Content-Length: 107123 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Onomasiolox%C3%ADa

Onomasioloxía - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Onomasioloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A onomasioloxía é unha disciplina lingüística, a medio cabalo entre a semántica e a lexicoloxía, que trata sobre a análise do léxico dunha lingua partindo do significado.

A agrupación non se centra só en restras de sinónimos, senón en abranguer o campo semántico en toda a súa extensión de cada palabra importante dentro da lingua. Normalmente son obras de perspectiva onomasiolóxica os dicionarios conceptuais, os dicionarios analóxicos, os dicionarios ideolóxicos e algúns dos chamados dicionarios inversos (non todos, pois o mesmo termo se usa tamén para os dicionarios de rimas ou morfolóxicos).

Aplicación

[editar | editar a fonte]

O seu uso máis básico é didáctico: ensinar á aprendizaxe polo método máis efectivo, que é o situacional. No canto de estudar longas listas de palabras coas súas equivalencias, permite a interiorización dun idioma dende o significado.

Pero a súa utilidade non se reduce ó eido aplicado. Na lingüística teórica permite recoñecer elementos fundamentais de variadas partes da gramática tradicional:

Extensión

[editar | editar a fonte]

A onomasioloxía pode non aplicarse só ó léxico: de feito, a implementación onomasiolóxica da fraseoloxía vai sendo cada vez máis habitual nos estudos centrados na lingua galega, como se pode comprobar con:

  • Refraneiro galego básico (1987) de Xesús Ferro Ruibal (ISBN 84-7154-588-8) [con aproximadamente 2000 categorías];
  • Así falan os galegos (1995) de Carme López Taboada e Mª do Rosario Soto Arias (ISBN 84-89459-39-8) [con 46 categorías];
  • Na estrutura interna do proxecto sobre fraseoloxía levado a cabo polo propio Ferro Ruibal no CIRP;

Exemplos concretos

[editar | editar a fonte]

Son coñecidos os estudos antropolóxicos decimonónicos e posteriores sobre a terminoloxía do carro, o hórreo, a vendima, o porco ou a vaca (por exemplo, por parte de Xaquín Lorenzo) que investigaban (e usaban necesariamente) o léxico referido ó tema en cuestión: as partes, as metonimias, os actantes, axentes e argumentos, os procesos, as accións e os verbos, as características e os atributos e os adxectivos ou adverbios de cada un destes elementos da identidade galega. A onomasioloxía actual pretende depender menos do tema e a perspectiva e ser máis sistemática. Mentres os campos semánticos se restrinxen só a sinónimos, cohipónimos, hiperónimos e hipónimos cos que mantén un forte vencello semántico, a onomasioloxía ábrese á solidariedade semántica, e aparecerían, por exemplo, nunha mesma categoría:

Outro exemplo perfecto é a propia Galipedia. Os motores xeradores das wikipedias permiten agrupar as distintas páxinas ou definicións en categorías, que non responden en realidade máis que ós grupos onomasiolóxicos das obras lexicográficas.

Desenvolvemento en diferentes linguas

[editar | editar a fonte]

En galego contamos xa cunha obra iniciática, voluntariosa e voluminosa, o Diccionario conceptual galego (1997) de Manuel Quintáns Suárez (ISBN 84-86614-77-5), que en 8 tomos estrutura o léxico galego con intención didáctica. Debido á enorme ambición e volume lexicográfico ós que se dedican este esforzo editorial, a obra non queda máis que en boas intencións, pois a obra presenta máis calidade estética que de contidos e estrutura.

Un valioso traballo de análise onomasiolóxica é o Diccionario ideológico de la lengua castellana (1959) feito por Julio Casares durante 25 anos (ISBN 84-252-0126-8). Dividido en tres partes, a terceira das cuais é un dicionario normativo habitual con certas palabras marcadas nas definicións, dedica case a metade das páxinas a desenvolver os campos léxicos (aproximadamente 6000) e 38 táboas a unha estruturación do universo léxico do castelán.

Non é o único: a editorial catalá Biblograf publicou en 1995 o VOX. Diccionario ideológico de la lengua española, cunha estrutura similar nesas tres partes e mais un índice alfabético máis manexable de referencias ás categorías de cada lema.

Tanto un coma outro presentan tamén un cadro sinóptico xeral que curiosamente permite malpensar porque se denominaron dicionarios ideolóxicos e non conceptuais, sobre todo no caso do de Julio Casares: as primeiras dúas gallas son Deus fronte a Universo, subdividíndo logo a segunda en moitas das coñecidas disciplinas científicas na nosa época.

Porén, outros dicionarios chámanse de ideas afíns. Respecto a estes cómpre mencionar o Diccionario de ideas afines de 1991 feito por Fernando Corripio (Barcelona: Editorial Herder. ISBN 84-254-1515-2), que nas súas 912 páxinas estrutura os seus encabezados por acepcións, incluíndo tamén remisións internas e mesmo nomes propios.

Un bo dicionario editado no territorio europeo é o Dicionario Mais. Da idéia às palavras (1997) de Maria do Rosário Paiva Boléo e Patricia Bartoli-Berti. Tamén coñecido é o Dicionário geral e analógico da lingua portuguesa en tres tomos (1948, 1952, 1958), póstumo de Artur Bívar e coordinado por Manuel dos Santos Ferreira e Maria Vitorio dos Santos Ferreira.

A tradición onomasiolóxica estivo moi asentada en Suramérica e estes son algúns exemplos demostrativos:

  • Dicionário analógico da língua portuguesa (Idéias afins) (1950, reed. 1983) de Francisco Ferreira dos Santos Azevedo [685px.];
  • Dicionário analógico da língua portuguesa (1952) do Padre Carlos Spitzer;
  • Dicionário de idéias afins (1948) de Eduardo Vitorino [572px.];
  • Dicionário de idéias afins (1980) de Hermínio Sargetim;

Aínda que de peto, en inglés é interesante o Roget's Thesaurus de Betty Kirkpatrick (ISBN 0-14-051399-X), continuado polo Roget's II - The new Thesaurus (ISBN 0-395-35605-9).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Onomasiolox%C3%ADa

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy