Content-Length: 99553 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Mal_de_ollo

Mal de ollo - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Mal de ollo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase mal de ollo ou ollada o efecto negativo que sobre a saúde das persoas ou dos animais pode produci-la mirada de determinadas persoas ás que se cre posuidoras de certos poderes. Ese dano pode producirse voluntariamente, como consecuencia da envexa ou o simple desexo de causar mal, ou mesmo involuntariamente, e pode exercitarse sobre as persoas ou sobre os seus bens.

A relación do dano provocado por un suposto mal de ollo e a envexa que outro poida sentir polos bens que un posúa está admitida polos antropólogos. Lévase ó extremo de que os paisanos consideran necesario aplicar algún ritual protector ante calquera eloxio dun veciño, por se tal eloxio leva agochada envexa e pode causar dano. Así, Risco recolleu a práctica profiláctica dalgúns pastores ou labregos de cuspir no gando cando alguén lle di que ten uns bos animais, que están lucidos ou unha loanza semellante, por se tal persoa tivera o poder de bota-lo mal de ollo [1]

Xosé Ramón Mariño Ferro atribúe dúas funcións sociais na crenza popular da existencia do mal de ollo: por unha banda serve para explicar feitos casuais para os que non se ten unha explicación lóxica. Unha enfermidade, un animal que morre, un accidente calquera atopan así unha causa, e deste xeito néganse os feitos inexplicables.

Por outra banda, pode servir para controla-la envexa dos veciños, ou canto menos a súa manifestación externa, canto que ninguén quere ser acusado de bota-lo mal de ollo, polo que evitan exteriorizar ese sentimento.

Cómpre diferencialo do meigallo, aínda que ámbolos fenómenos presenten elementos comúns. O meigallo, feitizo ou meigueiría é a obra dunha meiga, que se introduce no corpo dunha persoa á que pode causar doenzas diversas e, sobre todo, comportamentos anormais e actitudes de rexeitamento ante a relixión ou os seus representantes.

Protección contra o mal de ollo

[editar | editar a fonte]
As castañas bravas, do castiñeiro de Indias ou castiñeiro das bruxas, utilízanse como amuleto protector do mal de ollo.

Moitas enfermidades da xente ou do gando, de etioloxía descoñecida, atribuíronse ó mal de ollo, e para defenderse del utilizáronse numerosos remedios, sexan obxectos diversos, prácticas supersticiosas ou ó recurso a obxectos santos ou bendicidos.

Os cornos de vaca ou, por similitude, de vacaloura, ou cousas de forma parecida a un corno, como pode se-los dentes de allo ou os dentes de porco ou de xabaril, son un remedio común contra unha mala mirada, suponse que por ser instrumentos defensivos ou lembrar a eles. Así, para protexe-los meniños adoitaba colocarse un amuleto destes entre a roupa ou pendurado ó pescozo.

Especial sona como amuleto contra os efectos do mal de ollo ten o alicornio [2], que é un canteiro de xabaril protexido na base cun armazón de prata. Utilízase como protector levándoo pendurado no colo, ou como elemento curativo pasándoo por riba da parte do corpo enferma ou bebendo as raeduras nun pouco de leite. Probablemente deba o nome á suposta relación co animal mítico chamado unicornio.

Tamén se utilizan co mesmo obxectivo profiláctico o que denominan a bulsa dos atavíos [3], na que meten un dente de allo, unha pedra da ara (raeduras dun altar ou dunha pía de auga bendita) e outros obxectos relixiosos, como a auga bendita, unha cruz ou un escapulario. Pero tamén se consideran eficaces unha gorra ou o pantalón dun home, unha ferradura, o fume, unha pedra collida nun camiño polo que pasou o viático etc. Como se ve, estas fórmulas contra o mal utilizan recursos relixiosos (o ben contra o mal), masculinos ou defensivos.

Pódese recorrer a certas prácticas, rituais ou ensalmos para descubri-la persoa causante do mal de ollo e, así, obrigarlle a que o retire. Como tal, se unha vaca produce o costro sanguinolento [4] dáse por suposto que se debe á ollada dunha mala veciña. Para recoñecela, durante tres días seguidos moxen a vaca e botan ese costro ó lume, ou nunha tixola posta ó lume, coa seguridade de que a persoa responsable aparecerá axiña a suplicar que se deixe de facer tal cousa, pedir perdón e retira-la mirada.

Mal de ollo inocente

[editar | editar a fonte]

Tamén existe a posibilidade de provocar dano coa mirada sen ter ningunha intención de facelo, pola moita forza que se ten na vista. Rafael Silva recolleu en Velle (Ourense) o seguinte:

Téñense conocido varias personas de mala vista, e entre elas un señor que era tanta a forza da vista que tiña que andar con lentes pra acortar a vista e usando cristales dobles, non podía mirar de frente pra ningún ser viviente porque do contrario mataba aquil ser pra que miraba. Algunha cabeza de ganado, como foi unha becerra d’un veciño d’iste pueblo que era mui bonita e como lle gustaba tanto, mirou pra ela e caíu morta, pero il como era rico abonoulle a becerra ô dono d’ela, solo que il tiña moito cuidado de non mirar de frente pra nadie.
  1. Afirma Risco que a mesma crenza existe en Córsega, no Norte de África e no Próximo Oriente.
  2. Alicor, alicorno, alicorne, alicornia, licorno, licornia ou licornio.
  3. Tamén a chaman cubela, que designa propiamente un relicario de prata que portan as mulleres que se cren enfeitizadas e no que meten un cacho de ruda, incenso, unha pedra de ara, raeduras dun olifante (oro de la uña de la gran bestia) etc.
  4. Cousa, en calquera caso, non infrecuente nas primeiras horas da secreción láctea.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Mal_de_ollo

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy