Saltar ao contido

Falcoaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cetraría»)
A aguia é moi usada en falcoería.

A falcoería (formas menos recomendables cetraría ou cetrería),[1] é a actividade de cazar con aves rapaces adestradas, especialmente con falcóns, azores e outras aves de presa para a captura de especies de aves. O humano captura e liga á ave de presa ao propio home, por reflexos condicionados, e a adestra na caza e na fidelidade. A súa ave captura entón outras aves ou calquera outro tipo de presa, xeralmente cuadrúpedes pequenos ou medianos, como coellos ou lebres.

A falcoería foi unha práctica moi estendida na Idade Media, ligada á nobreza e aos potentados. Acabou decaendo polo progreso das armas de fogo e a maior vistosidade e festividade que se podía ofrecer coas partidas de caza maior, especialmente a montaría.

O 16 de novembro de 2010, a Unesco declarouna Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade,[2] nunha candidatura multinacional de Arabia Saudita, Bélxica, República Checa, Corea do Sur, Emiratos Árabes Unidos, España, Francia, Marrocos, Mongolia, Qatar e Siria. O 6 de decembro de 2012 uníronse a esta candidatura Austria e Hungría.[3], e o 30 de novembro de 2016 adheríronse tamén Alemaña, Italia, Kazakhstán, Paquistán e Portugal.[4]

Frederico II co seu falcón de falcoería no seu libro De arte venandi cum avibus (Sobre a arte de cazar con aves). Século XIII.

As orixes da falcoería son moi antigas. É posíbel que se descubrise na China, xa que existen moitas referencias sobre a práctica da falcoería antes de Cristo en diversos textos chineses.

No mundo greco-latino non se practicou a falcoería. Algunhas das representacións que fan pasar como de falcoería, tan só o son do que entre os romanos se chamaba aucupio (captura de paxaros, paxaritaría).

Parece que a Europa occidental chegou da man das invasións godas. O primeiro testemuño gráfico, datado no século V d.C., encóntrase nos mosaicos da Vila do Falconeiro en Argos, Grecia. Posteriormente menciónase nas leis dos pobos xermánicos que pouco a pouco foron traspasando as fronteiras do Imperio romano e que se asentaron ao sur dos ríos Rin e Danubio.

Na Península Ibérica localizouse no campo arqueolóxico de Mértola (Portugal) un mosaico, fragmentario, que só se pode interpretar como unha escena de falcoería. O feito de que se descubrira nun estrato inferior dunha construción musulmá, é un claro indicio de que a falcoería chegou á Península Ibérica da man dos pobos xermánicos.[5]

Por outra parte, as fontes árabes indican que cando os primeiros invasores musulmáns entraron na península descubriron e adoptaron unha modalidade cetreira que se pode interpretar como altanería (caza con falcóns e outras aves de rapina de alto voo).

En Europa a época dourada desta arte e afección foi a Idade Media. Pódese dicir que máis ou menos desde o século VI até o século XVI, no que se practicaba a caza con falcóns e azores, gozou do seu maior auxe e difusión. Esta técnica venatoria perdeu terreo fronte ás novas armas de fogo e, tamén, a causa do custoso que era manter un bo equipo de falcóns e falconeiros, pois a falcoería, polo xeral, foi unha práctica reservada a reis e grandes señores, aínda que non había ningunha lei que se a prohibira ao pobo, pero para obter comida había métodos máis efectivos e seguros.

Hoxe é un deporte que no mundo occidental se practica con aves de presa criadas en catividade, o cal non supón ningún perigo para as aves salvaxes. Porén, aínda hai zonas remotas nas que se seguen capturando aves silvestres.

En novembro de 2010 a falcoería foi declarada patrimonio cultural inmaterial da Humanidade, por ser un dos métodos de caza tradicionais máis antigos, selectivo coas presas cinexéticas, non contaminante e respectuoso co medio ambiente.[4]

Azor con caparuza.

Os principais elementos que compoñen o equipo dun falcoeiro, á parte, claro está, da ave de presa, son:

  • Morral
  • Cascabeis
  • Lonxa
  • Caparuza
  • Pihuelas
  • Correa
  • Luva
  • Percha
  • Engado
  • Fiador
  • Transmisor
  • Muñequeiras

As especies máis empregadas na falcoería son:

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cetraría.
  2. "El milenario arte de la cetrería, Patrimonio Inmaterial de la Humanidad", RTVE, 16 de novembro de 2010, consultado o 22 de novembro de 2022.
  3. "Falconry, a living human heritage". Unesco. 6 de decembro de 2012. Consultado o 22 de novembro de 20e2. 
  4. 4,0 4,1 "5 nuevas inscripciones en la Lista representativa del patrimonio cultural inmaterial". Unesco. 1 de decembro de 2016. Consultado o 22 de novembro de 2022. 
  5. Lopes, Virgílio - Mértola na Antiguidade Tardia: a topografia histórica da cidade e do seu território nos alvores do cristianismo. Mértola: Campo Arqueológico de Mértola, 2003. ISBN 972-9375-21-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]


Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy