Creonte
Nome orixinal | (grc) Κρέοντας |
---|---|
Biografía | |
Rei de Tebas (pt) | |
Datos persoais | |
Residencia | Tebas |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Cónxuxe | Henioche Eurydice of Thebes |
Fillos | Hêmon () Eurydice of Thebes Lycomedes () Megareus of Thebes () Mégara (esposa de Heracles) () Menoeceus () Henioche () Pyrrha () Eurydice of Thebes |
Pai | Meneceu |
Descrito pola fonte | Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Encyclopædia Britannica Enciclopedia de Otto |
Creonte, fillo de Meneceo, foi un rei de Tebas, trono ó que ascendeu cando Edipo matou o rei Laio, o seu pai.
Nesa altura, Hera castigara á cidade de Tebas mandando contra ela a Esfinxe, un mostro feminino con corpo de león, rostro de muller e ás de ave de rapina. A Esfinxe agochábase no monte Ficio, ó oeste de Tebas, e acosaba ós camiñantes: propoñíalles un enigma e, como non eran quen de atopar a solución, devorábaos. Unha das vítimas da esfinxe foi o propio fillo de Creonte, Hemón [1].
Para librarse da Esfinxe, Creonte prometeu o trono da cidade e a man da viúva do rei anterior, Iocasta (e á vez, irmá de Creonte), a quen lograra matala. E a tal fin presentouse Edipo. A Esfinxe propúxolle a seguinte adiviña: "¿Quen é o ser que cunha soa voz, anda a catro patas, logo con dúas e logo con tres?" [2], e Edipo deu coa resposta correcta: o home, que gatea cando é neno, camiña cando é adulto e de vello apóiase nun bastón. Desesperada porque lle deran coa resposta, a Esfinxe suicidouse.
Creonte cumpriu a súa promesa: cedeu a Edipo o trono de Tebas e casouno con Iocasta, coa que tivo dous fillos, Eteocles e Polinices, e dúas fillas, Ismene e Antígona. Nese momento, ninguén sabía que Iocasta era, en realidade, a nai de Edipo. Por cousa deste acto de incesto, unha peste caeu sobre Tebas e foise consultar a causa e a solución ó Oráculo de Delfos [3]. A Pitia revelou que todo se debía a que Edipo matara ó seu pai, Laio, e casara coa súa nai, Iocasta, e que debía desterrarse. Edipo sacouse os ollos e exiliouse, Iocasta enforcouse e Creonte recuperou o trono de Tebas [4].
Guerra contra Tebas
[editar | editar a fonte]Pero co tempo, Eteocles e Polinices ascenderon ó trono, e o primeiro terminou expulsando da cidade ó segundo. Polinices refuxiouse en Argos, onde reinaba o rei Adrasto. Este casouno coa súa filla máis vella, Arxía (ou Exialea), e prometeulle que o restauraría no trono, dando comezo á sonada guerra dos Sete contra Tebas, onde morreron todos menos o propio Adrasto [5].
Nesta guerra contra Tebas, o oráculo esixiu a Creonte sacrificar ó seu propio fillo, Megareo (ou Meneceo), se quería salvar a cidade. Creonte sacrificouno a Ares e así logrou a vitoria sobre os atacantes. Segundo Pseudo-Apolodoro, Meneceo ofreceuse voluntariamente ó sacrificio.
"Cando os tebanos lle consultaron [a Tiresias] sobre o futuro dixo que vencerían se Meneceo, o fillo de Creonte, se ofrecía a si mesmo como vítima dun sacrificio en honor a Ares. Cando o escoitou, Meneceo degolouse ante as portas".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 6, 7)
Cando só quedaban vivos tres dos sete paladíns (Polinices, Anfiarao e Adrasto), Polinices propuxo unha loita a morte entre el e Eteocles, que seguía en Tebas. O resultado deste combate foi que se mataron un ó outro. Creonte prohibiu dar sepultura a Polinices por traizoar á súa patria, como castigo por haber guerreado contra a súa patria [6], pero a irmá deste, Antígona, deulle os ritos fúnebres debidos e enterrouno. Ante este acto de desobediencia, Creonte ordenou que a sepultaran viva e Antígona suicidouse; outra tradición engade que Hemón, namorado dela, matouna e logo suicidouse [7], así como Eurídice, a esposa de Creonte [8].
Noutra versión do mito, Creonte prohibira enterrar os inimigos mortos e cando o soubo Adrasto, que xa fuxira ó lombo do seu cabalo alado Arión, pediu a Teseo que castigara a impiedade de Creonte. Teseo acudiu a Tebas, conquistou a cidade e encarcerou a Creonte, devolvendo os cadáveres ás súas familias para que os incineraran na pira ritual. O episodio de Antígona tería ocorrido con anterioridade [9].
Outros feitos no reinado de Creonte
[editar | editar a fonte]Creonte purificou a Anfitrión cando este matou accidentalmente ó seu sogro Electrión, rei de Micenas. O irmán deste, Esténelo, expulsou a Anfitrión e este foi parar a Tebas. Anfitrión era o pai humano de Heracles, fillo realmente de Zeus.
Reinando Creonte en Tebas ocorreu un episodio protagonizado por Heracles. Cando regresaba a Tebas despois de matar ó león de Citerón, atopouse cos soldados do rei Erxino, de Orcómeno, que viñan cobrar o tributo que anualmente tiñan que pagar os cidadáns de Tebas ós de Orcómeno, consistente en cen bois durante vinte anos. Heracles enfrontouse a eles e cortoulles o nariz e as orellas, e con elas colgando do pescozo mandounos de volta xunto a Erxino que, loxicamente irritado, atacou Tebas. Heracles armou e encabezou o exército tebano, vestido cunha armadura que lle dera Atenea e, aínda que resultou vitorioso e puido dar morte a Erxino, o seu pai, Anfitrión, morreu na loita. Segundo outra lenda, Erxino sobreviviu pero tivo que aceptar ter que satisfacer a Tebas un tributo de 200 bois anuais.
Como agradecemento, Creonte deulle a Heracles a man de Mégara (Megara ou Megera), a súa filla máis vella.
Existe outra lenda segundo a cal Lico, un fillo de Poseidón, atacou Tebas e matou a Creonte, usurpando o trono. Pensando que Heracles estaba morto, aínda que realmente nese tempo estaba servindo de escravo a Ónfale, Lico intentou seducir a Mégara. Esta negouse e Lico, enfurecido, quixo matala, xunto ós seus fillos, pero nese momento regresou Heracles e matou a Lico. Foi entón cando Hera o volveu louco e acabou matando el mesmo á muller e ós fillos [10].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pseudo-Apolodoro III, 5, 8.
- ↑ Tamén se formula así: "¿Que é o que ten catro patas pola mañá, dúas a mediodía e tres pola noite?".
- ↑ Ou ben ó adiviño Tiresias.
- ↑ Graves recolle outra posible razón pola que Creonte expulsou a Edipo: pola insolencia de ofrecerlle os cuartos traseiros dun animal sacrificado, en lugar do cuarto dianteiro, que era o que lle correspondía como rei (Graves, px. 408).
- ↑ Nunha segunda expedición, dez anos despois, os fillos daqueles sete paladíns (os chamados Epígonos) lograron tomar Tebas e colocar no trono a un fillo de Polinices.
- ↑ Lémbrese que Polinices era fillo de Edipo, rei daquela en Tebas, e polo tanto era tebano.
- ↑ Evidentemente, esta versión contradí aquela que conta que Hemón fora devorado pola Esfinxe.
- ↑ Sófocles escribiu unha traxedia sobre estes feitos, co título de Antígona, na que enfronta o deber á familia e o respecto ás normas relixiosas, representado pola actitude de Antígona, contra o deber de obediencia ó rei e o cumprimento das leis civís, representado pola intransixencia e crueldade de Creonte.
- ↑ Graves, px. 415.
- ↑ Graves, px. 568.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Creonte |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)