Macela dourada
Macela dourada | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Chamaemelum nobile (L.) All. |
A macela dourada ou camomila romana[1], Chamaemelum nobile, sin. Anthemis nobilis) é unha herba perenne da familia das asteráceas, nativa de Europa.
Descrición
[editar | editar a fonte]A macela dourada é unha herba perenne, de talo procumbente de até 26 cm de longo, glabro ou suavemente pubescente. Forma matas mestas. Presenta follas sésiles, alternas, bi- ou tripinnatilobuladas, finamente divididas, cos folíolos lineares. En posición terminal presenta no verán unha inflorescencia en forma de capítulo paniculado. Os floros radiais son uns 20, coa lígula branca, mentres que os do disco son numerosos, hermafroditas, coa corola amarela, as puntas das anteras ovadas e o extremo do estilo trunco. A testa floral non supera 1 cm de diámetro. Os froitos son aquenios cilíndricos, de máis ou menos 1 mm de diámetro, algo maiores os radiais. A polinización realízana himenópteros, mais a planta é quen de se autopolinizar.
Uso
[editar | editar a fonte]O talo tenro e as sumidades floridas úsanse secos ou frescos en infusión, recendente e lixeiramente amarga. Confúndese moitas veces coa macela común Matricaria recutita os efectos terapéuticos asociados á macela son de carácter dixestivo, carminativo, sedante, tónico, vasodilatador e antiespasmódico. O aceite esencial emprégase en aromaterapia, e a infusión das flores aplícase ao cabelo para o delourar.
Non se recomenda o uso da macela dourada durante a gravidez xa que pode causa contraccións uterina e aborto.[2]
A macela dourada é unha planta moi común en xardinaxe.
Composición
[editar | editar a fonte]O aceite esencial é rico en camazuleno, ácido tíglico e varios sesquiterpenos; contén ademais ácido antémico, atesterol, antemena e taninos. Pode provocar dermatite de contacto en persoas sensíbeis, e se teñen informado casos de anafilaxe entre alérxicos.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Chamaemelum nobile foi descrita por (Carl von Linné) All. e publicado en Flora Pedemontana 1: 185. 1785.[3]
- Anthemis nobilis L. basónimo
- Anthemis odorata Lam.
- Chamomilla nobilis (L.) Godr.
- Matricaria nobilis (L.) Baill.
- Ormenis nobilis (L.) J.Gay ex Coss. & Germ.[4]
En galego recibe os nomes de macela dourada, macela galega, margacela e camomila romana[1].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000 e Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, 2004
- ↑ "Roman chamomile". Medline Plus Supplements. National Institutes of Health. 2012. Consultado o 14 de decembro de 2012.
- ↑ "Macela dourada". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 10 de febreiro de 2013.
- ↑ Macela dourada en PlantList
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Macela dourada |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bryan, J.; Castle, C. (1976). Edible Ornamental Garden. Pitman. ISBN 0-273-00098-5.
- Craker, L. E.; Simon, J. E. (1986). Herbs, Spices, and Medicinal Plants. Recent Advances in Botany, Horticulture, and Pharmacology. Food Products Press. ISBN 1-56022-043-0.
- MedLinePlus. "Manzanilla romana" (en castelá). Consultado o 23 de marzo de 2012.