Content-Length: 181830 | pFad | http://gl.wikipedia.org/wiki/Spider-Man

Spider-Man - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Spider-Man

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSpider-Man

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Peter Benjamin Parker Editar o valor en Wikidata
Queens, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
ResidenciaQueens Editar o valor en Wikidata
EducaciónMidtown High School (en) Traducir
Empire State University (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altura178 m Editar o valor en Wikidata
Peso67 kg Editar o valor en Wikidata
Cor do peloPelo negro Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfotógrafo, Superheroe, mestre, científico, inventor Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
CónxuxeMary Jane Watson Editar o valor en Wikidata
ParellaGwen Stacy
Debra Whitman
Mary Jane Watson
Liz Allan
Carlie Cooper
Gata Negra
Betty Brant
Lince Negra Editar o valor en Wikidata
FillosSpider-Girl
 () Mary Jane Watson
Benjamin Richard Parker
 () Mary Jane Watson
Felicity Hardy
 () Flash ThompsonGata Negra Editar o valor en Wikidata
PaisRichard Parker Editar o valor en Wikidata  e Mary Parker Editar o valor en Wikidata
IrmánsQ118951942 Editar o valor en Wikidata
ParentesBen Parker, tío
May Parker, tía Editar o valor en Wikidata

Sitio webmarvel.com… Editar o valor en Wikidata
Twitter: SpiderMan Editar o valor en Wikidata

Spider-Man, literalmente Home Araña, é un personaxe de cómic creado en 1962 por Stan Lee (autor tamén dos "Catro Fantásticos" e da "Patrulla-X") para Marvel Comics. Apareceu por primeira vez no Amazing Fantasy #15 (agosto do 1962). Spider-man foi versionado por diversos autores, actualmente é o superheroe máis representativo desta editorial.

Historia da publicación

[editar | editar a fonte]

A editorial Marvel andaba nos anos sesenta na procura de novos éxitos coma os 4 Fantásticos para a súa Nova Era dos cómics Marvel, así que o editor xefe, Martin Goodman, encargou ó guionista Stan Lee que idease un novo superheroe que fose innovador. Lee tivo a idea de facer un home araña xa que recordaba unha historia dun vello conto non-superheroico que lera de cativo, The Spider. Cando lle contou a idea ó editor, este non estaba seguro da idea xa que pensaba que os lectores non ían aturar un home que tivese relación cun arácnido. Aínda así, permitiu que a historia feita por Ditko e Lee aparecese no derradeiro número dunha serie que amosaba en cada número diferentes historias fantásticas, Amazing Adult Fantasy, e así no número 15, tan só co título Amazing Fantasy apareceu por primeira vez en agosto de 1962 o Home-Araña. O paso foi arrasador e moitos lectores pediran máis historias deste superheroe adolescente, o primeiro en solitario. Desta maneira, en marzo de 1963 apareceu o primeiro número do Amazing Spider-Man, o Asombroso Home-Araña. Durante trinta e nove números Steve Ditko foi o debuxante, pero coa súa saída entrou un artista que sería fundamental para o Universo Spider-Man: John Romita, Sr..

Os anos de Romita (os 70) foron os primeiros anos da universidade, dos personaxes coma Harry Osborn, Gwen Stacy e Mary Jane Watson (etapa na que se puido ver a súa cara). Tamén os anos de tratar temas moi comprometidos como o uso das drogas. Máis adiante novas colección uníranse á central como Spectacular Spider-Man (1976), Marvel Team-Up (1972), Web of Spider-Man (1985), Sensational Spider-Man (1996), Marvel Knights: Spider-Man (2004) e Friendly Neighborhood Spider-Man (2005). Algúns destes títulos cambiaron os seus nomes, pero a día de hoxe a única colección que se mantén é Amazing Spider-Man publicando 3 exemplares ó mes.

Alén dos títulos previamente falados houbo moitas series limitadas, publicacións que duraron pouco tempo e Spin-Offs. Un curioso é o de Spider-Girl que vén dun What-If? no que se describe un mundo Marvel no que Peter e MJ tiveran a filla que no universo orixinal "desaparecera".

Biografía na ficción

[editar | editar a fonte]

Peter Benjamin Parker é un rapaz de 17 anos miope e débil de quen todos se burlan no instituto. Vive cos seus tíos Ben e May Parker, xa que os seus pais morreron cando el era un neno. Un día, durante unha visita a un laboratorio, unha araña radioactiva pícao por accidente e Peter obtén superpoderes. Ao principio, dedícase a obter beneficios traballando como loitador e non quere utilizar os seus poderes para facer o ben, incluso deixa fuxir un ladrón porque pensa que non é o seu problema. Pouco despois, o seu tío Ben é asasinado e Peter vai na procura do seu asasino, cando o encontra descobre que é o mesmo ladrón que el deixara fuxir. É entón cando descobre a razón que tiñan as palabras do seu tío; "Un gran poder leva con el unha gran responsabilidade", e decide dedicar a súa vida a combater o crime.

Desde os seus comezos (segundo a norma de continuidade de Marvel nos anos 198X) non foi ben acollido pola opinión pública: o dono e editor xefe do Daily Bugle (J.J. Jameson), o xornal máis lido de Nova York, non dubida en chamalo ameaza ou perigo enmascarado e discrepa de tódalas súas accións contra o crime. O máis curioso é que Peter traballa nel como fotógrafo facendo fotos de Spider-Man.

O día a día de Peter e os enfrontamentos cos viláns do momento, chegar a fin de mes, enredos amorosos con raparigas (Betty Brant e Liz Allan), afrontar as burlas do abusón Flash Thompson e protexer a súa identidade secreta. Máis adiante pasará á Universidade, na que cambian algunhas cousas, pero non a esencia da súa vida. Alí coñece a Gwen Stacy (a que sería a súa segunda moza e o seu amor verdadeiro) e por primeira vez verá a Mary Jane Watson (a súa futura esposa). Neste período Peter descobre a identidade dun dos seus peores inimigos, O Trasno Verde. O Trasno, porén, coñecía de antes a súa identidade, pero após unha derrota, Norman Osborn pareceu ter amnesia. Pouco durou a paz, xa que o alter-ego volveu con mortais resultados, a moza de Peter, Gwen Stacy, foi asasinada polo Trasno nunha ponte. Este acontecemento marcaría de por vida a Spider-Man, cargando sempre coa culpabilidade da súa morte. Buscando vinganza, Spider-Man enfrontouse por derradeira vez con el. O Trasno morreu nun intento de sorprender por sorpresa o Home-Araña, sendo atravesado polo seu propio aerodeslizador. O día despois foi horrible para o heroe, pero tempo máis adiante atoparía en Mary Jane un bo apoio emocional, incluso Flash sentiu moita pena polo "débil" Parker.

A partir desta época ocorren a maioría das aventuras e tramas argumentais do resto da súa vida, ata que finaliza a carreira universitaria e comeza a traballar como mestre no instituto público Midtown.

En decembro de 2007, os 20 anteriores anos de continuidade foron eliminados ó facer non existente o casamento de Peter e Mary Jane, por un pacto co demo Mefisto.

Poderes e equipamento

[editar | editar a fonte]

Spider-Man obtén tras a picadura a habelencia de aganchar polas paredes, o mesmo que as arañas, ademais dunha forza e axilidade sobrehumana. Tamén obtén unha especie de instinto que el chama "Sentido arácnido" que lle permite sentir o perigo, anticipándose a el. Á parte diso, Peter posúe grandes coñecementos sobre química e bioloxía, e el mesmo fabrica un lanzarredes cun material químico da súa invención.

Tamén construíu un dispositivo de rastrexo no que usando uns pequenos aparellos adhesivos con forma de araña pode seguir o obxectivo co seu "Sentido Arácnido". Outro invento é a lámpada de Spider-Man, aloxada no seu cinto, que emite unha luz vermella co logo da cara do trepamuros. Orixinalmente, empregábaa para alertar os policías ou para atemorizar os ladróns. Os seus lanzarredes tamén son da súa invención. Son uns artefactos que teñen un mecanismo de activación por presión. Dependendo da forza empregada o fluxo de rede é máis forte ou débil, manipulando o grosor e a lonxitude da mesma.

A partir do arco argumental no 2004 Spectacular Spider-Man vol.2 #17-20 USA Spider-Man adquire a capacidade de lanzar arañeira orgánica, para seguir a estela das películas. Na historia feita por J. Michael Straczynski, Spider-Man: O Outro, Peter renace da casca de araña e rexorde con novos poderes como comunicación cos insectos, visión na escuridade, máis superforza e uns aguillóns que saen dos seus pulsos. Mais co "Novo Día" Brand New Day Peter volveu ós seus poderes orixinais debido a un "reseteo" da continuidade arácnida.

O seu traxe orixinal quizais é o máis memorable do personaxe, pero tivo diferentes ó longo da súa historia, aínda que sempre mantivo o orixinal. Este é o célebre vermello e azul con estampado de arañeiras de cor negras e co símbolo da araña no centro do peito, e outro grande de cor vermella nas costas. A máscara ten dúas lentes con efecto espello: dende o interior vese o exterior, pero no exterior reflicte a imaxe. Tamén se aprecian dúas aberturas nos pulsos para a saída do fluído arácnido. Dependendo dos autores, a este traxe engádenselle unhas redes por debaixo das axilas.

Outro disfrace famoso é o negro, o do simbionte. Cando Spider-Man volveu das "Guerras Secretas" (Secret Wars) trouxo con el un recordo peculiar: un traxe que obedecía as súas ordes e que facía as súas propias arañeiras. Esta vestimenta era totalmente de cor negra con algunhas excepcións, as lentes, a cara superior das mans e o símbolo da araña que ocupaba a maior parte do peito.

Cando Ben Reilly, o clon de Peter, substitúe a Spider-Man fai unha versión súa do orixinal vermello e azul. Este disfrace tamén é o de Spider-Girl. Unha modificación importante é a dos lanzarredes, que nesta variante se poden ver no exterior e tamén poden lanzar proxectís de arañeira.

A última modificación importante foi o do traxe feito por Tony Stark, Iron Man, como obsequio para Peter. Este é un moderno traxe a proba de proxectís e con sistema de camuflaxe. As súas cores son o vermello e o amarelo (como a armadura do Home de Ferro) e das súas costas saen tres apéndices mecánicos en forma de patas arácnidas.

Tiña conexión GPS coa policía, visión infravermella e un filtro na máscara para gases. Levouno pouco tempo xa que este traxe representaba a súa afiliación ó lado do Rexistro de Superheroes, na Civil War.

Personaxes secundarios

[editar | editar a fonte]
  • May Parker: Nada como Reilly, é a tía de Peter. É o referente maternal que tivo Peter na súa vida, xa que xunto o seu marido Ben Parker se fixeron cargo do orfo cando os seus pais morreron. Despois de morrer Ben, May tivo que sacar adiante a familia ela soa. Coa axuda do seu sobriño consegue chegar a fin de mes nos primeiros números do Amazing Spider-Man, servindo de preocupación constante a Spider-Man debido ás súas enfermidades crónicas. Cando Peter se independiza e vai á cidade, a tía May decido facer da súa casa unha residencia para anciáns. Nunha ocasión estivo a piques de casar co Doutor Octopus, xa que ela na súa inocencia ignoraba a verdade sobre o inimigo mortal de Spider-Man. Nos últimos anos descobre a identidade secreta de Peter e após un número memorable decide apoiar a Peter na súa vida como superheroe.

Con Brand New Day May esqueceuse da identidade secreta, xa que a conversa quizais nunca tivo lugar.

  • Mary-Jane Watson: A relación máis longa que tivo o heroe cunha rapaza foi coa súa veciña, Mary-Jane. Esta atractiva rubia, de ollos verdes e pencas vive a vida intensamente e contrasta co carácter de Peter, que é o contrario. A primeira vez que se viron foi por pura casualidade, xa que Peter tiña medo de que a sobriña da amiga da súa tía fose a típica moza caseña e normaliña. A súa sorpresa foi maiúscula cando a viu pola porta e esta dixo: "Acéptao, Tigre. Acábache de tocar a lotería".

Neses días Peter estaba con Gwen Stacy e MJ foi a moza de Harry Osborn, pero despois da tráxica morte de Gwen, MJ decidiu ver a vida con outros ollos. Moitos anos (e dúas proposicións) pasaron para que acabasen casando. A partir dese momento foi o maior apoio para o noso heroe que levou a vida de casado dunha forma difícil. Chegaron a ter unha filla, pero perdeuna no parto (a cativa "desapareceu") durante o final da saga do clon Ben Reilly.

Ata decembro do 2007 foi a súa esposa, pero despois dun trato co demo Mefisto todo vestixio da unión desapareceu.

Rumoréase que agora é a superheroína coñecida como Jackpot.

  • O Trasno Verde: Principal inimigo de Spider-man, o Trasno Verde é en realidade Norman Osborn, home de negocios adiñeirado e pai de Harry, un dos mellores amigos de Peter. Tras un experimento para obter superforza, Osborn obtivo tamén unha dobre personalidade co Trasno como alter-ego.
  • O Dr. Octopus: Otto Octavius é un científico que deseñou un arnés con catro tentáculos, un accidente deulle o control mental dos tentáculos pero afectoulle á súa cordura. Desde entón é un criminal perigoso. A súa obsesión co Home-Araña vén dada polo feito de que, aínda que o noso heroe é só un rapaz, mentres que el é unha mente mestra do crime, sempre remata detido e sendo derrotado unha e outra vez.
  • O Lagarto: Curt Connors é un científico brillante, perdeu un brazo nun accidente e decidiu experimentar nel mesmo unha menciña para rexerar o seu brazo, pero en lugar diso, converteuse nun horrible e perigoso lagarto. Aínda así, no seu estado normal é unha boa persoa, é amigo de Spider-man e incluso coñece a súa identidade.
  • O Home de Area: Flint Marko, nado como William Baker, é un criminal fuxido da xustiza que foi a agocharse nun recinto militar de probas atómicas mentres fuxía da policía. A radioactividade converteuno en area e puido controlala á súa vontade. Este inimigo sobresae pola súa ambigüidade moral, xa que rouba sen usar a súa verdadeira identidade por mor a ser descuberto pola súa nai. Unha tempada, durante a súa rehabilitación, foi membro dos Vingadores e loitou contra o crime. Despois dunha suposta morte, volveu á vida criminal.
  • Kraven O Cazador: Sergei Kravinoff foi un habilidoso cazador ruso de ascendencia aristocrática que como derradeiro reto se propuxo atrapar a presa definitiva, Spider-Man. O motivo real foi unha petición do inimigo de Spider-Man, o Camaleón. Foi derrotado unha vez detrás da outra, e a ambición do cazador aumentou ata o punto de obsesionarse no soberbio arco argumental A Derradeira Caza de Kraven (Kraven's Last Hunt) no que tras suplantar durante 3 días a Spider-Man, rematou dándose morte. O manto do cazador foi recollido polos seus fillos sen moito éxito.
  • Veleno (Venom): Un dos seus maiores inimigos por non dicir a súa némese. Eddie Brock era un xornalista reputado no xornal rival Daily Globe que tivo un golpe de sorte coa historia do Comepecados, un asasino que "remataba" coa maldade. Após a morte da capitá Jean DeWolff (amiga do trepamuros) Spider-Man demostrou que a verdadeira identidade do Comepecados non era a que dicía Brock. Eddie foi enganado por un tolo e caeu en desgraza, botándolle a culpa a Spider-Man. Despois de longo tempo practicando culturismo para aplacar o odio cara a Spidey foi á igrexa antes de tentar suicidarse. Mais o destino fixo que fose a mesma igrexa onde Peter se desfixo do traxe alieníxena, polo que o simbionte se fundiu con Eddie e xuntos formaron a entidade coñecida como Veleno, co único obxectivo de eliminaren a Spider-Man. Veleno posúe os mesmos poderes que o trepamuros, así como os seus recordos, agás o "Sentido Arácnido", porén posúe máis forza ca el e é inmune ó "Sentido Arácnido" de Spider-Man. O simbionte posúe unha debilidade natural contra o son e tamén contra o lume, isto quere dicir que en condicións de sons fortes ou contra calores extremas o traxe pode matar o usuario. Máis adiante na historia o traxe abandonou a Eddie e xuntouse con outros hóspedes, coma Ann Weying (a exmuller de Brock), Angelo Fortunato (o fillo dun mafioso) e por último Mac Gargan (o Escorpión). Actualmente o posuidor é Mac Gargan e forma parte dos Thunderbolts. A proxenie do simbionte, Matanza (Carnage), é se cadra máis perigoso xa que o posuidor foi un psicópata e posúe máis poder có seu "pai".

Adaptación noutros medios

[editar | editar a fonte]

Alén de varias adaptacións animadas, Spider-man foi levado recentemente ao cinema tres veces: Spider-Man, Spider-Man 2 e Spider-Man 3 con Tobey Maguire no papel de Peter Parker, Kirsten Dunst facendo de Mary Jane Watson e James Franco como Harry Osborn.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/wiki/Spider-Man

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy