Monk
Monk | |
---|---|
Tony Shalhoub, protagonista da serie no papel de Adrian Monk. | |
Formato | Detectives Drama Comedia |
Creado por | Andy Breckman |
Intérpretes | Tony Shalhoub Traylor Howard Ted Levine Jason Gray-Stanford Bitty Schram |
Tema de apertura | It's a Jungle out There (Randy Newman) |
Tema de peche | Canción instrumental (Jeff Beal) |
País de orixe | Estados Unidos |
Lingua(s) | Inglés |
Episodios | 125 (Lista de episodios) |
Produción | |
Produtor(es) executivo(s) | Andy Breckman David Hoberman Tony Shalhoub Tom Scharpling Rob Thompson |
Localización(s) | San Francisco, California |
Cámara | Filme, monocámara |
Duración | 40-45 minutos |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | USA Network |
Formato de imaxe | 480i (SDTV) 1080i (HDTV) |
Primeiro episodio | 12 de xullo de 2002 |
Derradeiro episodio | 4 de decembro de 2009 |
Na rede | |
http://www.usanetwork.com/series/monk | |
| |
[ editar datos en Wikidata ] |
Monk é unha serie de televisión estadounidense, creada por Andy Breckman e protagonizada por Tony Shalhoub no papel de Adrian Monk, un exaxente de homicidios de San Francisco que traballa agora coma detective privado. Así pois, é principalmente unha serie de misterio cun ambiente ás veces escuro, mais sempre con grandes toques cómicos. Con todo, é unha serie un pouco habitual dentro deste xénero, debido a que a súa personaxe principal, Monk, acompañado pola súa axudante, padece unha serie de graves desordes psiquiátricos, como un trastorno obsesivo-compulsivo e un gran número de fobias, agravados polo trauma da morte da súa esposa.
A serie comezou a emitirse o 12 de xullo de 2002 en USA Network sempre con moito éxito, sendo considerada un dos motivos do grande incremento de popularidade desa canle. A súa oitava e última tempada concluíu o 4 de decembro de 2009. Ademais, aínda posúe o récord de serie de televisión dramática máis vista da historia da televisión por cable, superando á marca anterior de The Closer. Este rexistro de audiencia produciuse no seu último episodio, "O Sr. Monk e a fin – Parte II", con 9,4 millóns de espectadores.
Argumento
[editar | editar a fonte]Adrian Monk era un brillante detective de homicidios que traballaba no Departamento de Policía de San Francisco ata que a súa esposa, Trudy, foi asasinada por un coche bomba nun aparcadoiro, que Monk cría destinada a el. Así pois, a morte de Trudy Monk levouno a sufrir unha crise nerviosa, que o levou a perder o seu posto no Departamento e a pecharse sen saír da súa casa durante máis de tres anos. Finalmente, foi capaz de saír de novo coa axuda da súa enfermeira, Sharona Fleming, o que lle permitiu volver a traballar como detective privado e asesor da unidade de homicidios a pesar das súas limitacións, debidas a un trastorno obsesivo-compulsivo (TOC), que empeorou significativamente despois da traxedia.
Os hábitos compulsivos de Monk son numerosos, agravados por unha gran serie de fobias, que non lle deixan exercer a súa profesión con normalidade. Segundo conta o propio detective, ten 312 fobias, sendo algunhas das cales os xermes, o leite, as xoaniñas, as harmónicas, as alturas, a imperfección ou o risco. Así, o TOC e as fobias condúceno inevitablemente a situacións moi incómodas, que causan problemas, tanto a Monk como á xente ao redor del, mentres investiga os casos. con todo, estes mesmos trastornos, en particular o TOC, axúdanlle moitas veces na resolución dos casos, xunto coa súa prodixiosa memoria, atención ao detalle, capacidade de análise e razoamento dedutivo. Porén, practicamente nunca se menciona que Adrian Monk padeza TOC e as personaxes cambian de tema para evitar falar diso, ou evitar un malentendido. Por exemplo, no episodio "Monk e o maratoniano", o detective dálle a man a dúas mulleres brancas e a un home negro, e entón como de costume pide á súa axudante un pano para limpar as mans pola súa fobia aos xermes, xerando un malentendido, que tanto Monk como a súa axudante prefiren deixar pensar que foi por motivos racistas que comentar o seu trastorno. Natalie adoita referirse ao seu xefe como "especial" ou "maniático" no canto de revelar a verdade sobre os seus problemas.
