Content-Length: 103934 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/M%C3%A9topa

Métopa - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Métopa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada dianteira do Partenón

Unha métopa (do grego, μετόπη, abertura)[1] é un elemento de composición da arquitectura grega clásica. Consiste nun panel cadrado ou rectangular de pedra, mármore ou cerámica. Forma parte do friso dórico, formado por unha sucesión alternante de métopas e tríglifos (estes con acanaladuras verticais). As métopas estaban lixeiramente rebaixadas respecto dos tríglifos.

As métopas e os tríglifos do friso dórico eran, orixinalmente, placas de terracota pintadas de xeito brillante que protexían o marco de madeira da humidade. Os templos fóronse construíndo gradualmente en mármore (nas Cícladas) ou en pedra calcaria agrisada (no Peloponeso), acadando así unha dimensión monumental. Nesta nova arquitectura, feita enteiramente en pedra, os elementos funcionais como as métopas e os tríglifos do friso dórico pasan a ter un valor puramente decorativo. Os tríglifos facíanse corresponder coas columnas, e as métopas cos intercolumnios, simulando ser, respectivamente, o extremo das trabes de madeira e o espazo baleiro que quedaba entre as trabes.[2]

A diferenza do aspecto abrancuxado do mármore branco producido pola erosión do tempo, os templos gregos estaban pintados. A decoración canónica consistía en pintar as liñas horizontais en vermello, as verticais en azul ou negro e os tambores das columnas permanecían claros.

Loita dun centauro e un lápita (métopa 31, Partenón, hoxe no Museo Británico)

Evolución

[editar | editar a fonte]

Na época arcaica as métopas adoitaban ser lisas. Na época clásica incorpórase ás métopas decoración a base de relevos policromados, ou pinturas. Os seus temas eran variados e caracterizáronse polo feito de relatar sucesos históricos ou mitolóxicos. A súa función era, sobre todo, decorativa.

Na arquitectura romana clásica, as métopas adoitan estar decoradas con bucranios[3], rosas ou pratos. Posteriormente, na arquitectura románica, os tríglifos serán substituídos polos canzorros ou modillóns, e as métopas constituirán o intervalo entre aqueles, lisas ou decoradas con relevos, conformando un friso similar ó do estilo clásico grego.

Os estilos renacentista e, por suposto, o neoclasicista utilizarán adoito estes elementos decorativos.

  1. Lajo (1990), p. 133
  2. Denigot, Gwen-Haël (febreiro 2007). "Le temple : un édifice où le temps s'arrête". Les Cahiers de Science et vie (Excelsior publications) (97): 52–55. ISSN 2266-2324. 
  3. "Gravado ou relevo consistente na cabeza ou no cranio dun boi, a miúdo adornado con grilandas, que se utilizaba como ornamento na arquitectura clásica en frisos, altares etc." (DRAG en liña, consultado o 27.12.2023).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/M%C3%A9topa

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy