Reino de Sicilia
Regnum Siciliae (la) Regno di Sicilia (it) Regnu di Sicilia (scn) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Palermo (1130–1266) Nápoles (1266–1282) Catania (1282–1401) Palermo (1401–1816) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.700.000 (1800) | ||||
Lingua oficial | lingua latina lingua grega lingua árabe Lingua siciliana | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1130 | ||||
Disolución | 1816 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía feudal monarchy (en) | ||||
Moeda | piastra siciliana (pt) | ||||
O Reino de Sicilia (en latín, Regnum Siciliae; en italiano, Regno di Sicilia) foi un estado que existiu desde o principio da Baixa Idade Media até o Congreso de Viena, despois da caída do emperador Napoleón Bonaparte.
A súa orixe remóntanse ao ano 1130, en que foi creado, para Roxerio II, polo antipapa Anacleto II, un reino que comprendía, ademais da illa de Sicilia, os territorios da Península Itálica de Calabria, Puglia e Campania, onde se encontraba a cidade de Nápoles (que foi capital do reino durante vinte anos, entre 1266 e 1282).
Conquista e dominación normanda (1071-1198)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Casa de Hauteville.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]No sínodo de Melfi de agosto de 1059, o papa Nicolao II investiu a Robert Guiscard (ou Roberto Guiscardo ou Roberto de Hauteville) como duque de Puglia, Calabria e Sicilia,[1] exhortándoo a que completara a conquista dos territorios bizantinos. Roberto e o seu irmán Roxerio formaban parte dun grupo de mercenarios normandos que foran pagados polos bizantinos, que desexaban expulsar aos sarracenos da Península Itálica.
O Condado de Sicilia, precursor do Reino
[editar | editar a fonte]Contra o ano 1071, Roxerio, o irmán de Roberto Guiscardo, conquistou a totalidade da illa. En 1072, tras a conquista de Palermo, Roberto invistiu ao seu irmán Roxerio como conde de Sicilia, coñecido como o Gran Conde. Con Roxerio I iniciouse a dinastía Hauteville en Sicilia.
Os inicios do Reino
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Roxerio II de Sicilia.
En 1130, o antipapa Anacleto II II investiu a Roxerio II, o fillo e sucesor do Gran Conde Roxerio, como rei de Sicilia, quen se fai seu feudatario, o que provocaría un problema político cando a dinastía Hohenstaufen tomara o poder no reino de Sicilia. A investidura sería recoñecida en 1139 polo papa Inocencio II.
Roxerio II creou unha poderosa frota no Mediterráneo central.
En 1135 conquistou as costas de Tunisia, creando o Reino de África (un protectorado do seu Reino de Sicilia).
Os descendentes de Roxerio II, Guillerme I, Guillerme II, Tancredo (fillo ilexítimo de Roxerio II) e Guillerme III (fillo de Tancredo), reinaron en Sicilia desde a morte de Roxerio II, en 1154, até 1189.
Guillerme II non tivo descendencia, polo que nomeou herdeira lexítima á súa tía, Costanza I de Sicilia (irmá de Roxerio II).
Esta casou co emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico Henrique VI, o que permitiu a chegada ao poder da dinastía Hohenstaufen.
O papa Clemente III, temendo polos bens da Igrexa en Sicilia ao subir ao poder a dinastía Hohenstaufen, rexeitou o matrimonio entre Costanza e o emperador Henrique VI.
Clemente insta ao emperador a renderlle xuramento de vasalaxe, pero o emperador négase. O papa decide entón dar o seu apoio a Tancredo de Sicilia, fillo bastardo de Roxerio II, que morre en 1194.
- Véxase tamén: Querela das investiduras.
Dominación Hohenstaufen (1194-1266)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Hohenstaufen.
Henrique VI proclámase rei de Sicilia o 25 de decembro de 1194, en Palermo, xunto coa súa esposa Costanza I de Sicilia.
O seu reinado sería moi curto, xa que morreu en 1197. Entre esta data e 1220, o papa intenta frear o poder dos Hohenstaufen en Sicilia.
- Véxase tamén: Frederico II de Sicilia.
En 1220 Frederico II, o fillo de Henrique VI, proclámase emperador. No mes de decembro, en Capua, derroga a lei normanda e cancela as concesións que se fixeran en 1189, para castigar así aos que aproveitaron o baleiro de poder para facerse fortes.
O Reino de Sicilia porén non tiña ningún poder central como nas demais monarquías, e os baróns e os bispos usurpaban as prerrogativas reais.
Para poñer fin a esta desorde, Frederico II que, ademais de Rei de Sicilia era emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico e rei de Chipre e de Xerusalén, promulgou, o 1 de setembro de 1231, no castelo de Melfi (hoxe na provincia de Potenza, Basilicata), as chamadas Constitucións de Melfi (tamén coñecidas como Constitución de Melfi e como Liber augustalis) que constitúen unha, pero tamén das máis rendíbeis, das realizacións de Frederico II Hohenstaufen.
Trátase dunha serie de leis e normas que rexen a convivencia. Admirador de Augusto, Frederico II, coa axuda do seu chanceler Pierre des Vines, redactou un conxunto de leis chamado Liber augustalis. (Cómpre dicir, anecdoticamente, que este Liber Augustalis considérase tamén como a primeira colección de leis e regulamentos relacionados coa fabricación de medicamentos).
As Constitucións de Melfi son unha reforma dos Assises de Capua (Sesións de Capua) de 1220, que á súa vez reformaban as Assises de Ariano (Sesións de Ariano), dadas polo seu avó Roxerio II de Sicilia en 1140. Suponse que o emperador Frederico II foi el mesmo o autor das Constitucións, aínda que a influencia do arcebispo de Capua Giacommo Amalfitano foi notábel.
Inmediatamente foron reprobadas polo papa Gregorio IX porque supoñían unha lexislación exterior e contraria á Igrexa.
Estas Constitucións, inspiradas no dereito romano e no dereito canónico foron feitas para racionalizaren o funcionamento do Estado. Para iso, Frederico instaurou unha centralización do Estado e unha simplificación dos procedementos xudiciais. Por último, para fomentar o comercio, reduciu os impostos. Con elas, Frederico II reorganizou o Reino de Sicilia como unha Monarquía autoritaria cun goberno centralizado, afastado do feudalismo. Estas leis continuaron sendo, cunhas mínimas reformas, as leis básicas de Sicilia até 1819.
- Véxase tamén: Constitucións de Melfi.
Dominación anxevina (1266-1282) e divisón do Reino
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Anxevina.
Ao subir ao trono Manfredo de Sicilia o papa Clemente IV excomungouno por ser fillo ilexítimo do seu pai Frederico II, devolvendo o Reino de Sicilia ao papado.
Pero en 1262, Costanza II de Sicilia, filla do anterior rei, Manferdo, casa con Pedro III o Grande, rei de Aragón, de Valencia e conde de Barcelona.
Esta situación provocou un enfrontamento entre a dinastía Hohenstaufen e a Casa de Aragón, xa que sendo Costanza a herdeira de Manfredo, provocou a antipatía do papa francés Clemente IV, que buscou a axuda en Carlos de Anjou, irmán máis novo do seu aliado Lois IX de Francia, san Lois.
As tropas de Carlos de Anjou entraron na illa e loitaron con Manfredo I Hohenstaufen na batalla de Benevento, na que o venceron, e Carlos foi coroado rei de Sicilia en Roma en 1266, como Calos I de Sicilia, inaugurando así a dinastía Anxevina.
Baixo o reinado de Carlos de Anjou e, posteriormente, o do seu fillo Carlos II, o norte do territorio foi moi favorecido en detrimento do sur, e así, entre outras cousas, a capital do Reino foi trasladada de Palermo a Nápoles. Esta situación de dominación anxevina concluiría coas chamadas Vésperas sicilianas,[2] que conducen á división do Reino de Sicilia, en 1282, no Reino da Sicilia peninsular (coñecido como reino de Nápoles), baixo dominio anxevino, e o reino de Sicilia insular, o Reino de Trinacria, baixo dominio aragonés.
Dominación aragonesa (1282-1442)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Casa de Aragón.
- Véxase tamén: Vésperas sicilianas.
Co matrimonio da herdeira legal de Manfredo I, Costanza II de Sicilia, con Pedro III o Grande, o Reino de Sicilia convértese nun dos principais intereses do rei aragonés, debido a que alegaba os dereitos da súa esposa ao trono do reino insular.
Cando Pedro III se dispoñía a facer valer o poder da súa frota no Mediterráneo, os sicilianos rebeláronse contra os Anjou (entre outras causas debido ás cargas impositivas que soportaban). A nobreza de Sicilia desexaba un certo grao de autonomía política e conseguiu expulsar á dinastía anxevina. Non se fixo esperar o contraataque de Carlos de Anjou pero, para poder facer fronte aos anxevinos, os sicilianos invitaron a Pedro o Grande a que reivindicara os dereitos da súa esposa e, segregándose de Nápoles, entregáronlle a Pedro III o Reino.
Tras o falecemento de Carlos I en xaneiro de 1285 e de Pedro III de Aragón en novembro dese mesmo ano, o Reino de Sicilia dividiuse en dúas partes de forma permanente (Regnum Siciliae ultra farum, Sicilia, e Regnum Siciliae citra farum, Nápoles). Pero como ambos os reis e os seus sucesores intitulábanse como rei de Sicilia, para distinguilos na historiografía emprégase rei de Nápoles para o da parte continental, e rei de Sicilia para o da parte insular, tamén coñecido como rei de Trinacria.[3][4][5]
Os conflitos entre os Reinos de Sicilia e de Nápoles foron constantes até que foi elixido papa Benedito XII en 1334, que tiña relacións de amizade con Frederico II de Sicilia, e lle prometeu respecto na Santa Sé en Trinacria.
En ningún momento os nobres sicilianos aceptaron a vinculación da illa co resto dos dominios da coroa de Aragón, fóra da unión persoal co soberano. Para corresponder a estas exixencias, creouse a figura do vigairo (vicerrei), un alter-ego do propio rei que permitía desdobrar a súa personalidade, sendo o primeiro deles o infante Xoán II de Aragón, duque de Peñafiel, nomeado en 1415. Pero esta medida non acabou de convencer ao Parlamento, que resolveu en 1416 aclamar a Xoán como rei, pero este rexeitou o posto. Para evitar un conflito maior, Afonso V chantou a súa corte en Sicilia, convocou novamente o Parlamento e recibiu o xuramento dos sicilianos: quedaba así establecida a desexada unión persoal de Sicilia ao rei, non á coroa de Aragón. De feito, Sicilia nunca se sentiu integrada na coroa de Aragón, sendo bastantes as revoltas que se orixinaron pola nunca aceptada presenza de nobres da coroa aragonesa na illa.
Os conflitos entre os Reinos de Sicilia e Nápoles foron constantes até que foi elixido papa Benedito XII en 1334, que tiña relacións de amizade con Frederico II de Sicilia, e lle prometeu respecto na Santa Sé en Trinacria.
Conquista do Reino de Nápoles (Regnum Siciliae citra farum)
[editar | editar a fonte]Os dous reinos resultantes estiveron separados até 1442, cando o rei de Aragón Afonso V o Magnánimo conquistou o Reino de Nápoles e unificou ambos os Reinos. O Reino de Sicilia desvinculouse da casa de Anjou e constitíuse en dominio dos reis de Aragón, non da Corte nin do Reino de Aragón, senón do propio rei e a título individual.
En ningún momento as forzas políticas quixeron ir máis alá, rexeitando toda vinculación co resto dos dominios da coroa de Aragón, fóra da unión persoal co soberano, como demostra o Parlamento de 1413, que exixiu que o rei ou, no seu defecto, o príncipe herdeiro, puidese ser coroado en Palermo "como rei principal e afastado sen ter dependencia de ningunha outra parte" ("comu re princhipali et appartatu senza haviri dependencia de altra parte").
Para corresponder a estas exixencias, creouse a figura do vigairo (vicerrei), un alter-ego do propio rei que permitía desdobrar a súa personalidade, sendo o primeiro deles o infante Xoán II de Aragón, duque de Peñafiel, nomeado en 1415. Pero esta medida non acabou de convencer ao Parlamento, que resolveu en 1416 aclamar a Xoán como rei, pero este rexeitou o posto. Para evitar un conflito maior, Afonso V chantou a súa corte en Sicilia, convocou novamente o Parlamento e recibiu o xuramento dos sicilianos: quedaba así establecida a desexada unión persoal de Sicilia ao rei, non á Coroa de Aragón. De feito, Sicilia nunca se sentiu integrada na coroa de Aragón, sendo bastantes as revoltas que se orixinaron pola nunca aceptada presenza de nobres da coroa aragonesa na illa.
Dominación española (1442-1713)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de España#Imperio Español.
Esta situación, incómoda para os reis aragoneses, sufriu varios intentos de variación ao longo do tempo. Fernando o Católico quixo minguar bastante a autonomía dos vicerreis, consciente do risco que implicaba o inmenso poder que estes adquirían no desempeño das súas funcións.
Os reis de España incorporaron os Reinos siciliano e napolitano aos territorios da súa Monarquía hispánica, e como ambos os Reinos mantiveron o seu sistema administrativo e de goberno separados o un do outro, os reis levaban na súa intitulación o nome de Rey das dúas Sicilias (Rex utriusque Siciliae).
Carlos V no tivo máis remedio que volver ao espírito inicial, exixido sempre polo Parlamento siciliano. Pero para minimizar riscos e xa que o vicerreo que nomease era de facto un novo rei, só confiou en persoas extraordinariamente fieis á súa persoa, da súa total e absoluta confianza. Non é de estrañar que, cando en 1558 o vicerrei Xoán de Vega describe ao monarca a súa actual posición lle dixese: "Tamén me poderá dicir VM, pois o vicerrei é rei de Sicilia". Máis tarde, Filipe II intentou novamente unha racionalización de tal autonomía, ao pretender que o vicerrei fose un representante do verdadeiro rei. Para isto introduciu importantes cambios: a duración de cada vicerreinado non tería xa carácter indefinido, senón que sería durante un curto período de tempo (máximo, 3 anos), renovacións simultáneas de gran cantidade de altos cargos e máis medidas nesta dirección, para evitar o excesivo arraigo dos vigairos reais no ámbito social e político do territorio.[6]
O dominio español, por unha serie de razóns, estivo caracterizado, entre outras cousas, polo empobrecemento de Sicilia. A illa, no século XVI foi acosada polo creciente poderío do imperio Otomán e isto levou ao asedio de Malta co conseguiente derrumbamento do comercio no Mediterráneo centro-oriental. Entre os vicerreis españois destacou Pedro Téllez-Girón y Velasco, duque de Osuna.
Vicerreinado de Osuna
[editar | editar a fonte]Cando Osuna tomou posesión do seu novo cargo en Milazzo, o 9 de marzo de 1611, o reino de Sicilia achábase na miseria. Por falta de crédito, a Caixa de Palermo (o erario público) tivera que declararse en bancarrota e pechar as súas portas. A moeda adulterábase sen recato e a inflación arruinaba o sufrido pobo siciliano. En Mesina os ladróns asaltaban as tendas a plena luz do día, en medio da indiferenxa xeral, e era imposíbel viaxar sen unha escolta armada. A xustiza era un xoguete dos poderosos, e os cárceres estaban cheos. A escuadra estaba desarmada, feita un refuxio de zolados, e sen máis reputación que a da súa covardía.
Pero pronto o enérxico Osuna puxo remedio a tales males, con xeral aplauso: restituiu o crédito da facenda pública, restableceu o peso e a lei das moedas, axustou os impostos ás verdadeiras rendas dos contribuíntes, equilibrou os orzamentos e fixo aumentar os ingresos. Os camiños foron limpados de salteadores e facinorosos, a autoridade e a liberdade dos ministros de Xustiza, restaurada, e os cárceres repletos quedaron ermos e baleiros.
Unha das súas principais preocupacións foi a de reorganizar a Mariña, como mellor medio de defender a illa contra as incursións de turcos e bérberes. A situación era desesperada, xa que o vicerrei só contaba con 9 galeras para a defensa da illa, desprovistas de remeiros e bastimentos. Había tanta escaseza de tripulantes para as galeras como exceso de pícaros, esmoleiros con euvas simuladas, que infestaban as rúas das vilas e cidades a as portas das igrexas. Pero o novo vicerrei de Sicilia ideou un sistema de reinserción que resolveu simultaneamente ambos os problemas, aínda que, cando se retirou en 1616, todo volveu ser como antes.
Consecuencias da guerra de Sucesión española
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Guerra de Sucesión española.
Ao morrer Carlos II sen herdeiros, nomeou como o seu sucesor a Filipe de Borbón, neto de Lois XIV de Francia. A candidatura ao trono do arquiduque Carlos de Austria era apoiada por Inglaterra, Austria e as Provincias Unidas, que temían a unión de Francia e España, e, polos territorios da coroa de Aragón, que temían o centralismo borbónico.
Esta situación desencadeou a guerra de Sucesión española (1700-1713). A contenda rematou coa Paz de Utrecht, pola que Filipe se convertía en rei de España, pero todas as posesións europeas de cedían aos aliados.
O Reino de Nápoles cedeuse a Austria e foi gobernado polo arquiduque Carlos, entón xa convertido en Carlos VI do Sacro Imperio Romano Xermánico, e Sicilia foi cedida a Ducado de Savoia (baixo o reinado de Vitor Amadeo II) polo tratado de Utrecht.[7] Pero xa en 1720 Sicilia pasou ao poder dos Habsburgo de Austria.
Reino de Nápoles
[editar | editar a fonte]Carlos VII
[editar | editar a fonte]En 1734, Carlos de Borbón, por entón Duque de Toscana e fillo de Filipe V de España, logo de vencer aos austríacos, apoderouse en 1735 dos Reinos de Nápoles e Sicilia coa axuda do exército español ao mando de José Carrillo de Albornoz, conde de Montemar, recuperando estes territorios para os borbóns. O 10 de maio de 1734, durante a guerra de Sucesión Polaca, Carlos entrou en Nápoles e coroouse rei Nápoles (co nome de Carlos VII), e rei de Sicilia un ano despois. Deste modo, conquistou todo o sur de Italia que estaba nas mans de Carlos VI do Sacro Imperio Romano Xermánico. Foi recoñecido moi pronto como rei por Francia (en virtude do Primeiro Pacto de Familia). En 1737 recoñecérono tamén os Estados Pontificios e, a continuación, o resto dos Estados italianos. Este mesmo ano, a paz de Viena puxo fin á contenda e o Reino de Nápoles conseguiu a autonomía de España. A pesar do tratado, continuaron as hostilidades. En agosto de 1744, o exército de Carlos III venceu na Batalla de Velletri os austríacos que querían reconquistar o reino.
Carlos VII de Borbón e a súa dona María Amalia de Saxonia foron moi queridos polos seus súbditos e eles traballaron para gañarse ese agarimo, ao pouco tempo de ser o rei trouxo reformas e a modernidade ao seu novo país, logrando axiña a unidade do pobo e o favoritismo deste para o seu rei. Tanto el como os seus descendentes lograron gobernar, reformar e modernizar ao novo estado e ademais lograron o que moi poucos gobernantes puideron, que foi o amor dos suxeitos que ningunha outra dinastía tivo no curso dos séculos (se non de xeito menor), e que se manifestou abertamente durante os anos da invasión napoleónica.
No ámbito civil, a situación económica e social de Nápoles a comezos do século XVIII era desastrosa, polo que Carlos realizou un proceso de reformas de carácter ilustrado. As primeiras reformas do seu reinado baseábanse na loita contra os privilexios eclesiásticos: en 1741 cun concordato reducíronse o dereito de asilo e outras inmunidades, e os bens da Igrexa foron subordinados á fiscalidade. Carlos gobernou Nápoles durante máis de medio século, notándose no reino unha gran alza na produción agropecuaria e no comercio. En 1755 foron instituídas na Universidade de Nápoles as primeiras cátedras de Economía e de Astronomía do mundo. Ademais o rei trasladou a residencia real a Caserta onde construíu o Palacio Real de Caserta, actualmente Patrimonio da Humanidade. Tamén construíu o palacio de Portici, o museo de Capodimonte, a Capela de San Severo o Teatro San Carlo, o máis antigo teatro de ópera activo no mundo e tamén Patrimonio da Humanidade. Fixo construír un albergue para os pobres e comezou as escavacións en Pompeia e Herculano.
En 1759 Carlos VII abdicou en favor de seu fillo Fernando, o futuro Fernando IV de Nápoles, e regresou a España para ser coroado rei, pois o seu medio irmán, Fernando VI, morrera sen descendencia e el era o seguinte na liña de sucesión.
Fernando IV
[editar | editar a fonte]En 1759, despois da partida do rei Carlos, subiu ao trono Fernando IV de Nápoles con só 8 anos de idade. Os principais rexentes do neno foron Domenico Cattaneo, príncipe de San Nicandro, e o marqués Bernardo Tanucci.
En 1768 Fernando IV casou con María Carolina de Austria, filla da emperatriz María Tareixa I de Austria e irmá de María Antonieta, raíña de Francia. Mentres Fernando IV se preocupou só das relacións coa Igrexa e da construción de obras públicas, coma a Academia de Arquitectura de Nápoles ou a Casa Vanvitelliana, a nova raíña participou activamente no goberno do reino.
Nos primeiros anos de goberno, María Carolina mostrouse tolerante cos movementos republicanos. Porén, tras a caída de Lois XVI durante a Revolución Francesa, uniuse á Primeira Coalición que formaron varios estados europeos contra Francia, instituíndo severas persecucións contra todos os sospeitosos de simpatizar coa causa revolucionaria francesa.
En 1816 os dous reinos sicilianos, separados desde 1282, aínda que comparteran o mesmo soberano, uníronse nun só reino,[8] e os seus soberanos portaron o título de Re del Regno delle Due Sicilie.
Período napoleónico
[editar | editar a fonte]O tratado de Utrecht de 1713, outorgara Sicilia ao duque Vitor Amadeo II de Savoia, e confirmou e recoñeceu a posesión de Nápoles ao entón emperador Carlos VI. Tras a guerra da Cuádrupla Alianza, contra a invasión española de Sardeña e de Sicilia, o tratado da Haia de 1720, asignou Sicilia ao emperador Carlos VI, pero durante a guerra de Sucesión polaca, as tropas españolas venceron en 1734 ás tropas austríacas en Bitonto e ocuparon o territorio napolitano e, en 1735, a illa de Sicilia, outorgando ambas as coroas a Carlos de Borbón, duque de Parma e Piacenza. Estas conquistas foron ratificadas en 1738 no tratado de Viena.[9]
En 1796 o xeneral Napoleón Bonaparte invadiu Italia e venceu con facilidade ás tropas austríacas e aos débiles gobernos locais. En 1798 os franceses ocuparon Roma e os xacobinos da codade crearon a República Romana. Fernando IV de Nápoles enviou un exército para frear aos franceses. Nun primeiro momento, o xeneral napoleónico Jean Étienne Championnet retirouse de Roma, permitindo que o rei Fernando entrase triunfalmente. Pero logo, Championnet contraatacou e o exército napolitano non foi capaz de resistir, retirándose cara a Nápoles e entregando aos franceses todas as fortalezas dos territorios setentrionais do Reino, incluíndo Gaeta.[10]
O 8 de decembro de 1798, Fernando IV realizou desde L'Aquila unha proclama pola que chamaba aos cidadáns a defender o Reino. Na súa marcha cara a Nápoles, o xeneral Championnet encontrou unha forte resistencia de labregos nos Abruzos e o Lacio, destacando a que organizou Michele Pezza, alcumado Fra Diavolo.
Finalmente, os franceses chegaron até as portas de Nápoles. O 22 de decembro de 1798, o rei Fernando abandonou a capital para trasladarse a Sicilia.
Así e todo a resistencia foi eficaz, segundo recoñeceu o propio xeneral Championnet, pero inútil. Os defensores foron bombardeados polos mesmos napolitanos xacobinos que apoiaban a invasión fransesa e finalmente lograron tomar o Castel Sant'Elmo. Esta contenda, próxima a unha guerra civil, custou a vida de oito mil napolitanos e un milleiro de franceses.[11]
O 22 de xaneiro de 1799 un grupo de napolitanos xacobinos, entre os cales estaban Mario Pagano, Domenico Cirillo, Nicola Fasulo, Carlo Lauberg e Giuseppe Logoteta, proclamaron no Castel Sant'Elmo a República Partenopea (ou República Napolitana). Este novo Estado estaba controlado por Francia (era unha das chamadas Repúblicas irmás da Primeira República francesa) e por non ter apoio popular, sobre todo nas provincias, porque a poboación era leal ao seu antigo rei e desexaba o retorno da monarquía.[12]
Restauración de Fernando IV
[editar | editar a fonte]A finais de xaneiro o cardeal Fabrizio Ruffo viaxou a Palermo para presentar ao rei Fernando un proxecto de reconquista do Reino de Nápoles. Aceptado o plan, o cardeal volveu a Nápoles onde contou co apoio dos napolitanos. Miles de homes preparáronse para loitar contra os xacobinos en defensa dos borbóns. Ruffo creou o Exército Católico Real e, o 13 de xuño de 1799, Fernando IV restaurou a monarquía borbónica.
O 8 de decembro de 1798, Fernando IV realizou desde L'Aquila unha proclama pola que chamaba os cidadáns a defenderen o reino. Na súa marcha cara a Nápoles, Championnet atopou unha forte resistencia de campesiños nos Abruzos e o Lacio destacando a que organizou Michele Pezza, alcumado Fra Diavolo.
Finalmente, os franceses chegaron ata as portas de Nápoles. O 22 de decembro de 1798, o rei abandonou a capital meridional para trasladarse a Sicilia. A cidade ficou practicamente indefensa, a excepción dos Lázaros. A resistencia foi eficaz, segundo recoñeceu o propio xeneral Championnet, pero inútil. Os defensores foron bombardeados polos mesmos napolitanos xacobinos que finalmente lograron tomar o Castel Sant'Elmo.
Esta contenda, próxima a unha guerra civil, custou a vida de 8.000 napolitanos e 1.000 franceses.
A República Partenopea
[editar | editar a fonte]O 22 de xaneiro de 1799, un grupo de napolitanos xacobinos entre os que estaban Mario Pagano, Domenico Cirillo, Nicola Fasulo, Carlo Lauberg e Giuseppe Logoteta, proclamaron no Castel Sant'Elmo a República Partenopea. Este novo estado caracterizouse por estar controlado polos franceses e non ter apoio popular. A república non tivo éxito nas provincias, porque a xente quería a Fernando e reclamaba a monarquía. A finais de xaneiro, o cardeal Fabrizio Ruffo viaxou a Palermo para presentar ao rei Fernando un proxecto de reconquista do Reino de Nápoles. Aceptado o plan, o cardeal volveu a Nápoles onde contou co apoio dos napolitanos. Miles de homes preparáronse para loitar contra os xacobinos en defensa dos Borbóns. Ruffo creou o Exército Católico Real, e o 13 de xuño de 1799, Fernando IV restaurou a monarquía borbónica.
Despois da vitoria en Austerlitz o 2 de decembro de 1805, Napoleón entrou en Italia e dominou definitivamente Nápoles, declarando a fin da dinastía Borbón. En 1808, Napoleón conseguiu a abdicación dos últimos borbóns reinantes en Europa: Carlos IV e Fernando VII de España, nomeando rei de Nápoles e Sicilia ao seu irmán Xosé Bonaparte. Fernando volveu escapar a Sicilia e negociou un protectorado con Gran Bretaña. Xosé Bonaparte marchou a España para reinar e sucedeuno en Nápoles Joachim Murat, que gobernou ata maio de 1815.
Cómpre sinalar que Sicilia (o Reino de Sicilia) nunca etivo en poder dos napoleónicos.
O congreso de Viena e o Reino das Dúas Sicilias
[editar | editar a fonte]Tras 20 anos de guerras entre a Francia napoleónica e o resto das nacións europeas, o congreso de Viena, iniciado en 1814 e terminado en 1815, baseou a reorganización do vello continente no "principio de lexitimidade" polo que se devolvían as terras aos seus antigos monarcas.
En Italia esta política aplicouse con moita elasticidade: a República de Xénova foi agregada, contra a súa vontade, ao Reino de Piemonte-Sardeña para formar un estado máis forte que frease os franceses. A República de Venecia non foi restaurada. E malia ter contribuído á derrota de Napoleón, o reino meridional non só non obtivo os pretendidos señoríos papais de Benevento e Pontecorvo senón que perdeu o estratéxico enclave mediterráneo da illa de Malta en favor de Inglaterra.
O rei Fernando pagou un caro prezo por recuperar o seu reino: renunciou a Malta o que tamén implicaba unha redución do 10 % sobre os dereitos aduaneiros de importación dos seus produtos. O rei Fernando declarou:
O punto dos meus dereitos de soberanía sobre Malta debe ceder ao interese maior, que hoxe é recuperar o meu Reino de Nápoles.
Tamén o rei napolitano debeu asinar o 12 de xuño de 1815 un tratado secreto con Austria polo que se comprometía a non cambiar as institucións políticas do Reino e a outorgarlle 25.000 homes (que se reduciron a 13.000 o 4 de febreiro de 1819) en caso de guerra.
Consonte co que decidiu o congreso de Viena, Fernando emitiu un decreto polo que unificaba os Reinos de Nápoles e de Sicilia no novo Reino das Dúas Sicilias. Entre o 8 e o 11 de decembro de 1816, a constitución siciliana de 1812 foi substituída polos novos institutos parlamentarios independentes.
Durante os anos 1860 e 1861, o Reino das Dúas Sicilias foi conquistado e incorporado ao Reino de Piemonte-Sardeña.
O Reino de Sicilia deixou de existir e foi incorporado ao recentemente nacido Reino das Dúas Sicilias: o rei asumiu así o título de rei Fernando I do Reino das Dúas Sicilias.
Mapas históricos do Reino de Sicilia
[editar | editar a fonte]-
Italia no ano 1000
-
Italia e Iliria en 1084
-
Sur de Italia en 1112
-
Posesións normandas no sur de Italia en 1130
-
Reino de Sicilia en 1154
-
Sur de Italia en 1156
-
Italia en 1494
-
Italia en 1796
-
As Dúas Sicilias en 1796
-
Italia en 1810
-
Subdivisións do Reino das Dúas Sicilias
-
Provincias do Reino das Dúas Sicilias
Lista de soberanos de Sicilia (e Nápoles)
[editar | editar a fonte]Ver Lista de soberanos de Sicilia e Nápoles
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rosamond McKitterick, David Luscombe, Jonathan Riley-Smith, Paul Fouracre, Timothy Reuter, David Abulafia, C. T. Allmand, Michael Jones (2004). The New Cambridge Medieval History IV. Cambridge University Press. Páx. 107.
- ↑ I Vespri siciliani
- ↑ José María de Francisco Olmos (2003): El «Coronato» napolitano. Una moneda documental y propagandística. Arquivado 24 de setembro de 2016 en Wayback Machine. Revista General de Información y Documentación, Vol. 13, núm. 1. Universidad Complutense de Madrid, páx. 58.
- ↑ John Platts (1825): A universal biography: chronologically arranged.... Sherwood, Jones & Co., Vol. 3, páx. 473.
- ↑ Gaetano Moroni (1854): Dizionario di erudizione storico-ecclesiastica. Vol. XLV, páx. 199.
- ↑ Felipe II y el Gobierno de Italia, Manuel Rivero Rodríguez, Sociedad estatal para la conmemoración de los centenarios de Felipe II y Carlos V, ISBN 84-95146-10-X, Edita Closas-Orcoyen, Paracuellos del Jarama 1998, pp. 17 e 72.
- ↑ Cesión de Sicilia a Savoia, 13 de xullo de 1713.
- ↑ Diccionario geográfico universal ... (1831). Imprenta de José Torner, tomo III, páx. 176.
- ↑ Pietro Colletta (1840). Histoire de Naples Depuis Charles VI Jusqu'à Ferdinand IV, 1734-1825. Librairie historique de l'advocat, pág. 20.
- ↑ De Saint Albin, Alexandre Rousselin de Corbeau (1860): Championnet, général des armées de la République française: ou les Campagnes de Hollande, de Rome et de Naples.
- ↑ Albanese, Camillo (1998): Cronache di una rivoluzione: Napoli 1799. Milán: FrancoAngelo. ISBN 88-464-1070-X.
- ↑ Real Casa de Borbón de las Dos Sicilias. "El Cardenal Ruffo y las manifestaciones filoborbónicas" Arquivado 17 de marzo de 2010 en Wayback Machine..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Reino de Sicilia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Indro Montanelli e Roberto Gervaso (1967): "L'Italia dei secoli d'oro. Il Medio Evo dal 1250 al 1492", en Storia d'Italia. Milán: Rizzoli Editore.
- Benito Li Vigni (1992): Il viceré: Domenico Caracciolo, un riformatore nella Sicilia del Settecento. Napoli: Tullio Pironti. ISBN 88-7937-057-X.
- Harold Acton (1997): I Borboni di Napoli (1734-1825). Firenze: Giunti Editore. ISBN 88-09-21079-4.
- Santi Correnti (1999): Storia della Sicilia. Roma: Newton & Compton. ISBN 88-8289-264-6.
- Franco Cardini e Marina Montesano (2006): Storia medievale. Firenze: Le Monnier. Col. Università/Storia. ISBN 88-00-20474-0.
- Domenico Ligresti (2006): Sicilia aperta, secoli XV-XVII. Mobilità di uomini e di idee. Palermo: Associazione Mediterranea. ISBN 88-902393-2-8.
- Valentina Favarò (2009): La modernizzazione militare nella Sicilia di Filippo II. Palermo: Associazione Mediterranea. ISBN 978-88-902393-9-7.
- Salvatore Agati (2009): Carlo V e la Sicilia. Tra guerre, rivolte, fede e ragion di Stato. Catania: Giuseppe Maimone Editore. ISBN 978-88-7751-287-1.
- Hubert Houben (2009): Federico II. Imperatore, uomo, mito. Bologna: il Mulino. ISBN 978-88-15-13338-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Regno di Sicilia en Treccani.it – Enciclopedie on line, Istituto dell'Enciclopedia Italiana, 15 de marzo de 2011. Consultado o 6 de outubro de 2016 (en italiano).