Content-Length: 287815 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Narval

Narval - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Narval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Narval
Monodon monoceros

Debuxos dun narval:
arriba, de perfil; debaixo, visión ventral

Comparación do tamaño entre un humano e un narval
Comparación do tamaño entre un humano e un narval

Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Familia: Monodontidae
Xénero: Monodon
Linnaeus, 1758 [1]
Especie: M. monoceros
Nome binomial
Monodon monoceros
Linnaeus, 1758 [1]
Distribución do narval
Distribución do narval

Distribución do narval
Sinonimia
Referencia:[2]
  • Narwalus microcephalus Lacépède, 1804
  • Ceratodon monodon Pallas, 1811
  • Narwalus vulgaris Lacépède, 1804

O narval,[3] Monodon monoceros Linnaeus, 1758, é unha especie de cetáceo odontoceto, a única do xénero Monodon e que, xunto coa beluga (Delphinapterus leucas), conforman a familia dos monodóntidos.

Ambas as especies distínguense, sobre todo, porque os machos do narval teñen un dente logo, recto, helicoidal, chamado popularmente corno, que en realidade é un dos dous dentes superiores, os únicos que posúe, concretamente o esquerdo, que pode chegar a medir 2 m de lonxitude e pesar até 10 kg, e do que se pensa que pode ser un receptor sensorial ou, máis ben, un carácter sexual secundario.

O narval está perfectamente adaptado a vivir no Ártico. Carece de aleta dorsal e ten un tamaño mediano entre os cetáceos, cunha lonxitude media, nos machos adultos, que oscila entre os 4 e os 4,5 m, e un peso de entre 1 000 e 1 600 kg.

É un depredador especializado, cunha dieta que se restrinxe unicamente a uns poucos animais bentónicos, principalmente peixes planos, que consome sobre todo no inverno mergullándose a profundidades de até os 1 500 m baixo as placas de xeo (despois dos cachalotes, os zifios e os elefantes mariños é o mamífero mariño que se somerxe a maior profundidade).[4] Estas inmersións poden durar até 30 min.

Distribúese principalmente en augas da rexión ártica do norte do Canadá, Groenlandia, os mares do océano Glacial Ártico de Rusia e o norte do océano Atlántico. Habita principalmente en torno aos bloques de xeo que se forman durante os prolongados invernos destas rexións tan setentrionais, migrando ás baías e fiordes circumpolares durante o verán.

Os narvais foron cazados desde hai máis de mil anos polo pobo inuit no norte do Canadá e en Groenlandia, para aproveitar a súa carne e o marfil do seu dente; e hoxe en día continúan practicando esta caza de subsistencia, regulada pola autoridades. Aínda que parece que as poboacións parecen estábeis, o narval é particularmente vulnerábel debido ao cambio climático e a ocupar unha estreita zona xeográfica e ter unha dieta moi especializada.[5]

Crese que a poboación mundial é de algo máis de 75 000 individuos. En 2008 foi catalogado na Lista Vermella da IUCN como especie pouco ameazada (NT), debido a que aínda se mantén a súa caza (teoricamente controlada), pola evidente diminución dos efectivos da súa poboación nalgúns grupos, a incerteza da cifra total de animais e o descoñecemento das tendencias de crecemento.

Outras ameazas para a poboación deste cetáceo son a depredación por parte dos seus inimigos naturais (tiburóns, osos polares e candorcas), a elevada contaminación mariña por praguicidas e metais pesados, e polos moitos individuos que quedan atrapados dentro de densas capas de xeo ao inicio do inverno, que lles impide desprazarse a mar aberto morrendo de inanición ou por afogamento, e a pouca capacidade de adaptación ante os cambios climáticos.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Nome científico

[editar | editar a fonte]

O xénero Monodon foi establecido por Linneo en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae,[1] e o formou cos elementos do latín mon- (do grego μόνος mónos, "só, único") e -odon (do grego οδούς, -όντος odoús-, -óntos, "dente"), debido á característica deste animal de presentaren, os machos, un só enorme dente.

E canto ao nome específico, monoceros, tamén establecido por Linneo, vén do grego μονόκερως monókeros, de μόνος mónos, "só, único", e κέρας kéras, "corno", é dicir, "dun só corno", ou "unicornio".

Así que o nome científico completo, Monodon monoceros resulta ser algo así como o redundante "o dun só dente, que é un só corno".

Nome común

[editar | editar a fonte]

O nome narval entrou nos idiomas europeos dos países meridionais a través do inglés narwhal ou narwal modificacións (seguramente influídas polo inglés whale, "balea") que á súa vez proceden do noruegués e o danés narhval e o sueco narval, probábel alteración do islandés nárhvalur, do antigo nórdico nāhvalr, de nár "corpo" ("cadáver") e hvalr "balea", literalmente, "cadáver de balea", facendo referencia talvez á cor gris con pintas do animal que lle lembraría a aparencia da pel dun cadáver humano.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Cranio dun híbrido de narval e beluga.
Museo Zoolóxico de Copenhaguen.

O narval foi unha das especies descritas por Linneo en 1758, na 10ª edición da súa obra Systema naturae.[1]

É o único integrante do xénero Monodon e, xunto á beluga conforma a familia dos monodóntidos, pertencente á suborde dos odontocetos.[Cómpre referencia]

Crese que a hibridación entre estas dúas especies é posíbel, debido ao achado dun cranio con características intermedias.[7]

A familia dos monodóntidos separouse do resto dos delfinoideos hai entre 11 e 15 millóns de anos, facéndoo máis recentemente da familia dos focénidos, a máis achegada en termos evolutivos.[8]

Actualmente os dous integrantes da familia dos monodóntidos habitan nas rexións ártica e circumpolar. Porén, durante o mioceno e o plioceno frecuentaron augas máis cálidas, o que se evidencia polos fósiles descubertos na Baixa California.[9]

No rexistro fósil encóntrase un xénero extinto relacionado co narval, denominado Odobenocetops (literalmente, "balea con cara de morsa"), que tamén posuía dentes moi longos pero, a diferenza deste, estaban orientados en dirección posterior e en xeral eran pares; unha adaptación similar á das morsas que posibelmente lle servía para obter alimento do fondo mariño.[9][10]

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características distintivas do narval son:[11][12]

  • Corpo de forma xeral semellante á da beluga, coa cabeza relativamente pequena e globosa (aínda que menos que a desta), cos fronte bulbosa e con bico moi pequeno e, como ela, sen aleta dorsal, dun tamaño de entre os 4 e os 5 m nos machos adultos (máximo rexistrado de 6 m nos machos e de 5 nas femias), e cun peso de até 1 600 kg nos machos e uns 900 nas femias.
  • Aleta dorsal ausente, substituída por unha lixeira e estreita xiba. Aletas pectorais curtas, de forma lanceolada e cor gris lousa, coas puntas curvadas cara a arriba, curvatura que se acentúa coa idade. Aleta caudal cunha marcada fendedura no centro, separando os lóbulos, que teñen os bordos anteriores cóncavos e os posteriores convexos, cocavidadce e convexidade que tamén aumentan coa idade.
  • Coloración dos machos adultos moi escura, uniforme e case negra no dorso, incluídas as partes superiores da cabeza e da aleta caudal; os flancos son máis claros, e están cubertos de pequenas manchas escuras (entre gris lousa e negras), e o ventre é abrancazado. As femias son máis claras, e as crías, cando nacen, son de cor uniformemente gris azulada moi pálida, que vai escurecendo coa idade (non desenvolven a coloración manchada até os 2 anos de idade).[13][14]

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Distribución, poboacións e hábitat

[editar | editar a fonte]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Distribución do narval
En azul: avistados frecuentemente.
En raiado: presenza escasa.
.

O narval ocupa un dos hábitats máis setentrionais dos cetáceos, no ámbito circumpolar, en zonas descontinuas, case sempre por riba do círculo polar, xusto nos bordos do casquete polar, poucas veces por debaixo dos 70º N. É raro no Canadá central e occidental, así como nas augas de Alasca de Siberia, pero existen poboacións abundantes no estreito de Davis, no norte da baía de Hudson e na baía de Baffin, así como nos mares de Groenlandia e de Barents.[11][12]

Poboación

[editar | editar a fonte]

A poboación canadense e do noroeste de Groenlandia avaliouse nos anos 1980 entre os 20 000 e os 30 000 individuos. A importancia das outras poboacións non se coñecía ben nesa época.[11]

As máis modernas estimacións sobre a poboación total mundial varían de acordo cos distintos autores e publicacións. Segundo Innes et al. e a Comisión para os mamíferos mariños do Atlántico Norte (NAMMCO), en 2002 a poboación global probabelmente excedía dos 80 000 .individuos, sendo a poboación máis numerosa a do Ártico canadense, cun número superior aos 70 000 exemplares que se reunían durante o verán.[15][16] Laidre et al., en 2008, propuxeron unha cifra aproximada de 75 000 individuos.[5] O Departamento de Pesca e Océanos de Canadá (DFO), no mesmo ano 2008 publicou unha estimación de 86 000 individuos nas augas do Ártico canadense, no territorio de Nunavut.

No fiorde Inglefield Bredning e lugares adxacentes do nordeste de Groenlandia, en 2001 e 2002 estimouse unha poboación de 2 297 e 1 478 individuos, respectivamente.[17] No sector eurasiático do Ártico só se realizou unha estimación en Scoresby Sound e no fiorde King Oscar, ao oriente de Groenlandia, cunha cifra de ta só 176 animais.[18] Nas augas do nordeste do Atlántico non existen estudos recentes.[19]

Narvais nas inmediacións da illa Somerset, no Ártico canadense.

O narval é unha especie migratoria, e as migracións están determinadas polo avance e retroceso dos xeos, pasando o verán en fiordes profundos e de augas frías, así como en baías. Con frecuencia aparece entre os xeos flotantes, onde busca refuxiarse das candorcas.[12]

En todas as áreas de distribución, esta especie prefire as augas profundas en mar aberto.[18] As poboacións do Canadá e Groenlandia occidental teñen como sitio invernal a capa de xeo do estreito de Davis e a baía de Baffin. Os sitios invernais son os hábitats máis importantes dos narvais, pois constitúen os lugares onde se alimentan de animais do fondo mariño en maior cantidade, principalmente entre os meses de novembro e marzo, contrastando co baixo consumo alimentario durante os meses de verán.[20]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Os narvais son gregarios e forman pequenos grupos de dous a dez individuos, aínda que en ocasións, principalmente durante o verán, se reúnen en grandes grupos de centos e mesmo milleiros exemplares.[21]

Estes grupos ou mandas son mixtos, aínda que existe segregación en función do sexo e a idade. As femias e as crías adoitan formar un grupo, e os machos novos e os adultos, asociacións separadas. Pero centos de mandas poden xuntarse para viaxar, agrupando a miles de individuos que se estenden ao longo de moitos quilómetros cadrados. A segregación sexual en mandas grandes é máis evidente nas migracións de outono.[12]

Cando se alimentan móvense e forma errática e moi lenta, e pasan pouco tempo na superficie, mergullándose durante 7 a 20 min. Pero durante as migracións nadan rápido e permanecen na superficie ou cerca dela. Todos os membros do grupo poden saír á superficie e somerxerse ao mesmo tempo. Poden permanecer na superficie até 10 min, con parte do dorso ou dunha aleta pectoral fóra da auga. Ás veces só asoma o dente.[12]

En mares tumultuosos adoitan permanecer a gran profundidade. Son bastante correntes as saídas para vixiar, e os golpes na auga coa cola ou coas aletas pectorais. Raramente saltan con todo o corpo fóra da auga, como fan os golfiños. O sopro respiratorio é débil e pouco visíbel.[12]

Os machos fan torneos cos seus dentes cruzados, tanto na superficie como debaixo da auga. O son que producen recorda ao de dous bastóns de madeira que se golpean entre si. Os machos xuvenís adoitan xogar a pelexárense, pero poucas veces se atacan de verdade. O adultos adoitan teren cicatrices debidas a feridas producidas en pelexas importantes. Nas pelexas poden participar máis de dous animais e ás veces un terceiro (de ambos os sexos) pode actuar de "observador". Pénsase que estas pelexas serven para establecer niveis na xerarquía social, e os torneos rituais os manteñen. Os machos máis poderosos, cos dentes máis longos e largos, poden ser capaces de loitar por varias femias.[12]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Sábese que, mentres buscan alimento, os narvais emiten secuencias regulares de clics lentos, que se intercalan con explosións de pulsos rápidos. Crese que este comportamento obedece a unha fase inicial da busca de presas, que se torna nunha fase de persecución activa en cuanto o animal descobre unha presa potencial. E canto máis se acerca á presa, o tempo de resposta entre os ecos faise máis breve, o cal pode explicar as series de rápidas de clics. Todo isto traduce un método de detección e captura de presas baseada na ecolocación.

Os narvais aliméntanse principalmente despois da migración de oiutono ao norte, durante o inverno, facénddo moi pouco durante o verán, cando as augas están desprovistas de xeo.[18] Esta afirmación baséase no achado de individuos do oriente do Canadá e o oeste de Groenlandia co estómago baleiro ou sen evidencia recente de comida durante o verán, contrastando coa presenza de restos considerábeis de alimento sen dixerir desde finais do outono e durante o inverno. Nestas mesmas poboacións, durante o verán a dieta principal está formada por bacallau ártico (Arctogadus glacialis), bacallau polar (Boreogadus saida) e luras do xénero Gonatus. En outono, a especie Gonatus fabricii parece constituír a única fonte de alimento. A finais do outono e no inverno o alimento principal está constituído principalmente por fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) e G. fabricii, encontrándose as dúas especies no 51 e no 73%, respectivamente, dos individuos estudados. Os fletáns negros encontrados tiñan de media 39 cm e 556 g e G. fabricii unha media de 23 g con 8,5 cm de lonxitude. A baixa diversidade de presas indica que os narvais teñen unha dieta moi restrinxida ao longo de todas as estacións.[22] Á parte das presas mencionadas tamén se encontraron camaróns das especies Pasiphaea tarda e Hymenodora glacialis.[18]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A idade á que alcanzan a madurez sexual estímase entre os 6 e 7 anos para as femias e os 9 para os machos. A época de emparellamento ocorre entre marzo e abril, e os nacementos das crías se produce en xullo e agosto do ano seguinte. A duración da xestación estímase en 15,3 meses e o período de lactación é superior a 12 meses. O intervalo entre xestacións é de 3 anos. A taxa de nacemento anual estímase en 0,07.[23] Normalmente nace unha soa cría, pero rexistráronse casos de xemelgos. Os pequenos nacen cunha capa graxa de 2,5 cm de espesor, miden entre 1,5 e 1,7 m e pesan uns 80 kg.[24]

Os depredadores do narval son as candorcas, as morsas, os osos polares e os tiburóns. Pero o seu principal inimigo, porén, é o home. Os inuit (esquimós) véñeno cazando desde hai moitos séculos, xa que eran unha das principais fontes da súa economía de subsistencia, aproveitando tanto os dentes como a grosa pel, a graxa subcutáne e a carne. A pel comíana crúa e está considerada como un manxar exquisito por este pobo. A carne utilízana sobre todo para alimentar aos cans, aínda que tamén a comen os humanos, e a graxa como combustíbel para cociñar e para a iluminación.[12]

Os narvais aínda hoxe proporcionan varios elementos importantes para economía de subsistencia das poboacións humanas na rexión ártica. Actualmente os seus produtos úsanse principalmente como alimento, consumindo a carne, a pel, a graxa e as vísceras. Coa pel e a graxa subcutánea preparan un prato chado muktuk. Os ósos utilízanos para fabricar ferramentas e pezas de arte. Os dentes son comercializados e véndense como souvenir no Canadá e tamén como obxecto ornamental en moitos mercados do mundo. O prezo do marfil de narval incrementouse substancialmente nos últimos anos. Tradicionalmente era exportado dende o Canadá e Groenlandia ao Reino Unido, e a miúdo era reexportado desde alí. A raíz da prohibición deste comercio co Reino Unido abríronse novos mercados no Xapón e Suíza.[25] Porén, actualmente o comercio está regulado a través da Convención sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES), requiríndose un permiso gobernamental para a importación e exportación de produtos animais. Adicionalmente, Groenlandia estableceu a prohibición para a exportación de calquera dos produtos do narval en 2006.[25]

Os gobernos do Canadá, os Estados Unidos e Groenlandia ditaron leis para regular esta caza de subsistencia. Actualmente se lles permite a caza cun un número de capturas o ano de aproximadamente 1 000 animais segundo un informe de 1991.[26] Máis recentemente, entre 2002 e 2004 as capturas anuais por parte dos inuit oscilaban entre 535 e 433 en Groenlandia occidental e o Canadá, respectivamente.[25] Dos animais que se recollen mortos a maioría son machos, pero sospéitase que existe un baleiro nos datos rexistrados, debido principalmente a que hoxe en día os inuit do Canadá perseguen aos narvais con lanchas motoras, e os cazan con potentes rifles, en vez de arponealos a pé desde unha placa de xeo, como antano, e este moderno sistema de caza é pouco rendíbel, xa que como mínimo a metade dos animais van para o fondo, ou ben escapan feridos para morreren pouco despois. Por iso, a pesar das poucas capturas anuais, as mortes son bastante máis elevadas.[12] Deste xeito no número real de mirtes pode incrementarse como mínimo nun 40 %.[27]

A Comisión para os mamíferos mariños do Atlántico Norte (NAMMCO) expresou a súa preocupación pola diminución das poboacións de narval en Groenlandia occidental. Porén, para a temporada 2006-2007 mantivéronse cotas de caza só para Groenlandia de 385 animais, non atendendo a recomendación de cazar unicamente 135 individuos, mentres que no oriente da illa asúmese que polo menos se capturan anualmente 100 exemplares fóra da cota fixada sen avaliación da sostibilidade da poboación.[28]

Outras ameazas

[editar | editar a fonte]
Depredadores naturais

Como quedou dito, os depredadores naturais dos narvais son os tiburóns, as candorcas, os osos polares e as morsas. Porén, a mortalidade ocasionada por estes animais non parece ser significativa.[29]

Trampas de xeo

Hai informes que indican que son os narvais son vítimas frecuentes de atrapamento no xeo, quedando gran número deles illados durante a temporada de formación rápida das capas, e dispoñendo soamente dun reducido espazo e de pequenas polinias para respirar; na maioría dos casos terminan por morrer durante o inverno pola imposibilidade de alimentarse, por esgotamento tras saír a respirar en repetidas ocasións, rompendo o xeo coa cabeza (non co dente), e ao se converter en presa fácil para os cazadores.[29] Por exemplo, en 2008 se informou da morte de 575 individuos que deberon ser sacrificados por cazadores ao quedaren atrapados no xeo cerca da comunidade de Pond Inlet, na illa de Baffin[30]

Contaminantes

Os principais contaminantes vertidos polos humanos e que supoñen unha ameaza para os narvais son os metais pesados e os pesticidas organoclorados.[25] Os niveis de cadmio nos narvais son os máis altos rexistrados entre os cetáceos.[29] As concentracións máis elevadas deste metal encontráronse nos individuos que habitan as costas do Canadá, mentres que os niveis máis altos de chumbo acháronse nas poboacións que viven ao occidente de Groenlandia. A carne, vísceras, pel e graxa do narval consómense, como quedou dito, na rexión ártica, o cal pode representar un risco para a saúde humana, debido a que en animais de Svalbard (Noruega) se encontrou un amplo rango de contaminantes en altas concentracións, como bifenilos policlorados (PCB), plaguicidas clorados e éteres difenilpolibrominados (EDPBs).[31]

Comparado con outros mamíferos mariños da zona os niveis de contaminantes foron os máis altos rexistrados, indicando que a especie posúe unha baixa capacidade para metabolizar estes tóxicos. Os altos niveis tamén se explican pola alta concentración de substancias nocivas nos animais do fondo mariño dos que se alimenta o narval.[32]

A concentración de BFPs e de diclorodifeniltricloroetano (DDT) en exemplares de Groenlandia occidental, foi a metade da encontrada nos animais ao oriente da illa e en Svalbard,[33] a concentración de mercurio total encontrada foi de 0,59 µg/g na pel e capa graxa dos animais, excedendo os límites do goberno do Canadá para a exportación e consumo de carne de peixe (0,5 µg/g).[34]

Cambios climáticos

O efecto do cambio climático nestes cetáceos é incerto. Están ben adaptados á vida nas placas de xeo, porén, son especialmente propensos a quedar atrapados en pequenas cavidades da grosa capa conxelada, o que á fin lles ocasiona a morte. Isto ocorre xeralmente cando existen cambios abruptos no clima.[19] Unha publicación recente con respecto á sensibilidade dos mamíferos mariños do Ártico con respecto aos cambios climáticos e no ecosistema, estableceu que o narval é a especie máis susceptíbel, debido principalmente á súa distribución xeográfica restrinxida, ao feito de frecuentar sempre os mesmos sitios e o ter unha dieta tan especializada.[19] Outra circunstancia que o faría especialmente sensíbel a estes cambios no clima, é o feito de ter unha adaptación fisiolóxica extrema. A especie conta cunha alta porcentaxe de fibras de contracción lenta nos músculos natatorios (87 %), característica que lle proporciona unha alta resistencia, pero lle resta velocidade, dándolle só unha escasa capacidade aerobia e un rango de acción limitado para desprazarse rapidamente entre as capas de xeo e as diferentes zonas de alimentación.[35]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Na Lista Vermella da IUCN, o narval foi clasificado en 2008 como especie pouco ameazada (NT, do inglés Near Threatened). Previamente (1996), se catalogara como especie con datos insuficientes (DD, do inglés Data Deficient). A xustificación para ser incluído nesta categoría débese a que a poboación estimada de animais na zona circumpolar é probabelmente maior a 80 000 e que, a nivel global, a especie non reúne ningún dos criterios para ser clasificada como especie ameazada. Porén, non existe certeza sobre a cantidade de exemplares e ameazas específicas nalgunhas áreas da súa distribución, e existe unha clara evidencia de declinación para algunhas subpoboacións. Adicionalmente, a caza intensiva en Groenlandia e o Canadá é causa de preocupación debido á inexistencia de datos reais sobre a mortalidade por lesións serias causadas en animais que logran escapar despois de ser arponeados.[19]

En 1976 establecéronse regulacións no Canadá para a protección desta especie, contidas na Lei de pesca. Entre outras medidas, fixa limitacións nas cotas de caza con protección total para as crías e as súas nais, e accións para evitar o desperdicio dos produtos do animal, incluíndo o seguimento dos dentes obtidos. Porén, estas medidas non se aplican na práctica.[36] En Estados Unidos están protexidos, coa excepción da caza de subsistencia por parte dos inuit. En Rusia, a especie está totalmente protexida e en Noruega as cotas de caza se limitan ao occidente de Groenlandia.[36]

O narval na cultura

[editar | editar a fonte]
A comercialización de dentes de narval na Europa medieval contribuíu á lenda do unicornio.
Unicornio, narval e suposto unicornio fósil, comparados no Museum Museorum, en 1704.

Segundo a mitoloxía do pobo inuit (os esquimós), os narvais con cornos foron creados cando unha muller que cazaba estes animais canda un seu fillo foi arrastrada por un narval moi grande ás profundidades. Entón ela converteuse nun narval, e os seus cabelos, que levaba recollidos nun moño enrolado, convertéronse en corno.[37]

Na Europa medieval, os viquingos procedentes da súa colonia en Groenlandia comercializaban dentes de narval, aos que facían pasar por cornos do fabuloso e marabilloso unicornio.[38]

Críase que estes supostos cornos tiñan poderes máxicos, entre outros, a capacidade de curar envelenamentos e a melancolía,[39] e por isto eles e outros comerciantes de orixe nórdica ás vece cobraban por estes cornos o seu peso en ouro.[40]

Os dentes usábanse para facer copas, xa que se cría que podían neutralizar calquera veleno que estivese nunha bebida.

Estas crenzas aínda perduraron plenamente entrado o Renacemento e así, cóntase que, durante o século XVI, a raíña Isabel I de Inglaterra adquiriu un dente de narval tallado e con xoias incrustadas polo que pagou 10 000 £,[39] (que en 2007 terían un valor que oscilaría entre 1,5 e 2,5 millóns de £).[41]

A verdadeira orixe destes dentes foi desvelándose gradualmente durante a era dos descubrimentos, nos séculos XV e XVI, cando exploradores e naturalistas empezaron a visitar o Ártico.

O primeiro en mencionar dalgunha forma o narval foi o escritor e eclesiástico sueco Olaus Magnus, que na súa principal obra, Historia de gentibus septentrionalibus, escrita en 22 libros sobre a xeografía, tradicións, costumes, asuntos eclesiásticos e xurídicos dos pobos escandinavos e publicada en 1555 en Roma, describe un animal chamado monoceros do que di que é "un monstro mariño que ten na súa fronte un gran corno, co que podía esnaquizar barcos e destruír moitas persoas".[42]

Pero aínda no século XVIII se escribían cousas como esta, referida ao Museum Museorum (O Museo dos Museos):[43]

Museum Museorum ou teatro completo de todos os medicamentos e especias, coa maneira dos elixir, as súas calidades distintivas, a súa utilidade e o seu emprego, tomadas dos museos e as tendas de especias, de obxectos de arte e de historia natural, das descricións das viaxes ás Indias orientais e occidentais, as recompilacións curiosas de observacións meteorolóxicas, as obras de naturalistas e médicos, e na súa propia experiencia, dirixida para o uso da xuventude das escolas, os drogueiros, os farmacéuticos, o inspectores de farmacia, así como outros artesáns tales como xoieiros, pintores, tintureiros etc...
Páxina "licornio" publicada en Frankfurt por Michele Bernardo Valentini.(1701)

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Linnaeus, C. (1758): Syst. Nat. 10ª ed. p. 824. Ver en liña
  2. Monodon monoceros Linnaeus, 1785 Arquivado 31 de decembro de 2018 en Wayback Machine. en SIIT (en inglés)
  3. narval no dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
  4. Laidre, K. et. al. (2004): "Deep-ocean predation by a high Arctic cetacean". ICES Journal of Marine Science 61 (1): 430–440. Resumo
  5. 5,0 5,1 Laidre, K. L.; Stirling, I.; Lowry, L.; Wiig, Ø.; Heide-Jørgensen, M. P. e Ferguson, S. (2008): "Quantifying the sensitivity of arctic marine mammals to climate-induced habitat change". Ecological Applications 18 (2): 97–125. Resumo
  6. Merriam-Webster's Unabridged Dictionary.
  7. Heide-Jørgensen, M. P. e Reeves, R. R. (1993). "Description of an anomalous monodontid skull from west Greenland: a possible hibrid?". Marine Mammal Science (en inglés) 9 (3): 258–268. doi:10.1111/j.1748-7692.1993.tb00454.x. 
  8. Victor G. Waddella, Michel C. Milinkovitchb, Martine Bérubéb e Michael J. Stanhope (2000). "Molecular Phylogenetic Examination of the Delphinoidea Trichotomy: Congruent Evidence from Three Nuclear Loci Indicates That Porpoises (Phocoenidae) Share a More Recent Common Ancestry with White Whales (Monodontidae) Than They Do with True Dolphins (Delphinidae)". Molecular Phylogenetics and Evolution (en inglés) 15 (2): 314–318. doi:10.1006/mpev.1999.0751. 
  9. 9,0 9,1 Annalisa Berta, James L. Sumich, Kit M. Kovacs (2005). Marine Mammals: Evolutionary Biology (en inglés) (2 ed.). Academic Press. p. 80. ISBN 0120885522. 
  10. Christian de Muizona, Daryl P. Domningb y Mary Parrishc (1999). "Dimorphic tusks and adaptive strategies in a new species of walrus-like dolphin (Odobenocetopsidae) from the Pliocene of Peru". Comptes Rendus de l'Académie des Sciences - Series IIA - Earth and Planetary Science (en francés) 329 (6): 449–455. doi:10.1016/S1251-8050(00)80070-1. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Duguy e Robineau (1987), pp. 140-142.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 Carwardine, M. (1995), pp. 96-99.
  13. [Ligazón morta]
  14. Garde, Eva; Heide-Jørgensen, Mads Peter; Hansen, Steen H.; Nachman, Gösta; Forchhammer, Mads C. (2007-02-28). "Age-Specific Growth and Remarkable Longevity in Narwhals ( Monodon monoceros ) from West Greenland as Estimated by Aspartic Acid Racemization". Journal of Mammalogy (en inglés) 88 (1): 49–58. ISSN 0022-2372. doi:10.1644/06-MAMM-A-056R.1. 
  15. Stuart Innes, M. P. Heide-Jørgensen, Jeff L. Laake, Kristin L. Laidre, Holly J. Cleator, Pierre Richard e Robert E. A. Stewart (2002): "Surveys of belugas and narwhals in theCanadian High Arctic in 1996". NAMMCO Scientific Publications. Ver en PDF
  16. North Atlantic Marine Mammal Commission. "NAMMCO Annual Report (2005) Volume I" (PDF). North Atlantic Marine Mammal Commission - Tromsø, Norway (en inglés): 381. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  17. Heide-Jørgensen, M. P. (2004). "Aerial Digital Photographic Surveys of Narwhals, Monodon monoceros, in Northwest Greenland". Mar Mamm Sci 20 (2): 246–261. doi:10.1111/j.1748-7692.2004.tb01154.x. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Hay, K. A. e Mansfield, A. W. (1989). "Narwhal - Monodon monoceros Linnaeus, 1758". En Ridgway, S. H. e Harrison, S. R. Handbook of Marine Mammals - Vol.4: River Dolphins and the Larger Toothed Whales (en inglés) (1 ed.). Academic Press. ISBN 0125885067. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Jefferson, T. A.; Karczmarski, L.; Laidre, K.; O'Corry-Crowe, G.; Reeves, R. R.; Rojas-Bracho, L.; Secchi, E. R.; Slooten, E.; Smith, B. D.; Wang, J. Y. & Zhou, K. (asesores) (2008): Delphinapterus leucas, en Lista Vermella da IUCN.
  20. Laidre, K. L.; Heide-Jørgensen, M. P.; Dietz, R.; Hobbs, R. C. e Jørgensen, O. A. (2003): "Deep-diving by narwhals Monodon monoceros: Differences in foraging behavior between wintering areas?". Mar. Ecol. Prog. 261: 269-281. Resumo
  21. Jefferson T. A.; Leatherwood, S. e Webber, M. A. (1993). FAO Species identification guide. Marine mammals of the world. (PDF) (en inglés). UNEP / FAO, Roma. p. 320. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de marzo de 2013. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  22. Laidre KL, Heide-Joergensen MP (2005). "Winter Feeding Intensity of Narwhals (Monodon monoceros)". Mar Mamm Sci (en inglés) 21 (1): 45–57. doi:10.1111/j.1748-7692.2005.tb01207.x. 
  23. Boris Culik (2010). "The toothed whales: Monodon monoceros" (en inglés). UNEP/CMS Secretariat, Bonn, Germany. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2007. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  24. Encyclopedia of Life. Leo Shapiro, ed. "Monodon monoceros Linnaeus, 1758 - Reproduction" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2011. Consultado o 12 de outubro de 2010. 
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Heide-Jørgensen, M. P. (2002). "Narwhal - Monodon monoceros.". En Perrin, W. F.; Würsig, B. e Thewissen, J. G. M. Encyclopedia of marine mammals (en inglés). Academic Press, San Diego. pp. 783–787. ISBN 0125513402. 
  26. Reyes, J. C. (1991). The conservation of small cetaceans: a review. Report prepared for the Secretariat of the Convention on the Conservation of Migratory Species of Wild Animals. UNEP/CMS Secretariat, Bonn. 
  27. Roberge, M. M. e Dunn, J. B. (1990). "Assessment of the subsistence harvest and biology of narwhal (Monodon monoceros L.) from Admiralty Inlet, Baffin Island, N.W.T., 1983 e 1986-89" (PDF). Can Tech Rep Fish Aquat Sci (en inglés): 38. 
  28. North Atlantic Marine Mammal Commission. "NAMMCO Annual Report (2006) Volume I" (PDF). North Atlantic Marine Mammal Commission - Tromsø, Norway (en inglés): 227. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xuño de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  29. 29,0 29,1 29,2 Born, E W. (1994). "Wale und Delphine 1 - Monodon monoceros Linnaeus, 1758 - Narwhal". En Robineau, D.; Duguy, R. e Klima, M. Handbuch der Säugetiere Europas. Meeressäuger. Teil IA. Aula-Verlag publicación=Wiesbaden. pp. 209–240. 
  30. "Narwhal cull approaches 600 near Pond Inlet" (en inglés). CBC News. 1 de decembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2008. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  31. Dietz, R.; Riget, F.; Hobson, K. A.; Heide-Joergensen, M. P.; Moeller P.; Cleemann, M.; De Boer, J. e Glasius, M. (2004). "Regional and inter annual patterns of heavy metals, organochlorines and stable isotopes in narwhals (Monodon monoceros) from West Greenland". Sci Total Environ (en inglés) 331 (1-3): 83–105. PMID 15325143. 
  32. Wolkers, H.; Lydersen, C.; Kovacs, K. M.; Burkow, I. e Bavel, B. (2006). "Accumulation, Metabolism, and Food-Chain Transfer of Chlorinated and Brominated Contaminants in Subadult White Whales (Delphinapterus leucas) and Narwhals (Monodon monoceros) From Svalbard, Norway". Arch Environ Contam Toxicol 50: 69–78. PMID 16237494. 
  33. Dietz, R.; Riget, F.; Hobson, K. A.; Heide-Joergensen, M. P.; Moeller, P.; Cleemann, M.; De Boer, J. e Glasius, M. (2004). "Regional and inter annual patterns of heavy metals, organochlorines and stable isotopes in narwhals (Monodon monoceros) from West Greenland". Sci Total Environ (en inglés) 331 (1-3): 83–105. PMID 15325143. 
  34. Wagemann, R. e Kozlowska, H. (2005). "Mercury distribution in the skin of beluga (Delphinapterus leucas) and narwhal (Monodon monoceros) from the Canadian Arctic and mercury burdens and excretion by moulting". Sci Total Environ (en inglés). 351-352: 333–343. PMID 16271747. 
  35. Terrie M. Williams, Shawn R. Noren e Mike Glenn (2010). "Extreme physiological adaptations as predictors of climate-change sensitivity in the narwhal, Monodon monoceros". Marine Mammal Science (en inglés). doi:10.1111/j.1748-7692.2010.00408.x. 
  36. 36,0 36,1 Encyclopedia of Life. "Monodon monoceros Linnaeus, 1758" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  37. Dawn Elaine Bastian, Judy K. Mitchell. "Handbook of Native American mythology" (en inglés). Consultado o 12 de outubro de 2010. 
  38. Ocultopedia. "Unicorn" (en inglés). Consultado o 12 de outubro de 2010. 
  39. 39,0 39,1 American Museum of Natura History. "Unicorn West and East" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2010. Consultado o 20 de agosto de 2013. 
  40. Ross Piper (2007). Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals (en inglés) (1 ed.). Greenwood. p. 320. ISBN 0313339228. 
  41. MeasuringWorth.com (2010). "Purchasing Power of British Pounds from 1264 to 2007" (en inglés). Consultado o 11 de outubro de 2010. 
  42. Odell Shepard (1956). The Lore of the Unicorn. Harper and Row Publishers. p. 260. ISBN 0091851351. 
  43. La licorne / The Unicorne (en francés) (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Narval

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy