Content-Length: 146524 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Revoluci%C3%B3n_dos_Caraveis

Revolución dos Caraveis - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Revolución dos Caraveis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mural que celebra a Revolución dos Caraveis[1] ocorrida o 25 de abril de 1974
Serie
Historia de Portugal
Portugal na prehistoria
Portugal prerromano
Romanización: Lusitania e Gallaecia
Visigodos e Suevos
Dominio árabe e a Reconquista
Condado Portucalense
Independencia de Portugal
Dinastía de Borgoña
Crise de 1383-1385
Dinastía de Avis
Descubrimentos e Expansión Portuguesa
Imperio portugués
Crise sucesoria de 1580
Dinastía Filipina
Restauración da Independencia
Dinastía de Braganza
Terremoto de Lisboa de 1755
Guerra Peninsular
Revolución Liberal (24/08/1820)
Vilafrancada e Abrilada
Guerras liberais
Convención de Évora-Monte
Revolución de Setembro,
Revolta dos Marechais e Patulea
Rexeneración e Fontismo
O mapa cor-de-rosa e o ultimato británico
Revolución do 5 de outubro de 1910 e Proclamación da República
Goberno Provisorio
I República
Ditadura militar e o Estado Novo
Guerra de Ultramar
Revolución dos Caraveis
III República
Por tópico
Historia militar
Historia diplomática
Historia cultural
Categoría: Historia de Portugal

O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo[2]) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na guerra colonial. Considérase, en termos xerais, que esta revolución devolveu a liberdade ó pobo portugués (denominándose "Día da Liberdade" ó día conmemorativo instituído en Portugal para recordar a revolución). A revolución debe o seu nome á reacción popular, que repartiu caraveis ós soldados e estes os puxeron nos canóns das súas armas, simbolizando o seu apoio á revolución.

Un dos precedentes da Revolución dos Caraveis foi a guerra colonial portuguesa.

Despois do golpe militar do 28 de maio de 1926, foi posto en funcionamento en Portugal un réxime autoritario de inspiración fascista. En 1933 o réxime foi remodelado, autodenominándose Estado Novo, e António de Oliveira Salazar pasou a controlar o país, sen abandonar o poder até 1968, cando este lle foi retirado por incapacidade, xa que sufriu lesións cerebrais por mor dunha caída, morrendo dous anos despois. Foi substituído por Marcelo Caetano que dirixiu o país até ser deposto no 25 de abril de 1974.

O goberno do Estado Novo foi sempre considerado unha ditadura, tanto pola oposición, como polos observadores estranxeiros como mesmo polos propios dirixentes do réxime. Formalmente, existían eleccións, mais estas foran sempre negadas pola oposición, que sempre acusaran ó goberno de fraude.

O Estado Novo posuía unha policía política, a PIDE (Polícia Internacional e de Defensa do Estado), máis tarde DGS (Direcção-Geral de Segurança) e, orixinalmente, PVDE (Polícia de Vigilância e Defensa do Estado), que perseguía ós opositores do réxime. De acordo coa visión da historia dos ideólogos do réxime, o país mantivo unha política baseada na permanencia das colonias no "Ultramar", ó contrario da maior parte dos países europeos que entón desfacían os seus imperios coloniais. A pesar da desaprobación nos foros mundiais, como na ONU, Portugal mantivo unha política de forza, particularmente despois da anexión dos enclaves portugueses de Goa e Damán e Diu á India en 1961, véndose así obrigados, a partir do inicio dos anos 60, a defender militarmente as colonias contra os grupos independentistas en Angola, Guinea-Bissau e Mozambique. A guerra fría estaba preto do seu cumio, e os intereses soviéticos provocaban que se axudara ás guerrillas nas colonias portuguesas, tentando que lograran a súa independencia.