O capitán Leland Stottlemeyer e o tenente Randall "Randy" Disher, do Departamento de Policia, sempre solicitan a axuda de Monk cando teñen problemas cunha investigación. Stottlemeyer a miúdo irritase pola desorde de Monk, pero quere ao seu amigo e respecta as súas sorprendentes habilidades de observación, do mesmo xeito que Disher. Dende a infancia, a atención obsesiva aos detalles de Monk permitiulle detectar diferenzas pequenas, atopar patróns, e facer conexións que outros non adoitan facer. Monk continúa a procura de información sobre a morte da súa esposa, o único caso que foi incapaz de resolver.
Sharona, a primeira axudante de Monk, decidiu volver casar co seu ex-esposo e regresar a Nova Jersey, e Natalie Teeger é contratada como nova axudante, unha viúva e nai dunha nena de once anos. Monk ademais ten un irmán, Ambrose Monk, e un medio irmán, Jack, Jr., cuxa existencia Monk descobre na quinta tempada. A idade de Adrian Monk non se menciona case nunca, pero pódese calcular nuns 47 anos, xa que no episodio "O Sr. Monk vai ao dentista" di que a única vez que estivera no dentista fora con doce anos, e máis tarde comenta que non volvera a un dentista dende había 35 anos. Ademais, no episodio "O Sr. Monk e a Reunión de Alumnos", asiste ao XXV aniversario da súa promoción universitaria, o que dá consistencia á teoría sobre a súa idade.
Personaxes
[editar | editar a fonte]Personaxes principais
[editar | editar a fonte]Nome | Ocupación | Representado por | Tempadas |
---|---|---|---|
Adrian Monk | Detective asesor | Tony Shalhoub | 1–8 |
Natalie Teeger | Axudante de Monk | Traylor Howard | 3–8 |
Sharona Fleming | Antiga asistente de Monk | Bitty Schram | 1–3, 8 |
Leland Stottlemeyer | Capitán do Departamento de Policía de San Francisco | Ted Levine | 1–8 |
Randy Disher | Tenente do Departamento de Policía de San Francisco | Jason Gray-Stanford | 1–8 |
A personaxe Natalie Teeger fixo a súa entrada na metade da terceira tempada, cando a actriz Bitty Schram, quen interpretaba á enfermeira de Monk Sharona Fleming, abandona precipitadamente a serie, supostamente a raíz unha disputa contractual. A nova actriz, Traylor Howard, aínda non vira ningún capítulo da serie e cando a chamaran para a audición non estaba moi entusiasmada. Con todo, preparouse e obtivo o papel. A pesar da fría recepción inicial por parte dos fans do cambio, o creador da serie, Andy Breckman, cre que o éxito de Howard foi rápido, enchendo o baleiro creado con éxito. "Sempre estarei agradecido a Traylor, porque chegou cando a serie estaba en crise e salvou ao noso bebé [....] Tivemos que facer unha substitución apresurada, e non tódalas series sobreviven a un cambio así. Tiña medo á morte".[1]
Bitty Schram regresou como estrela convidada durante a oitava e última tempada, o 23 de outubro de 2009, en O Sr. Monk e Sharona, a fin de dar peche ao seu personaxe, que partiu da serie de xeito abrupto na terceira tempada despois de volver casar co seu exmarido e de volver a Nova Jersey. Neste episodio, Sharona confirma que ela e o seu ex marido, Trevor, agora están separados para sempre e ao final, realmente namórase de Randy, que obviamente lle gusta o suficiente como para bicala e levala ao aeroporto para regresar a Nova Jersey. Sharona dille Monk, con todo, que ela vai regresar a San Francisco, unhas semanas despois de tramitar a súa demanda contra o club de campo onde rompeu o brazo despois de resolver un caso de relacionado co asasinato do seu tío Howie con Monk e Natalie. Con todo, esta foi a última aparición de Sharona Fleming en persoa. Ao final da serie en "O Sr. Monk e a fin, Parte 2, amósase unha foto dela no escritorio de Randy, o cal conseguiu un novo emprego como Xefe de Policía preto de Nova Jersey. Ademais menciona que el e Sharona atoparon un lugar para vivir.
Personaxes secundarias
[editar | editar a fonte]- Julie Teeger (Emmy Clarke) é a filla adolescente de is Natalie Teeger.
- Benjamin "Benjy" Fleming (Kane Ritchotte durante o episodio piloto e segunda e terceira tempadas, Max Morrow durante a primeira tempada) é o fillo de Sarona.
- Dr. Charles Kroger (Stanley Kamel) era o psicólogo de Adrian Monk. Porén, o actor Stanley Kamel morreu dun ataque ao corazón o 8 de abril de 2008. A súa personaxe cóntase na serie que tamén morre dun ataque ao corazón.
- Dr. Neven Bell (Héctor Elizondo) é o novo terapeuta de Adrian Monk. Aparece por primeira vez no primeiro episodio da sétima tempada.
- Trudy Anne Monk (Melora Hardin) é a muller falecida de Monk. O seu marido tenta resolver o caso da súa morte durante toda a serie.
- Kevin Dorfman (Jarrad Paul) era un contable que vivía no piso de arriba da casa de Monk. A personaxe morre durante a sétima tempada.
- Harold J. Krenshaw (Tim Bagley) é o rival de Monk é outro paciente do Dr. Kroger, que ten numerosas disputas co detective polas súas incompatibles obsesións.
- Ambrose Monk (John Turturro) é o irmán agorafóbico de Adrian Monk. Parece estar baseado en Mycroft Holmes, o irmán intelixente de Sherlock Holmes.
- Jack Monk (Dan Hedaya) é o pai de Adrian e Ambrose, abandonou a súa familia cando os dous irmáns eran moi novos, dicindo que ía por comida chinesa e non volvendo.
- Jack Monk Jr. (Steve Zahn) é outro fillo de Jack Monk, medio irmán de Adrian e coñecido convicto.
- Dale "the Whale" Biederbeck (Adam Arkin, Tim Curry e Ray Porter) é o maior inimigo de Adrian Monk e o seu rival máis odiado. Doente dunha obesidade mórbida é comparado co maior rival Sherlock Holmes, o Profesor Moriarty (o "Napoleón do crime"). A historia da súa personaxe non foi resolta.
- Karen Stottlemeyer (Glenne Headly) foi a muller de Stottlemeyer até o seu divorcio na cuarta tempada. É directora de cinema especializada en documentais.
- Linda Fusco (Sharon Lawrence) nova moza do capitán Stottlemyer a partir da sexta tempada.
Episodios
[editar | editar a fonte]A meirande parte dos episodios teñen títulos da forma "O Sr. Monk e (unha persoa ou cousa)" ou "O Sr. Monk (fai algo)", do mesmo xeito que moitas novelas cun detective coma protagonista. Aínda que a resolución dun asasinato é o argumento na maioría dos episodios, hai algúns episodios nos que Monk axuda a investigar outros crimes, como algún secuestro ou roubo. Durante a sétima tempada Monk resolve o seu caso número cen (e cento un) dende a morte da súa muller no capítulo "O Sr. Monk e o caso número 100", un fito na súa carreira.
"Isto foi o que pasou"
[editar | editar a fonte]A maioría dos episodios contan cunha secuencia na que Monk revela como se cometeu o crime, e case sempre precede á súa explicación coas palabras "isto foi o que pasou". Algunhas destas secuencias teñen ocorrido dun xeito infrecuente, como contada a un oso, en forma de conto a un neno, cantada durante un ritual nun mosteiro ou rapeada. Esta frase foi dita en dúas ocasións en dous capítulos, unha no pasado e outra no presente, concretamente en "O Sr. Monk e o pequeno Monk".
Produción
[editar | editar a fonte]Segundo unha entrevista co produtor executivo David Hoberman,[2] a ABC concibiu por primeira vez da serie cun argumento policial e cunha personaxe protagonista semellante ao Inspector Clouseau cun trastorno obsesivo-compulsivo. O propio Hoberman, dixo que a ABC quería Michael Richards como protagonista, mais o propio actor rexeitou o papel. Así pois, Hoberman ficha a Andy Breckman como creador e este, inspirado por Sherlock Holmes, presenta a un Doutor Watson como o personaxe de enfermeira de Monk e a un Inspector Lestrade, como o personaxe que co tempo converteuse no Capitán Stottlemeyer. Aínda que idea do programa orixinouse na canle ABC, a compañía entregoulla a USA Network, agora propiedade de NBC.
Localización
[editar | editar a fonte]Aínda que situada en San Francisco e a súa zona, Monk está maiormente rodada para noutros lugares, excepto os exteriores nos cales se ven de cando en vez monumentos da cidade. O episodio piloto foi filmado en Vancouver, Columbia Británica, e os seguintes episodios da primeira tempada en Toronto, Ontario. A maioría dos episodios entre as tempadas segunda e sexta foron filmados nos Ánxeles (California), dentro dos Ren-Mar Studios para tempadas de dúas a cinco e nos Paramount Studios na sexta tempada, que inclúen o apartamento de Adrian, a casa de Stottlemeyer, a oficina do Dr. Kroger e a casa de Natalie.
Moitas das escenas da cuarta tempada foron filmadas en San Francisco, entre Union Square e Chinatown, que se amosa en "O Sr. Monk é xurado" na persecución policial de Escobar até a rúa Jackson.
Banda sonora
[editar | editar a fonte]Durante a primeira tempada a serie tiña un tema musical de jazz composto por Jeff Beal e interpretado por Grant Geissman. Esta peza obtivo un Emmy en 2003 ao Mellor Tema Musical. Con todo, ao comezar a segunda tempada, a serie tiña unha nova música: unha canción titulada "It's a Jungle Out There" (do inglés: Hai unha xungla aí fóra), obra de Randy Newman. Moitos fans e críticos sentíronse decepcionados ao ver que cambiaran o tema musical. Para outros, con todo, o cambio foi para mellor. Newman recibiu o Emmy en 2004 ao Mellor Tema Musical pola súa canción.
Este debate introduciuse como unha broma dentro da propia serie no episodio titulado "O Sr. Monk e a estrela de televisión", no que aparece un actor que interpreta a un detective de homicidios nunha serie de moito éxito, e gran cantidade de fans quéixanse de que cambiasen o tema musical. Ao final do devandito episodio, unha nova fan da serie agradécelle ao Sr. Monk resolver o caso e pídelle que, se algunha vez fan unha serie de televisión sobre el, que non permita que nunca lle cambien o tema musical. Pese ao debate, a música orixinal séguese ouvindo ao final dos episodios durante os créditos.
Imprecisións
[editar | editar a fonte]Monk refírese a miúdo a si mesmo coma un ex-detective. No episodio da oitava tempada, "O Sr. Monk sobe ao estrado", o avogado Jay Mohr refírese a Monk co título de cortesía de "ex-detective". Xa noutro episodio da mesma tempada, no que Monk regresa ao corpo de policía, ingresa como "Detective de Primeira Clase Adrian Monk". Con todo, o Departamento de Policía de San Francisco é único entre os grandes departamentos de policía dos Estados Unidos que non utiliza o rango de "detective". Ós oficiais de policía de San Francisco que investigan os crimes e levan a cabo tarefas equivalentes aos detectives noutros departamentos dáselles o título de "inspector".
Little Monk
[editar | editar a fonte]USA Network estrenou unha serie de dez capítulos online titulada "Little Monk" (do inglés: O pequeno Monk) o 22 de agosto de 2009. A serie, trata sobre Adrian e Ambrose Monk durante os seus anos na escola media, de novo coas súas habilidades e fobias. Con todo, xa que os irmán deberon estar na escola media entre finais dos anos 1960 e comezos de 1970, o espectadores poden ver moitos anacronismos, como algúns vehículos que non pertencen a ese período de tempo, ademais das vestimentas das personaxes, que non encaixan coa época.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Here's What Happened: How Natalie Rescued Monk
- ↑ "O señor Monk e as súas orixes", incluída dentro dos extras do DVD da primeira tempada
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial
- "Monk Wiki"
- Monk en tvguide.com
- Monk en IMDb
- Monk en tv.com Arquivado 26 de marzo de 2009 en Wayback Machine.