Édith Cresson
Édith Cresson, nada en Boulogne-Billancourt o 27 de xaneiro de 1934, é unha política francesa, primeira ministra entre 1991 e 1992, a primeira muller da historia francesa en ocupar ese cargo, así como comisaria europea de Investigación, Ciencia e Tecnoloxía durante as Comisións Santer e Marín.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Cresson naceu en 1934 na cidade de Boulogne-Billancourt, na Illa de Francia, dentro dunha familia burguesa. Estudou demografía na Sorbona de París.
Politicamente próxima ao socialista François Mitterrand, en 1974 ocupou o secretariado do partido para asuntos da mocidade e en 1975 pasou a ser membro do comité director do Partido Socialista (PS), cargo que ocupou ata 1990.
Política francesa
[editar | editar a fonte]En 1977 foi elixida alcaldesa de Thuré, poboación do departamento de Vienne, posto que mantivo ata 1983. Nomeada Conselleira Xeral do departamento entre 1982 e 1998, en 1983 foi elixida alcaldesa de Châtellerault, cargo que exerceu ata 1997.
No goberno do primeiro ministro Pierre Mauroy foi nomeada ministra de agricultura entre maio de 1981 e marzo de 1983. A partir de entón, no terceiro goberno de Mauroy foi nomeada ministra de comercio exterior e turismo, ata xullo de 1983. Coa formación dun novo goberno, encabezado por Laurent Fabius pasou a ocupar o cargo de ministra de industria ata marzo de 1986.
O primeiro ministro Michel Rocard nomeouna en xuño de 1988 ministra de asuntos europeos ata outubro de 1990. Despois da caída do goberno de Rocard, o presidente Mitterand nomeouna primeira ministra de Francia en maio de 1991. En xuño do mesmo ano presentou un plan para frear a inmigración clandestina en Francia, e baixo a presión constante do fenómeno do ultradereitista Jean-Marie Le Pen, quixo unir os esforzos de todos os socialistas franceses. Finalmente foi relevada do seu cargo por Mitterrand en abril de 1992 trala derrota socialista nas eleccións rexionais de marzo de 1992. O seu goberno foi un dos máis breves da Quinta República. As súas fortes críticas das prácticas comerciais xaponesas foron tan lonxe ata comparar os xaponeses con "formigas amarelas intentando apoderarse do mundo", que provocaron acusacións de racismo.[3][4][5] Tamén dixo, falando das actividades sexuais dos homes anglosaxóns que "a homosexualidade paréceme estraña. É diferente e marxinal. Existe máis na tradición anglosaxoa que na latina".[5]
Política europea
[editar | editar a fonte]En 1979 foi elixida eurodeputada ao Parlamento Europeo nas eleccións europeas, mantendo o seu escano ata 1981, cando entrou no goberno francés como ministra.
En xaneiro de 1985 foi nomeada comisaria de investigación, ciencia e tecnoloxía na comisión Santer. Ocupou o cargo ata setembro de 1999, despois da dimisión colectiva da comisión como consecuencia dunha investigación que denunciaba casos de mala xestión e nepotismo, dos que foi especialmente acusada e polos que lle foi retirada a inmunidade parlamentaria. Por esa imputación foi xulgada polo Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas en 2006, que a sentenciou a unha condena simbólica.[6][7][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Édith Cresson | enciclopèdia.cat". Consultado o 2020-12-03.
- ↑ Encyclopaedia Britannica (ed.). "Edith Cresson | premier of France" (en inglés). Consultado o 2020-12-03.
- ↑ News Week Japanese Edition, 30 de maio de 1991
- ↑ The Mainichi Daily News, 21 de xuño de 1991
- ↑ 5,0 5,1 Rone Tempest, Los Angeles Times, 23 de xullo de 1991: Edith Cresson's Answer to TV Spoof: Hush Puppet! France's brutally frank premier says her caricature on one of the nation's most popular shows is sexist, unfair Arquivado 2 de novembro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ European Commission, Judgment of the Court of Justice in Case C-432/04 11 de xullo de 2006 Arquivado 12 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
- ↑ "Edith Cresson charged with fraud" The Guardian 25 de marzo de 2003 Arquivado 18 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine.
- ↑ "Court rules against ex-French PM Edith Cresson: Willing to extend benefits to personal friends The EU's top court has ruled that Edith Cresson, the former European commissioner and French prime minister, violated her official duties" BBC News, 11 de xullo de 2006 Arquivado 8 de agosto de 2016 en Wayback Machine.,
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Édith Cresson |
A Galipedia ten un portal sobre: Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Northcutt, Wayne, ed. "Cresson, Edith" en Historical Dictionary of the French Fourth and Fifth Republics, 1946–1991 (Greenwood, 1992) pp 114–16
- Perry, Sheila. "Gender Difference in French PoliticalCommunication: From Handicap to Asset?." Modern & Contemporary France 13.3 (2005): 337-352
- Schemla, Élisabeth. Édith Cresson, la femme piégée, Paris: Flammarion, 1993, ISBN 978-2080668400
- Skard, Torild, "Edith Cresson" en Women of Power – Half a century of female presidents and prime ministers worldwide, Bristol: Policy Press, 2014, ISBN 978-1-44731-578-0