Economicamente, o réxime mantivo unha política de condicionamento industrial que resultaba no monopolio do mercado portugués por parte dalgúns grupos industriais e financeiros (a denominación de plutocracia é frecuente). O país permaneceu pobre até a década de 1960, o que estimulou a emigración, ó igual que sucedía en Galiza. Isto era debido ós grandes custos militares da guerra nas colonias, o que facía que se empregasen os cartos en tentar pacificar as colonias en troques de investilo en educación ou infraestruturas, tan necesarias para un Portugal que permanecía inmóbil para un mundo no que se estaba a producir un cambio tanto cultural como intelectual. Nótase, con todo, un certo desenvolvemento económico a partir desta década.

Preparación

[editar | editar a fonte]

A primeira reunión clandestina de capitáns realizouse en Bissau, o 21 de agosto de 1973. Unha nova reunión, o 9 de setembro de 1973 no Monte Sobral (Alcáçovas) dá orixe ó Movimento das Forças Armadas, formado por un grupo de militares de esquerdas que se radicalizaran a causa do fracaso da guerra colonial. No día 5 de marzo de 1974 apróbase o primeiro documento do movemento: "Os Militares, as Forças Armadas e a Nação". Este documento ponse a circular clandestinamente. No día 14 de marzo Caetano, obrigado pola vella garda do réxime, expulsa ós xenerais Spínola e Costa Gomes de cadanseu cargo no Estado-Maior General das Forças Armadas, alegando que estes recusaran de participaren nunha cerimonia de apoio ó réxime. Con todo, a verdadeira causa da expulsión dos dous xenerais foi ter escrito o xeneral Spínola, coa cobertura de Costa Gomes, un libro, "Portugal e o Futuro", no cal, por primeira vez un alto cargo defendía a necesidade dunha solución política para as revoltas separatistas nas colonias e non unha solución militar. No día 24 de marzo a última reunión clandestina decide o derrube do réxime pola forza.

Movementos militares durante a Revolución

[editar | editar a fonte]

No día 24 de abril de 1974, un grupo de militares comandados por Otelo Saraiva de Carvalho instalou secretamente o posto de comando do movemento golpista no Cuartel da Pontinha, en Lisboa.

Ás 22h 55m é transmitida a canción E depois do Adeus, de Paulo de Carvalho, polos Emissores Associados de Lisboa. Este foi un dos sinais previamente combinados polos golpistas e que daba comezo á toma de posicións da primeira fase do golpe de estado.

O segundo sinal foi dado ás 0h 20 m, cando foi transmitida a canción Grândola, Vila Morena de Zeca Afonso, polo programa “Limite” da Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o comezo das operacións. O locutor de servizo nesa emisión foi Teodomiro Leite de Vasconcelos, xornalista e poeta mozambicano.

O golpe militar do día 25 de abril tivo a colaboración de varios rexementos militares que desenvolverán unha acción concertada.

No Norte, unha forza do CICA 1 liderada polo Tenente-Coronel Carlos Azeredo toma o Quartel-General da Região Militar do Porto. Estas forzas son aumentadas con forzas chegadas de Lamego. Forzas do BC9 de Viana do Castelo toman o Aeroporto de Pedras Rubras. E forzas do CIOE toman a RTP e o RCP no Porto. O réxime reaccionou, e o ministro de Defensa ordenou ás forzas localizadas en Braga avanzar sobre Porto, pero non foi obedecido, xa que estas tíñanse adherido ó golpe. Á Escola Prática de Cavalaria, que partiu de Santarém, tocoulle o papel máis importante: a ocupación do Terreiro do Paço. As forzas da Escola Prática de Cavalaria eran comandadas polo entón comandante Salgueiro Maia. O Terreiro do Paço foi ocupado a primeiras horas da mañá. Salgueiro Maia moveu, máis tarde, parte das súas forzas para o Cuartel do Carmo onde se encontraba o xefe do goberno, Marcelo Caetano, que ó final do día se rendeu, facendo, aínda así, a esixencia de entregaren o poder ó Xeneral António de Spínola, que non formaba parte do MFA, para que o "poder non caíse na rúa". Marcelo Caetano partiu, despois, para Madeira, rumbo ó exilio no Brasil, xunto con Americo Thomaz, para non volver endexamais.

A pesar dos continuos chamamentos radiofónicos dos capitáns de abril (do MFA) á poboación para que quedaran nos seus fogares, miles de portugueses saíron ás rúas mesturándose cos militares sublevados.

A revolución, a pesar de ser frecuentemente descrita como "pacífica", finalizou, porén, coa morte de 4 persoas, cando elementos da policía política dispararon sobre un grupo que se manifestaba ás portas das súas instalacións na Rúa António Maria Cardoso, en Lisboa.

O caravel tornouse no símbolo da Revolución de abril de 1974; Cando no amencer, as persoas comezaran a xuntárense nas rúas, apoiando ós soldados sublevados, alguén comezou a distribuír caraveis vermellos ós soldados, que rapidamente os colocaron nos canóns das súas armas.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]
Monumento en Grândola

No día seguinte, fórmase a Junta de Salvação Nacional, constituída por militares, e que procederá a un goberno de transición. O esencial do programa do MFA é, a miúdo, resumido no programa dos tres D: Democratizar, Descolonizar, Desenvolver. Entre as medidas inmediatas da revolución cóntanse a eliminación da policía política (PIDE/DGS) e da censura. Os sindicatos libres e os partidos legalizáronse. Logo, no día 25, ceibáronse os presos políticos da Prisão de Caxias. Os líderes políticos da oposición no exilio, como Álvaro Cunhal e Mário Soares, volveron ó país durante os días seguintes e foron recibidos cunha grande celebración. Pasada unha semana, o 1 de maio foi celebrado legalmente nas rúas por primeira vez en moitos anos. En Lisboa reuníronse preto de 1 000 000 persoas de todo o país, preparados para escoitaren os discursos de Soares e Cunhal.

Portugal pasou por un período conturbado que durou preto de 2 anos, comunmente referido como PREC (Processo Revolucionário Em Curso), marcado pola loita entre a esquerda e a dereita. Foron nacionalizadas as grandes empresas. No día 25 de abril de 1975 realizáronse as primeiras eleccións libres, para a Assembleia Constituinte, que foron gañadas polo PS. Na secuencia dos traballos desta asemblea foi elaborada unha nova Constitución, de forte inclinación socialista, e estabelecida unha democracia parlamentaria de tipo occidental. A constitución foi aprobada en 1976 pola maioría dos deputados, absténdose soamente o CDS/PP.

A guerra colonial rematou e, durante o PREC, as colonias africanas e Timor-Leste tornáronse independentes, pero Timor-Leste foi rapidamente invadida por Indonesia.

O 25 de Abril visto 30 anos despois

[editar | editar a fonte]

O 25 de abril de 1974 continúa a dividir á sociedade portuguesa, aínda que as divisións estean limitadas ós estratos mais vellos da poboación que viviu os acontecementos, ás faccións políticas dos extremos do espectro político e ás persoas politicamente máis involucradas. A análise que segue refírese só ás divisións entre estes estratos sociais. En xeral, os rapaces novos non se dividen sobre o 25 de abril.

Existen actualmente dous puntos de vista dominantes na sociedade portuguesa en relación ó 25 de abril.

Case todos, con moi poucas excepcións, consideran que o 25 de abril pagou a pena. Mais as persoas máis á esquerda do espectro político tenden a pensar que o espírito inicial da revolución se perdeu. O PCP lamenta que a revolución non tivera ido máis lonxe e que moitas das conquistas da revolución se fosen perdendo. As persoas máis á dereita lamentan a forma na que se levou a cabo a descolonización e asemade láianse das nacionalizacións.

Día da liberdade

[editar | editar a fonte]

Dende a instauración da democracia en Portugal celébrase o 25 de abril como o Día da liberdade e fanse conmemoracións tanto institucionais como populares. Amais, é festa nacional, e polo tanto día festivo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Revolución.
  2. Resenha de Ana Sofia Ferreira (ed.). "As eleições no Estado Novo" (PDF). Revista da Faculdade de Letras, HISTÓRIA, Porto, III Série, vol. 7, 2006, (en portugués). pp. 197–212 Centenário. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Revoluci%C3%B3n_dos_Caraveis

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy