Content-Length: 132405 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Lingua_bavaresa

Lingua bavaresa - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Lingua bavaresa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bavarés
Bairisch / Boarisch
Falado en: Austria, Baviera, (Alemaña), Trentino-Tirol do Sur (Italia).
Rexións: Europa central e occidental
Total de falantes: 14 millóns (2015)
Familia: Indoeuropea
 Xermánico
  Xermano occidental
   Alto alemán
    Alemán superior
     Bavarés
Escrita: Alfabeto latino
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: ---
ISO 639-3: bar
Mapa
Status

O bavarés está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

A lingua bávara ou bavaresa[2] é unha lingua xermánica que se fala sobre todo en Austria e Baviera. Trátase dun grupo de variantes do alto alemán. Aínda que a súa clasificación como lingua á parte ou como dialecto do alemán é discutida, o bavarés é difícil de entender para os falantes do alemán padrón ou para quen aprenderon o alemán padrón (alemán culto) como lingua estranxeira. Posúe unha pronunciación, un vocabulario e unha gramática diferenciados do alemán culto. Debido a que non é lingua oficial nin en Austria nin en Baviera non existe unha ortografía estandarizada e ademais está sometido a unha forte influencia do alemán padrón. O bavarés é falado por uns doce millóns de persoas, sendo a gran maioría delas capaz de empregar o alemán culto.

Denominación axeitada

[editar | editar a fonte]

En bavarés non hai un nome exclusivo para o propio idioma. Úsanse as formas bayerisch ou boarisch (bávaro) facendo referencia ao estado federal de Baviera, österreichisch (austríaco ou alemán austríaco) referencia a Austria, bairisch-österreichisch (austrobávaro) con referencia a ambos ou simplemente daidsch, que é o nome do alemán en pronunciación bávara. Moitas veces úsase tamén o nome dun dialecto distinto do bávaro, como por exemplo o tirolés ou o carintio. Na lingüística alemá úsase a palabra bairisch, escrito non con y senón con i, para distinguilo do dialecto do bávaro que se fala en Baviera e tamén para incluír o austríaco. Na lingüística internacional úsase o código ISO/DIS 639-3: bar ou o nome inglés: bavarian. Nas linguas latinas poderíanse formar os termos bávaro, bavárico, bavarián e bavarés, aínda que ningún deles ten definición clara nin difusión maioritaria. O termo bávaro que se emprega neste artigo deriva do nome en latín da rexión, Bavaria, poboada pola tribo xermánica dos baiuvari a partir do esmorecemento do Imperio Romano.

Difusión

[editar | editar a fonte]

Aproximadamente doce millóns de persoas teñen este idioma por lingua materna. A maioría delas viven en Austria e no estado federal de Baviera. En Austria todos os dialectos a partir do Tirol (oeste) ata Burgenland (este) son variantes dialectais do bávaro. No estado federal austríaco de Vorarlberg, que é lindeiro con Suíza, fálase un dialecto alemánico. En Alemaña o bávaro é falado en tres distritos do estado federal de Baviera: Alta Baviera, Baixa Baviera e Alto Palatinado. No norte de Baviera fálanse dialectos francóns e no distrito da actual Suevia tamén se fala un dialecto alemánico. En Italia o bávaro é falado na rexión alpina de Tirol do Sur e tamén en pequenas aldeas de Trentino e Friuli.

O número de persoas que coñecen o bávaro é difícil de estimar con bastante precisión, porque non todas elas o teñen como primeira lingua. Unha proporción indeterminada fala o alemán padrón como idioma principal e só ten unha competencia pasiva en bávaro. Entre os falantes do bávaro tamén se contan minorías con outras linguas maternas, sendo a maioría deles inmigrantes de primeira ou segunda xeración.

Lingua ou dialecto?

[editar | editar a fonte]

Existe un debate lingüístico arredor da entidade do bávaro. Hai quen o clasifica como un dos diversos dialectos do alemán e hai quen o considera propiamente unha lingua. Existen bastantes argumentos tanto a favor como en contra de ambas posturas. Frecuentemente a opción preferida baséase en gran medida nas opinións persoais dos protagonistas deste debate.

O bávaro como lingua diferenciada

O bávaro ten moitas peculiaridades que o diferencian do alemán padrón, tanto en vocabulario como na gramática. As diferenzas son tantas que os xermanofalantes non familiarizados co bávaro atopan problemas en entendelo. Nos programas de televisión emitidos para toda Alemaña as entrevistas con bávaro-falantes aparecen ás veces subtituladas para que o público do norte do país poida entendelas.

Historicamente as diferenzas son consecuencia de cinco factores:

  • Orixe diferente: outras tribos xermánicas trouxeron durante o período das grandes migracións outra forma do xermánico antigo á rexión na que hoxe se fala o bávaro.
  • Substratos diferentes: a poboación indíxena que vivía nas provincias romanas de Rexa, Nórico e Panonia (latino-falantes no oeste e eslavos no leste) foi diferente ao norte de Xermania e influíu na creación da nova lingua.
  • Contactos diferentes: o bávaro posúe moitos termos procedentes do italiano e das linguas eslavas por causa da súa veciñanza xeográfica.
  • Tendencia conservadora: o bávaro mantén actualmente vocábulos e frases que tamén aparecían no alemán culto hai uns séculos.
  • Evolución diferente: na súa evolución fonética o bávaro seguiu camiños diferentes aos do alemán culto, como probaría a abundancia de ditongos e a lenición de consoantes.

O bávaro como dialecto do alemán

Tamén existen poderosos argumentos a favor da teoría que considera o bávaro un dialecto do alemán, principalmente:

  • Orixe común: malia a que as tribos xermánicas que trouxeron a súa lingua á rexión eran diferentes, falaban un idioma común ou de gran similitude.
  • O alemán como amálgama de dialectos: o alemán culto é o resultado dunha amálgama de diferentes dialectos na cal o bávaro tamén exerceu a súa influencia.
  • Influencia da lingua oficial: a partir da invención da imprenta, no século XV, e a creación do alemán culto por Martiño Lutero no século XVI a influencia do alemán culto reduciu as particularidades lingüísticas rexionais a un nivel tal que hoxe apenas se poden considerar dialectos que seguen perdendo importancia.
  • Carácter superficial da maioría das diferenzas: con certeza moitas palabras pronúncianse de forma diferente en bávaro a como o fan en alemán padrón, pero na súa substancia son iguais ao alemán culto. Exemplo: Como te chamas? = (bávaro: Wia hoast du?) e (alemán: Wie heißt du?)
  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bavarés.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Lingua_bavaresa

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy