Content-Length: 121100 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Senado_de_Roma

Senado romano - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Senado romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Senado de Roma»)
Roma
Monarquía
República
Imperio
Principado Dominado
Imperio de Occidente Imperio de Oriente
Maxistrados Ordinarios:
Maxistrados Extraordinarios:
Oficiais e Títulos:
Institucións e normas:

O senado (do latín "senex, senis", ancián) foi unha das institucións do goberno da Roma antiga. Orixinouse como unha institución consultiva da monarquía romana, formado exclusivamente por patricios (un representante de cada gens), e adquiriu maiores prerrogativas coa República, en que pasou a referendar a través da súa auctoritas os actos dos cónsules, estendendo a súa competencia aos actos doutros maxistrados e Comicios, temas relixiosos, conflitos entre maxistrados, policía, crimes con pena capital cando esta era conmutada, cuestións militares e financeiras e tratados internacionais.

Na República

[editar | editar a fonte]

A mediados da época republicana o senado contaba cuns 300 membros; estaba composto por todos os cidadáns que exerceran maxistraturas curuis —cónsules, pretores e edís, os conscripti—, así como dos patres, as cabezas das familias patricias. Adicionalmente, os censores podían incluír senadores que non exerceran maxistraturas, aínda que estes tiñan restrinxido o seu dereito de tomar a palabra e eran denominados senatores pedarii.

Co acceso aos dereitos cidadáns dos plebeos, o Senado perdeu o dereito de referendar os actos dos Comicios Centuriados. Pero pola contra asumiu o dereito de nomear ditador, e pronto lexislou sobrepoñéndose ás Asembleas Tribunadas, acadando un gran poder.

No século -III o Senado sufriu as modificacións propias da nova situación. Os asentos senatoriais continuaron nas mans dos censores e todos os maxistrados curuis que abandonaban o seu cargo accedían ao Senado.

O Senado pasou de ser un corpo consultivo dos cónsules, ao principio da República (e subordinado a estes en moitos aspectos), a ser unha corporación de gobernantes, sen dependencia de ninguén. O Senado dirixía a guerra a través dos cónsules, e toda a política da República.

Co tempo o Senado asumiu o nomeamento de diversos cargos curuis, o que implicaba a designación dos seus propios membros, e ademais influíu cada vez máis nos censores. Mantívose a distinción entre Senadores patricios e plebeos.

A desaparición da figura do ditador permitiu ao Senado ocupar certas funcións en casos graves, en especial o conferir aos cónsules facultades especiais, similares á Ditadura, por tempo limitado.

Xulio César, despois de derrotar o seu rival Pompeio e os seus aliados, a maior parte das familias senatoriais tradicionais, procedeu a incrementar o número de senadores ata case 1000, promovendo á orde senatorial a familias ecuestres, mandos militares, centurións de orixe proletaria do seu exército, e provinciais, como o seu conselleiro financeiro Cornelio Balbo, natural de Gades (Cádiz, España); aos ollos da nobilitas senatorial supervivente do bando pompeiano e de moitos partidarios de César isto era unha aberración, e iso foi unha das causas do asasinato de César.

No Imperio

[editar | editar a fonte]

Augusto, e os outros triúnviros, reduciron novamente o número de senadores a 300, aínda que mantiveron algúns dos nomeamentos de César, que tiñan a consideración de homines novi, pero as proscricións por eles emprendidas baleiraron os bancos do Senado, que foron enchidas coa promoción de partidarios dos triúnviros extraídos da orde ecuestre e do exército.

Terminada a guerra entre Augusto e Marco Antonio en 30 a.C., Augusto procedeu a cribar a lista de senadores, intentando recuperar como senadores aos superviventes das familias tradicionais, pero favorecendo tamén os seus partidarios, sen ter en conta a súa orixe, caso de Mecenas , Agripa, Planco ou Asinio Polión. Tamén incrementou os poderes nominais do Senado, transmitindo os poderes de elección de maxistrados das asembleas ou comitia ao senado, aínda que realmente reduciu os seus poderes, xa que case todas as provincias con exército pasaron ao control directo do emperador, as maxistraturas convertéronse en cargos honoríficos, e os candidatos a elas necesitaban do visto e prace do emperador, quen asumiu a potestade xurisdicional dos Comitia Tributa, polo que os Edictos imperiais se superpuxeron aos Senadoconsultos.

A partir de Claudio, numerosos provinciais, especialmente hispanos, foron admitidos no Senado, aínda que a estes novos senadores se lles impoñía o requisito de investir o censo mínimo senatorial -1.000.000 de sestercios- en propiedades rústicas en Italia, culminando o proceso coa elección dun emperador procedente dunha familia senatorial provincial hispana: Traxano.

Ao longo do Alto Imperio, as relacións entre os emperadores e os senadores foron as dunha tirapuxa continua, e, se ben é certo que moitos colaboradores dos emperadores eran senadores, o certo é que estes, aínda os máis respectuosos, tendían a deixar de lado as expectativas e desexos dos senadores. Ademais, os senadores tendían a ignorar que a verdadeira fonte de poder do estado romano era o exército, polo cal pasaban por curtos períodos de tempo. A consecuencia foi que algúns emperadores, como Tiberio, Calígula, Nerón, Domiciano, Hadriano ou Cómodo sostiveron relacións moi difíciles co Senado, e promoveron a persecución de moitos dos seus membros.

Coa chegada da dinastía Severa, de orixe militar, o senado foi progresivamente acurrunchado en favor da orde ecuestre e da nova burocracia imperial nada do exército, ata que o emperador Aureliano excluíu aos senadores dos postos militares.

No Baixo Imperio, o Senado de Roma foi duplicado con outro igual a el creado por Constantino I na nova capital, Constantinopla (Istambul, Turquía), e converteuse nun simple club de notables.

Representación dunha reunión do Senado Romano: Cicerón ataca a Catilina, nun fresco do século XIX

A súa desaparición

[editar | editar a fonte]

O senado romano desapareceu nos turbulentos anos do século VI nos que as tropas do rei ostrogodo Tótila loitaban á desesperada contra as tropas de imperiais de Xustiniano, dirixidas por Belisario, mentres que no resto dos reinos bárbaros nados da ruína de Roma, os senadores foron fundíndose progresivamente coa nobreza xermánica dirixente.

Nas cidades sometidas pola antiga Roma establecíase un Consello de Cen Anciáns (Centumviri), cada un dos cales era o cabeza de dez casas (dez casas = unha gens), de onde xorde a denominación.









ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Senado_de_Roma

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy