Calcuta
কলকাতা (bn) | |||||
Epónimo | Kalikata (en) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
País | India | ||||
Estado da India | Bengala Occidental | ||||
Division of West Bengal (en) | Presidency division (en) | ||||
Distrito da India | Kolkata district (en) | ||||
Capital de | Bengala Occidental (1947–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.496.694 (2011) (21.820,14 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 206,08 km² | ||||
Bañado por | Rio Hooghly (pt) | ||||
Altitude | 9 m | ||||
Datos históricos | |||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Firhad Hakim (2018–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 700001 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 33 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | kmcgov.in | ||||
Calcuta[1][2], de nome oficial Kolkata (কলকাতা), (ata o 1 de xaneiro, de 2001, oficialmente Calcutta), é a capital do estado indio de Bengala Occidental. O seu nome orixinal era Kolikata (en bengalí: কলিকাতা) que aínda se utiliza na literatura culta. É coñecida como "a cidade da ledicia" e "a cidade dos palacios". Tamén se coñece como "Michhil Nagari" (মিছিল নগরী).
Nunha época foi a cidade máis poboada da India, por diante de Bombai. Segundo o último censo indio, do 1° de marzo de 2001, a cidade “propiamente dita” tiña 4 580 544 habitantes. O feito de que o censo anterior (de 1991) xa arroxase 4 399 819 habitantes suxire fortemente unha certa saturación do centro urbano histórico da cidade. Debido a iso mesmo, estimacións posteriores calculan que o Bangalore “estritamente definido” xa excedeu a poboación de Calcuta, a cal entón pasaría a situarse cuarta entre as grandes cidades indias (detrás de Bombai, Delhi e do propio Bangalore).
No entanto, segundo os mesmos datos oficiais de 2001, a poboación da súa área metropolitana ascendía aos 13 211 853 habitantes (11 021 918 de acordo ao anterior, de 1991).[3] Para xaneiro de 2009, unha estimación xa a situaba preto dos 15 230 000.[4] Desta maneira, só as aglomeracións urbanas de Bombai e Delhi a superan.
Non se debe confundir coa antiga cidade de Calicut (a actual Kozhikode, dun millón de habitantes, no estado sureño de Kerala).
Etimoloxía do topónimo
[editar | editar a fonte]Os nomes Kolkata (nome oficial en inglés desde 2001), Calcutta (antigo nome inglés) e Calcuta (en galego) están probablemente baseados na palabra sánscrita kalikata, que é o nome dun dos tres pobos que existían na área antes da chegada dos británicos. É posible tamén que o termo Kolikata sexa unha variación de Kalikkhetrô [kalikʰːet̪rɔ] (bengalí: কালীক্ষেত্র), que significa "campo de [a deusa] Kali". Do mesmo xeito, pode ser unha variación de Kalikshetra (sánscrito: कालीक्षेत्र, lit. "área da Deusa Kali"). Outra teoría é que o nome deriva de Kalighat.[5]
Xeografía
[editar | editar a fonte]Calcuta atópase situada no leste da India, no delta do Ganxes, a unha altura de entre 1,5 e 9 metros sobre o nivel do mar.[6] Esténdese a beiras do río Hugli en dirección norte-sur, a uns 154 km do golfo de Bengala cara ao interior do continente. A maior parte do terreo sobre o que se asenta a cidade foi orixinalmente unha vasta zona húmida, gañada tras décadas de asentamento da poboación na cidade.[7] A zona húmida restante, coñecida como Zonas húmidas occidentais de Calcuta ou East Calcutta Wetlands foron designadas como "zona húmida de importancia internacional" polo Convenio de Ramsar o 19 de agosto de 2002.[8][9]
Como na maioría das chairas do Indo-Ganxes, o tipo de chan predominante é o de aluvións. A cidade aséntase sobre chans cuaternarios consistentes en varias capas de sedimentos de arxila, lama e grava. Estes sedimentos atópanse comprendidos entre dous leitos de arxila, o inferior cunha profundidade entre os 250 e 650 metros, e o superior cun grosor de entre 10 e 40 metros.[10] Segundo o Bureau of Indian Standards, a poboación aséntase sobre unha zona sísmica de grao III nunha escala de I a V (segundo a propensión da zona a sufrir un terremoto),[11] mentres que a zona é considerada dun "moi alto risco de danos" por vento e ciclóns segundo o PNUD.[11]
Clima
[editar | editar a fonte]O clima de Calcuta é de tipo tropical, húmido e seco (Clasificación climática de Köppen). A temperatura media anual é de 26,8 °C, as temperaturas medias mensuais oscilan entre 19 °C e 30 °C. Os veráns son cálidos e húmidos. Durante a tempada seca (maio e xuño) as temperaturas máximas adoitan superar os 40 °C. O inverno térmico adoita durar só uns dous meses, entre decembro e xaneiro, con temperaturas mínimas estacionais de 12 °C. A temperatura máxima rexistrada é de 43,9 °C e a máis baixa de 5 °C. A miúdo, ao comezo do verán, períodos de fortes choivas e tormentas azoutan a cidade, co que se alivia a calor. Estas tormentas son coñecidas localmente como kal baisakhi (কালবৈশাখী).
As choivas do monzón suroccidental azoutan o golfo de Bengala e a cidade entre xuño e setembro e fornecen á cidade a maior parte da súa precipitación anual de 1582 milímetros. A máis alta precipitación ocorre durante as choivas do monzón en agosto (306 milímetros).
A cidade recibe 2528 horas de sol ao ano, o máximo de luz solar prodúcese en marzo.
A contaminación é unha preocupación importante en Calcuta, o seu nivel é alto en comparación con outras grandes cidades da India. Esta grave contaminación do aire na cidade causou un aumento das enfermidades respiratorias como o cancro de pulmón.
Furacán e marusía ciclónica de 1737
[editar | editar a fonte]O 11 de outubro de 1737 rexistrouse unha violenta tormenta (caeron 380 mm de auga en 6 h) e
na madrugada do 12 de outubro a cidade recibiu unha marusía ciclónica de varios metros de altura, xerada por un superciclón. Só en Calcuta ―que nesa época contaba con menos de 20 000 habitantes― morreron 3000 persoas. Posiblemente sexa esaxerado o número de 300 000 persoas falecidas, e a onda de «12 m de altura» posiblemente bastante menor. Até 1994 considerouse que se tratara dun maremoto.[12][13]
Climograma de Calcuta | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
X | F | M | A | M | X | X | A | S | O | N | D |
16.8
25
9
|
22.9
30
14
|
32.8
34
22
|
47.7
36
25
|
101.7
36
26
|
259.9
34
27
|
331.8
32
26
|
328.8
32
26
|
295.9
32
26
|
151.3
32
24
|
26
30
19
|
17.2
27
13
|
temperaturas en °C • totais de precipitación en mm fuente: IMD | |||||||||||
Datos climáticos para Kolkata (Alipore) 1981–2010, extremos 1901–2012 | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | 32,8 | 38,4 | 41,1 | 43,3 | 43,7 | 43,9 | 39,9 | 38,4 | 38,9 | 39,0 | 34,9 | 32,5 | 43,9 |
Media mensual máxima en °C | 29,8 | 33,5 | 37,4 | 38,5 | 38,8 | 38,0 | 35,9 | 35,0 | 35,3 | 35,1 | 32,9 | 29,8 | 39,8 |
Media máxima en °C | 25,8 | 29,2 | 33,5 | 35,3 | 35,3 | 33,8 | 32,4 | 32,2 | 32,4 | 32,2 | 30,1 | 27,0 | 31,6 |
Media diaria en °C | 20,0 | 23,6 | 28,0 | 30,4 | 30,9 | 30,4 | 29,4 | 29,3 | 29,2 | 28,1 | 25,0 | 21,2 | 27,13 |
Media mínima en °C | 14,1 | 17,8 | 22,4 | 25,3 | 26,4 | 26,8 | 26,5 | 26,4 | 26,0 | 24,1 | 19,7 | 15,2 | 22,6 |
Media mensual mínima en °C | 10,7 | 12,9 | 17,6 | 20,4 | 21,5 | 23,7 | 24,3 | 24,4 | 23,8 | 20,6 | 15,4 | 11,8 | 10,4 |
Temperatura mínima en °C | 6,7 | 7,2 | 10,0 | 16,1 | 17,9 | 20,4 | 20,6 | 22,6 | 20,6 | 17,2 | 10,6 | 7,2 | 6,7 |
Chuvia media mm | 10,4 | 20,9 | 35,2 | 58,9 | 133,1 | 300,6 | 396,0 | 344,5 | 318,1 | 180,5 | 35,1 | 3,2 | 1 836,5 |
Media de días con chuvia | 1,1 | 1,7 | 2,2 | 3,4 | 7,0 | 12,8 | 17,7 | 16,9 | 13,9 | 7,4 | 1,3 | 0,5 | 85,9 |
Humidade relativa media (%) (ás 17:30 IST) | 61 | 54 | 51 | 62 | 68 | 77 | 82 | 83 | 82 | 75 | 67 | 65 | 69 |
Media de horas de sol mensuais | 213,9 | 211,9 | 229,4 | 240,0 | 232,5 | 135,0 | 105,4 | 117,8 | 126,0 | 201,5 | 216,0 | 204,6 | 2 234 |
Media de horas de sol diarias | 6,9 | 7,5 | 7,4 | 8,0 | 7,5 | 4,5 | 3,4 | 3,8 | 4,2 | 6,5 | 7,2 | 6,6 | 6,1 |
Fonte #1: Departamento de Meteoroloxía da India (sol 1971–2000)[14][15][16] | |||||||||||||
Fonte #2: Tokyo Climate Center (temperaturas medias 1981–2010)[17] |
Demografía
[editar | editar a fonte]En 2001 Calcuta tiña unha poboación de 4 580 544, mentres que a aglomeración urbana contaba cunha poboación duns 15 000 000. A porcentaxe de mulleres era de 828 por cada 1000 homes, inferior á media nacional, debido a que moitos homes traballadores proceden das zonas rurais, nas que deixan ás súas familias. A taxa de alfabetización é de 80,86 %, superior á media de toda a India que é de 64,8 %.
Os bengalíes constitúen a maioría da poboación de Calcuta, con outras grandes minorías de marwaris e biharis. A comunidade inclúe chineses (tusán), támiles, gujaratis, ingleses, armenios, tibetanos e parsis. Os principais idiomas que se falan en Calcuta son o bengalí, o hindi, o urdú, o inglés, o oriya e o bhojpuri.
Segundo o censo de 2001, o 77,68 % da poboación profesa a relixión hindú, o 20,27 % son musulmáns, o 0,88 % cristiáns e o 0,75 % profesan o xainismo. Existen outras minorías que constitúen o resto da poboación como os sijs, budistas e zoroástricos.
A taxa de delincuencia na cidade foi dun 81,4 por 100 000 en contra da taxa nacional de 168,8 en 2004. O barrio de Sonagachi, conta con máis de 10 000 traballadores do sexo, é un dos distritos de zona vermella máis grandes de Asia.
Historia
[editar | editar a fonte]A historia de Calcuta comeza en 1690, cando existían tres poboados bengalís na beira leste do río Hugli: Sutanuti, Kalicata e Gobindapur. Nese ano Job Charnock da Compañía Británica das Indias Orientais, estableceu un posto comercial na primeira, e pouco despois nas aforas das outras dúas[18]. Entre 1696 e 1706 construíron unha fortaleza (o vello Fort William) en Kalicata[19].
A primitiva Calcuta articulábase desde o forte, onde se protexían a casa do gobernador e os almacéns da Compañía, con dúas rúas principais: unha norte-sur, antiga vía de peregrinación cara ao templo de Kalighat, e unha oeste-leste ou Avenue, partindo do forte con St. Anne nun lado e o Tank no outro (depósito de auga e parque, actual praza BBD Bagh), ata os lagos e pantanos que protexían a cidade polo nacente. En 1742 acometeuse a cava dunha rede de trincheiras por temor a unha invasión [20] , coñecido como Maratha Ditch que rodea o territorio das tres primeiras poboacións. Ata hoxe, estes elementos persisten configurando as liñas mestras do corazón da metrópole: Chowringhee, rúa principal da cidade, Bow Bazar e Circular Road unha vez recheado o foxo (1804) marcando os límites da vella Calcuta.
En 1756 os bengalís atacaron e destruíron o forte e conquistan brevemente a cidade. Despois de reconquistala, a primeira tarefa dos británicos foi erixir un novo forte, desta vez con todas as garantías defensivas. É ó Fort William levantado en Gobindapur entre 1758 e 1781, para o que se desprazou a toda a poboación nativa, (os antepasados de Rabindranath Tagore incluídos), e cun baleiro ó redor de grandes proporcións que chegou ata a actualidade coma o gran parque de Calcuta, o Maidán.
No 1772 a cidade foi designada capital da India británica, o que marcou o comezo dunha época de crecemento: drenaxe dos terreos pantanosos, área gobernamental entre dúas rúas, Old Court House e Old Council House, paralelas ao río desde a área do vello forte ata a Esplanade (Maidán) coa Casa do Goberno presidindo o enorme baleiro[21]. Este crecemento alcanzou o seu cumio no mandato do gobernador R. Wellesley (1797-1805), cando a capital recibiu o alcume de Cidade de Pazos. Mais Calcuta estruturábase dende o comezo en dúas áreas ben diferenciadas: a White Town, británica, na metade sur (a dos pazos en torno ao Maidán); e a Black Town, nativa, na metade norte, insalubre e pestilente (foron implementadas medidas para a mellora das condicións entre 1814 e 1836)[22].
A partir de 1854, coa construción do ferrocarril e a Grand Trunk Road (Calcuta-Peshawar) na beira oeste do río (en Howrah, unión por pontóns en 1874 e ponte en 1943, a cidade a través do seu porto converteu a todo o norte da India na súa área de influencia [23]. Mesmo o sector indio de Calcuta converteuse nun activo centro de comercio, masificándose aínda máis. O final do século XIX marcou o apoxeo da metrópole coma capital intelectual do subcontinente.
Pola contra, o século XX significou a perda progresiva de poder e influencia a consecuencia dos avatares xeopolíticos. En 1912 perdeu a capitalidade da India británica en favor de Delhi e no 1947 a da Bengala oriental en favor de Dacca, que coa súa independencia posterior coma Bangladesh (1971) deu a puntilla a cidade ao lle arrebatar a maior parte da súa área de influencia natural. Ademais supuxo o agravamento dos problemas sociais pola grande afluencia de refuxiados non musulmáns do leste, o que a levou a fama mundial coma cidade da extrema miseria.
Educación
[editar | editar a fonte]As escolas primarias e secundarias da cidade de Calcuta son dirixidas ben polo Goberno do estado de Bengala Occidental, ben pola iniciativa privada, a miúdo relacionada co mundo da relixión. A lingua vehicular do ensino nestas escolas adoita ser ben o bengalí ben o inglés, aínda que tamén se utilizan outros idiomas, como o urdú ou o hindi, en función das diversas linguas que se falan na cidade.
Polo que respecta ao ensino universitario, Calcuta, na súa condición de gran cidade da India, conta cun total de nove centros de ensino universitario, entre os que cabe destacar a Universidade de Tecnoloxía e da Ciencia de Bengala, ou a Universidade de Jadavpur, polo que respecta aos estudos de tipo técnico.
Economía
[editar | editar a fonte]Calcuta é a principal zona de negocios, de comercio e financeiro do leste da India e dos estados do nordés. É a sede da Bolsa de Valores de Calcuta, a segunda bolsa máis grande da India.[24] Tamén é un importante porto comercial e militar, e a única cidade da rexión cun aeroporto internacional. Do mesmo xeito que outras cidades metropolitanas da India, Calcuta segue loitando contra problemas como son a urbanización incontrolable, a pobreza ou a contaminación.
A que unha vez foi a principal cidade e capital da India, experimentou unha estable diminución económica nos anos posteriores á independencia debido á constante inestabilidade política e ao ascenso do sindicalismo apoiado polos partidos de esquerda.[25] Entre os anos 60 e 90 o despoboamento da capital foi inmenso cando moitas das grandes fábricas foron pechadas ou reaxustadas e os negocios trasladados.
A falta de capital e recursos engadiuse ao estado deprimido da economía da cidade e deu lugar a un sobrenome indesexable: a "cidade moribunda".[26] A fortuna da cidade mellorou despois de que a economía india foi liberalizada na década dos noventa e o goberno estatal de Bengala promulgou os cambios na política económica.[27]
Transportes e comunicacións
[editar | editar a fonte]O principal medio de transporte público é proporcionado polo ferrocarril suburbano de Calcuta, o Metro de Calcuta, tranvías e autobuses. A rede de ferrocarrís de proximidade é moi ampla e esténdese até os barrios máis afastados da cidade. O Metro de Calcuta é o sistema de transporte subterráneo máis antigo da India, circula paralelo ao río Hugli e esténdese polo norte e o sur da cidade abarcando unha distancia de 16,45 quilómetros. Os autobuses son o modo preferido de transporte e están a cargo de dúas axencias gobernamentais, ademais dalgúns operadores privados. Debido ás fortes choivas que caen durante a estación dos monzóns, ás veces interrómpese o transporte público.
Tamén son moi comúns os autorickshaw e as bicitaxis, especialmente para os desprazamentos a curta distancia polo interior da cidade.
Os vehículos de propiedade privada son menos frecuentes en número e uso en comparación con outras grandes cidades, debido á abundancia e variedade dos vehículos de transporte público. Con todo, a cidade foi testemuña dun aumento constante no número de vehículos matriculados, de modo que en 2002 os datos mostraron un aumento dun 44 % nos sete anos anteriores. Debido ao escaso espazo viario, é frecuente a aparición de importantes problemas de tráfico; por esta razón e para aliviar o tráfico en certa medida, están a construírse novas vías e estacións para a rede de Metro, así como toda unha serie de novas estradas.
Calcuta ten principalmente dúas estacións de ferrocarril de longa distancia, a estación de Howrah e a de Sealdah. A principios de 2006 comezou a construírse a que debe ser a terceira estación da cidade, chamada Kolkata.
Polo que respecta a medios de transporte aéreo, o único aeroporto que posúe Calcuta, o aeroporto internacional Netaji Subhash Chandra Bose, atópase situado ao norte da cidade, operando tanto en voos nacionais como en voos internacionais.
Calcuta constitúe tamén un importante porto comercial no leste da India, acorde co seu antigo papel como centro de saída das exportacións durante o período do Raj británico, durante o que foi a capital dos dominios británicos na India. Ten igualmente servizo de pasaxeiros cara a Port Blair, nas illas Andamán e Nicobar. Tamén hai o servizo dun transbordador que conecta Calcuta coa súa cidade xemelga de Howrah ou Haora[28].
Varias pontes atravesan o río Hugli unindo Calcuta coa súa veciña Howrah, a máis importante destas pontes e símbolo de Calcuta é o chamado ponte de Howrah.
Cultura
[editar | editar a fonte]Patrimonio artístico
[editar | editar a fonte]Nela atópase o Kalighat (na zona sur da cidade), un templo dedicado á deusa patroa da cidade, Kali, que data do ano 1809. Tamén se denomina Kalighat á veciñanza onde se atopa este templo. Nesta zona atópase o barrio vermello con mulleres que veñen de diferentes partes da cidade ou do país (incluso moitas mulleres de Bangladés) a exercer a prostitución.
Conta tamén con Fort William, o forte que está na orixe da propia cidade, como arqueoloxía militar.
En Calcuta atópase igualmente o Vitoria Memorial, construído cando a India era parte do Imperio Británico, é un Museo dedicado á pintura e que está igualmente consagrado á conservación do seu patrimonio histórico documental; nel hai óleos de gran tamaño na Galería Real, ilustrando episodios da longa e axitada vida da Raíña Vitoria e o seu reinado.[29] Foi construído dotado dun revestimento en mármore branco entre os anos 1840 e 1847.
Posúe igualmente o Xardín botánico de Kokata, emprazado ao sur da cidade, na beira lste do río Hugli, que conta cun dos maiores Ficus benghalensis do mundo. Aloxa a Biblioteca Nacional da India, na mansión Belvedere.
Referencias culturais
[editar | editar a fonte]Na cidade ambiéntase La Cité de la Joie, novela de grande éxito de Dominique Lapierre, así como a película oscarizada Slumdog Millionaire. A documentalista israelí, Zana Briski, igualmente, filmou na cidade Born into Brothels: Calcutta's Red Light Kids, que gañou o Óscar ao mellor documental no 2005.
Deportes
[editar | editar a fonte]Os deportes máis populares na cidade son o críquet, coma no resto da India, e o fútbol, sendo o principal polo deste deporte no país.
A federación local, a Indian Football Federation de fútbol fundouse en 1893, antes que a Federación da India, e dixire este deporte en todo o Estado de Bengala Occidental. Na cidade tamén teñen a súa sede os principais equipos do país, o Mohan Bagan Athletic Club, o Mohammaden Sporting Club e o East Bengal Club. A Calcutta Football League é unha das ligas máis antigas de Asia.
Calcuta é a sede do Calcutta Cricket and Football Club, fundado en 1792 é o segundo club de críquet do mundo. Na actualidade tamén é a sede do Kolkata Knight Riders, que compite na Indian Premier League.
En canto a instalacións a cidade ten numerosos e importantes centros de deporte, coma o Eden Gardens, un dos dous únicos estadios de críquet do mundo con 100.000 asentos. O Estadio Multiusos Saltlake é o segundo estadio de fútbol do mundo en canto a capacidade[30].
Calcuta tamén marcou fitos da historia do deporte noutros ámbitos, coma co Royal Calcutta Golf Club, primeiro club de golf fóra do Reino Unido,[31] ou co Calcutta Polo Club, fundado no 1862 e considerado como o club de Polo máis antigo do mundo[32].
Cidades irmandadas
[editar | editar a fonte]- Dacca (Bangladesh).
- Guangzhou (China).
- Macau (China).
- Long Beach (Estados Unidos de América).
- Odesa (Ucraína).
- Nápoles (Italia).
- Tesalónica (Grecia).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Ramakrishna
-
Edificio de Whiteways e Laidlaw
-
Imaxe do Eden Gardens, estadio de críquet máis grande da India e un dos máis grandes do mundo.
-
Imaxe do Estadio Salt Lake.
-
A Biblioteca Nacional da India, sita en Calcuta.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524.
- ↑ Por exemplo en Alonso, Fran. IGADI, ed. "O secuestro dos elefantes". Palabras con Fondo.
- ↑ [http://www.citypopulation.de/India-Agglo.html Datos citados por el sitio Web City Population, sobre la base de los censos nacionales indios del 1 de marzo de 2001 y de igual mes y día, pero diez años antes (1991)
- ↑ Proyección media exponencial o geométrica, sobre la base de los dos censos nacionales citados.
- ↑ "Kalighat Kali Temple" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2017. Consultado o 15 de maio de 2020.
- ↑ "PIA01844: Space Radar Image of Calcutta, West Bengal, India" (en inglés). Jet Propulsión Laboratory. California Institute of Technology. Consultado o 3 de decembro de 2007.
- ↑ "History of Calcutta. An intrduction" (en inglés). Catchcal.com. Consultado o 3 de decembro de 2007.
- ↑ Chadhuri, Roy; Thakur, A.R. (25 de xullo de 2006). "Microbial genetic resource mapping of East Calcutta wetlands" (PDF). Current Science 91 (2): 212–217. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 1 de decembro de 2007. Consultado o 3 de decembro de 2007.
- ↑ "Ramsar sites in order of addition to the Ramsar List of etlands of International Importance" (PDF) (en inglés). Ramsar. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 12 de xullo de 2007. Consultado o 3 de decembro de 2007.
- ↑ "Situation analysis. Production systems and natural resource management in PU Kolkata" (PDF) (en inglés). Universidade de Stirling. agosto de 2002. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 05 de maio de 2006. Consultado o 4 de decembro de 2007.
- ↑ 11,0 11,1 "Hazard profiles of Indian districts" (PDF). National Capacity Building Project in Disaster Management (en inglés). PNUD. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 19 de maio de 2006. Consultado o 4 de decembro de 2007.
- ↑ «Quake sleuth “saves” 300,000 lives, artigo no sitio web Science Service, Inc., 16 de abril de 1994. Consultado o 4 de agosto de 2012.
- ↑ Roger Bilham: «The 1737 Calcutta Earthquake and Cyclone Evaluated», en Bulletin Seismology Society American, 84 (5): páxs. 1650-1657; 1994.
- ↑ "Station: Calcutta (Alipur) Climatological Table 1981–2010" (PDF). Climatological Normals 1981–2010. India Meteorological Department. Xaneiro de 2015. pp. 161–162. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2020. Consultado o 2 de marzo de 2020.
- ↑ "Extremes of Temperature & Rainfall for Indian Stations (Up to 2012)" (PDF). India Meteorological Department. Decembro de 2016. p. M237. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2020. Consultado o 2 de marzo de 2020.
- ↑ "Table 3 Monthly mean duration of Sun Shine (hours) at different locations in India" (PDF). Daily Normals of Global & Diffuse Radiation (1971–2000). India Meteorological Department. Decembro de 2016. p. M-3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de febreiro de 2020. Consultado o 2 de marzo de 2020.
- ↑ "Normals Data: Kolkata/Alipore - India Latitude: 22.53°N Longitude: 88.33°E Height: 6 (m)". Japan Meteorological Agency. Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2020. Consultado o 2 de marzo de 2020.
- ↑ Mapas vellos de Calcuta
- ↑ Gravados e cadros de Calcuta nos séculos XVII e XVIII
- ↑ ""The Maratha Menace" Kalkuta Jornal". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2015. Consultado o 27 de agosto de 2015.
- ↑ Cadros e gravados de Calcuta no século XIX
- ↑ Mapa de Calcuta na primeira metade do século XIX
- ↑ Mapa de Calcuta en 1901.
- ↑ Genesis and Growth of the Calcutta Stock Exchange Arquivado 10 de maio de 2020 en Wayback Machine. - Calcutta Stock Exchange Association Ltd
- ↑ Kolkata - Microsoft® Encarta® Online Encyclopedia
- ↑ Dutta, Sudipta (1 February 2009). "Calcutta chronicles". Financial Express (Nova Deli). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2013. Consultado o 6 de decembro de 2011.
- ↑ Dutta, Tanya (22 de marzo de 2006). "Rising Kolkata's winners and losers". BBC. Arquivado dende o orixinal o 4 de febreiro de 2012. Consultado o 11 de decembro de 2011.
- ↑ "Howrah Bridge: নিঝুম রাতে কে যেন হেঁটে বেড়ায়! হাওড়া ব্রিজের এই ঘাটে আজও পা বাড়াতে ভয় পায় শহরবাসী". The Bengali Chronicles. 28 June 2022. Consultado o 28 July 2022.
- ↑ Museos de la India
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2006. Consultado o 17 de xaneiro de 2014.
- ↑ "Golf". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2021-02-09.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2006. Consultado o 17 de xaneiro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Calcuta |
A Galipedia ten un portal sobre: India |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Kolkata Oline (en inglés)
- Calcuttaweb (en inglés)
- Información sobre Calcuta (en castelán)