Pedro Cea
José Pedro Cea Urriza, alcumado nos campos de fútbol como Vasco Cea, nado o 1 de setembro de 1900 en Redondela e finado o 18 de setembro de 1970 en Montevideo, Uruguai, foi un futbolista galego-uruguaio que xogaba na demarcación de dianteiro. Destacou especialmente coa selección uruguaia, formando parte da chamada "xeración olímpica", coa que gañou todos os títulos a nivel de seleccións da súa época. Foi campión do mundo no primeiro Mundial da historia, e nos Xogos Olímpicos de 1924 converteuse no primeiro galego en gañar unha medalla de ouro, repetindo éxito nos Xogos de 1928. Gañou tamén dúas edicións da Copa América, unha delas como xogador e outra como adestrador do equipo uruguaio.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 1 de setembro de 1900 Montevideo, Uruguai | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 18 de setembro de 1970 (70 anos) Montevideo, Uruguai | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemiterio del Buceo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Outros nomes | El vasco | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1922 - 1935 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Uruguai | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro e centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1942 | Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1942 (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
xullo de 1930 | Mundial de Fútbol Uruguai 1930 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1928 | Xogos Olímpicos de 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1924 | Xogos Olímpicos de 1924 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Foi elixido pola IFFHS como o 44º mellor futbolista suramericano do século XX, compartindo posto co brasileiro Ademir e co arxentino Raimundo Orsi.[1]
Traxectoria
editarA pesar de que existen versións que sitúan o seu lugar de nacemento no barrio de Montevideo chamado Arroyo Seco, o certo é que Pedro Cea naceu en Redondela, de onde emigrou moi novo cos seus pais ao Uruguai. Alí traballou como repartidor de xeo, e comezou a xogar ao fútbol no Centro Atlético Lito.[2]
Debutou con este club na Primeira División en 1922, coincidindo co Manco Castro e acadando ese ano a quinta posición final. Militou no Lito varias tempadas e en 1925 obtivo permiso do seu club para participar na histórica xira europea de Nacional, que durou seis meses e na que o club disputou 38 partidos en 23 cidades do continente. Cea incorporouse á xira en maio, xunto a outros dous reforzos: Alfredo Ghierra e José Nasazzi. Disputou 18 dos encontros, en 6 países, e marcou 14 goles, pechando a xira en Galicia, onde lle anotou un gol ao Celta de Vigo no Campo de Coia, e outro ao Deportivo da Coruña no antigo campo de Riazor.[3][4] En 1927 volveu ao Nacional para unha nova xira, esta vez por América do Norte e Cuba. Anotou catro goles, dous deles na goleada por 0-9 contra a selección mexicana.
En 1928, tras un breve paso polo CA Bella Vista, converteuse en xogador de Nacional a todos os efectos. Alí compartiu dianteira de novo con Castro, así como con outras grandes glorias da historia do club, como Pedro Petrone, Ángel Romano ou Héctor Scarone, e obtivo varios subcampionatos. Deixou o club en 1930, regresando ao Bella Vista, onde xogou ata 1933. En 1934 volveu ao Nacional, co que se proclamou campión uruguaio ese mesmo ano, e co que xogou ata 1936.
Selección uruguaia
editarFoi internacional coa selección do Uruguai en 26 encontros, marcando 13 goles, e formou parte da histórica Xeración olímpica, que gañou todos os torneos de seleccións da súa época, incluídas dúas medallas de ouro olímpicas.
Debutou coa selección na Copa América de 1923, no primeiro partido contra Paraguai. No segundo encontro, contra o Brasil, marcou o seu primeiro gol, batendo ao gardameta Nélson da Conceição e dándolle a vitoria ao equipo uruguaio (2-1). Gañou tamén o derradeiro partido contra a Arxentina, proclamándose campión suramericano.[5][6]
Ao ano seguinte foi seleccionado para acudir aos Xogos Olímpicos de París, onde debutou con dous goles no primeiro partido contra Iugoslavia. Xogou todos os restantes encontros e marcou dous goles máis. Anotou nas semifinais contra os Países Baixos, e fixo o segundo dos tres goles uruguaios contra Suíza (3-0), proclamándose deste xeito campión olímpico. Poucos meses despois disputou a súa segunda Copa América, xogando todos os partidos, marcando un gol contra Paraguai e proclamándose campión por segundo ano consecutivo.[7]
En 1928 acudiu aos seus segundos Xogos Olímpicos, os celebrados en Ámsterdam. Volveu xogar todos os encontros e anotou un gol contra a Italia de Adolfo Baloncieri. O 13 de xuño disputou a súa segunda final olímpica, na que o seu equipo superou por 2-1 á Arxentina, gañando de novo o ouro. En 1929 xogou a súa terceira Copa América, pero sen poder revalidar o título unha terceira vez.[8]
En 1930 formou parte do equipo uruguaio na primeira edición da Copa do Mundo, celebrada no propio país suramericano. Marcou un gol na fase de grupos contra Romanía (4-0) e un triplete nas semifinais contra Iugoslavia (6-1). Na histórica final disputada o 30 de xullo no Estadio Centenario, formou na dianteira xunto a Pablo Dorado, Héctor Scarone, Héctor Castro e Santos Iriarte. No segundo tempo marcou o gol que poñía o 2-2 no marcador, antes de que Castro e Iriarte puxesen o 4-2 definitivo, proclamándose o Uruguai como primeiro campión mundial.[9] Con cinco goles, Cea foi o máximo goleador do equipo no torneo, e o segundo máximo goleador global, só superado polos oito do arxentino Guillermo Stábile.
Xogou o seu derradeiro partido coa selección en decembro de 1932, nun partido amigable da Copa Río Branco no Estadio Centenario contra o Brasil de Leônidas da Silva (1-2).[10]
Como adestrador
editarFoi tamén adestrador da selección uruguaia á que dirixiu en 19 partidos entre 1940 e 1945, incluíndo dúas edicións da Copa América, 1941 e 1942. Foi subcampión na primeira e conquistou a segunda, destacando no seu equipo xogadores como Obdulio Varela ou Severino Varela.[8][11]
Posteriormente traballou de comentarista na radio xunto a Dalton Rosas Riolfo no programa Tierra de Campeones.[11]
Palmarés
editarClub Nacional
- Primeira División do Uruguai (1): 1935.
- Torneo de Honor (1): 1935.
Selección uruguaia
- Copa do Mundo (1): 1930.
- Xogos Olímpicos (2): 1924, 1928.
Resultados internacionais
editarParticipacións na Copa América
editarComo xogador
Ano | Sede | Resultado | Partidos/goles |
---|---|---|---|
1923 | Uruguai | Campión | 3 (1) |
1924 | Uruguai | Campión | 3 (1) |
1929 | Arxentina | 3º posto | 2 (0) |
Como adestrador
Ano | Sede | Resultado |
---|---|---|
1941 | Uruguai | Subcampión |
1942 | Uruguai | Campión |
Participacións nos Xogos Olímpicos
editarAno | Sede | Resultado | Partidos/goles |
---|---|---|---|
1924 | París | Medalla de Ouro | 5 (4) |
1928 | Ámsterdam | Medalla de Ouro | 5 (1) |
Participacións na Copa do Mundo
editarAno | Sede | Resultado | Partidos/goles |
---|---|---|---|
1930 | Uruguai | Campión | 4 (5) |
Notas
editar- ↑ "IFFHS' Century Elections". RSSSF (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "¿Te gusta el fútbol? Te presento a Pedro Cea: el “campeón de todo”" (en castelán). 10 de xuño de 2014. Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "Uruguayos, 2; Celta, 2". El Diario de Pontevedra (en castelán) (12193). 3 de agosto de 1925. p. 2. Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "Notas de Sport". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de agosto de 1925. pp. 1–2.
- ↑ "Campionato suramericano de 1923". RSSSF (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "Aniversario Copa América 1923". Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán). 2 de decembro de 2019. Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "Campionato suramericano de 1924". RSSSF (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ 8,0 8,1 "Campionato suramericano de 1929". RSSSF (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ Murado, Miguel-Anxo (23 de xullo de 2016). "Apoteosis gallega en Montevideo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ "Uruguai - Brasil". Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán). Consultado o 20 de xullo de 2021.
- ↑ 11,0 11,1 "Campionato suramericano de 1942". RSSSF (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2021.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador no sitio web oficial da Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán).
- Datos do adestrador no sitio web oficial da Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán).