Tetramorfo
O Tetramorfo |
Libro de Kells, século VIII |
Códice miniado: Folio 27v |
Trinity College Library de Dublín |
Un tetramorfo (do grego τετρα, tetra, catro, e μορφη, morfé, forma) é unha representación iconográfica composta por catro elementos.
A máis estendida destas é cristiá, cuxa tradición remóntase ao Antigo Testamento, cando o profeta Ezequiel describiu nunha das súas visións catro criaturas que, de fronte, tiñan rostro humano e, de costas, tiñan rostro animal.[1] Unha visión moi similar aparece nunha pasaxe da Apocalipse de san Xoán,[2] que describe a catro anxos zoomorfos que rodean ao pantocrátor e que os estudosos interpretaron desde o século VI como os catro evanxelistas:
- o anxo, ou o home alado, asóciase a Mateu, xa que o seu Evanxeo comeza facendo un repaso á xenealoxía de Cristo, o Fillo do Home;
- o león identifícase con Marcos, porque o seu Evanxeo comeza falando de Xoán o Bautista, ó que chama «a Voz que clama no deserto», dita voz sería como a do león;
- o boi sería Lucas, xa que o seu Evanxeo comeza falando do sacrificio que fixo Zacarías, pai de Xoán o Bautista, a Deus;
- a aguia foi asociada á figura de Xoán, xa que o seu Evanxeo é o máis abstracto e teolóxico dos catro e, xa que logo, o que se eleva sobre os demais.
Ademais da relación do tetramorfo cos catro evanxelistas, suxeriuse que Ezequiel se inspirou na astroloxía zodiacal babilónica (cando este profeta predicaba, o pobo de Israel estaba preso en Mesopotamia, no século VI a. C., en mans de Nabucodonosor II): o boi sería Taurus, o león sería Leo, a aguia sería Scorpius e o home alado sería Acuario. Así, estas eran as constelacións sobre as que tiveron lugar, respectivamente, o equinoccio de primavera, o solsticio de verán, o equinoccio de outono e o solsticio de inverno entre os milenios quinto e terceiro antes de Cristo.
Tamén se suxeriu que fan referencia aos catro elementos básicos e, posto que rodean ao pantocrátor, este sería o «Quinto elemento» unificador.[Cómpre referencia] Ademais, suxeriuse que representan os catro atributos ou principais calidades divinas, a saber: amor, xustiza, poder e sabedoría.[Cómpre referencia]
O tetramorfo e o pantocrátor son unha constante da arte cristiá medieval, tanto en escultura (represéntase en numerosos tímpanos) como en pintura (sexa mural ou en códices miniados).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A forma das súas ás era a de caras de home e de caras de leóns, á dereita dos catro; de caras de touros, vistas desde a esquerda dos catro; e de caras de aguias, os catro" (Ezequiel 1:10).
- ↑ "E diante do trono e arredor do trono, catro animais, cheos de ollos por diante e por detrás. 7O primeiro animal, igual ca un león; o segundo, semellante a un xato; o terceiro, tiña a cara coma de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando" (Apocalipse 4:6-7)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tetramorfo |