Content-Length: 171629 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Condados_dos_Estados_Unidos

Condados dos Estados Unidos de América - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Condados dos Estados Unidos de América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Condados dos Estados Unidos»)
Mapa dos Estados Unidos, mostrando os estados, divididos en condados.

Un condado dos Estados Unidos é un nivel local de goberno creado como unha subdivisión dun estado polo goberno estatal, polo federal ou polo goberno territorial como unha subdivisión dun territorio. A sede da administración e os tribunais dun condado chámase «cabeza de condado» (county seat). A verba "condado" (county) emprégase en 48 dos 50 estados; Luisiana utiliza o termo "parish" (parroquia) e Alasca ten o "borough".[1] Incluíndo estes, hai máis de 3.000 condados en Estados Unidos,[2][3] cunha media de 62 condados por estado, aínda que Delaware ten 3 e Texas 254.[4] En moitos estados do nordeste e do medio oeste, os condados subdivídense en municipios civís (civil township; ou towns no caso de Nova Inglaterra, Nova York e Wisconsin) cun grao de autonomía que varía dun estados a outro e poden conter outras municipalidades integrantes.

A Oficina do Censo dos Estados Unidos relaciona un total de 3.141 condados ou unidades administrativas equivalentes a condado. O poder do goberno do condado varía moito dun estado a outro, como a relación entre condados e gobernos municipais incorporados.[5] A distribución do poder e responsabilidades entre o goberno estatal, os gobernos dos condados e os gobernos municipais defínense na Constitución de cada estado.

Os condados estaban entre as primeiras formas de administración municipal estabelecidas polas Trece Colonias orixinais. A Commonwealth de Massachusetts foi a primeira colonia en estabelecer condados, en 1643.[6] Aínda que os condados eran relativamente pouco importantes en Nova Inglaterra, Pensilvania e Nova York delegaron unha cantidade significativa de poder e responsabilidade do goberno estatal cara aos condados, estabelecendo así o modelo que permanece na maior parte dos estados actualmente.[6]

Condados e equivalentes

[editar | editar a fonte]

Lista por estados

[editar | editar a fonte]

A lista seguinte mostra o número de condados ou unidades administrativas equivalentes a condado de cada estado.

(Fonte: National Association of Counties)[3]

Os estados da Rexión Sur e do Medio Oeste xeralmente adoitan ter máis condados cós estados do Oeste e do Nordeste. Connecticut, Massachusetts e Rhode Island aboliron por enteiro ou en parte os gobernos dos condados, empregando os límites xeográficos dos condados nos tres estados como distritos administrativos a nivel estatal.

As equivalencias de condado

[editar | editar a fonte]

O termo "equivalente de condado" inclúe tres tipos adicionais de divisións administrativas que son diferentes ao condado encontrado na maior parte de estados:

  • Áreas censais (census area) de Alasca: a maior parte da área terrestre de Alasca non está contida dentro de ningún dos seus 16 boroughs. Esta enorme área, máis grande que Francia e Alemaña xuntas, o goberno denomínaa boroughs non organizados e, fóra dos límites dos borough incorporados, non ten ningún goberno "de condado" independente, aínda que existen varios gobernos municipais incorporados dentro dos seus límites; sendo a maioría deles gobernados e dirixidos polo estado de Alasca como unha extensión do goberno estatal (os boroughs non organizados formados pola Borough Act de 1961 son unha entidade legal posta en marcha polo goberno do estado de Alasca como unha extensión do goberno estatal,[7] estes e as cidades-borough consolidadas equivalen aproximadamente ás "parroquias" de Luisiana e aos condados dos outros 48 estados.[8]) A Oficina do Censo dos Estados Unidos, en cooperación co goberno estatal de Alasca, dividiu os boroughs non organizados en 11 áreas censais só con propósitos estatísticos.
  • Cidades independentes: son cidades que legalmente non pertencen a ningún condado. Desde 2004, hai 42 desas cidades nos Estados Unidos: Baltimore, Maryland; Carson City, Nevada; St. Louis, Missouri; e as 39 cidades de Virxinia, onde calquera municipalidade incorporada como unha cidade (city) —en contraste cos pobos (town)— está separada por lei de calquera condado que puidera contelas.[9]
  • Washington, D.C., que, como as capitais de moitos outros países, ten un status especial. Non é parte de ningún estado; constitúe a totalidade do Distrito de Columbia, que, de acordo co Artigo 1, Sección 8 da Constitución estadounidense, está baixo a xurisdición do Congreso dos Estados Unidos. De feito, cando foi fundado, o distrito estivo dividido en dous condados e dúas cidades independentes. O condado de Alexandria (que agora forma o condado de Arlington e unha parte da cidade independente de Alexandria) foi devolto a Virxinia en 1846, mentres as tres entidades restantes (a cidade de Washington, Georgetown e o condado de Washington) uníronse nun goberno consolidado por unha lei do Congreso en 1871 e Georgetown foi formalmente eliminada como unha cidade por outra lei en 1895. A totalidade do Distrito de Columbia considérase agora parte da cidade de Washington e todos os lugares no distrito ten a dirección "Washington, DC" O Congreso estabeleceu unhas regras de goberno local para a cidade, aínda que as leis da cidade poden ser anuladas polo Congreso. Isto é bastante raro, e, na práctica, a cidade funciona como outras moitas cidades independentes nos Estados Unidos, aínda que tecnicamente non teña a definición legal dunha delas.

Cidades e condados

[editar | editar a fonte]

Xeralmente as cidades ocupan unha área máis pequena que o condado que as contén, mais hai algunhas excepcións a esta regra:

  • Unha cidade e o condado que a contén poden unirse para formar unha cidade-condado consolidada, que se considera tanto unha cidade como un condado conforme á lei do estado. Exemplos destas cidades-condado son Filadelfia, Denver e San Francisco. Do mesmo modo, algúns boroughs de Alasca están unidos ás súas cidades principais, creando boroughs-cidade unificados. Isto causa que algunhas cidades de Alasca estean entre as cidades máis grandes do mundo por superficie.
  • Unha cidade pode estenderse fóra dos límites do condado, como Atlanta, Colummbus, Kansas City, Houston, Chicago ou Oklahoma City. A cidade de Dallas forma parte de cinco condados, mentres que a cidade de Nova York contén no seu interior cinco condados, cada un dos cales coincidente en extensión cos cinco boroughs da cidade: Manhattan (condado de Nova York), Bronx (condado de Bronx), Queens (condado de Queens), Brooklyn (condado de Kings) e Staten Island (condado de Richmond).

Estatísticas

[editar | editar a fonte]
Un sinal de tráfico que marca a fronteira entre os condados de Nicholas e Greenbrier en Virxinia Occidental nunha estrada secundaria.

Segundo o censo dos Estados Unidos do 2000 a superficie media da zona terrestre dos 3.098 condados estadounidenses era de 1.611 km², que é só dúas terceiras partes da área media da zona terrestre dun condado cerimonial de Inglaterra, e só un pouco máis dun cuarto da área terrestre media dun département francés. Mais esta cifra non mostra as diferenzas entre os propios condados dos Estados Unidos; os condados occidentais teñen unha superficie media moito maior que os do leste. Por exemplo, a superficie media dos condados de Xeorxia é de 888 km², mentres que en Utah son 6.286 km².

O maior equivalente a condado por superficie total é a área censal Yukon-Koyukuk (Alasca), con 382.912 km², e o maior condado é o de San Bernardino, California, con 52.072 km² (maior incluso que 9 estados), que inclúe o deserto de Mojave. O menor equivalente a condado é a cidade independente de Falls Church, de 5,7 km², e o condado de menor tamaño é o condado de Kalawao (Hawai), con 34 km². O menor condado autogobernado é Arlington (Virxinia), con 72 km².[1]

No censo estadounidense do 2000, só o 16,7% de condados tiña máis de 100.000 habitantes. Isto reflicte a natureza esencialmente rural dos condados estadounidenses, cuxa rede foi deseñada no século XIX, nun país aínda en gran parte rural e só lixeiramente afectado pola urbanización. Actualmente a gran maioría da poboación dos Estados Unidos concéntrase nun relativamente pequeno número de condados. O equivalente a condado máis poboado é o condado dos Ánxeles, en California, con 10 226 506 habitantes en 2005, e o condado menos poboado é Loving (Texas) con 60 habitantes no 2005.

O condado (ou equivalente) con maior densidade de poboación é o condado de Nova York (coextensivo co borough de Manhattan, que consiste principalmente na illa de Manhattan) con 25.845 habitantes por quilómetro cadrado no ano 2000, e o condado menos densamente poboado é o borough Lake e Peninsula (Alasca), con 0,0296 hab./km² no 2000. O equivalente a condado menos densamente poboado é a área censal Yukon-Koyukuk, Alasca, con 0,0173 hab./km² no 2000.

Polo xeral os condados son gobernados por un órgano electo: consello de supervisores, comisión de condado, consello de condado, ou lexislatura de condado. Nalgúns condados, hai un alcalde (mayor) de condado ou un presidente (executive) de condado. O posto de alcalde é sobre todo cerimonial nalgúns estados, mentres que noutros o alcalde ten máis poder que os comisarios ou supervisores.[1]

En moitos estados, o consello responsable dun condado sostén poderes que transcenden as tres ramas tradicionais de goberno. Ten o poder lexislativo de decretar ordenanzas para o condado; ten o poder executivo de supervisar as operacións executivas do goberno do condado; e ten o poder case xudicial en canto a certos asuntos limitados (como a audiencia de recursos da comisión de planificación, se existe).

En canto ás operacións cotiás do goberno de condado, ás veces son supervisadas por un xerente de condado ou un xefe administrativo, que informa ao consello, ao alcalde, ou a ambos.

Nalgúns estados, o condado tecnicamente ten a un executivo plural onde algúns funcionarios importantes son escolleitos por separado do consello de comisarios ou supervisores (o que implica que non poden ser despedidos polo consello). Isto pode crear tensións se ditos funcionarios discrepan sobre como realizar mellor as súas funcións respectivas.

Ámbito de poder

[editar | editar a fonte]

O poder dos gobernos dos condado varía moito dun estado a outro, así como a relación entre condados e cidades incorporadas. O goberno do condado xeralmente reside nunha municipalidade denominada sede de condado, máis tamén algúns condados poden ter sedes múltiples ou ningunha.

Competencias mínimas

[editar | editar a fonte]

En Nova Inglaterra, os condados funcionan como máximo como distritos xudiciais dos tribunais ou como departamentos do sheriff (actualmente en Connecticut só como distritos xudiciais e en Rhode Island perderon ambas funcións) e a maior parte de poder do goberno por debaixo do nivel estatal está en mans de cidades e pobos. En varios dos condados escasamente poboados de Maine, as pequenas cidades dependen do condado para a aplicación da lei, e en Nova Hampshire algúns programas sociais adminístranse a nivel estatal. Nalgúns estados de Nova Inglaterra, como Connecticut, partes de Massachusetts e Rhode Island, os condados son só designacións xeográficas e non teñen ningún poder gobernamental e todo o goberno desenvólvese a nivel estatal ou municipal. En Connecticut, estabelecéronse 15 consellos rexionais para encher parcialmente o baleiro deixado cando o estado eliminou oito gobernos de condado en 1960. Os consellos rexionais de Connecticut non se conforman cos antigos límites do condado, senón que se forman por cidades que comparten a mesma rexión xeográfica e teñen datos demográficos similares. A autoridade dos consellos rexionais é moito máis limitada comparada cun goberno de condado: os consellos rexionais non teñen ningunha autoridade fiscal ou autoridade para emitir permisos; os poderes mencionados deléganse nos gobernos das cidades. Os consellos rexionais teñen autoridade sobre infraestruturas e planificación do uso da terra, distribución de fondos estatais e federais de proxectos de infraestruturas, plans de emerxencia e aplicación limitada de funcións lexislativas.

Competencias medias

[editar | editar a fonte]

Fóra de Nova Inglaterra, os condados teñen habitualmente, como mínimo, xulgados, servizos públicos, bibliotecas, hospitais, servizos de saúde pública, parques, estradas, aplicación da lei e cárceres. Hai polo xeral un rexistrador civil do condado, notario ou escribano (o título varía) que recolle as estatísticas vitais (como nacementos e defuncións), convoca eleccións (ás veces en coordinación cunha oficina de eleccións ou unha comisión), e prepara ou procesa certificados de nacementos, mortes, matrimonios, e disolucións (decretos de divorcio). Os condados xeralmente encárganse dos rexistros de bens inmobles. Outros funcionarios importantes do condado inclúen ao forense, tesoureiro, perito, auditor e ao fiscal de distrito.

Un moitos estados o sheriff do condado é o xefe das forzas encargadas da aplicación da lei no condado.

Na maior parte dos estados do Oeste, o condado controla todas as áreas non incorporadas dentro dos seus límites. En estados cun goberno municipal, as áreas non incorporadas son controladas polo municipio. Os residentes das áreas non incorporadas que están insatisfeitos coas decisións de asignación de recursos a nivel do municipio ou a nivel do condado poden solicitar unha votación para incorporarse como unha cidade ou pobo.

Uns poucos condados proporcionan transporte público propio, polo xeral en forma dun simple sistema de autobuses, mais na maior parte dos condados, o transporte público é proporcionado por un distrito especial limítrofe co condado, unha autoridade de tránsito rexional multicondado ou unha axencia estatal.

Competencias amplas

[editar | editar a fonte]

Os condados máis poboados proporcionan moitos servizos, como aeroportos, centros de convencións ou exposicións, museos, praias, portos, zoos, hospitais, bibliotecas xurídicas e aloxamentos públicos. Proporcionan servizos como xulgados, forzas da orde, atención familiar e infantil, servizos á terceira idade, servizos de saúde mental, servizos de benestar, servizos de axuda a veteranos de guerra, control de animais, supervisión de liberdade condicional, preservación histórica, regulación da seguridade alimentaria, servizos de control ambiental. Teñen a moitos funcionarios adicionais, como defensores públicos, comisarios de artes, comisarios de dereitos humanos e comisarios de planificación. Finalmente, tamén pode existir un corpo de bombeiros do condado (distintos dos corpos de bombeiros administrados por cidades individuais, distritos especiais ou o goberno estatal).

Maryland, en particular, dota os seus condados de amplos poderes, incluso as responsabilidades educativas (que na maior parte de estados están a cargo de distritos escolares específicos de cada cidade, ou áreas de distrito escolar que son comúns en estados como Illinois, Missouri e California).

  1. 1,0 1,1 1,2 "An Overview of County Government". National Association of Counties. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2008. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  2. "List of all 3,098 Counties/Boroughs/Parishes in the USA". Click and Learn. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2009. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  3. 3,0 3,1 "County Overview" (PDF). National Association of Counties. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de abril de 2009. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  4. "How Many Counties are in Your State?". Click and Learn. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2009. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  5. Osborne M. Reynolds, Jr., Handbook of Local Government Law, 2nd ed. (St. Paul, MN: West Group, 2001), 26.
  6. 6,0 6,1 Osborne M. Reynolds, Jr. (2009). Local Government Law (en inglés) (3ª ed.). St. Paul: West Group. p. 19. ISBN 0314005323. 
  7. "Alaska Statutes Title 29 Chapter 03. The Unorganized Borough". Local Government On-Line, Division of Community and Regional Affairs, Alaska Department of Commerce, Community and Economic Development. 18/8/1998. Arquivado dende o orixinal o 15/04/2009. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  8. "Local Government in Alaska" (PDF). Local Boundary Commission, Alaska Department of Commerce, Community and Economic Development]. febreiro de 2001. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de maio de 2013. Consultado o 19 de novembro de 2009. 
  9. "County & County Equivalent Areas". Oficina do Censo dos Estados Unidos. 19/4/2005. Arquivado dende o orixinal o 20/04/2008. Consultado o 19 de novembro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Condados_dos_Estados_Unidos

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy