Content-Length: 175882 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Xogos_Ol%C3%ADmpicos_da_Antig%C3%BCidade

Xogos Olímpicos da Antigüidade - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Xogos Olímpicos da Antigüidade

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Xogos Olímpicos da Antigüidade eran un festival relixioso e atlético da Grecia Antiga, que se realizaba de catro en catro anos no santuario de Olimpia, en honra de Zeus. A data tradicional atribuída á primeira edición dos Xogos Olímpicos é -776[1][2].

Os Xogos Olímpicos eran os máis importantes xogos panhelénicos, tendo sido prohibidos polo emperador cristián Teodosio I en 393, por seren unha manifestación de rituais do paganismo.

Unha importante fonte sobre os xogos é Pausanias (século II), autor do libro Descrición de Grecia, unha guía de Grecia baseada nas súas viaxes polo territorio. Outra importante fonte é un tratado sobre a ximnástica de Filóstrato de Lemnos (século II-III).

A escultura e a cerámica gregas representaron non só os atletas senón tamén a propia práctica deportiva. Respecto á escultura, que tiña no bronce e no mármore os materiais predilectos, moitos traballos sobreviviron só como copias da era romana. Dalgunhas estatuas ficou apenas a base, onde se encontran gravadas inscricións relativas ao atleta, fornecedoras de información. Por último, as moedas cuñadas en determinadas polis retratan determinada modalidade deportiva na cal a cidade destacou.

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo os estudosos da antigüidade de Elis, da época de Pausanias, o templo de Olimpia foi feito polos homes da rexión na época en que Cronos era o rei dos deuses, a chamada Idade de ouro.[3] Cando Rea deixou a Zeus aos coidados dos dáctilos, ou curetes, de Ida,[3] Heracles de Ida, o máis vello, derrotou aos seus irmáns nunha carreira, e foi coroado cun ramo de oliveira.[4] A partir de aí, os xogos pasaron a ser celebrados cada quinto ano, pois eran cinco os irmáns [5](Heracles, Paeonaeus, Epimedes, Iasius e Idas[3]).

Segundo algunhas versións, Zeus derrotou a Cronos en Olimpia, pero outras versións din que el celebrou alí xogos para conmemorar a súa vitoria.[6] O campión de vitorias entre os deuses foi Apolo, que venceu a Hermes na carreira e Ares no puxilismo; por este motivo, a frauta é tocada cando os competidores do péntatlon están na proba de salto, pois a frauta é consagrada a Apolo.[6]

Cincuenta anos despois do diluvio de Deucalión, Clímeno, fillo de Cardis, descendente de Heracles de Ida, veu de Creta para Olimpia e fundou un altar para o seu devanceiro Heracles e os outros curetes.[7] Clímeno foi deposto por Endimión, fillo de Étlio, que deixou o reino para o seu fillo que vencese unha carreira.[7]

Os seguintes en celebraren xogos en Olimpia foron Pélope, Amythaon, fillo de Creteo, os irmáns Neleo e Pelias,[8] Áuxias e Heracles, fillo de Anfitrión.[9] Óxilo foi o último desta era a celebrar os xogos, que non volveron a ser celebrados até o seu descendente Ifito de Ilía.[10]

Os Xogos Olímpicos transcorrían no santuario de Zeus en Olimpia, que era feito de mármore cristalizado, situado na rexión occidental do Peloponeso, a cerca de 15 quilómetros do Mar Xónico, próximo da confluencia dos ríos Alfeo e Cladeo. Este santuario tira o seu nome do Monte Olimpo (que se sitúa lonxe do lugar, na Tesalia, no norte da Grecia), punto máis elevado da Grecia continental e que era na mitoloxía grega a residencia das divindades.

O núcleo de Olimpia era o Altis, un bosque sagrado. No centro do bosque existía un templo en estilo dórico dedicado a Zeus, que foi construído entre -468 e -456, en cuxo interior se encontraba unha estatua colosal do deus da autoría de Fidias e que era considerada unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo.

Os participantes

[editar | editar a fonte]
Atletas.

Non poderían participar nos xogos os estranxeiros (os "bárbaros" segundo a mentalidade grega), os escravos e as mulleres. Cóntase o caso dunha muller que, vestida con roupas masculinas, se disfrazou de adestrador para entrar no ximnasio e ver o seu fillo loitar. O fillo venceu a proba e a nai, celebrando a vitoria, deixou caer o seu disfrace. Descubriron que era muller.

Os atletas eran dunha forma xeral oriúndos das clases máis favorecidas e tiña sido iniciados no deporte desde tenra idade. Non viñan só da Grecia continental, senón de todos os puntos do mundo grego, que na Antigüidade incluía as colonias espalladas polas costas do Mediterráneo e do Mar Negro. Os vencedores eran obxecto da homenaxe da súa cidade: poderían recibir alimentación gratuíta, teren estatuas erguidas na súa honra e seren cantados polos poetas.

Organización

[editar | editar a fonte]

A organización dos xogos foi da responsabilidade da polis de Élide. En -668 Fidón de Argos conquistou Olimpia e entregou o control do santuario á cidade de Pisa, que organizou os xogos até -558, ano en que Élide retomou o control sobre Olimpia grazas á intervención de Esparta.

A tregua sagrada

[editar | editar a fonte]

No ano en que se celebrarían os xogos, Élide enviaba por toda Grecia heraldos que anunciaban a data concreta en que se desenvolverían os xogos e que convidaban aos atletas e aos espectadores a participaren. Os heraldos anunciaban tamén a tregua sagrada, que prohibía a guerra durante o período dos xogos e que intentaba protexer os espectadores e atletas durante a vida, a estadía e o regreso.

Os xuíces

[editar | editar a fonte]

Os Xogos Olímpicos eran supervisados por xuíces, os helanódicas ("xuíces dos Helenos"). Estes xuíces eran oriúndos do seo da nobreza de Élide, sendo escollidos á sorte dez meses antes do inicio do festival; o número de xuíces variou ao longo dos tempos.

Os xuíces eran responsábeis do envío dos arautos. Deberían tamén garantir o bo estado dos edificios do santuario e garantir a seguranza.

Interviñan igualmente nas probas, sorteando os atletas, arbitrando as probas e proclamando os vencedores, aos cales coroaban.

Os xuíces realizaban un xuramento a través do cal se comprometían a xulgar de forma imparcial os concorrentes e a gardar sixilo sobre aspectos relacionados cun atleta. Tamén ordenaban a execución dos castigos aos atletas e adestradores que non cumpriran as regras; estes poderían ser castigados con azoutes en lugar público, algo que entre os gregos encontrábase en xeral reservado aos escravos. No caso de suborno, prevíanse multas elevadas, cuxo diñeiro revertía para pagar estatuas en bronce de Zeus, expostas no santuario.

Os atletas e os adestradores chegaban a Élide cun mes de anticipación para adestraren so a supervisión dos xuíces. Xúlgase que durante este período os atletas que non eran considerados aptos ou que non cumprían os criterios de participación eran excluídos.

Carreira con armas

Carreiras pedestres

[editar | editar a fonte]

As carreiras pedestres incluían catro tipos de carreiras: o estadio, o diaulós (ou duplo estadio), o dolichos e o hoplitódromo (ou carreira con armas).

O estadio era a proba máis antiga e de maior prestixio, xa que o seu vencedor daría o seu nome aos xogos. Consistía nunha carreira de 192 metros, o longo do estadio; diaulós correspondía a unha carreira de 384 metros. Canto ao dolichos, era unha carreira que variaba entre os 7 e os 24 estadios. A carreira con armas variaba entre os 2 e os 4 estadios e nela os atletas levaban o casco e o escudo dos hoplitas, o que podería ser penoso dado o peso que representaba este armamento. Para evitar a fraude, os escudos usados polos atletas eran gardados no Templo de Zeus, de modo a evitar que alguén correse cun escudo que fose máis lixeiro.

Carreiras ecuestres

[editar | editar a fonte]

Este tipo de proba incluía as carreiras de carros ou de cabalo de sela. Nas primeiras poderían usarse dous cabalos (bigas) ou catro cabalos (cuadrigas). As cuadrigas terían sido introducidas nos Xogos Olímpicos pola primeira vez en -680. e as carreiras de cabalo de sela en -648. Unha carreira de carros consistía en doce voltas ao hipódromo, tendo cada volta entre 823 e 914 metros; a carreira de cabalo era unha volta do hipódromo.

Non eran os homes que venceran nas carreiras os que recibían as coroas, senón os donos dos cabalos, dado que estes implicaban custos que só os máis ricos poderían soportar. Así, algunhas mulleres con posesións e políticos convertéronse en vencedores destas carreiras, sen nunca teren participado nelas.

Loita, puxilato e pancracio

[editar | editar a fonte]
Vaso que representa unha escena de loita

A loita naceu no Próximo Oriente, tendo sido adaptada polos gregos talvez na época micénica. Tiña como deus padroeiro a Hermes.

Na loita grega era necesario provocar por tres veces a queda do adversario para se consagrar vencedor. Considerábase que ocorrera unha queda cando as costas, ombros ou peito do adversario tocaban o chan. Antes de iniciaren a loita os concorrentes untaban o corpo con aceite e botaban un pouco de terra para evitar que a pel se tornase escorregadiza. A proba non posuía un tempo límite. Era permitido partir os dedos do adversario, pero non era permitido realizar ataques na rexión xenital ou recorrer a mordeduras. Existían probas reservadas aos homes adultos e aos rapaces.

A práctica do puxilato na Grecia Antiga remonta ao século -VIII. Só se podería atacar cos puños e os concorrentes envolvían os dedos con tiras de coiro. Non existían asaltos nin categorías baseadas no peso dos atletas. O xogo terminaba cando un dos atletas ficaba inconsciente ou colocaba un dedo no ar en sinal de desistencia.

O pancracio era unha combinación da loita e do puxilato, sendo o seu resultado unha proba extremadamente violenta, cuxos concorrentes poderían mesmo chegar a morrer. Todo estaba permitido, con excepción de meter dedos nos ollos, atacar a rexión xenital ou morder. A vitoria ocorría cando un dos atletas xa non conseguía continuar a loitar, levantando un dedo para que o xuíz se apercibise.

Para cada un destes deportes, existían probas reservadas aos homes adultos e aos rapaces.

Péntatlon

[editar | editar a fonte]
Un atleta realiza o salto de lonxitude con dous halteres

O péntatlon dos Gregos antigos era diferente do péntatlon moderno, sendo composto polo lanzamento de disco, lanzamento de xavelina, salto de lonxitude, a carreira de estadio (semellante aos 200 m) e a loita.

O disco lanzado polos atletas pesaba cerca de 9,5 quilos e podería ser feito de pedra, ferro ou bronce. O vencedor era aquel que conseguía lanzar o disco o máis lonxe posíbel e o vencedor era tamén considerado un heroe. Canto á xavelina posuía a altura dun home e estaba feita de madeira. No salto de lonxitude recorríase a catro halteres que impulsaban o atleta na subida e que eran despois tirados cando este descía.

Caso un atleta tivese vencido as seis primeiras probas do péntatlon, non se realizaban as dúas últimas.

Data de introdución das probas

[editar | editar a fonte]
  • -776: Estadio (stadion).
  • -724: Diaulos.
  • -720: Dolichos.
  • -708: Loita e péntatlon.
  • -688: Puxilato.
  • -680: Carreiras de cuadrigas (tethrippon).
  • -648: Pancracio e carreira a cabalo.
  • -632: Loita para rapaces.
  • -628: Péntatlon para rapaces (rapidamente abandonada).
  • -616: Puxilato para rapaces.
  • -520: Carreira con armas (hoplitodromos).
  • -500: Carreira de carrozas tiradas con mulas (apene).
  • -496: Carreiras con eguas (calpe).
  • -444: As probas apene e calpe son abandonadas .
  • -408: Carreiras de bigas (synoris).
  • -396: Concurso para arautos.
  • -200: Pancracio para rapaces

En itálico - nome da proba en grego

Reconstrución do programa

[editar | editar a fonte]
Mañá
  • Cerimonia de xuramento dos atletas e dos xuíces no Buleuterion perante a estatua de Zeus Korkios (Zeus dos Xuramentos)
  • Probas de loita, puxilato e pancracio para rapaces.
  • Consulta de oráculos.
Tarde
  • Palestras públicas de filósofos e historiadores. Recitais de poesía.
Mañá
  • Carreiras ecuestres. Os concorrentes entran no hipódromo en procesión.
Tarde
  • Péntatlon
Fin da tarde e noite
  • Cerimonias no santuario de Pélope, identificado pola tradición como o primeiro vencedor dos xogos. Reconstrución das súas cerimonias fúnebres.
  • Desfile no Altis dos vencedores, en honra dos cales se entoan himnos. Banquetes.
Mañá
  • Procesión formada por todos os atletas, xuíces e embaixadores das póleis gregas (que transportan vasos de ouro e prata que representan a riqueza das súas localidades) polo Altis. A procesión para enfronte do Grande Altar de Zeus, onde se realiza o sacrificio de 100 bois ofrecido polo pobo de Élide.
Tarde
  • Carreiras pedestres
Noite
  • Banquete no Pritaneo, no cal participan os atletas, os convidados e os espectadores, recorréndose á carne utilizada no sacrificio feito de mañá.
Mañá
  • Loita
Mediodía
  • Puxilato e pancracio.
Tarde
  • Carreira con armas.
  • Procesión liderada polos atletas vencedores até o Templo de Zeus, onde serán premiados un por un cunha coroa de loureiro atribuída polos xuíces. Os espectadores botan pétalos e follas sobre os vencedores. Á noite, grandes festas e banquetes. No día seguinte os atletas, espectadores e embaixadores inician a viaxe de regreso ás súas terras.

Declive e fin

[editar | editar a fonte]

O período áureo dos Xogos Olímpicos antigos correspondeu ao século -V. As perturbacións que a Guerra do Peloponeso xerou en Grecia terían inevitabelmente consecuencia sobre os xogos: Élide, que até entón tiña mantido unha actitude politicamente neutra, aliouse a Atenas durante este conflito e expulsou os espartanos do evento. En -424, so a ameaza de invasión de Esparta, os xogos tiveron que ser realizados baixo a protección de tropas. Aínda que Esparta non tivese chegado a invadir o santuario, este episodio revela que o concepto da "tregua sagrada" tiña sido esquecido.

En -365 a Arcadia, axudada por Pisa (inimiga de Élide), conquistou o santuario; as dúas cidades organizaron os xogos de -364. Élide tentou recuperar o santuario recorrendo á forza; o conflito xerado levaría á pillaxe dos templos do Altis. Élide acabaría por retomar o control do santuario porque se temía a furia dos deuses, tendo sido consideradas inválidos os Xogos de -364.

En -336, despois de que as cidades gregas foron conquistadas por Filipo II de Macedonia e polo seu fillo Alexandre Magno, foi construído no Altis o Filipeion, un edificio onde se encontraba estatuas de Alexandre e da súa familia feitas de ouro e marfil, materiais que até daquela foran reservados ás estatuas dos deuses.

En -146 Grecia foi conquistada polos romanos. Para financiar a súa guerra contra Mitrídates VI do Ponto, o xeneral romano Sila saqueou o Altis (así como os santuarios de Delfos e do Epidauro). En -80, como forma de celebrar o éxito da súa guerra, Sila transferiu os xogos para Roma, pero despois da súa morte en -78 os xogos regresaron a Olimpia. Durante un breve período da era romana os xogos retomaron a súa vitalidade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pereira, Maria Helena da Rocha. Fundação Calouste Gulbenkian, ed. Estudos de Historia da Cultura Clássica. I. Cultura Grega. Lisboa. 
  • Swaddling, Judith (2000). University of Texas Press, ed. The Ancient Olympic Games. Texas. ISBN 0292777515. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xogos_Ol%C3%ADmpicos_da_Antig%C3%BCidade

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy