Content-Length: 138321 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Carracha

Carracha - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Carracha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carracha

Chámase carracha, carracho, carrapata, carrapato, ou carraza[1] a diversos xéneros de arácnidos hematófagos (aliméntanse de sangue) do filo Arthropoda, Clase Arachnida e orde Ixodida[2]. Encádranse nas familias Ixodidae, Argasidae e Nuttalliellidae.

Este tipo de animais practica o parasitismo (ectoparasitos) unha das relacións interespecíficas que ten lugar entre individuos de distinta especie.

Para atopar un hóspede adecuado poden esperar semanas ou mesmo meses entre a herba ou nas árbores. Cando se atopan cun posible candidato apropiado, ruben sobre el (algúns deixanse caer dende a vexetación alta), e por medio dos seus quelíceros, penetran a pel e empezan a chuparlle o sangue. O seu corpo ínchase e cando está cheo sóltanse. Os Ixodidae atacan a numerosos mamíferos, incluído o home, e os Argasidae parasitan sobre todo a aves.

As carrachas atópanse a miúdo na herba alta, onde esperan no extremo dunha folla para tentar engancharse a calquera animal ou persoa que pase. Unha idea falsa moi común é pensar que a carracha é capaz de saltar da planta ao hóspede, pero o único método de transmisión é o contacto físico.

A carracha termina caendo do animal cando se enche, pero isto pode tardar varios días. Na súa boca, as carrachas teñen unha estrutura que lles permite engancharse firmemente ao lugar do que están a chuchar sangue.

Ciclo biolóxico

[editar | editar a fonte]

As carrachas poden precisar ata 3 hospedeiros ao longo da súa vida. Na Península Ibérica a maioría das especies precisan de 3[3].

As carrachas detectan ao seu hospedeiro a través das correntes de aire, o dióxido de carbono liberado, as modificacións de luminosidade, pola calor que desprende[3] e polo ácido butírico[4]. As carrachas buscan zonas corporais coma cara, orellas, colo, axilas ou rexión inguinal pois son zonas de difícil acceso para o seu hospedeiro e proporcionan protección fronte a condicións adversas[3].

As femias adultas unha vez repletas de sangue despréndense e poden poñer milleiros de ovos. As larvas deben alimentarse antes de pasar a seguinte fase, ata converterse novamente en adultos se se alimentarán para reproducirse.[3]

Extracción do carracho

[editar | editar a fonte]

Cando se detecta unha carracha debe retirarse o antes posible pero sen precipitación.

É importante non utilizar métodos tradicionais como o alcohol, aceite, vaselina, petroleo... porque o seu xeito de actuar é crear unha película que impide a respiración da carracha e isto acelera a regurxitación do sangue, aumentando a probabilidade de que a carracha transmita algunha enfermidade.[5]

Tampouco é recomendable tirar cos dedos esmagando o seu corpo ou queimar pois no caso de que o carracho sexa portador de patóxenos pode inoculalos. Ademais tirar dunha carracha á forza pode facer que partes da carracha se desprendan e queden na trabadura, a miúdo o aparello bucal enteiro, o cal pode producir infeccións.[5]

Para extraer a carracha pódense utilizar unhas pinzas de metal, de punta estreita, a ser posible curvas, para que dean xeito para suxeitar a carracha o máis preto posible da pel, evitando esmagala. Despois realízase unha tracción continua e lenta, podendo levar esta operación case un minuto. Non se debe facer excesiva forza, facelo en perpendicular e non retorcela. A continuación débese aplicar un antiséptico, lavar as mans e anotar a data e a zona da picadura e estar atentos a aparición de síntomas como[5]:

  • Erupción
  • Síntomas similares a gripe
  • Dor ou arrubiamento nas articulacións
  • Inflamación dos ganglios linfáticos

No caso de aparecer algún destes síntomas ou non conseguir extraer a carracha enteira débese acudir aos servizos de saúde.[5]

Transmisión de enfermidades

[editar | editar a fonte]
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Aínda que a maioría das picaduras de carracha son inofensivas, ás veces poden transmitir enfermidades se está infectada cun axente patóxeno (bacterias, virus rickettsias e protozoos)[6]. A transmisión de xermes patóxenos realízase a través da saliva unha vez perforada a pel ou a través dos produtos de refugallo e líquidos excretados[5].

No noso medio, as enfermidades máis importantes que poden transmitir as carrachas ás persoas son:[6]

• A borreliose de Lyme, causada pola Borrelia burgdorferi, transmítese fundamentalmente pola Ixodes ricinus. Esta enfermidade causa artrite, trastornos do corazón e do sistema nervioso como encefalite ou meninxite. Esta enfermidade considérase enfermidade profesional en persoas gandeiras[7].

• A febre exantemática mediterránea (ou botonosa mediterránea), causada pola bacteria Rickettsia conorii, transmítese fundamentalmente pola carracha do can Riphicephalus sanguineus.

• A febre Q, causada pola Coxiella burnetii, rara vez se transmite ao home directamente a través das carrachas, aínda que estas son importantes para manter a enfermidade nas áreas endémicas.

• A encefalite centroeuropea, causada por un arbovirus, non se dá en Galicia. Pero actualmente ten importancia no caso daquelas persoas que viaxen a países do centro e do leste de Europa ou a Rusia e que vaian estar ou traballar en zonas onde poida haber carrachas; a estas persoas recoméndaselles que se vacinen.

Ademais destas enfermidades, moitas outras tamén se transmiten polas carrachas, como por exemplo certas meningoencefalites, a febre Crimea-Congo, a erliquiose, a babesiose ou a tularemia.[6]

A época de maior risco para as picaduras das carrachas e contraer algunha destas enfermidades é nos meses cálidos de primavera a outono.

As enfermidades que transmiten aos animais[3]

Enfermidade Axente patóxeno Especies afectadas Sintomatoloxía
Babesiose  Babesia spp Ruminantes, cans,gatos, équidos, súidos, home Febre, anemia, ictericia, hemoglobinuria, depresión, morte
Theileriose Theileria spp Ruminantes, équidos Febre, ganglios inflamados,

dispnea, anorexia, perda de condición corporal, debilidade, morte

Anaplasmose Anaplasma spp. Ruminantes, can, gato,

outros animais domésticos, home

Depresión, febre, anorexia. Anemia, ictericia, morte
Febre Q Coxiella burnetti  Ruminantes, can, gato,

home

Anorexia, aborto
Enfermidade de Lyme Borrellia burgdorferi Ruminantes, outros

animais domésticos, home

Inflamación de articulacións, rixidez, febre, descenso de producións, aborto, laminite
Louping ill  Flavivirus  Ruminantes, can, outros animais domésticos, home Febre, depresión, anorexia. Incoordinación, ataxia, cabaleiro, parálise, coma, morte
Ehrlichiose Ehrlichia canis   Can   Febre, anorexia, letarxia, linfadenomegalia, hemorraxias, uveíte.
  1. "Dicionario da Real Academia Galega". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 21/04/2017. 
  2. "Cosulta árbore taxonómico". Iberfauna CSIC. Consultado o 21/04/2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Díaz Fernández, Pablo; Morrondo Pelayo, María Patrocinio (2012). "Parasitación por carrachas (ixodidose e argasidose), pulgas e piollos". Enfermidades Parasitarias II (PDF). USC - Vecerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua. ISBN 978-84-9887-897-4. 
  4. Lorenz, Konrad; Leyhausen, Paul (1985). Biología del comportamiento, raíces instintivas de la agresión, el miedo y la libertad. Siglo Ventiuno Editores. ISBN 968-23-0082-7. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (ed.). "Prevención das Picadas de Carrachas" (PDF). www.xunta.es. Consultado o 21/04/2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Saúde pública: Carrachas". Sergas. Consultado o 21/04/2017. 
  7. Varios autores (2014). Fichas de Investigación - ISSGA (PDF). Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de outubro de 2019. Consultado o 21 de abril de 2017. 








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Carracha

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy