Invasión musulmá da Península Ibérica
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Coñécese como invasión musulmá da Península Ibérica, etapa musulmá da Península Ibérica[1][2] ou conquista musulmá de Hispania[3] ao complexo proceso político e militar que ao longo do século VIII explica a formación e consolidación de Al-Ándalus musulmá, así como a xénese dos principais reinos cristiáns medievais peninsulares.[4]
A conquista do Reino Visigodo por dirixentes árabes da dinastía Omeia foi un proceso que durou quince anos, do 711 ao 726, no que se chegou a tomar todo o actual territorio de España e Portugal e parte do sur de Francia, se ben o que era o territorio peninsular do reino estaba completamente conquistado no 720, tras dez anos do inicio da conquista.
Aínda que o proceso en total ocupou todo ese tempo, a cronoloxía non é exacta en canto aos anos e as datas, senón só aproximada, pois as fontes difiren entre si.[5] Ademais destes anos de conquista, hai que sumar os anos anteriores que os árabes e bérberes musulmáns levaban deseñándoa, recoñecendo o terreo e preparando, ao parecer, futuras alianzas. Debe sinalarse que unha boa parte do groso de musulmáns chegados á península non eran etnicamente árabes, senón bérberes.
Fontes
[editar | editar a fonte]Os textos árabes son máis ben serodios. As fontes máis antigas datadas con certeza e que falan da conquista da península no seu conxunto son o Ta´rij ( Historia ) do andalusí Ibn Habib (morto cara ao ano 853) e o Futuh Misr ( Conquista de Exipto ) do exipcio Ibn Abd al-Hakam (morto en 871). Trátase, por tanto, de obras redactadas un século e medio despois da conquista. No seu conxunto, os textos latinos son moito máis escasos, pero máis próximos aos acontecementos. O máis importante e coñecido é a Crónica mozárabe de 754; escrita por un cristián que vivía baixo a dominación dos gobernadores musulmáns de Córdoba.[6]
Contexto xeral
[editar | editar a fonte]Un repaso á historia das primeiras conquistas musulmás fainos ver que só a conquista do actual Magreb foi máis custosa (trinta anos), pois noutros puntos a acción dos conquistadores árabes foi máis rápida que na península: seis anos para dominar toda a península arábiga (628 ao 634); catro anos Siria (634 ao 638); cinco anos Exipto (638 ao 643); un ano Tripolitania e Cirenaica, Libia (644); seis Mesopotamia (636 a 642) e oito anos Persia (642 ao 650).
A extensión deste longo proceso de conquista do Reino Visigodo, que requiriu numerosas campañas, constantes reforzos militares e pactos con núcleos resistentes, débese a varios motivos: a escaseza das forzas musulmás que os conquistaron, as constantes loitas e levantamentos dos seus aliados entre os visigodos, a orografía do territorio e a forte base de asentamento social do anterior Reino Visigodo.
Porén, a gran centralización política do reino, a inseguridade causada por bandas de escravos fuxitivos, o empobrecemento da facenda real (especialmente durante o reinado de Vitiza) e a perda de poder do rei fronte os nobres, foron elementos que facilitaron a acción dos conquistadores.
Pero o factor quizais máis importante para a caída visigoda foi a grave crise demográfica do reino, que nos últimos vinte e cinco anos perdeu máis dun terzo da súa poboación. Isto foi debido ás epidemias de peste e aos anos de seca e fame de finais do século VII, especialmente durante o reinado de Ervixio; e que se repetiron tamén con gran dureza baixo o de Vitiza, o antecesor de Rodrigo.
Ademais, existía unha fractura política importante entre dous grandes clans político-familiares godos na súa loita polo trono, e que levaba varios decenios dividindo politicamente o reino e xerando constantes problemas. Dunha parte estaba o clan xentilicio de Vamba-Éxica, ao que pertenceu ou ao que estaba vinculado Vitiza, e doutra o clan de Chindasvinto-Recesvinto, ao que pertencía Rodrigo. Esta situación dividiu o estamento aristocrático-militar en dúas faccións cada vez máis irreconciliables; ata o punto de considerar algunha historiografía aos vitizanos como instigadores e mesmo aliados, explícitos ou oportunistas, dos musulmáns.
Os conquistadores árabes tamén contaron co apoio de parte da poboación xudía, moi numerosa na Bética, na Galia Narbonense, e en toda a conca mediterránea. Estaba presente principalmente nos centros urbanos, salientando, entre outras, as comunidades de Narbona, Tarragona, Sagunt, Elx, Lucena, Elvira, Córdoba, Mérida, Zaragoza, Sevilla, Málaga e da capital, Toledo.
A axuda que os xudeus prestaron aos conquistadores debeuse a que aqueles, na súa maioría conversos forzados pero finxidos, eran reiteradamente fustrigados pola lexislación visigoda (con algunhas excepcións, como cos reis Viterico e Suintila, e contra o criterio de bispos como Santo Isidoro, que os defendía). E sabían, polo que ocorrera no Norte de África, que melloraría a súa situación ao recibir dos gobernantes árabes o mesmo status que a poboación cristiá.
Hai que ter en conta que a maioría dos xudeus foran escravizados baixo o reinado de Éxica (excepto os da Galia Narbonense, coa escusa de que a provincia aínda non se recuperara da última epidemia de peste), baixo a acusación de que conspiraban contra o rei cos árabes do Norte de África. Estes xa realizaran algunhas incursións na península, polo que suscitaba medo unha posíbel colaboración con eles para unha futura conquista.
Esta idea partía dos informes dos cristiáns do norte de África que fuxiran daquela zona, e que informaron do apoio dado aos árabes por parte dos xudeus de alá; o cal era lóxico dado que a súa situación alí era tamén de acoso polo poder bizantino.
Pero ademais dos xudeus etnicamente puros da diáspora, no norte de África había bérberes que profesaban o xudaísmo por proselitismo e mestizaxe, moitos dos cales deron apoio aos árabes na súa conquista, e uníronse a eles (como moitos bérberes cristiáns) por lazos de clientela. Verdade ou pretexto, esta acusación de traizón foi a utilizada contra eles.
Finalmente, as divisións dinásticas internas entre os nobres visigodos sobre a sucesión de Vitiza facilitaron aínda máis o desenvolvemento da conquista.
Unha última precisión, previa ao relato dos acontecementos, é que o reino visigodo tan só cubría o territorio peninsular e a Septimania no sur de Francia. As Baleares estaban baixo soberanía bizantina, e quedaron excluídas do proceso árabe de conquista. Seguiron baixo control bizantino algúns anos máis, para pasar despois a depender, polo menos nominalmente, do reino franco (798), por propia petición, para que os defendese dos ataques árabes. Estes ataques continuaron e houbo varios tratados de paz, pouco respectados, e certa submisión política, ata a conquista polo Emirato de Córdoba entre os anos 902 (Eivisa e Mallorca) e 903 (Menorca).
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Conquistas musulmás no norte de África
[editar | editar a fonte]Os árabes tiñan plans de conquista para Hispania dende había tempo, tras a inicial conquista do actual Marrocos por Uqba ibn Nafí ao final da década de 670. De feito, consta que no ano 687, baixo o reinado de Ervixio, os árabes realizaron unha primeira incursión contra as costas levantinas.
O propio Uqba comezara no ano 669 a conquista dos territorios bizantinos no norte de África cuxa culminación posterior foi o resultado de máis de 30 anos de guerra, nos que os árabes foron ocupando pouco a pouco a totalidade de África do norte, incluíndo os reinos cristián-bérberes.
Tras os primeiros éxitos dos árabes, a rebelión bérber contra os conquistadores expulsounos de novo ata Libia, chegando os bérberes a tomar a nova capital árabe de Ifriqiya, Qairuán. Os árabes, en sucesivas campañas, conquistaron de novo estas terras, e mesmo os portos con cidades amuralladas que permaneceran sendo bizantinos; como Cartago, que arrasaron, a pesar de contar coa axuda dunha frota bizantina, a finais do ano 697. E aínda tardaron outros oito anos en volver a someter o resto do norte de África, que culminou no ano 705 coa conquista de Tánxer. Todo isto obrigou a pospoñer os plans de conquista de Hispania, ata acabar coa devandita rebelión.
Con anterioridade conquistaron Ceuta (710), fortaleza que fora obxecto de constante loita entre visigodos e bizantinos. A devandita cidade volvera a mans visigodas uns vinte anos antes, aproveitando a caída da África bizantina. Segundo unha lenda moi improbable, o Conde Xulián, gobernador visigodo de Ceuta, cuxa filla, a Caba, fora violada por Rodrigo, proporcionaría axuda loxística ao exército musulmán. Os árabes tamén estiveran recoñecendo o terreo, tenteando as costas españolas con breves ataques e saqueando varias cidades: o primeiro, xa citado, baixo o reinado de Ervixio, e o último en xullo de 710, tras a conquista de Ceuta, co desembarco de Tarif ben Malluk na illa de Tarifa.
Ao parecer, tamén entraran en tratos cos nobres opostos ao rei Rodrigo. Non está claro se os nobres leais aos herdeiros de Vitiza (pode que mesmo o propio rei Akhila II, ao que logo nomearemos) pediron o apoio árabe (como fixo Atanaxildo cos bizantinos, a quen deu en troques unha parte do territorio) pero, en todo caso, a división existente beneficiou aos árabes. Estes, porén, se tal acordo existiu, non o respectaron.
Conflito interno do reino visigodo
[editar | editar a fonte]A finais do ano 710, Hroþareiks ou Rodericus (coñecido posteriormente como Don Rodrigo) dux da Bética e, ao parecer, neto de Chindasvinto, foi elixido e proclamado rei en Toledo polo Senatus da aristocracia visigoda, tras a morte de Vitiza. Non se sabe con certeza se se sublevara previamente contra ese rei, vencéndoo, pero si que conseguiu a maioría dos apoios na asemblea electoral dos nobres. Era, por tanto, o rei lexítimo, segundo o dereito visigodo.
Porén, un sector da nobreza apoiou a outro rei, Akhila II, que era dux da Tarraconense. Akhila II gobernou no nordeste (no sur de Francia, na actual Cataluña e no val do Ebro, é dicir, as provincias visigodas de Iberia e Septimania, en parte equivalentes ás antigas provincias romanas de Narbonense e Tarraconense) e mesmo acuñou moedas propias. Pode que incluso fose, desde 708, rei asociado a Vitiza, a cuxo clan parece que pertencía (algunhas fontes cítano como fillo seu, aínda que é pouco probable).
O reino, pois, estaba nunha situación de conflito civil ou, polo menos, dividido con algunha clase de acordo de repartición e asociación, como xa ocorrera no pasado. E aos poucos meses de subir Rodrigo ao trono, nunha situación non unánime e vulnerable. Os partidarios de Akhila II enviaron legacións ao norte de África para buscar o apoio militar dos árabes e bérberes do norte de África. A entrada dos efectivos militares árabes comezou a principios do ano 711.
Fases da conquista
[editar | editar a fonte]Conquista militar do sur da península
[editar | editar a fonte]Non se coñecen os detalles de con quen negociaron os partidarios de Akhila II o envío de efectivos en favor da súa facción á Península Ibérica. Segundo algunhas fontes, Musa ibn Nusayr, gobernador de Ifriqiya, dependente do walí de Exipto, ordenou ao seu lugartenente, Tariq ibn Ziyad, que iniciase a conquista. Tariq era bérber, ligado por unha relación de clientela cunha tribo árabe, e liberto do gobernador de Ifriqiya, Musa ibn Nusayr. Porén, outras fontes conxecturan que Musa non coñecía os plans de Tariq e que só veu no seu apoio tras coñecer a súa vitoria.
Sexa cumprindo ordes ou por propia iniciativa, Tariq ibn Ziyad desembarcou a principios do ano 711, co inicio da primavera, na baía de Alxeciras (chamada entón Iulia Transducta), cun exército duns 7 000 homes fundamentalmente bérberes (só recentemente sometidos), e tamén cristiáns do norte de África. As fontes árabes contradinse e falan de entre 1 700 e 12 000 homes, polo que optamos por unha cifra intermedia e bastante repetida na historiografía. Tariq asentouse na actual cidade de Xibraltar (nome que deriva deste conquistador, Ŷebl at-Tariq, 'Montaña de Tariq'), ben protexida pola súa altura, mentres ía recibindo todo o seu exército en sucesivos desembarcos. Dende alí comezou a saquear zonas e cidades da baixa Andalucía.
Tariq aproveitou militarmente o feito de que o conde da Bética estaba con Rodrigo nunha campaña no norte, ao parecer contra os vascóns, xa que cando o rei realizaba unha campaña militar adoitaba levar os condes do reino con el. Isto era por unha dobre razón: porque necesitaba dos seus recursos humanos para reunir un exército e para evitar a súa sublevación mentres el realizaba unha campaña militar por outras terras. En anos anteriores houbo varias incursións militares árabes contra algunhas cidades do sur que foran rexeitadas ou que se retiraran ao pouco tempo despois de obter suficiente botín. Por iso, esta incursión de Tariq non espertou inicialmente unha gran preocupación.
Ademais, de acordo coas leis para tempo de guerra promulgadas por Vamba e retocadas polo seu sucesor Ervixio, todos os súbditos residentes nun perímetro de cen millas arredor da zona onde xurdise o perigo tiñan a obriga de tomar as armas, sen necesidade de especial convocatoria, ante a soa nova da existencia do mesmo. Isto, a pesar das duras sancións previstas, non sempre se cumpría. Pero está claro que os nobres terratenentes da zona terían interese en defender as súas propiedades e colleitas, e que o conde de cada territorio tiña como unha das súas funcións a defensa do mesmo.
Batalla de Guadalete
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Batalla de Guadalete.
Así, só tras ver que as forzas locais do sur da península non podían con Tariq, e que este non se retiraba como ocorrera en anteriores ataques árabes, Rodrigo acudiu contra el. Rodrigo tamén atrasou a súa reacción porque se encontraba en plena loita polas terras do norte. Nese momento estaba asediando a cidade de Pamplona, cuxas murallas foran restauradas non había moito polo rei visigodo Vamba. Esta cidade ou ben caera en poder dos vascóns ou ben estaba en mans de nobres vitizanos leais a Akhila II. Rodrigo, en todo caso, partiu a Toledo sen recuperala. Cando as tropas comandadas por Rodrigo entraron en contacto coas de Tariq xa pasaran varios meses dende a súa chegada ao sur. Durante ese tempo Tariq ibn Ziyad obtivera o reforzo de 5 000 bérberes máis.
Outro aspecto a ter en conta é o de que organizar un exército non era doado nos últimos tempos do reino visigodo. Isto debíase a que a perda de propiedades do Patrimonio da Coroa, de onde se obtiña o recrutamento dos servos que atendían tales propiedades, fixo que o rei tivese un exército propio moi minguado e dependese en gran medida dos efectivos achegados polos nobres. Aínda que había leis que penaban e multaban fortemente a quen non acudía a apoiar o rei, moitos nobres preferían manter os labores agrícolas, fonte dos seus ingresos. Se a isto unimos o problema de Akhila II no nordeste e a división nobiliaria no seu propio bando, o resultado foi que, ademais de tarde, o exército de Rodrigo non debía de ser moi numeroso. Este exército ademais de reducido estaba dividido, e xurdiron desacordos que motivaron loitas internas e desercións. Parece moi probable que, mesmo, Tariq recibise no transcurso da batalla apoio de nobres vitizanos que acompañaban o rei.
A consecuencia de todo iso foi que Rodrigo resultou derrotado na batalla do río Guadalete (aínda que algúns historiadores a sitúan máis ao sur, nos ríos Salado ou Barbate, ou xunto ao lago de La Janda, ou incluso xunto ao río Guadarranque). Sexa onde for, a batalla tivo lugar a finais de xullo de 711, precedida de diversos tenteos e incursións durante varios días, morrendo nela ou inmediatamente despois o propio rei Rodrigo. Os nobres que permaneceron co rei e os seus opositores vitizanos morreron tamén na súa maioría.
Tariq fíxose cun gran botín, pois Rodrigo viaxaba cun gran luxo, dado o fasto e o rico do enxoval que utilizaban os reis visigodos dende Leovixildo, imitando a pompa e riqueza da corte dos emperadores bizantinos.
Morte de Rodrigo
[editar | editar a fonte]Á morte de Rodrigo, un sector da nobreza elixiu a Oppa, fillo do rei Éxica e irmán de Vitiza, se ben nunca foi aceptado maioritariamente nin, ao parecer, coroado como tal. Houbo enfrontamentos entre os propios visigodos cos leais a Akhila II e con outros nobres non vitizanos que se negaban a aceptar o novo rei. Oppa puido contar inicialmente co apoio das forzas árabes, pero en todo caso acabou por enfrontarse a eles.
Tras asentar Tariq unha pequena cabeza de ponte no sur, Musa ben Nusayr, gobernador de Ifriqiya, chegou a Hispania nese mesmo ano. Desembarcou con outro exército, duns 18 000 homes, na cidade de Cádiz, xa baixo control árabe.
As forzas árabes, así reforzadas, conquistaron facilmente, case sen resistencia, Medina Sidonia e Carmona. Despois dirixíronse a poñer sitio Sevilla, pero esta última só caeu tras un mes largo de asedio. Sevilla era importante, pois esta cidade era a capital da provincia visigoda de Hispalis e desta forma evitábase unha acción coordinada dende esa zona. Así queda completada a acción inicial da conquista, asentando un territorio propio mínimo dende o que poder iniciar un proceso máis amplo.
Conquista do terzo meridional
[editar | editar a fonte]Unha vez conquistada Sevilla, esta converteuse na base das operacións militares. Dende esta cidade saíron dous exércitos, que empezaron a operar por separado na península: un dirixiuse a Córdoba, capital da provincia visigoda da Bética, e outro a Mérida, capital da provincia de Lusitania. Tratábase de render canto antes os centros de poder administrativo e militar visigodos (xa se explicou antes a forza militar que organizaba cada provincia), de forma que non puidese haber unha resposta coordinada e contundente destes.
Ademais, Musa, moi ben informado e aconsellado, pretendía chegar canto antes a Toledo, capital do fortemente centralizado reino visigodo. Era importante eliminar pronto os obstáculos e dirixirse a Toledo o máis rapidamente posíbel. Para iso, utilizaron o trazado das calzadas romanas, o que facilitaba seu traslado e a submisión, pola forza ou por rendición, das cidades que se encontraban no seu traxecto.
Conquista do centro peninsular
[editar | editar a fonte]Toledo foi conquistada por Musa, case sen resistencia, antes de acabar o ano 711; facendo fuxir ao novo rei, Oppa, que quizais morreu pronto ou, canto menos, xa non volveu a exercer como tal, e executando a cantos nobres había na cidade; aínda que moitos deles, como o propio arcebispo, fuxiron antes de que fose sitiada. Abandonada de antemán por quen podían defendela, a tímida resistencia que puido opoñer a cidade foi rapidamente vencida.
A caída de Toledo buscaba un efecto psicolóxico, que sen dúbida tivo, e un efecto político, pois a gran centralización do reino visigodo impediu unha resposta coordinada fronte ás forzas musulmás. Salvo o nordeste, baixo o control do rei visigodo Akhila II, o resto das zonas só puideron opoñer unha resistencia illada, sen coordinación entre si, dirixida pola aristocracia local de cada territorio. Ademais, conseguir Toledo permitiu aos conquistadores facerse co groso do riquísimo Tesouro Real visigodo (froito, entre outros, do saqueo de Roma e da conquista do reino suevo), que era o máis importante dos tesouros reais do Occidente barbárico. Isto tiña á vez un efecto de restar poder económico á resistencia e de golpe psicolóxico á mesma, pois era a primeira vez que dito tesouro resultaba capturado.
Os nobres que lograron escapar, con todas as riquezas que puideron reunir, fuxiron ao norte. Uns reforzaron ao rei Akhila II, no nordeste (como o propio arcebispo de Toledo, Sinderedo), e outros dirixíronse ás prazas fortes próximas á zona galega.
Musa decidiu acabar en Toledo o inverno. Coa chegada da primavera, o exército árabe avanzou pola calzada romana que unía Toledo coas cidades de Alcalá de Henares, Guadalaxara, Sigüenza e Medinaceli, ocupándoas, e volveron a dividirse a partir desta última cidade.
Conquista do norte
[editar | editar a fonte]Musa atacou o noroeste, menos organizado que a zona controlada polo rei visigodo Akhila II. Na campaña ocupou os centros administrativos e prazas fortes de Clunia, Amaia (que non puido tomar e tivo que ser reducida pola fame), León e Astorga, onde estableceu guarnicións militares. Alí fixo miles de prisioneiros, entre eles bastantes nobres, apoderándose tamén das riquezas que levaban consigo.
Tariq, mentres, dirixiuse ao nordeste, pasando por Calatayud e chegando a Zaragoza, cidade que incendiou en parte, matando incluso os nenos e crucificando os homes por non se renderen, mentres as mulleres eran escravizadas. Este masacre tivo un efecto psicolóxico importante no resto da península, como logo veremos. Desde alí, Tariq avanzou ao oeste, seguindo a vía romana de Zaragoza a Astorga, e sometendo o curso medio e alto do río Ebro. Nesa zona aceptou un pacto de submisión co conde da familia Casius (Casio), de nome Fortún, na zona de Tarazona, pode que similar ao subscrito despois co conde Teodomiro no sueste. Este Fortún era o herdeiro dunha rica familia hispano-romana, os Casio, terratenentes dende había séculos na ribeira media do Ebro. El e a súa familia islamizáronse, como ocorreu con outras familias nobres, e chegou a formar a dinastía dos Banu-Qasi (literalmente, os fillos de Casio), que varios séculos máis tarde foron reis da taifa daquela zona.
Continuando o seu traxecto, Tariq chegou –pasando por Amaia– ata Astorga, capital da provincia visigoda Asturiensis ou Autrigonia, onde de novo uniu as súas forzas con Musa, e chegaron xuntos ata Lugo, capital da provincia de Gallaecia ou Galecia, cidade fortemente amurallada que tamén foi sometida. Naquela zona recibiu pacto de submisión de diversas cidades de ambas as provincias visigodas, entre as que cabe destacar Xixón (cidade fundada polos romanos), na mesma costa de Asturias.
Coa toma de Lugo, os árabes apoderábanse xa non só da capital do reino visigodo, senón tamén da cabeza administrativa de máis da metade das provincias visigodas, excepto as cidades de Tarragona e Narbona, e a aínda asediada Mérida.
Antes de chegar a Lugo, Musa recibira unha orde do califa para ir a Damasco. Dende Lugo, Musa dirixiuse outra vez a Toledo, pero esta vez por Salamanca, sometendo igualmente as poboacións ao seu paso.
Non obstante, moitas rexións e cidades aínda non recoñecían o seu dominio, estando baixo o control de nobres ou doutras autoridades locais que capitaneaban a resistencia. Entre elas destacaba Mérida, a segunda cidade, por entón, do país por poboación e riqueza. Mérida levaba moitos meses resistindo (case un ano), abastecida polo seu porto fluvial e protexida por unha forte muralla, restaurada polos visigodos e que causou admiración aos conquistadores árabes.
Foi Abd-el-Aziz, fillo de Musa, quen, aínda baixo o goberno de seu pai, acabou o asedio desta cidade, que se rendeu o 30 de xuño de 712. O convenio de capitulación (chamado polos árabes sulh) respectaba a vida e bens dos emeritenses, permitíndolles celebrar os seus cultos, mentres que os árabes se apropiaban dos bens de todas as igrexas (que servían para manter hospitais, escolas e viúvas, e ao propio clero) e de quen fuxira.
Capitulacións de cidades mediante pactos
[editar | editar a fonte]Tras os feitos sanguentos de Zaragoza, anteriormente citados, e aterrorizadas por ese exemplo ao tempo que desmoralizadas pola falta dun poder central, a maioría das cidades e rexións rendéronse aos árabes por capitulación (sulh), como ocorrerá en xeral nos seguintes anos da conquista.
Estes pactos foron moi diversos, dependendo das circunstancias, pois algúns incluían o respecto do goberno local, a conservación dalgúns bens e un mínimo grado de tolerancia relixiosa (tipo ’ahd, como logo veremos algún exemplo) e outros eran máis similares ao modelo de Mérida, con submisión seguida pola entrega de bens. Estes acordos estendéronse tamén aos magnates que, aínda sen o título de conde, gobernaban de feito sobre extensos territorios nos que non había ningunha cidade importante, manténdoos nas súas propiedades a cambio da súa lealdade.
Pero as cidades que resistían eran destruídas e queimadas, as súas igrexas derruídas, e a súa poboación morta ou escravizada, co fin de dar un escarmento e un aviso a outras cidades. Os homes matábanos, normalmente crucificados, e as mulleres e nenos eran escravizados, sendo estes últimos islamizados á forza. Nalgúns casos, os homes e mozos que se libraban da morte traballaban como escravos nas súas antigas terras, cultivadas agora en proveito dos seus novos señores.
Os conquistadores tamén se reforzaron ofrecendo a liberdade aos escravos que se converteran ao islam. Estes, porén, debían xurar fidelidade ao clan tribal do xefe militar que os liberaba, e integrarse no seu exército. Musa non estableceu ningunha modificación nos impostos, os cales seguirían recadándose en igual forma que ata entón, pero o seu importe recibíao o wali árabe de Hispania (este era o título que utilizaba Musa). Con Musa, a lexislación anti-xudía desapareceu, o que tamén lle granxeou o apoio desa comunidade.
Regreso de Musa a Damasco
[editar | editar a fonte]Musa estivo uns quince meses en España, ata que partiu a Damasco, a finais de 712, chamado polo califa Walid para render contas. Antes, e tras a caída de Mérida, aínda tivo que mandar ao seu fillo Abd-el-Aziz a tomar por segunda vez Sevilla, cidade que se sublevara, o que mostra o feble da posición dos conquistadores.
Musa viaxou con boa parte do riquísimo Tesouro Real visigodo e outro botín, así como con algúns nobres visigodos, e levou consigo tamén ao seu liberto Tariq. En Damasco caeu en desgraza co seguinte califa, Sulayman, pola forma en que repartiu o botín, e foi condenado a morte mediante crucifixión por un delito de malversación de fondos -delito no que era reincidente-. Dita pena conmutóuselle polo pago dunha forte multa. Musa morreu asasinado nunha mesquita de Damasco no ano 716. Tariq morreu na miseria.
Consolidación da conquista
[editar | editar a fonte]Musa deixou á fronte do exército en España o seu fillo Abd el-Aziz ibn Musa (Abdelaziz), quen permaneceu en Sevilla, primeira capital de Al-Ándalus, como wali. Con el quedou o groso do botín. Aínda que unha parte estaba destinada a cubrir os gastos da administración e da guerra, a maioría gardábase para a súa repartición entre as tropas cando se licenciasen ao final da campaña, con reserva dun quinto (chamado jums) para o califa. Este repartimento, a causa do lento da conquista, aínda tardou varios anos.
Mentres, o rei visigodo Akhila II, tras resistir a forte acometida de Tariq, mantiña o control da actual Cataluña, máis algunhas zonas adxacentes e a provincia goda de Septimania. O propio arcebispo de Toledo, Sinderedo, que como xa dixemos abandonou a capital, uniuse a el para reforzar a súa autoridade, polo sentido simbólico e lexitimador que a súa presenza e apoio tiña para a monarquía visigoda.
Akhila II exercía o seu dominio nunha zona moi compacta xeograficamente e de reducido tamaño, o que facilitaba a súa defensa. Ademais, eran dúas provincias visigodas (parte de Iberia e Septimania) cunha urbanización e cunha demografía superiores á media do territorio visigodo; demografía que se viu reforzada coa emigración de quen fuxían das accións guerreiras procedentes doutras zonas da península.
Abd el-Aziz, co fin de dotarse de maiores medios económicos para continuar as campañas, estableceu un sistema de impostos por capitación (gizya), ou pago fixo anual por persoa, aplicable só aos non musulmáns, que era utilizado en todos os países conquistados polos árabes. Desta maneira, ademais de forzar as conversións de cristiáns ao islam, pretendía obter unha capacidade financeira propia para continuar a conquista sen necesidade de recorrer ao botín e á pillaxe.
Abd el-Aziz tamén se dedicou a eliminar os focos de resistencia existentes no centro e sur da península, tanto en centros urbanos como nas zonas montañosas, co fin de asentar o seu control no extenso territorio que xa conquistara, e evitar situacións de perigo na súa retagarda. Así, durante o ano 713 avanzou pola Bética oriental, sometendo de novo Málaga e Granada, e seguindo por Guadix ata chegar a Lorca e Orihuela, no sueste peninsular.
Para estender o control árabe na península, e dado o limitado das súas forzas militares, Abd el-Aziz, ademais do recurso da forza, estableceu tamén acordos e alianzas en determinadas rexións cos nobres visigodos. Aínda que estes acordos, en xeral, non se respectaron polos árabes moito tempo, serviron para posibilitar e facilitar a conquista, que doutro modo sería aínda máis larga e custosa.
Así, por exemplo, o 5 de abril de 713, firmou un acordo co conde Teodomiro, gobernador de Orihuela e dunha extensa demarcación ao seu redor. O tratado subscrito foi do tipo que os árabes chaman ‘ahd, que non só respectaba os bens (como o xa citado de tipo sulh), senón que outorgaba unha máis ou menos extensa autonomía de goberno. Este Teodomiro era un nobre con fama de culto e con prestixio de bo guerreiro, que rexeitara un intento de invasión bizantina (quizais a frota que fuxiu de Cartago tras a súa conquista polos árabes) nas costas de Cartaxena en tempos do rei Exica, anterior a Vitiza.
No acordo antes citado, sete cidades, das cales hoxe só son recoñecibles polo seu nome Orihuela, Alacant, Elx, Mula, Hellín e Lorca, mantiñan os seus propios señores e goberno, non serían molestados no exercicio da súa relixión (non esquezamos que o islam prohibe as prácticas relixiosas externas doutras relixións) e non serían destruídas as súas igrexas, algo que adoitaba ocorrer durante a conquista. Non obstante, o islam acordaba un trato diferente ao cristianismo e ao xudaísmo, por seren relixións das Sagradas Escrituras, non así aos politeístas. En Córdoba a igrexa principal, Igrexa de San Vicente, foi repartida, a metade para prácticas do rito cristián e a outra metade para o musulmán. Esta medida foi revogada en tempos de Abderramán 50 anos despois, cando se comezou a erixir sobre ela a gran mesquita.
A cambio, os vencidos sometíanse ao dominio do califa, xurando ser fieis e sinceros co walí, e comprometíanse a non dar apoio aos rebeldes contra dita ocupación, así como a pagar un tributo anual fixo por cada persoa, libre ou escrava, non musulmá (a gizya antes citada). Este tributo era parte en especie (trigo, cebada, mosto, vinagre, mel e aceite) e outra parte en metálico, consistente nun dinar (moeda de ouro árabe equivalente ao «soldo» visigodo) por persoa libre. Por cada escravo estipulábase medio pago.
En Orihuela estableceuse unha gornición musulmá e enviáronse destacamentos a diversas cidades da antiga provincia. Cartaxena non formaba parte do enclave, senón que foi ocupada directamente polos árabes, dada a grande importancia estratéxica do seu porto. Este enclave continuou o seu autogoberno con Teodomiro ata o ano 743; e foi sucedido polo seu fillo Atanagildo, de cuxa riqueza se ten noticia antes de 754. Non obstante, pódese presumir que o status de autonomía de que gozaron as súas terras fora suprimido antes de 780 baixo Abderramán I.
Dende esta zona do sueste, Abd el-Aziz dirixiuse pola costa para controlar todo o Levante, sometendo Valencia e Sagunt. Polo outro extremo, e partindo tamén dende Sevilla, na campaña do ano 714, o propio Abd el-Aziz someteu Huelva, Faro, Bexa, Évora, Santarem e Lisboa; e alcanzou un acordo de tipo ‘ahd nunha ampla zona ao norte de Coímbra. Así, consolidouse tamén o dominio en Galicia, moi débil ata esa data. Nese mesmo ano morreu o rei visigodo Akhila II, que foi sucedido por Ardo; se ben algúns historiadores sitúan a súa morte no ano 713 (pode que coincidindo coa campaña árabe de Levante, antes citada).
Abd el-Aziz instalou a sede do goberno omeia en Sevilla (tras a súa segunda conquista). Isto rompía a política tradicional dos árabes, que consistía, como ocorreu en Persia, Exipto ou África do Norte, en degradar os anteriores centros de goberno e gobernar dende un novo centro. Non obstante, o escaso número dos árabes en España e a continuidade das accións guerreiras de conquista impediron que, como neses outros países, se puidese construír unha nova cidade para o goberno.
Por iso, como alternativa a Toledo optouse por Sevilla, cidade que fora capital de varias provincias visigodas, e que incluso foi capital do reino godo por algún tempo no pasado. Isto cadraba máis coa política pactista de Abd el-Aziz. Pero había tamén razóns estratéxicas, propias dun tempo de conquista: Sevilla é unha cidade próxima ao mar e ao estreito e, por tanto, dende onde poder recibir reforzos máis rapidamente.
Con estes acordos e o traballo de desenvolver unha administración estable, 715 foi un ano sen campañas, no que Abd el-Aziz se dedicou a asentar o poder dos conquistadores, sen arrebatar novas terras ao rei visigodo Ardo. Ademais, tras catro anos de guerra era necesario recompoñer o exército e as finanzas, recoller todas as colleitas e permitir que se recuperaran tanto o país como as tropas do Califato Omeia. Non saíron exércitos en primavera para realizar novas conquistas, e Abd el-Aziz organizou outros plans igualmente efectivos.
Dentro da súa política de asentar o conquistado mediante alianzas e acordos, Abd el-Aziz contraeu matrimonio con Exilo (tamén citada nalgunas fontes como Exilona), viúva do rei Rodrigo, con quen tivo un fillo, chamado Asim. Convertida ao islam (aínda que segundo os seus críticos árabes, só en aparencia), cambiou o seu nome polo de Umm ‘Asim (nai de Asim).
Isto acercou a outros nobres visigodos, que abandonaron así a resistencia. Algúns deles incluso se converteron ao islam, para non ter que pagar impostos polas propiedades que lograran conservar (de feito, os nobres de ascendencia goda estaban tamén exentos de tributos na época visigoda), e para manter o seu status e influencia mediante novas relacións de clientela política cos xefes dos conquistadores.
Pero a voda antes citada de Abd el-Aziz, xunto ao apoio que daban estes nobres visigodos ao gobernador, e as accións deste para reforzar o seu poder fronte aos demais cargos dos conquistadores (como a asunción de varios cerimoniais e pompas rexios), así como a súa crecente autonomía na toma de decisións fronte ao goberno de Damasco, interpretáronse como un intento de rebelión contra o califa.
Por esa causa, o xefe do exército, Ziyad ben Nàbigha (casado el tamén cunha nobre visigoda), encabezou, xunto ao cuñado de Abd el Aziz, Ayyub, unha conxura contra o gobernador, acusándoo de facerse secretamente cristián. Froito dela, e seguindo ordes directas do califa Sulayman, Abd el Aziz foi asasinado no verán de 715 na mesquita de Sevilla (anteriormente, igrexa de Santa Rufina, expropiada polos musulmáns), mentres estaba rezando, e a súa cabeza foi enviada ao califa.
É notable que en toda a extensión das conquistas musulmás, dende o Punjab ata os Pireneos, só en España encóntrase tal situación de rebeldía dun gobernador árabe contra o califa. Quizais a influencia visigoda, co seu arraigo social e cultural e a súa fortaleza ideolóxica, influíra, dadas as estreitas relacións coa antiga aristocracia visigoda antes citadas. Aínda que tamén axudaba a separación xeográfica. De feito, só uns poucos anos máis tarde, España foi a primeira rexión do «imperio árabe» en romper totalmente coa autoridade dos califas, formándose un emirato independente.
Tras os feitos antes citados, Ayyub quedou como gobernante interino durante seis meses, ata a chegada do novo gobernador nomeado polo walí de Ifriquiyya, irmán máis vello do asasinado. Durante os seis meses nos que Ayyub dirixiu as forzas do Califato Omeia non realizou ningunha nova campaña. O novo gobernador foi Al-Hurr (716–19), que chegou á península cun exército árabe de reforzo.
Al-Hurr era consciente de que a dominación árabe era claramente precaria, pois os árabes e os seus mercenarios bérberes eran unha porcentaxe moi pequena da poboación de España, e a pacificación do territorio era aínda superficial. De feito, o rei visigodo Ardo mantiña o seu poder no nordeste peninsular. Por iso, antes de reiniciar o proceso de conquista dos territorios peninsulares, procedeu a xeneralizar a instalación de guarnicións militares nas cidades xa tomadas, excepto as sometidas mediante acordo.
Al-Hurr, para romper co seu antecesor e estar máis centrado na península, trasladou a sede do seu goberno a Córdoba no ano 716, e estableceuse un novo imposto especial para os non musulmáns, aplicado tamén noutros países polos árabes: o harag. Consistía nun imposto territorial, que obrigaba a pagar unha porcentaxe do obtido por traballar a terra.
Isto uniuse coa devolución ou asignación das terras xa pacificadas a nobres visigodos que eran leais, pode que algunhas pertencentes ao antigo patrimonio da coroa. A moitos nobres, na súa maioría vitizanos, recoñecéronselles os seus patrimonios, ás veces incrementados con parte dos seus antigos opoñentes. Así, incluso nobres como Olmundo e Ardabasto, fillos ao parecer de Vitiza, retiráronse ás súas novas posesións, leais agora aos novos ocupantes da península, cun certo acordo de autonomía. Olmundo na zona entre Sevilla e Mérida, e Ardabasto entre o norte de Córdoba e Xaén.
Isto fíxose non só para asegurar o seu apoio e a súa colaboración no control e a pacificación do reino visigodo, senón tamén co fin de conseguir maiores ingresos para o fisco, tras a introdución do harag. Con este forte aumento da presión fiscal obtivo novos fondos para financiar as campañas militares e a administración dos conquistadores, ademais de reforzar a presión económica para conseguir máis conversións de cristiáns ao islam.
Froito destas medidas foi a acuñado dunha nova moeda, de ouro como as visigodas, en árabe e latín, a fin de facilitar a vida económica despois de tantos anos de loitas e falta de goberno centralizado, ademais dos serios problemas que carreara o intenso atesouramento, normal en períodos de guerra.
Mentres tanto, como xa dixemos, o rei visigodo Ardo sucedera a Akhila II no goberno de Septimania e a actual Cataluña, reinando sete anos, dende o ano 714 ao 720. Probablemente contaría co apoio de nobres de Aquitania, vinculados familiarmente nalgúns casos con nobres godos ou galo-romanos da Septimania, ou quizais temerosos dos novos invasores, e con mercenarios francos e saxóns; como xa ocorrera outras veces no pasado, cando aquela zona do reino visigodo se rebelara contra o poder real.
Pero o novo gobernador árabe, Al-Hurr ibn Abd ar-Rahman al-Thaqafi, reforzado coas medidas antes citadas, realizou sucesivas campañas, dende o outono de 716 e nos dous anos seguintes, contra este reduto visigodo. Dende Zaragoza atacou e someteu as cidades de Huesca, Barbastro, Lleida, Tarragona, Barcelona e, finalmente, Xirona. A resistencia de Tarragona debeu ser tenaz pois, tras súa conquista, os árabes deron morte a toda a poboación que sobrevivira ao asedio, e destruíron a cidade, incluídas as súas igrexas e numerosos monumentos.
Al-Hurr realizou tamén unha campaña no norte, despois dunha incursión dos vascóns á zona de Tudela, para ter a retagarda ben cuberta na súa guerra co rei visigodo Ardo. Sobre o ano 716 (ou probablemente antes) os árabes conseguiron un acordo de capitulación con Pamplona, cidade que se rendeu a cambio de manter a súa autoridade local e certa tolerancia relixiosa. Só lles durou ata o ano 732, en que Al-Gafiqi a someteu totalmente antes de partir cara Poitiers.
Igualmente nese ano 717 o gobernador Al-Hurr nomeou un gobernador na Astura Transalpina (actual Asturias), residente en Xixón, cidade amurallada e comunicada tamén por mar.
Final do proceso de conquista
[editar | editar a fonte]O califa Omar II, en 718, un ano despois do inicio de seu reinado, estudou o abandono das conquistas en España. Aínda que se descoñecen os motivos exactos, estas dúbidas parece que tiñan que ver coa continuidade das accións bélicas, que proporcionaban escasos ingresos, pois os comía o gasto de soster un numeroso exército; polo afastado das operacións, con comunicacións difíciles; e pola fraxilidade aínda existente da conquista.
Un feito importante para estas dúbidas do califa foron tamén os primeiros enfrontamentos na península entre os bérberes do norte de África, acabados de islamizar, e os árabes. Os segundos vían os primeiros como musulmáns de segunda, e estes recibiran unha parte moi pequena do botín. Os aproximadamente 35.000 soldados bérberes non se sentían ben pagados, e entre 716 e 718 houbo dúas novas migracións de bérberes cara a península, o que aumentou gravemente a tensión entre os dous pobos. Finalmente, Omar II optou por continuar en España e nomear un novo gobernador, al-Samh ben Malik (718–721).
O primeiro que fixo este foi unha especie de catastro ou rexistro de ingresos impoñibles, para clarificar as fontes e capacidades do fisco e aumentar así o seu rendemento. A continuación fixo unha distribución do botín, que aínda estaba pendente de dividir. Este repartimento do botín tiña un efecto político e psicolóxico, pois mostraba ás claras que a decisión tomada por Omar II de permanecer na península era definitiva.
Coa repartición asignáronse propiedades e bens á facenda pública, e distribuíronse outras terras entre os conquistadores, a fin de calmar os seus enfrontamentos. Incluso parte dos terreos correspondentes ao califa por jums foron entregados en usufruto, por decisión de Omar II, a cambio dun pacto feudal. Con todo iso, conseguiuse reducir a tensión entre os conquistadores. Pero tamén nisto se notou o diferente trato cara aos bérberes, que foron asentados nas ladeiras dos sistemas cantábrico e central, e nas montañas andaluzas, mentres que os terreos máis fértiles do sur foron para continxentes procedentes de Siria e Exipto.
Nada máis feito isto, continuou as accións militares e chegou ata Septimania na primavera de 719. No ano 720, Perpiñán e Narbona foron capturadas, matando todos os homes e escravizando mulleres e nenos; e establecendo unha gornición permanente nesta última cidade. Nese mesmo ano morreu o último rei visigodo, Ardo.
Al-Samh continuou as súas conquistas no sur da Galia, contra as poucas cidades da Septimania aínda libres, atacando incluso cidades doutros reinos que apoiaban aos visigodos, como Tolosa en 721. Alí foi derrotado e morto polo duque Eudo (ou Eudes), de Aquitania, que foi socorrer dita poboación.
O exército árabe elixiu alí mesmo como gobernador a Al-Gafiqi (721–722), que levou como puido os restos do exército ata Narbona, evitando o acoso dende a fortaleza de Carcasona, aínda sen conquistar. O walí de Ifriqiya, Bishr Ubn Safwan, ratificouno provisionalmente, pero só ocupou o seu posto durante un ano, durante o que intentou recuperarse da derrota, reorganizando o exército e consolidando a administración de tan enorme territorio. Al-Gafiqi, non obstante, volveu ser nomeado gobernador anos máis tarde, no 730.
No ano 722 o walí de Ifriqiya nomeou finalmente un novo gobernador, Anbasa ibn Suhaym al-Kalbi, que non continuou as accións militares ata reforzarse internamente. Durante tres anos só se realizaron incursións a pequena escala baixo o mando dos seus subordinados militares. Como anteriormente, o obxectivo inicial foi aumentar os ingresos. O califato levaba xa moitos anos gastando diñeiro, e reclamaba que estas campañas non só se autofinanciasen, senón que reportasen novas sumas á facenda califal.
Para iso, Anbasa subiu de forma importante os impostos sobre a poboación non musulmá (as crónicas falan incluso de que os duplicou). Tamén reforzou o seu poder mediante un control máis directo das zonas que chegaran a acordos con Abd el-Aziz: algunhas viron desaparecer a súa autonomía, e todas aumentaron de forma importante os seus pagos fiscais á facenda árabe.
Con todo isto, no ano 724 organizou un forte exército. Aínda quedaban sen conquistar algunhas cidades do reino visigodo, agora dirixidas pola aristocracia local. Todas caeron nesta campaña: comezou con Carcasona, en 724, e acabou en Nimes, punto extremo do dominio visigodo na Galia, en 725. Con iso acabábase a conquista do reino visigodo.
Pero xa antes (nunha data incerta entre 718 e 722, aínda que máis probable esta última) estalara a revolta en Asturias contra os conquistadores, capitaneada polo nobre visigodo Paio, que obtivo unha vitoria na denominada batalla de Covadonga. O máis probable é que houbese escaramuzas e pequenas batallas neses anos, e a constante conflitividade interna de Al-Ándalus propiciou a consolidación dun movemento insurreccional na costa do Cantábrico. Ata que no 722, baixo o mandato de Anbasa, conseguiron facer fuxir ao gobernador árabe de Asturias, con sede en Xixón, sen que volvesen a gobernar os árabes nesa zona, máis ou menos do tamaño e lindes da actual Asturias. Na primeira metade do século foise consolidando paulatinamente o reino de Asturias, ao que seguiría máis tarde a formación doutros núcleos na zona oriental.
Herdanza cultural e lingüística árabe
[editar | editar a fonte]É importante destacar que o proceso de conquista non só tivo consecuencias políticas e económicas, senón que existiu un forte impacto cultural e lingüístico. Diversas tecnoloxías foron levadas á península a través dos árabes, ademais parte do pensamento grego fora asimilado polos árabes que o reintroduciron. A presenza de importantes poboacións musulmás, fixeron no terreo lingüístico a arabización de Al-Ándalus.
Ademais da toponimia e a influencia sobre o romance mozárabe, todas as linguas romances da península tomaron numerosos préstamos léxicos do árabe andalusí. Calcúlase que no español, o compoñente léxico árabe é o compoñente máis numeroso tras o léxico de orixe latina, sendo unhas 4 000 as formas léxicas de orixe árabe usadas aínda no español moderno, moitas delas relacionadas coa agricultura (acequia, aljibe, algodón, alcohol), a guerra (adarga, alfanje), o comercio (arroba, azumbre) e as matemáticas (algoritmo, álgebra) que teñen a súa orixe nesta etapa e que se foron consolidando a través dunha evolución ata os nosos días.
Máis notoria aínda é a influencia árabe na toponimia da Península Ibérica, e incluso nos apelidos antroponímicos derivados de topónimos árabes (Aznar, Alcázar, Alcolea, Alcántara, Bencasim, Benalmadena etc).
Debate historiográfico
[editar | editar a fonte]Os títulos de obras literarias, musicais, filmes, videoxogos etc. contidos neste artigo deberían aparecer na súa forma orixinal, a non ser que exista versión en galego (consulte a base de datos de libros editados en España ou a lista de filmes con versión en galego). Colabore connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
Arredor da conquista musulmá existe un certo debate historiográfico, no que se confrontaron diversas lecturas do proceso. Este deriva das inconsistencias xeradas por información procedente das principais fontes dispoñibles, entre as cales temos:
- O tratado de Teodomiro, que fora redactado o 5 de abril do 713, pero do que só queda unha copia inserta en Para satisfacer el deseo de aquel que realiza investigaciones acerca de la historia de los hombres del Andaluz de Adh-Dhabbi, morto en 1203.
- A Crónica bizantina-arábiga (743–744), redactada por un autor anónimo aínda que probablemente mozárabe poucas décadas despois da conquista musulmá.
- Crónica de Afonso III (883).
- Unha crónica latina anónima, coñecida antiga e erroneamente como Crónica de Isidoro Pacense ou Crónica Mozárabe e á que E. A. Thompson denomina Crónica do 754 por terminar a súa narración no ano 754. Mentres algúns historiadores a datan nese ano, outros lévana a finais do IX ou principios do X. En calquera caso e, en palabras de E. A. Thompson no seu fundamental Os godos en España (1969), «por moi pouco digna de fiar que a súa parte narrativa sexa, non pode ser ignorada». Non obstante, outros (Roger Collins) considérana a principal fonte de información sobre a conquista peninsular, a única contemporánea e a máis fidedigna.
- Crónica albeldense ou emilianense (976) de Vigila, cuxa primeira parte sería redactada por Dulcidius no século IX.
- Crónica do moro Rasis, é dicir, de Ahmad ibn Muhammad al-Razi.
- Crónica de Ibn al-Qutiyya (finais do século X ou principios do XI).
- Ajbar Machmua (cara 1007).
As interpretacións máis fieis a estes relatos foron criticadas por algúns historiadores como Thomas F. Glick, quen no seu traballo «Cristiáns e musulmáns na España Medieval» (1991), poñía en dúbida gran parte do relato. Pola súa parte, Ignacio Olagüe en «A revolución islámica en Occidente» (1974) sostén que a invasión do século VIII foi un mito, tese compartida por Emilio González Ferrín, da Universidade de Sevilla, na súa «Historia xeral de Al-Andalus» (2007). As hipóteses de Olagüe non contan con ningún apoio significativo na historiografía actual;[7] xa en 1974, Pierre Guichard sinalaba o paradoxo de negar a conquista árabe e afirmar a «orientalización». A obra de Olagüe foi cualificada de «historia ficción» e rexeitada en círculos académicos.[8][9][10] Para o historiador Eduardo Manzano Moreno:
O máis sorprendente da tese de Olagüe non é o louca e disparatada que resulta. Teorías históricas absurdas e peregrinas producidas por afeccionados, publicistas ou, incluso, historiadores académicos, cóntanse por decenas ou centos. Normalmente, adoitan ser esquecidas coa mesma rapidez coa que provocan unha certa algarabía inicial. En cambio, a idea de que os árabes invadiron realmente Hispania, aínda que non despertou excesivo eco no seu momento, parece estar recibindo nos últimos tempos unha renovada atención. A iso contribuíu en parte a súa difusión e discusión en certos de foros de Internet, onde é ben coñecida a preferencia que algúns dos seus cultivadores manifestan por todo canto teña que ver tanto con teorías conspirativas, como con aquilo que poña en cuestión o coñecemento adquirido.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Castro, A. (1965). A realidade histórica de España. México, Porrúa, p. 175.
- ↑ «Perspectivas da filosofía, hoxe». Entrevista a Julián Marías. Lauand, J., en Notandum, Revista Semestral Internacional de Estudios Académicos, Año I N. 1 xaneiro–xuño 1998.
- ↑ Roger Collins, A conquista árabe. 710–794, en Historia de España. Ed. Crítica.
- ↑ Pérez, J. (2001). «Dos tempos prehistóricos á invasión musulmá», en Historia de España, Crítica, ISBN 84-8432-091-X.
- ↑ Neste artigo optouse por unha adaptación que sempre pode atrasarse nun ano segundo que historiador tomemos.
- ↑ http://www.regmurcia.com/servlet/s.Sl?sit=c,373,m,2803&r=ReP-21564-DETALLE_REPORTAJES
- ↑ Disparates sobre o Islam en España Arquivado 19 de agosto de 2011 en Wayback Machine.. Artigo crítico de Dolors Bramon, profesora de Estudios Árabes e Islámicos da Universidade de Barcelona, sobre «A Revolución islámica en Occidente» en webislam.com
- ↑ Maribel Fierro, «Al-Andalus no pensamento fascista español. A revolución islámica en Occidente de Ignacio Olagüe», en Manuela Marín (ed.), Al-Andalus/España. Historiografías en contraste, Madrid: Casa de Velázquez, 2009.
- ↑ Pierre Guichard, «Les árabes ont bien envahi l’Espagne. Les structures sociales de l’Espagne musulmane», Annales ESC, 6, 1974, pp. 1483–1513; ed. en español: «Os árabes si que invadiron a Península. As estruturas sociais da España musulmá», en Pierre Guichard, Estudios sobre historia medieval, Valencia: Edicions Alfons el Magnànim. Institució Valenciana d’Estudis i Investigació, pp. 27–71.
- ↑ Alejandro García Sanjuán, «Debate en torno a un episodio clave. Interpretacións encontradas sobre a conquista islámica», Andalucía na Historia, núm. 4, 2011, pp. 34–35.
- ↑ Eduardo Manzano Moreno, «Algunhas reflexións sobre o 711», Awraq. Revista de análise e pensamento sobre o mundo árabe e islámico contemporáneo, nova época, núm. 3, 2011, pp. 30–20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Collins, Roger: La conquista bereber. 710–797. Tomo III de la Historia de España. Ed. Crítica. Barcelona. 1.991.
- Chalmeta,P: Al-Andalus, en: Al-Andalus: musulmanes y cristianos (siglos VIII-XIII), vol. 3 de la Historia de España dir. por Antonio Domínguez Ortiz, ed. Planeta, Barcelona, 1989.
- Chalmeta, P: Invasión e islamización. La sumisión de Hispania y la formación de al-Andalus, Madrid, 1994.
- Donner, F.M.G.: The Early Islamic Conquests, Princeton University Press, 1981.
- García Moreno, Luis A: Historia de la España visigoda. Ed. Cátedra. Madrid. 1.989.
- Orlandis, José: La conversión de Europa al cristianismo. Ed. Rialp. Madrid. 1.988.
- Orlandis, José: La vida en España en tiempo de los godos. Ed. Rialp. Madrid. 1.991.
- Orlandis, José: Semblanzas visigodas. Ed. Rialp. Madrid. 1.992.
- Vicens Vives, J.: Atlas de historia de España. Ed. Teide. Barcelona. 1.984.
- Hayt, Franz; y Córdoba y Ordóñez, Juan: Atlas de historia universal y de España. Ed. Magisterio. Madrid. 1.989.
- Sánchez-Albornoz, Claudio: Orígenes y destino de Navarra. Trayectoria histórica de Vasconia. Otros escritos. Ed. Planeta. Barcelona. 1.984.
- Mestre Campi, Jesús; y Sabaté, Flocel: Atlas de la Reconquista. Ed. Península. Barcelona. 1.998.
- Lourido, Ramón, et al.: El cristianismo en el norte de África. Ed. Mapfre. Madrid. 1.993.
- Iliffe, John: África. Historia de un continente. Cambridge University Press. 1.998.
- Camps, Gabriel: Los bereberes: de la orilla del Mediterráneo al límite meridional del Sáhara. Editorial Icaria. Barcelona. 1.998.