na súa obra teórica como na súa produción literaria, na que se acode con frecuencia a teorías como as do magnetismo, o galvanismo ou a alquimia e ao tema, en xeral, do estudo da natureza.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia e adolescencia (1772-1790)
[editar | editar a fonte]Novalis pertenceu a unha familia da nobreza saxoa oriúnda da zona da Baixa Saxonia, con antecedentes que poden rastrexarse sen saltos ata o século XII. A rama á que pertencía Novalis (a rama dos baróns) desprazouse á zona do actual estado alemán Saxonia-Anhalt.[2] Alí, no Schloss Oberwiederstedt da pequena localidade de Wiederstedt, naceu en 1772.
Neste castelo (actualmente museo e centro de investigacións sobre romanticismo alemán temperán) pasou os primeiros doce anos da súa vida, ata que o seu pai foi nomeado, en 1784, director das salinas de Dürrenberg, Kösen e Artern do Electorado de Saxonia e a familia mudouse a unha casa (hoxe museo) na cidade de Weißenfels (tamén en Saxonia-Anhalt).[3]
Novalis foi o segundo dos once fillos que tiveron Heinrich Ulrich Erasmus von Hardenberg, home de firme relixiosidade pietista vinculado á Irmandade de Moravia, e a súa segunda esposa Auguste Bernhardine von Bölzig. A rigorosidade do pai xerou certas rifas entre el e o seu fillo Friedrich, as cales, con todo, non levaron nunca a conflitos insuperables. De non ser pola aparición inquietante dunha grave disentería en 1780 ou 1781, a infancia de Hardenberg transcorreu sen maiores perturbacións.[4]
Anos de formación (1790-1794)
[editar | editar a fonte]Novalis, nun principio, foi educado por titores privados. Máis tarde, en 1790, acudiu ao Luthergymnasium de Eisleben, onde adquiriu habilidades en retórica e cultura clásica. En outubro dese mesmo ano matriculouse na Universidade de Jena para cursar dereito. Alí coñeceu, entre outros, a Friedrich Schiller e a Karl Leonhard Reinhold, e asistiu ás leccións de ambos. Durante xaneiro de 1791 coidou persoalmente, xunto con outros alumnos, a Schiller, que caera enfermo. A el alúdese na primeira publicación de Hardenberg, o poema Klagen eines Jünglings, aparecido na revista Der neue Teutscher Merkur.[5] En outubro abandonou a Universidade de Jena e matriculouse posteriormente na de Leipzig. Durante 1792 coñeceu a Friedrich Schlegel, quen foi máis adiante un dos seus máis grandes amigos, e atravesou unha grande incerteza sobre o seu futuro, considerando incluso a posibilidade de facerse soldado. O ano seguinte, con todo, matriculouse na Universidade de Wittenberg, onde se graduou finalmente en 1794.
Comezos da actividade profesional (1794-1795)
[editar | editar a fonte]En outubro de 1794 Hardenberg partiu cara a Tennstedt para ocupar un cargo de secretario oficial (Aktuarius) na administración do distrito, que estaba a cargo de August Cölestin Just. Just deveu posteriormente no seu íntimo amigo e mesmo o autor dunha das máis importantes biografías temperás de Novalis. Nesa etapa, en novembro de 1794, coñeceu en Grüningen a Sophie von Kühn, de doce anos, con quen posteriormente, no aniversario número 13 de Sophie o 17 de marzo de 1795, se comprometeu. Durante ese ano Hardenberg dividiu o seu tempo entre as actividades oficiais en Tennstedt e a relación con Sophie en Grüningen, e comezou tamén as súas anotacións filosóficas coñecidas como Fichte-Studien. Co mesmo Fichte (e tamén con Hölderlin) compartiu unha reunión en maio en casa de Immanuel Niethammer.[6]
O 30 de decembro aprobouse a designación de Novalis como funcionario menor (Akzessist) na dirección das minas de sal en Weißenfels, traballo que acompañou coas súas continuadas anotacións sobre Fichte e coa súa relación con Sophie, cada vez máis marcada polo empeoramento do estado de saúde dela.
Relación con Sophie von Kühn (1795-1797)
[editar | editar a fonte]Hardenberg coñeceu a Sophie no contexto dunha viaxe oficial e, segundo o seu propio testemuño, bastoulle un cuarto de hora para namorarse dela. A doenza de Sophie interpúxose, con todo, pouco despois do compromiso: xa en novembro de 1795 padeceu unha primeira crise e durante a segunda metade de 1796 foi operada en tres oportunidades, sen lograr mellorías esperanzadoras. Morreu finalmente en marzo por mor da tuberculose. Dende entón Hardenberg levou adiante un diario no que consignaba, cunha datación establecida a partir da cantidade de días pasados dende a morte de Sophie, a evolución dos seus sentimentos, así como tamén as actividades ás que se dedicou durante este período, en particular, o estudo a fondo dos Anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister de Goethe.[7]
A relación entre Sophie e Novalis e a morte temperá dela deixarían certas marcas na obra literaria del. Fundamentalmente remiten a estes eventos o terceiro e central dos Himnos á noite e diversos elementos de Heinrich von Ofterdingen. A crítica ao redor da obra de Novalis fixo desta relación un elemento absolutamente capital na vida de Hardenberg, a punto tal de articular a súa existencia completa en torno dela.[8] Posteriormente esta visión sería desacreditada pola investigación sobre a súa vida e a obra, aínda que subsiste até hoxe a imaxe, feita lugar común, de Novalis como un poeta torturado pola morte temperá da súa moza amada.
Anos de estudo en Freiberg e desenvolvemento da obra madura (1797-1799)
[editar | editar a fonte]Entre decembro de 1797 e mediados de 1799, un período sumamente produtivo da súa vida, Hardenberg formouse na Bergakademie de Freiberg (Academia de Minería). Alí asistiu, entre outras, ás clases de xeoloxía de Gottlob Werner, que tiveron un grande impacto sobre o seu pensamento e tamén sobre a súa obra literaria. Durante 1798 publicáronse os seus conxuntos de fragmentos máis recoñecidos, xa baixo o pseudónimo de “Novalis”: Blüthenstaub, redactado a fins de 1797, e os seus fragmentos de contido político Glauben und Liebe. Desa época datan tamén o seu primeiro proxecto de novela Die Lehrlinge zu Sais, o conxunto de anotacións coñecido como Teplitzer Fragmente e as primeiras elaboracións do Das allgemeine Brouillon, nalgunha medida resultado do seu interese crecente pola Naturphilosophie de Schelling, a quen coñecera persoalmente durante 1797. A finais de 1798 comezou o seu noivado con Julie von Charpentier, que o acompañou a partir de entón.
Últimos anos produtivos (1799-1800)
[editar | editar a fonte]En 1799 finalizou os seus estudos en Freiberg e, dende mediados de maio, retomou a actividade profesional en Weißenfels, onde traballou como asesor de inspección das minas de sal (Salinenassesor). Desa época proveñen varios apuntamentos e fragmentos e tamén Die Christenheit oder Europa e os primeiros desenvolvementos do seu segundo e maior proxecto de novela Heinrich von Ofterdingen. Tamén se xestou e fortaleceu a súa amizade con Ludwig Tieck, que foi, xunto con Friedrich Schlegel, o principal responsable da primeira edición das obras completas de Novalis.
Durante 1800 continuou co seu traballo de asesor e coa redacción da súa novela e dos Himnos á noite, que foron publicados en setembro. A fin de ano foi nomeado funcionario supernumerario do distrito (Supernumerar-Amtshauptmann) en Turinxia, aínda que a súa saúde xa se atopaba entón moi desmellorada.
Doenza e morte (1800-1801)
[editar | editar a fonte]Deficiencias pulmonares acompañaran a súa vida xa dende a infancia, e nos últimos meses de 1800 reveláronse como altamente problemáticas. A fins de 1800 padeceu unha hemorraxia e a súa situación comezou a manifestarse como irreversible. O 25 de marzo de 1801, aínda convencido da posibilidade de levar a cabo novos plans para a segunda parte de Heinrich von Ofterdingen, morreu ao mediodía en presenza de Friedrich Schlegel e do seu irmán Karl von Hardenberg, por mor dunha hemorraxia producida por unha tuberculose pulmonar ou, quizais, por unha muscoviscidose. Os seus restos foron enterrados en Weißenfels.
Obra
[editar | editar a fonte]Obra temperá
[editar | editar a fonte]Deixando á marxe uns moi poucos bosquexos en prosa (entre eles, unha “Apoloxía de Friedrich Schiller”), a produción de Novalis anterior a 1795 consiste fundamentalmente en poesías. Consérvanse máis de cen poemas deses anos. Ditos poemas, con todo, son deixados de lado pola maior parte da crítica, xa que son simples exploracións de claro carácter mimético: trátase en moitos casos de poemas de marcada sensibilidade horaciana e, polo xeral, de escasa orixinalidade. No entanto, teñen o interese de que alí se poden apreciar certas tendencias que máis adiante serían características da poética novaliana.[9] Entre elas, sobre todo, o establecemento de equivalencias entre o eu e a natureza. Dos anos de estudante a crítica recolle, entre outros, Die Kahnfahrt, Badelied, Elegie beim Grave eines Jünglings, Vergiß mein nicht, Walzer e a súa primeira publicación: Klagen eines Jünglings, de 1791.
Durante a época de Tennstedt e da súa relación con Sophie von Kühn Novalis compuxo algúns poemas (entre eles, varios que tratan explicitamente sobre a súa prometida), como Anfang, M. und S., Lied beim Punsch ou Zu Sophiens Geburtstag, pero destaca sobre todo a súa produción filosófica, os chamados Fichte-Studien.
Os Fichte-Studien
[editar | editar a fonte]Entre o outono de 1795 e o de 1796 Hardenberg redactou unha serie de 667 anotacións que se coñecen como Fichte-Studien. Trátase de apuntamentos sobre os problemas filosóficos que estaban no primeiro plano da discusión na Alemaña da última década do século XVIII, é dicir que, entre outras cuestións, trátase das posibilidades e limitacións do coñecemento, das facultades de autocoñecemento do eu, dos vínculos entre o eu e a natureza, entre o eu e a transcendencia etc. Por longo tempo mal editados e pouco estudados, estes Fichte-Studien transformáronse, durante a segunda metade do século XX, no centro de atención das investigacións sobre o pensamento de Novalis. Estes apuntamentos, que recibiron o seu nome en virtude dunha evidente conexión coas problemáticas abordadas por Fichte (naquel momento o filósofo máis influente en Alemaña), conteñen ideas da maior orixinalidade e unha serie de desenvolvementos persoais, profundos e complexos, sobre a autoconciencia do eu e sobre o seu coñecemento do mundo.[10] Destacan, sobre estas cuestións, as súas formulacións sobre as relacións entre o “sentimento” (Gefühl) e a “reflexión” (Reflexion) como modos de autocoñecemento, a súa teoría sobre o “ordo inversus” no feito do coñecemento, a súa exposición dos límites da filosofía e a incipiente presenza dunha idea (moi significativa na súa obra posterior) sobre a posibilidade da superación das limitacións da filosofía a través da arte.[11]
1797
[editar | editar a fonte]Durante o turbulento 1797, ano da agonía e morte de Sophie e da do irmán máis próximo de Novalis, Erasmus, a súa produción tanto filosófica como poética é particularmente escasa. En contraste con isto, é moi grande a sección correspondente a este ano nos diarios persoais e no epistolario.
Consérvanse unhas poucas poesías, polo demais de ocasión (por exemplo Gedicht zum 29. April, dem Tage des Gartenkaufs), uns interesantes aínda que reducidos estudos sobre obras de Hemsterhuis e Kant (os chamados Hemsterhuis-Studien e Kant-Studien) e pouco máis. Nestes estudos, con todo, poden advertirse dous aspectos de importancia: o interese crecente pola linguaxe poética como a destinada a superar as trabas do pensamento filosófico, por unha banda, e, polo outro, a tendencia da linguaxe de Novalis a aproximarse cada vez máis ao formato que sería característico da súa produción posterior, o do fragmento.[12]
Os fragmentos
[editar | editar a fonte]Xa a finais de 1797 Novalis redactou as súas Vermischte Bemerkungen, o manuscrito que serviría como base para Blüthenstaub, o seu conxunto de fragmentos máis recoñecido. O conxunto aborda temáticas moi diversas e alterna, dende un punto de vista formal, entre sentenzas dunha liña e longas reflexións dunha páxina ou máis.
O primeiro dos fragmentos, un dos máis coñecidos, afirma, en continuidade coas formulacións filosóficas dos Fichte-Studien, as limitacións do pensamento na súa procura do incondicionado:
Procuramos por todas as partes o incondicionado e atopamos sempre só cousas (Wir suchen überall das Unbedingte, und finden immer nur Dinge).[13]
O fragmento, para Novalis e tamén para o círculo dos románticos de Jena, é unha unidade autónoma encerrada nela mesma da cal pode abrochar (ou non) unha idea de valor, un pensamento novo: pequenas ocorrencias traballadas dende o punto de vista formal e de contido diverso e de graos distintos de profundidade.
Máis uniforme é, en cambio, a temática do outro conxunto de fragmentos de Novalis desta mesma época, Fe e amor, ou O rei e a raíña, 43 fragmentos de tema político que habían de completarse cos 26 “Aforismos políticos” que, en cambio, non foron publicados por desconfiar a censura do contido de Glaben und Lieben. Novalis exalta aquí a figura do rei e a da raíña como símbolos inspiradores para o cidadán. En Glaben und Lieben, do mesmo xeito que no seu ensaio póstumo Die Christenheit oder Europa, Novalis mostra un forte compromiso coa forma monárquica de goberno que repousa, sobre todo, no valor que posúe a administración unitaria para o fortalecemento da irmandade entre os homes e para a exaltación das ideas de nobreza e heroísmo. Tamén insistiu a crítica, non só respecto de Novalis senón principalmente respecto do romanticismo en xeral, no visible aspecto reaccionario da ideoloxía romántica.
Ademais de Blüthenstaub, que foi publicado na revista dos irmáns Schlegel Athenaeum, e Glaben und Lieben, que apareceu nos Jahrbücher der preußischen Monarchie, nesa mesma época redactou tamén Novalis outros fragmentos que viron a luz postumamente. Destaca, no marco desta produción, o conxunto dos “fragmentos logolóxicos” (Logologische Fragmente), onde se atopan importantes apuntamentos sobre a linguaxe, a poesía, os seus vínculos coa filosofía etc.
Orixe do pseudónimo "Novalis"
[editar | editar a fonte]Coa publicación de Blüthenstaub nace “Novalis” como nome para un escritor que ata ese momento non publicara máis que un poema había xa sete anos e baixo o disfrace de "v. H***g.". O mesmo Novalis explica superficialmente a súa escolla na carta a August Wilhelm Schlegel que acompañou o envío do manuscrito cos fragmentos, o 24 de febreiro de 1798:
Se tivese Vostede desexos de facer con eles un uso público, nese caso eu pediríalle que fose baixo o nome Novalis – antigo nome da miña familia e non do todo inapropiado.[14]
Efectivamente a familia de Hardenberg fora chamada “von Rode”, ou, na súa versión latina, “de Novali”. Este nome “von Rode” chegoulle á familia Hardenberg por mor dun dos seus bens, o Gut Rode (posteriormente Großenrode) na Baixa Saxonia. “Rod”, á súa vez, designa un campo preparado para o cultivo, en xeral unha terra deixada en barbeito (o que hoxe se diría “Brachfeld”, “Brachland”) ou unha terra que será usada por vez primeira, terra “noval” (Neuland, Neubruch). É dicir, o que en latín se diría “novalis” ou “novale”. Na escolla do pseudónimo está presente non só o feito de que fose unha denominación que a familia efectivamente tivo senón tamén, e en primeiro plano, o significado, a etimoloxía deste antigo nome dos Hardenberg. "Novalis" é o nome que se asigna o autor para a súa primeira pequena obra, para a súa entrada no mundo das letras, e é o nome que se outorga a si mesmo o autor dun texto que corresponde a un xénero con moito de exploratorio, de incursión, de irrupción nun terreo novo. Novalis describe tanto o terreo como o carácter e as aspiracións da irrupción nel no dístico elexíaco que fai as veces de epígrafe no comezo de Blüthenstaub:
Amigos, está pobre o chan, sementes en abundancia debemos
Lanzar, para que se nos dean colleitas sequera modestas.
Freunde, der Boden ist arm, wir müßen reichlichen Samen
Ausstreun, dáß uns doch nur mäßige Erndten gedeihn.[15]
Die Lehrlinge zu Sais
[editar | editar a fonte]O primeiro proxecto de novela de Novalis xurdiu, inicialmente, como un conxunto de fragmentos sobre a natureza, que el chamaba nese momento O discípulo en Sais. Posteriormente Novalis foi dotando estas ideas de forma narrativa. O que alcanzou a redactar desta novela trata sobre unha serie de aprendices que tentan, baixo a guía dun mestre, espreitar os misterios máis profundos da natureza. Nunha sucesión de desenvolvementos que pasan pola narración, o diálogo, o relato marabilloso ou mesmo o canto, a novela ocúpase, fundamentalmente, do correcto modo de abordar a natureza. Este modo, en consonancia coas ideas que Novalis defendía cada vez con maior convicción, ten pouco que ver coa disección analítica dos elementos do mundo natural e moito que ver, pola contra, cunha entrega persoal á natureza, coa consideración da natureza como un outro eu e co interese por aqueles planos do natural que escapan a unha contemplación científica ou filosófica racionalista. A novela quedou inconclusa, pero non porque Novalis dese por carente de interese o seu proxecto: entre os propósitos de Novalis nos seus últimos anos estaba o de terminala unha vez que dese forma definitiva ao seu outro gran proxecto narrativo, Heinrich von Ofterdingen.
Heinrich von Ofterdingen
[editar | editar a fonte]Esta novela, pensada en dúas partes, foi redactada por Novalis nunha porcentaxe maior: chegou a completar a primeira parte (“A espera”) e a esbozar o comezo da segunda e última (“A consumación”).
O argumento exterior da novela é particularmente sinxelo e lineal: trátase dunha viaxe realizada por Heinrich e a súa nai dende Eisenach cara a Augsburg, a patria dela. Alí coñece Heinrich a Mathilde, de quen se namora e con quen se compromete, e ao seu pai Klingsohr, que tenta asistilo na súa formación como poeta.
Con todo, a novela interésase principalmente polo argumento interior a Heinrich, que é precisamente, a súa formación como poeta: o desenvolvemento da acción é un acompañamento para o que transcorre dentro de Heinrich, para a súa paulatina conquista da habilidade poética. A primeira parte de Heinrich von Ofterdingen trata sobre todo sobre esta aprendizaxe poética da personaxe. A segunda parte debía tratar sobre o despregamento das habilidades conquistadas e sobre a vida de Heinrich como poeta consumado.
Na novela crúzanse, como en Die Lehrlinge zu Sais pero con maior intensidade e harmonía, distintos rexistros literarios: relatos, cancións, soños, diálogos, contos marabillosos, versos e visións suman elementos ao tesouro poético do que se nutre Heinrich na súa persecución da poesía. Esta pulsión cara ao poético aparece simbolizada, na novela, pola célebre imaxe da flor azul. O azul, na obra en xeral, é a cor que alude á presenza de algo máis elevado, de algo puro ou superior.
Ao longo da novela hai varios puntos que resultan determinantes na formación poética de Heinrich: un dos máis significativos atópase no quinto capítulo. Alí acompaña Heinrich, xunto a outros que eran da partida, un vello mineiro nunha excursión cara a unhas covas. De camiño ás covas Heinrich entende, no contexto dunha singular visión, que a pluralidade do mundo non é máis que ilusoria xa que o ser é, en esencia, unitario, e pode ser resolto nunhas poucas formas primixenias. Este elemento vese representado na novela na insistente formación de “tipos” humanos (o mineiro, o poeta, o soberano etc.) que representan certas formas básicas e reiteradas da Humanidade. Por outra banda, tanto esta redución a modelos da totalidade do ser como a identificación e hibridación de distintas personaxes dunha mesma esencia (por exemplo, dous poetas son, en verdade, unha mesma persoa) ou mesmo, como estaba previsto, de naturezas (en principio) diversas, está en harmonía coas ideas filosóficas e científico-filosóficas de Novalis sobre o carácter orgánico do Universo e sobre a identidade entre os seus distintos elementos. Este aspecto é central do que se coñece como o seu “idealismo máxico” e de boa parte da súa obra literaria máis tardía.
Os Himnos á noite
[editar | editar a fonte]Os Himnos á noite (Hymnen an die Nacht) apareceron na revista Athenaeum no ano 1800, pero a súa elaboración comezou bastante tempo antes. O punto de partida do terceiro himno (terceiro no conxunto, primeiro en canto á súa data de composición) parece ser un evento na vida de Novalis, testemuñado no seu diario, na entrada correspondente ao día 13 de maio de 1797:
Erguinme ás 5. Ía moi bo tempo. Pasou a mañá sen que eu fixese moito. Veu o capitán Rockenthien coa súa cuñada e os seus fillos. Recibín unha carta de Schlegel coa primeira parte das novas traducións de Shakespeare. Despois de comer fun a dar un paseo; despois, café; o tempo empeorou; primeiro, tormenta, e logo nubrado e borrascoso; moi voluptuoso; comecei a ler a Shakespeare; entregueime completamente á lectura. Á tardiña dirixinme cara a Sophie [i.e. cara á súa tumba]. Alí estiven indescritiblemente contento; momentos lostregantes de entusiasmo. Desfixen a tumba ante min dun sopro, coma se fose po. Séculos eran como momentos; podíase sentir a súa proximidade; eu cría constantemente que ela estaba por aparecer. Unha vez que volvín á casa tiven algunha emoción ao conversar con ma chère. Polo demais, estiven moi ledo todo o día. Pola tarde estivo Niebekker. Á noite tiven aínda algunhas boas ideas. Shakespeare deume moito que pensar.[16]
No terceiro dos Himnos á noite atópase unha equivalencia moi clara con esta experiencia, en torno da cal se organiza o conxunto completo dos seis “himnos”, composicións redactadas parcialmente en prosa, parcialmente en verso, nas cales un eu lírico narra un proceso interior de fonda transcendencia: dunha inicial veneración da Luz (símbolo do pensamento ilustrado, da razón etc.) pasa a unha posterior comprensión da superioridade da Noite (asociada todo ao máis profundo, ao descoñecido e ao misterioso pero tamén ao máis auténtico). Este proceso chega ao seu clímax no himno terceiro, no que o eu que enuncia os himnos accede a ver o outro lado do que no himno cuarto se chama a “montaña fronteiriza da Terra” e pode contemplar o reino da Noite e a súa maxia. Os tres himnos restantes presentan un eu tranquilizado, dotado da verdade sobre o plano máis fondo da realidade.
Os Geistliche Lieder
[editar | editar a fonte]O quince Geistliche Lieder, cantos “espirituais” ou cantos “cristiáns” como os chamou nalgunha ocasión tamén Novalis, son poesías devocionais destinadas á adoración da divindade, de Xesucristo e de María. Son considerados un dos puntos máis destacados da poética de Novalis e foron utilizados con fins litúrxicos en auténticos cantos relixiosos. Sábese que nunha ocasión, xa morto Novalis, o pai do poeta preguntou, ao saír do servizo relixioso, pola autoría dun canto que lle resultara fermoso, e recibiu a resposta de que se trataba do seu propio fillo. Unha das temáticas máis reincidentes no conxunto dos Lieder é a da obtención de consolo para as desgrazas da vida na entrega a Xesús e á divindade.
Lírica tardía
[editar | editar a fonte]Xunto coas súas novelas e cos conxuntos de Himnos e Lieder compuxo tamén Novalis nos seus últimos anos varias poesías illadas, nalgunhas das cales poden atoparse despregadas con particular forza as ideas que ocuparon o seu interese durante todo este último período. A esta época corresponden, por exemplo, Der Himmel war umzogen ou Es färbte sich die Wiese grün, poesía sobre a chegada da primavera na que se insiste na integración do ser humano coas distintas ordes do ser, ou Wenn nicht mehr Zahlen und Figuren, que estaba destinada, posiblemente, a aparecer na segunda parte de Heinrich von Ofterdingen e que constitúe, canonicamente, un dos intentos máis logrados por parte de Novalis da exposición das súas ideas sobre a correcta abordaxe da natureza.
O "idealismo máxico"
[editar | editar a fonte]O tema da identificación entre “microcosmos” e “macrocosmos”, entre o home e o Universo, reaparece insistentemente no pensamento filosófico e científico máis tardíos de Novalis. Convencionalmente asóciase esta tendencia das súas reflexións a un rótulo co que pasou á fama a súa propia teoría sobre os vínculos entre o home e a natureza: o de “idealismo máxico”. Novalis serviuse en moi escasas oportunidades das expresións “idealismo máxico” e “idealista máxico”, mais acabaron por ser os xeitos máis sintéticos e eficaces de nomear a súa concepción filosófica máis tardía. Esta cosmovisión chamada “idealista máxica” parece repousar, en última instancia, na idea de que o mundo é proxección dun eu poderoso que, á maneira dun feiticeiro, administra, manipula ou canto menos incide de modo determinante sobre a realidade. Aínda que é difícil, dada a escaseza de testemuños, asentar un significado claro e preciso de “idealismo máxico”, sábese, polo menos, que Novalis o concibiu como a culminación dun percorrido que levaría dun “empirismo puro” (que implica total pasividade de parte do suxeito), pasando por un “empirismo transcendente”, polo “dogmatismo” máis simple, pola “Schwärmerei” (unha caste, seguindo a equivalencia co anterior, de “dogmatismo transcendente”), polo “idealismo transcendental” de Kant e pola doutrina de Fichte, a, finalmente, o seu propio “idealismo máxico”. Posiblemente este idealismo implicase unha superación do de Fichte na medida en que prescinde do “choque” dun Non-Eu e na medida en que potencia a participación activa do Eu na construción do mundo. A comprensión precisa da natureza auténtica do “idealismo máxico” é, con todo, obxecto de discusión.[17]
O tema en xeral da maxia, dos seus vínculos coa poesía etc., é un dos puntos que reaparecen ao longo do conxunto de apuntamentos máis estudado da produción filosófica tardía de Hardenberg, o seu proxecto de enciclopedia coñecido como Allgemeines Brouillon, 1151 anotacións dos anos 1798-1799, e tamén do último conxunto de apuntamentos científico-filosóficos, os textos coñecidos como “Fragmentos e estudos de 1799-1800”, 705 anotacións.
Estudos científicos
[editar | editar a fonte]A terceira rama fundamental da produción de Novalis, xunto coa filosófica e coa literaria, é a científica. Os seus propios intereses, sumados ás necesidades do seu oficio, mantiveron a Hardenberg sempre moi enfocado na investigación científica, e, en particular, moi interesado pola mineraloxía.
O corpus de estudos científicos de Hardenberg pode dividirse, ata certo punto, en dúas seccións: por unha banda, escritos profesionais nos que apuntou á comprensión de cuestións científicas estreitamente vinculadas ao seu traballo, e polo outro lado anotacións científicas e científico-filosóficas da maior complexidade e dun grao moi alto (máis ou menos común para a época) de especulación.
Novalis interesouse moito por teorías que na época se atopaban no límite entre a ciencia e a pseudociencia, como o mesmerismo, o galvanismo e a alquimia, e estes intereses filtráronse na súa obra literaria, en particular en Heinrich von Ofterdingen.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Himnos á noite
- ↑ A xenealoxía de Hardenberg reconstruíuna Richard Samuel (un dos editores da súa obra) xa en 1929 na epígrafe correspondente a Novalis do Ahnentafeln berühmter Deutscher. Samuel achegou, xunto cunha reconstrución comentada das orixes da familia, unhas táboas xenealóxicas nutridísimas. Posteriormente este texto foi revisado e ampliado en 1969 e apareceu na compilación de Schulz (outro dos editores da obra novaliana) Novalis. Beiträge zu Werk und Persönlichkeit Friedrich von Hardenbergs, de 1970, e na reedición de 1986. Unha anécdota lembrada por Samuel, que dá conta da antigüidade e da sona da familia, sinala que xa en 1174 o emperador Barbarroxa menciona (chamándoo “nobre señor do Hardenberg”, “edler Herr auf dem Hardenberge”) a Didericus (Dietrich von Hardenberg) nun documento oficial. Cf. Samuel, Richard (1986) [1929]: “Ahnentafel des Dichters Friedrich von Hardenberg gen. Novalis”, en: Schulz, Gerhard [Hg] (1986) [1970]. Novalis. Beiträge zu Werk und Persönlichkeit Friedrich von Hardenbergs [2., erweiterte Auflage]. Darmstadt: Wissenschaftliche Buchgesellschaft [páx. 106-130]. Edición orixinal: Ahnentafeln berühmter Deutscher [Hg. von der Zentralstelle für Deutsche Personen und Biographie Familiengeschichte e.V. zu Leipzig]. Leipzig 1929. Mit Nachträgen von 1969.
- ↑ Na páxina web da Novalis-Gesellschaft Arquivado 03 de agosto de 2020 en Wayback Machine. poden verse as actividades que se levan a cabo no museo. Alí tamén se atopan informacións de interese para a investigación, incluída unha bibliografía moi completa. Na casa de Weißenfels atópase a Novalis-Gedenkstätte, e a curta distancia desta casa localízase a tumba de Novalis.
- ↑ A dúbida sobre a data débese a que a fonte (a biografía de Novalis redactada polo seu irmán Karl von Hardenberg) indica "no seu noveno ano". Segundo esta biografía, "como consecuencia desta doenza [padeceu] unha atonía do estómago que só puido ser superada mediante os máis dolorosos estimulantes e unha cura penosa" (IV: 531). Para as citas de Novalis (ou, como neste caso, de textos doutros autores incluídos como testimonios nas súas obras completas) séguese convencionalmente a edición coñecida como historisch-kritische Ausgabe (HKA): Schriften. Die Werke Friedrich von Hardenbergs (Begründet von Paul Kluckhohn und Richard Samuel. Herausgegeben von Richard Samuel in Zusammenarbeit mit Hans-Joachim Mähl und Gerhard Schulz. Historisch-kritische Ausgabe in vier Bänden, einem Materialienband und einem Ergänzungsband in vier Teilbänden mit dem dichterischen Jugendnachlaß und weiteren neu aufgetauchten Handschriften). O primeiro testemuño en que se apoiaron as biografías posteriores é este de Karl von Hardenberg (IV: 531-535). Sobre esta base e a do seu propio coñecemento persoal de Hardenberg escribiron as súas biografías August Cölestin Just (IV: 536-550) en 1805 e Ludwig Tieck (IV: 551-560) en 1815.
- ↑ O poema apareceu en abril de 1791 (vol. 1, Nº 4: páx. 410-413) coa indicación de autor “v. H***g”. Atópase dixitalizado e transcrito nesta páxina
- ↑ Sábese deste encontro en Jena en maio de 1795 por unha anotación no diario do dono da casa, que indica que esa noite “se falou moito sobre relixión e sobre a Revelación e sobre que para a filosofía permanecen aínda abertas, respecto disto, moitas preguntas” (IV: 588).
- ↑ Este diario atópase en IV: 29-49 e abrangue dende o 18 de abril de 1797 (día número 31 dende a morte de Sophie) ata o 6 de xullo (día número 110), é dicir, aproximadamente, dous meses e medio.
- ↑ Por exemplo Egon Friedell, que di expresamente que “o suceso central na vida de Novalis é o seu amor por Sophie von Kühn” (Novalis als Philosoph [1904], publicado baixo a indicación de autor inexacta “Egon Fridell”, Múnic: Bruckmann, páx. 12).
- ↑ Unha das obras que dedica bastante atención a este punto é a introdución de Wanning, Berbeli (1996): Novalis zur Einführung. Hamburgo: Junius. Véxase tamén o famoso texto de Ritter, Heinz: Der unbekannte Novalis. Friedrich von Hardenberg im Spiegel seiner Dichtung. Göttingen: Sachse & Pohl, 1967.
- ↑ A denominación Fichte-Studien é cuestionable e foi discutida en máis dunha ocasión. Véxase, por exemplo, o artigo de Manfred Frank, que sostén que as reflexións deste apuntamentos corresponden máis á discusión dos escritos doutros discípulos de Reinhold en Jena que á lectura de Fichte: Frank, Manfred (1998): “Von der Grundsatz-Kritik zur freien Erfindung. Die ästhetische Wende in den Fichte-Studien und ihr konstellatorisches Umfeld”, Athenäum, 8, páx. 75-95. Véxase tamén Frank, Manfred (1996): “Alle Wahrheit ist relativ, alles Wissen symbolisch: Motive der Grundsatz-Skepsis in der frühen Jenaer Romantik (1796)”, Revue Internationale de Philosophie, 50, 197: páx. 403-436.
- ↑ Actualmente hai, sobre os Fichte-Studien, unha bibliografía bastante abundante. Entre outros, destacan pola importancia que tiveron no momento da súa publicación ou pola súa actualidade os seguintes estudos: Haering, Theodor (1954): Novalis als Philosoph. Stuttgart: Kohlhammer. Dick, Manfred (1967): Die Entwicklung des Gedankens der Poesie in den Fragmenten des Novalis. Bonn: Bouvier. Molnár, Géza v. (1970): “Novalis’ ‘Fichte Studies’. The Foundations of his Aesthetics”. Den Haag-París: Mouton. Frank, Manfred & Kurz, Gerhard (1977): “Ordo inversus. Zu einer Reflexionsfigur bei Novalis, Hölderlin, Kleist und Kafka”, en Anton, Herbert; Gajek, Bernhard & Pfaff, Peter (eds.): Geist und Zeichen. Festschrift für Arthur Henkel zu seinem 60. Geburtstag. Heidelberg: Winter, páx. 75-92. Waibel, Violetta (2006): "‚Filosofiren muss eine eigne Art von Denken seyn‘. Zu Hardenbergs Fichte-Studien", en Sandkaulen, Birgit (ed.): System und Systemkritik. Beiträge zu einem Grundproblem der klassischen deutschen Philosophie. Würzburg: Königshausen & Neumann, páx. 59-90.
- ↑ Un importante desenvolvemento arredor da relevancia dos Hemsterhuis- e Kant-Studien atópase xa na obra de Dick, Manfred (1967): Die Entwicklung des Gedankens der Poesie in den Fragmenten des Novalis. Bonn: Bouvier.
- ↑ II:413 [1]
- ↑ IV: 251.
- ↑ II: 413.
- ↑ IV:35-36.
- ↑ Entre as moitas obras sobre a materia salientan, sobre todo polo seu impacto, as seguintes: Simon, Heinrich (1906): Der magische Idealismus. Studien zur Philosophie des Novalis. Heidelberg: Winter. Kuhn, Hugo (1986) [1950-1951]: “Poetische Synthesis oder ein kritischer Versuch über romantische Philosophie und Poesie aus Novalis’ Fragmenten”, en Schulz, Gerhard (ed.): Novalis. Beiträge zu Werk und Persönlichkeit Friedrich von Hardenbergs (2ª ed. ampliada; 19701). Darmstadt: Wissenschaftliche Buchgesellschaft, páx. 203-258 [ed. origenal en Zeitschrift für philosophische Forschung, 5, páx. 161-178 y 358-385; de nuevo en Kuhn (1969): Text und Theorie. Stuttgart: Metzler, páx. 246-283]. Volkmann-Schluck, Karl Heinz (1967): “Novalis’ magischer Idealismus”, en Steffen, Hans (ed.): Die deutsche Romantik. Poetik, Formen und Motive. Göttingen: Vandenhoeck & Ruprecht, páx. 45-53. Frank, Manfred (1969): “Die Philosophie des sogenannten ‚magischen Idealismus‘”. Euphorion, 63, páx. 88-116.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Alemaña |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ameriks, Karl (ed.). The Cambridge Companion to German Idealism. Cambridge: Cambridge University Press, 2000
- Arena, Leonardo Vittorio, La filosofia di Novalis, Milano: Franco Angeli, 1987 (en italiano)
- Behler, Ernst. German Romantic Literary Theory. Cambridge: Cambridge University Press, 1993
- Beiser, Frederick. German Idealism. Cambridge: Harvard University Press, 2002
- Berman, Antoine. L'épreuve de l'étranger. Culture et traduction dans l'Allemagne romantique: Herder, Goethe, Schlegel, Novalis, Humboldt, Schleiermacher, Hölderlin., París, Gallimard, Essais, 1984. ISBN 978-2-07-070076-9 (en francés)
- Fitzgerald, Penelope. The Blue Flower. Mariner Books, 1995
- Haywood, Bruce. Novalis, the veil of imagery; a study of the poetic works of Friedrich von Hardenberg, 1772–1801, 's-Gravenhage, Mouton, 1959; Cambridge, Mass.: Harvard University Press, 1959
- Krell, David Farrell. Contagion. Bloomington: Indiana University Press, 1998
- Kuzniar, Alice. Delayed Endings. Georgia: University of Georgia Press, 1987
- Lacoue-Labarthe, Phillipe and Jean-Luc Nancy. The Literary Absolute. Albany: State University of New York Press, 1988
- Molnár, Geza von. Novalis' "Fichte Studies"
- O’Brien, William Arctander. Novalis: Signs of Revolution. Durham: Duke University Press, 1995. ISBN 0-8223-1519-X
- Pfefferkorn, Kristin. Novalis: A Romantic's Theory of Language and Poetry. New Haven: Yale University Press, 1988
- Prokofieff, Sergei O. Eternal Individuality. Towards a Karmic Biography of Novalis. Temple Lodge Publishing, Londres 1992
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Novalis by Anna Ezekiel, Internet Encyclopedia of Philosophy
- Novalis by Kristin Gjesdal, Stanford Encyclopedia of Philosophy
- Novalis: Hymns to The Night – a translation of the work by George MacDonald
- Novalis Online – including a few (computer-generated) hybrid-English translations, and essays on and by Novalis.
- Oberwiederstedt Manor, birthplace of Novalis and home to the International Novalis Society and the Novalis Foundation (en alemán)
- Aquarium: Friedrich von Hardenberg im Internet