Saltar ao contido

Arte gótica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Sainte-Chapelle (1242-1248) en París.

A arte gótica é un estilo que se desenvolveu na Europa occidental durante os derradeiros séculos da Idade Media, dende mediados do século XII até a implantación do Renacemento (século XV para Francia e Italia, e ben entrado o século XVI nos lugares onde o gótico perviviu máis tempo). Trátase dun amplo período artístico, que xurdiu na rexión francesa de Illa de Francia e espallouse ao longo de Occidente. Segundo os países e as rexións desenvólvese en momentos cronolóxicos diversos, ofrecendo no seu amplo desenvolvemento fondas diferenciacións: máis puro en Francia (sendo ben distinto o de París e o da Provenza), máis horizontal e preto da tradición clásica en Italia (aínda que ao norte acollese un dos exemplos máis paradigmáticos, como a catedral de Milán), con peculiaridades locais en Flandres, Alemaña, Inglaterra, Castela e Aragón.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

A devandita arte gótica coincide no tempo coa plenitude e a crise da Idade Media. Adóitase indicar que fronte á arte románica (que reflicte unha sociedade ruralizada de guerreiros e campesiños), o gótico coincide co máximo desenvolvemento da cultura urbana onde aparece a burguesía, as universidades e o florecemento das ordes relixiosas (monásticas como o Císter e mendicantes como franciscanos e dominicos), así como a acentuación dos conflitos e a disidencia (revoltas populares, herexías, desenvolvemento e crise da escolástica, Cisma de Occidente) e finalmente os pavorosos espectáculos da Peste Negra e a Guerra dos Cen Anos nun mundo que muda tan axiña que só pode entenderse en termos dunha mutación fundamental (para a historiografía materialista, a transición do feudalismo ao capitalismo).

Flaxelantes nun gravado do s. XV.

Caracterización

[editar | editar a fonte]

Fronte ás pequenas e escuras igrexas rurais do románico, o gótico eleva prodixiosas catedrais cheas de luz, desenvolve unha importante arquitectura civil e independiza ás outras artes plásticas (pintura e escultura) da súa subordinación ao soporte arquitectónico.

No entanto, hai tamén moitos elementos de continuidade: o predominio da inspiración relixiosa na arte segue sendo indiscutido, o mosteiro como institución apenas varía agás en detalles formais e de adaptación a novos requirimentos, a mesma planta das igrexas segue sendo predominantemente a cruz latina con cabeceira en ábsida orientada ao leste, aínda que se complique ou varíe (plantas basilicais, colocación do transepto no centro, complicación de naves, capelas e deambulatorios). Sen dúbida o principal elemento de continuidade é a concepción intemporal da obra: na maior parte das construcións os estilos sucédense e funden ao ritmo dos séculos, sabendo os contemporáneos que fan unha obra que eles non verán rematada, nin quizais os seus fillos ou netos. En moitas delas, mesmo ponse en valor o atrevemento por comezar un desafío técnico ou económico (ás veces por rivalidade política) que cando se inicia non se planificou como ía rematar, como é o caso das catedrais de Siena e de Florencia.

Arquitectura

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Arquitectura gótica.
Catedral de Notre Dame en París.

A nivel arquitectónico, o estilo gótico naceu ao redor de 1140 en Francia, sendo considerada como o primeiro monumento deste movemento a basílica da abadía real de Saint-Denis ou San Dionisio (erixida polo abade Suger, conselleiro de Lois VII de Francia).

Tamén dende finais do século XII e comezos do XIII espallouse polos mosteiros da orde do Císter un estilo desposuído de ornamentación e reducido á pureza dos elementos estruturais, expresión das concepcións estéticas e espirituais de Bernaldo de Claraval, que se adoita denominar arte cisterciense.

Esta arte definiuse durante moito tempo de maneira bastante superficial, exclusivamente polo emprego dun dos seus elementos, o arco apuntado, ao que adoita chamarse oxival, do que se deriva a bóveda de crucería que permite desprazar empurres a contrafortes externos, que se afastan aínda máis dos muros mediante o uso de arcobotantes. Iso permitiu a construción de edificios moito máis amplos e elevados, e o predominio dos vans sobre os muros. Os elementos sustentantes (alicerces de complicado deseño) quedan moito máis estilizados. Mais a utilización dun elemento non pode definir un estilo de forma global, trátase dun problema máis amplo, dunha nova etapa histórica, unha nova concepción da arte. Un elemento estrutural, por importante que sexa, non pode resumir un concepto global sobre a vida.

Arquitectura gótica en Galicia

[editar | editar a fonte]

No campo da arquitectura compróbase que a adopción de novas solucións construtivas, como o arco apuntado e a bóveda de nervios, talvez se efectúa por vez primeira aquí; por exemplo, a bóveda nervada na cripta do Pórtico da Gloria cara a 1168 é, cando menos, a primeira obra datada cun mínimo de precisión na que se incorpora tal cuberta.

Vidreiras góticas, coro superior da Basílica de Saint Denis.

Os novos edificios relixiosos caracterízanse pola definición dun espazo que quere achegar aos fieis, dunha maneira vivencial e case palpable, os valores relixiosos e simbólicos da época. O humanismo incipiente liberaba ao home das escuras tebras e convidáballe á luz.Este feito está relacionado coa divulgación das correntes filosóficas neoplatónicas, que establecen unha vinculación entre o concepto de Deus e o ámbito da luz. Como as novas técnicas construtivas fixeron virtualmente innecesarios os muros en beneficio dos vans, o interior das igrexas encheuse de luz, e a luz conformará o novo espazo gótico. Será unha luz física, non figurada en pinturas e mosaicos; luz xeral e difusa, non concentrada en puntos e dirixida coma se de focos tratásese; á vez que é unha luz transfigurada e coloreada mediante o xogo das vidreiras e os rosetóns, que transforma o espazo en irreal e simbólico. A cor alcanzará unha importancia crucial.

A luz está entendida como a sublimación da divindade. A simboloxía domina aos artistas da época, a escola de Chartres considera a luz o elemento máis nobre dos fenómenos naturais, o elemento menos material, a aproximación máis próxima á forma pura.

O arquitecto gótico organiza unha estrutura que lle permite, mediante unha sabia utilización da técnica, empregar a luz, luz transfigurada, que desmaterializa os elementos do edificio, conseguindo claras sensacións de elevación e ingravidez.[1]

Escultura gótica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Escultura gótica.
Retablo, típica talla en madeira do século XV, conservado na Catedral de Amiens, Francia.
Virxe do Patrocinio Parroquia de Sant Miguel de Cardona, España.

En escultura gótica as tallas en pedra continúan usándose para a decoración da arquitectura, ademais de cumprir a función evanxelizadora (o catecismo dos analfabetos, a inmensa maioría da poboación) pero cada vez emancípase máis (paso do relevo ao vulto redondo). A escultura gótica evolucionou desde un estilo alargado e ríxido, aínda en parte románico, cara a un sentimento espacial e naturalista a finais do século XII e principios do século XIII. A influencia das esculturas gregas e romanas que aínda se conservaban incorporáronse ao tratamento das teas, as expresións faciais e a pose.

As esculturas góticas naceron nos muros das igrexas, a mediados do século XII na Illa de Francia, cando o abade Suger fixo construír a abadía de Saint-Denis (h. 1140), considerada o primeiro edificio gótico, e moi pronto lle seguiu a catedral de Chartres (h. 1145). Anteriormente, non había tradición escultórica na Illa de Francia, así que os escultores traíanse de Borgoña, quen crearon as revolucionarias figuras que actuaban como columnas no Pórtico Real de Chartres. Era un invento enteiramente novo e proporcionaría o modelo para unha xeración de escultores.

As ideas francesas divulgáronse. En España a penetración do gótico francés fíxose a través de mestres e obras que chegaron procedentes deste país, por exemplo en Cataluña a influencia do taller de Rieux é bastante evidente na virxe do Patrocinio de Cardona. En Alemaña, desde 1225 na catedral de Bamberg en diante, o impacto atópase en todos os lugares. A catedral de Bamberg ten o máis amplo conxunto de escultura do século XIII, culminando en 1240 co Cabaleiro de Bamberg, a primeira estatua ecuestre na arte occidental desde o século VI, e que se cre que retrataba a Conrado II.

En Inglaterra a escultura estaba máis limitada a monumentos funerarios e decoracións non figurativas, en parte debido á iconoclastia cisterciense. En Italia aínda persistía a influencia clásica, destacando obras como o púlpito do baptisterio de Pisa (1269) e o da catedral de Siena. Unha obra mestra tardía da escultura gótica italiana é a serie de tumbas dos Scaligeri en Verona.

As técnicas de tallado de madeira fanse cada vez máis sofisticadas, chegando ao seu máximo esplendor na integración da cor e o deseño arquitectónico de complexos retablos. A recuperación da tradición clásica da fundición do bronce deberá esperar ao renacemento italiano.

O escultor flamengo-borgoñón Claus Sluter e o gusto polo naturalismo marcou o comezo do fin para a escultura gótica, evolucionando cara ao clasicista estilo renacentista a finais do século XV.

Pórtico da Catedral de Tui.

Escultura gótica en Galicia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Escultura gótica en Galicia.

No eido da escultura, deixando á marxe o carácter protogótico das creacións do mestre Mateu, cómpre destacar que é o pórtico occidental da catedral de Tui, executado en torno ao ano 1225, é, por diversos conceptos, o verdadeiro iniciador da plástica gótica peninsular.

Simone Martini (1285?1344). Temas escuros e unha intensa emoción víronse cada vez máis acentuadas na arte gótica tardía.

Pintura gótica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pintura gótica.

Un estilo de pintura que poida chamarse «gótico» non apareceu até ao redor do ano 1200, ou case 50 anos despois do comezo da arquitectura e da escultura góticas. A transición do románico ao gótico é moi imprecisa e non hai un claro curte, porén pódense ver os comezos dun estilo que é máis sombrío, escuro e emotivo que no período previo. Esta transición acontece primeiro en Inglaterra e Francia ao redor do 1200, en Alemaña ao redor de 1220 e Italia ao redor do 1300.

É usual indicar que, mentres no románico as representacións figurativas son simplificadas e idealizadas, no gótico téndese a aumentar o realismo e naturalismo, achegándose á imitación da natureza que será o ideal do renacemento, incluíndo a representación de paisaxes, que, no entanto, segue sendo pouco usual.

No gótico, en correspondencia coas novas tendencias filosóficas e relixiosas (recuperación da filosofía de Aristóteles a través do averroísmo, humanismo de San Francisco de Asís) tendeuse a achegar a representación dos personaxes relixiosos (os santos, os anxos, a Virxe María, Cristo) nun plano máis humano que divino, deixándolles amosar emocións (pracer, dor, tenrura, anoxo), rachando co hieratismo e formalismo románico.

Tamén hai paseniños avances no uso da perspectiva e doutras cuestións técnicas na pintura no tocante ao tratamento dos soportes (que permiten a maior difusión dunha arte mobiliaria), os pigmentos e os aglutinantes.

A pintura, isto é, a representación de imaxes sobre unha superficie, durante o período gótico, practicábase en catro técnicas principais:

  • Frescos. A pintura mural ou frescos seguiron usándose como o principal medio para a narración pictórica nas paredes das igrexas no Sur de Europa, como unha continuación das tradicións cristiá e románica anteriores.
  • Vidreiras. No norte de Europa, as vidreiras foron a arte preferida até o século XV.
  • Pintura sobre táboa. Comezaron en Italia no século XIII e estendéronse por toda Europa, de maneira que para o século XV converteuse na forma predominante, suplantando mesmo ás vidreiras.
  • Miniaturas. Os manuscritos iluminados representaron a máis completa documentación da pintura gótica, documentando a existencia dunha serie de estilos en lugares onde non sobreviviron outras obras monumentais.

A pintura ao óleo sobre lenzo non se fixo popular até os séculos XV e XVI e foi o punto de partida da arte renacentista.

Arte gótica en Galicia

[editar | editar a fonte]

Galicia, cunha sólida tradición románica, desenvolve o estilo gótico como unha lóxica evolución daquela, convertida xa no protogótico do mestre Mateu e dos mosteiros cistercienses e completando dun xeito natural edificacións tan importantes coma as catedrais de Ourense, Lugo e Mondoñedo e os mosteiros de Oseira e Melón. Nos mosteiros cistercienses prodúcese unha renuncia de elementos característicos góticos, mais empregan amplamente os máis esenciais, como as bóvedas de cruzaría, suxeito a unha tradición de 200 anos e moi remiso a adoptar novas formas foráneas[2].

Transición

[editar | editar a fonte]
Pórtico da Gloria, obra do mestre Mateu.

Cando a arte románica comeza a entrar en declive, a chegada do novo estilo con distintas concepcións, fundamentalmente espaciais e estruturais, significa un cambio importante para o mundo da cantaría.

A arquitectura cisterciense achega exemplos do protogótico: empregan a finais do século XII, de xeito practicamente xeral, a bóveda de cruzaría con arcos de sinxelo perfil rectangular. Deste primeiro período protogótico son o Pórtico da Gloria e as reformas da catedral de Santiago; na obra do mestre Mateu atópanse as primeiras bóvedas de cruzaría pechadas con fiabilidade e introdúcense xa elementos da arquitectura gótica. Mateu intervén probabelmente na construción da igrexa do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, iniciada no derradeiro terzo do século XII, na que se incorporan tamén elementos característicos do gótico. Desta época son tamén as bóvedas de San Miguel de Breamo e a cabeceira con deambulatorio gótico, iniciada a finais de século. Estas solucións construtivas de transición empréganse para rematar estas e outras edificacións proxectadas e iniciadas con traza e estrutura románica[3].

Do mesmo xeito, a catedral de Ourense non se comprende se non é dentro da arte de transición. A presenza de arcos apuntados, de bóvedas de cruzaría e a evolución do triforio obrigan a situala dentro da nacente arte gótica. Apréciase nela a influencia da arte cisterciense co emprego de arcos apuntados e bóvedas de cruzaría. Algo semellante ocorre coa catedral de Santa María de Tui, na que os seus arcos apuntados, bóvedas de cruzaría e primitiva cabeceira de ábsidas rectangulares definen con claridade a influencia da arquitectura cisterciense; o mesmo sucede coa catedral de Mondoñedo, que é considerada como unha igrexa de transición.

Os cistercienses

[editar | editar a fonte]
Nervaduras da cúpula do Mosteiro de Santa María de Melón.

A arquitectura dos bernaldos en Galicia iníciase no segundo terzo do século XII coa fundación dos novos mosteiros cistercienses e a anexión á Orde de San Bieito. As súas igrexas edifícanse entre os anos 1165 e 1250.[4]

Os grandes mosteiros cistercienses seguen os modelos franceses sen que se aprecien apenas influencias de tipo rexional na súa estrutura.

As cabeceiras dos templos monasteriais galegos da época mostran, como ocorre de xeito xeral en España, elementos construtivos e formais do novo estilo. Hai exemplos de ábsidas en que se poden ver ensaios das novas formas nas cabeceiras e templos do modelo de Oseira (1239), como o da igrexa do mosteiro de Santa María de Cambre, que lembra o modelo románico da catedral de Santiago, e o de Melón, que, como novidade, engade dúas capelas que se abren ao cruceiro. A solución no derradeiro cuarto do século XII das abadías beneditinas de Carboeiro e Oia responde a unha tipoloxía nova que fusiona a ábsida central semicircular e as catro capelas absidais rectangulares de Meira cun esquema semellante ao da igrexa de Santa María de Horta, que se constrúe entre 1179 e 1210.[5]

Particularidades do gótico galego

[editar | editar a fonte]

Despois da etapa de transición, o novo estilo adquire formas definidas e énchese de caracteres nacionais. A arte gótica implántase xa con claridade en Galicia, fundamentalmente nas súas cidades e vilas, coas ordes mendicantes, concretamente as de franciscanos e dominicos. Chegadas a Galicia no século XIII da man, como conta a tradición, dos seus propios santos fundadores, desenvolven os seus principais conventos sobre todo ao longo do século XIV e principios do XV. Dominicos e franciscanos traen arquitectos foráneos alleos ao apego tradicional e que introducen e ensinan os modernos modelos arquitectónicos do novo estilo.

Ruínas de San Domingos, en Pontevedra.

Galicia non é unha zona cun gran predominio do gótico e iso vese no reducido número de exemplos de arquitectura gótica pura existentes; para explicalo empréganse fundamentalmente dous argumentos: o suposto apego á tradición románica, que non permite a incorporación da nova linguaxe arquitectónica, e unha insuficiencia técnica para traballar e empregar o granito coa soltura característica que os elementos construtivos do novo estilo requiren.

Nave central da igrexa do Mosteiro de Santa María de Meira.

Considerados estes argumentos e, sobre todo, o decisivo papel xogado polas novas ordes mendicantes e a súa chegada a Galicia dende Italia a través de Cataluña e o mediodía francés seguindo despois o Camiño de Santiago, pódense estabelecer algúns paralelismos que axuden a entender as características específicas do gótico galego e certas semellanzas coa arquitectura gótica de Cataluña e de Italia que, dende o punto de vista formal e espacial, teñen pouco que ver co gótico da Illa de Francia. Esta diferenza e as particularidades da arquitectura gótica en Galicia deben permitir falar dun gótico galego, que prescinde dos arcobotantes suplíndoos por sólidos contrafortes, e que está caracterizado pola sobriedade, a robustez e a racionalidade no emprego dos sistemas construtivos, un acentuado papel do muro como elemento envolvente do espazo e por unha concepción distinta do espazo interior, de carácter unitario.[6]

A realidade é que Galicia, dende mediados do século XIII, cando a arquitectura gótica francesa está a desenvolver a súa fase radiante, apártase dos seus postulados franceses de finura e elegancia extrema para orientarse cara á sobriedade, a robustez e a racionalidade construtivas. Para iso emprega tipoloxías de igrexas e templos cun acentuado sentido de unidade e de claridade espacial nos interiores, moi aptos para a predicación das ordes mendicantes.

Os templos

[editar | editar a fonte]
Rosetón da igrexa de San Martiño de Noia.

Superada xa a etapa de transición, e plenamente introducido polos mendicantes o novo estilo, Caamaño Martínez clasifica os templos góticos galegos en catro tipos diferenciados.

  1. Das ordes mendicantes: son de planta de cruz latina, cunha nave e outra de cruceiro, cubertas de madeira, e ábsidas poligonais á cabeceira, con bóveda de cruzaría.
  2. Dunha nave: ten cuberta de madeira e ábsida poligonal, máis estreita que a nave, con bóveda de cruzaría na á cabeceira, moi influído polo anterior tipo.
  3. Basilical. Tamén podería chamarse "monástico" por ter a súa orixe inmediata na arquitectura cisterciense "popular" galega. De tres naves, con cuberta de madeira, e tres ábsidas poligonais, con bóvedas de cruzaría á cabeceira.
  4. De igrexa "mariñeira". Domina dentro do gótico nas vilas da costa. É de nave única, con cuberta de madeira, e capela maior rectangular, máis estreita que a nave.

Os templos das Ordes mendicantes, na maioría dos caso extramuros da cidade, son as construcións dos frades menores, volcados na predicación urbana e nas obras de caridade. A súa planta é en forma de cruz latina con varias ábsidas poligonais e centran principalmente o seu interese construtivo e escultórico na cabeceira, auténtico panteón da nobreza local, protectora e mecenas das novas ordes. A súa nave é estreita, ao contrario que nas parroquiais, con cuberta de madeira sobre arcos apuntados.[7]

A consideración social da arte e o artista

[editar | editar a fonte]

O florecemento do negocio da la e os panos, vinculados ás feiras e rutas comerciais que percorren Europa de norte a Sur (de Florencia, Xénova e Venecia a Champaña e Flandres, sen esquecer Medina del Campo), producen o nacemento dunha arte singular: o tecido de tapices, que tivo un prestixio social importe. Non para os seus autores, que nunca pasaron da consideración de meros artesáns, senón para os seus posuidores. Non habendo unha clara separación entre as artes industriais e as que hoxe consideramos belas artes, podería dicirse o mesmo de mestres de obras, pintores e escultores, que aínda que conservemos o nome de moitos deles, non pasaban de exercer tamén un dos oficios viles e mecánicos, nin sequera equiparables ás profesións liberais.

O neogótico

[editar | editar a fonte]

No século XIX, o entusiasmo romántico polo medieval (como reacción fronte ao neoclasicismo academicista) e o historicismo, supuxo amplas restauracións de edificios medievais, chegándose a establecer o estilo neogótico, arquitectura realizada a imitación da gótica medieval. Sóñase a partir deste intre cun renacemento da arte medieval, enchéndose de novo contido ao termo "gótico" que comeza a distinguirse e afastarse claramente do románico.

Foi destacada a intervención do arquitecto francés Eugène Viollet-le-Duc.

A relixiosidade extremada foi unha das reaccións á crise demográfica baixomedieval. O gravado abriu novas posibilidades non só á expresión artística, senón ao desenvolvemento tecnolóxico, á comunicación das ideas e á popularización da cultura, que culminou coa imprenta

  1. Félix de Azúa: "Cando a luz escureceu a terra", El País, 12/10/2008.
  2. Taboada, Franco. Mosteiros e Conventos de Galicia. 
  3. Lámperez e Romea (1930). Historia de la arquitectura cristiana española en la Edad Media. 
  4. Torres Balbás, L. (1954). Los monasterios cistercienses en Galicia. 
  5. Publicacións do Colexio Oficial de Arquitectos en Galicia. Arquitectura gótica en Galicia. Los templos: catálogo gráfico. 
  6. Franco Taboada, J. A. Mosteiros e Conventos de Galicia. 
  7. Arquitectura gótica en Galicia. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy