Content-Length: 123953 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Sexting

Sexting - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Sexting

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O sexting a miúdo implica o envío de mensaxes sexuais explícitas.

Sexting (contracción de sex e texting) é un anglicismo que fai referencia ao envío de contidos eróticos ou pornográficos por medio do teléfono móbil. Comezou facendo referencia ao envío de SMS de natureza sexual, pero coa extensión das capacidades multimedia dos dispositivos móbiles, medraron os envíos de fotografías e vídeos, aos cales se estendeu o uso do termo, aínda que texting en inglés faga inicialmente referencia ao envío de mensaxes de texto. É unha práctica común entre xente nova, e cada vez máis entre adolescentes.[1]

As primeiras referencias ao sexting datan de 2005 na revista Sunday Telegraph,[2] e desde entón constatouse a súa existencia en diversos lugares do mundo, con meirande incidencia inicial nos países anglosaxóns:[3] Australia,[4] Nova Zelandia,[3] os Estados Unidos de América,[5] e o Reino Unido.[2]

Unha enquisa realizada en 2008 no marco da campaña estadounidense para a prevención da gravidez entre adolescentes e CosmoGirl.com[6] revelou o rápido espallamento deste e outros comportamentos online semellantes entre os adolescentes. O 22% das rapazas enquisadas (e o 11% das que tiñan entre 13 e 16 anos) afirmaron ter enviado ou publicado electronicamente fotos de si mesmas espidas ou semiespidas. O 33% dos rapaces e o 25% das rapazas dixeron que lles tiñan amosado ese tipo de imaxes privadas. Segundo esta enquisa, as mensaxes sexuais eran máis comúns cás imáxes, cun 39% dos rapaces que as enviaran (ou publicaran en Internet) e o 50% que as recibira. Aínda que a validez estatística desta enquisa foi posta en dúbida[7] por ter partido dunha mostra autoseleccionada, outras enquisas posteriores amosan cifras semellantes.

En xaneiro de 2009, unha enquisa entre 1.200 adolescentes amosaba que un de cada cinco enviara fotos de si mesmo con espidos explícitos.[8]

Noutra enquisa realizada en abril de 2009 entre 655 mozos estadounidenses observouse que o 19% dos adolescentes enviaran, recibiran ou reenviaran fotos de espidos ou semiespidos sexualmente suxestivos, por medio de mensaxes de celular ou mediante correo electrónico. O 60% deles enviáranas ao seu mozo ou moza, pero o 11% afirmou telas enviado a persoas que nin sequera coñecían. O 80% de quen practican o sexting, segundo esta enquisa, é menor de 18 anos.[9]

O propio Departamento de Xustiza do goberno dos Estados Unidos ten alertado sobre o crecemento deste fenómeno que segundo recoñecen está dando lugar a novas formas de delito.[10]

Aspectos sociolóxicos

[editar | editar a fonte]

O sexting é consecuencia dos avances tecnolóxicos que facilitan novas formas de interacción social. Ao longo da historia dos sistemas de comunicación, sempre se intercambiaron mensaxes con contido sexual. Porén, as NTIC permiten a comunicación mediante imaxes e vídeos, os cales son intrinsecamente máis explícitos e teñen un meirande impacto. O perigo novo do sexting reside en que ese material pode ser difundido de maneira moi doada e ampla, de xeito que o remitinte inicial perde totalmente o control sobre a difusión deses contidos.[11][12]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Tense sinalado o sexting como causante de certas consecuencias imprevistas e graves. Relacionouse con situacións tan embarazosas, despois de se teren pasado fotos a terceiros, que conduciron ao suicidio do remitinte orixinal.[13]

Así mesmo sinalouse como unha actividade que pode expoñer os menores de idade ao grooming[14] e ao ciberbullying, como medio de presión e ridiculización contra a persoa fotografada. [Cómpre referencia]

Aspectos legais

[editar | editar a fonte]

Dependendo do marco xurídico de cada país o sexting pode derivar en problemas legais (mesmo penais) de diverso tipo,[15][16] incluíndo:

  • Produción, posesión e/ou distribución de pornografía infantil.
  • Corrupción de menores.
  • Vulneración do dereito ao honor e á propia imaxe.
  • Difusión ilícita de datos persoais (a imaxe é considerada un dato persoal).
  • Acoso.

En 2009 algúns Estados norteamericanos comezaron realizar modificacións legais para evitar que calquera adolescente implicado/a en casos de sexting fose acusado/a de producir ou distribuír pornografía infantil ou para mesmo legalizar o envío consentido deste tipo de imaxes entre maiores de 13 anos. Porén, nalgúns deles como é o caso do Estado de Virxinia a simple nudez dun menor nunha imaxe non significa que a devandita imaxe sexa pornográfica.[17]

Casos xurídicos

[editar | editar a fonte]

En 2007, 32 adolescentes de Victoria, Australia foron denunciados a causa de actividades de sexting.[18] En xaneiro de 2009 imputáronse cargos de pornografía infantil a seis adolescentes en Greensburg, Pennsylvania despois de que tres rapazas pasaran fotos sexuais a tres compañeiros masculinos de clase.[19] En Florida un rapaz de 19 anos permanecerá inscrito no rexistro de delincuentes sexuais do Estado até que teña 43, por ter reenviado unha foto da súa ex-moza espida a varias decenas de persoas.[20]

Celebridades afectadas

[editar | editar a fonte]

Entre as personaxes públicas que se viron afectadas por practicar sexting áchanse as cantantes e actrices Vanessa Hudgens,[21] Miley Cyrus, Rihanna e Cassie Ventura.[22]

  1. Keagan Harsha (03-01-2009). "Is Your Child "Sexting"?". WCAX-TV. Arquivado dende o orixinal o 08-04-2009. Consultado o 14-01-2009. 
  2. 2,0 2,1 Yvonne Roberts (31-07-2005). The One and Only. Following a string of extramarital affairs and several lurid "sexting" episodes, Warne has found himself home alone, with Simone Warne taking their three children and flying the conjugal coop. 
  3. 3,0 3,1 Phil Hamilton (12-07-2008). The Press, ed. "Teen 'sexting' alarms cyber-safety experts". 
  4. Inga Gilchrist (23-06-2008). mX, ed. "Student knickers in a not; 'Sexting' shocks parents, police". 
  5. Gigi Stone (13-03-2009). World News Saturday, ed. "'Sexting' Teens Can Go Too Far". Consultado o 21-08-2015. 
  6. "Sex and Tech Survey". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2012. Consultado o 04 de marzo de 2010. 
  7. "A Brief History of Kids Charged With Kiddie Porn". RS Davis. 2009-02-12. Consultado o 2009-07-02. 
  8. "Sociologist: Few teens 'sexting'". UPI. 2009-01-17. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2009. Consultado o 2009-01-16. 
  9. "Teen Online & Wireless Safety Survey. Cyberbullying, Sexting, and Parental Controls" (PDF). Harris Interactive for Cox Communications. 2009-06-24. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de abril de 2010. Consultado o 2009-7-03. 
  10. "Westminster man arrested, charged with lewd acts on child from his church". Anderson Independent Mail News. 2009-07-02. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2009. Consultado o 2009-07-04. 
  11. "Kids face porn charges over 'sexting'". National Nine News. Arquivado dende o orixinal o 03-07-2012. Consultado o 20-01-2009. 
  12. Associated Press, ed. (4 de febrero de 2009). "Porn charges for 'sexting' stir debate". Consultado o 05-02-2009. This month in Greensburg, Pa., three high school girls who sent seminude photos and four male students who received them were all hit with child pornography charges. And in Newark, Ohio, a 15-year-old high school girl faced similar charges for sending her own racy cell phone photos to classmates. She eventually agreed to a curfew, no cell phone and no unsupervised Internet usage over the next few months. If she complies, the charges will be dropped. 
  13. "Her teen committed suicide over ‘sexting’". MSNBC. 14-01-2009. Consultado o 06-03-2009. 
  14. Redacción (3 de marzo de 2009). "“Sexting”, nueva hotline que incita la pornografía infantil". lanacion.com.py (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 24 de marzo de 2009. 
  15. "Sexting: ¿problema, ciberdelito o ambas cosas a la vez?". PantallasAmigas. 07-04-2009. Consultado o 08-04-2009. 
  16. "El sexting es delito en EEUU". PantallasAmigas. 25-03-2009. Consultado o 08-04-2009. 
  17. June Marshall (25-06-2009). "Sexting is stupid". Examiner.com. Consultado o 03-07-2009. 
  18. Liz Porter (10-08-2008). "Malice in Wonderland". The Age. Consultado o 14-01-2009. 
  19. "Sexting craze leads to child pornography charges". Guardian News and Media. 14-01-2009. Consultado o 14-01-2009. 
  20. David Walsh (26-06-2009). "Punishing sexting teenagers appropriately is national responsibility". Cleveland.com. Consultado o 03-07-2009. 
  21. Agencia EFE (08-09-2007). "Vanessa Hudgens, protagonista de High School Musical, aparece desnuda en Internet". Consultado o 16-07-2009. 
  22. "Private pictures of RnB starlet Cassie Ventura leaked online". DailyContributor.com. 07-05-2009. Arquivado dende o orixinal o 09-09-2009. Consultado o 17-07-2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Sexting

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy