Convento de Santa Clara de Santiago de Compostela
Convento de Santa Clara | |
---|---|
Fachada da igrexa. | |
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Tipo | convento de monxas clarisas de clausura |
Advocación | Clara de Asís |
Localización | Santiago de Compostela |
Coordenadas | 42°53′07″N 8°32′26″O / 42.885277777778, -8.5405555555556 |
Catalogación | Monumento Nacional |
Culto | |
Diocese | Diocese de Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | 1260, remodelación no século XVI, edificio actual dos séculos XVII e XVIII |
Arquitectos | Domingo de Andrade, Pedro Arén, frei Gabriel Domínguez e Simón Rodríguez |
Estilo | Barroco |
[ editar datos en Wikidata ] |
O convento de Santa Clara é un convento de clausura da orde das clarisas que se atopa na Rúa de San Roque, en Santiago de Compostela. O convento fúndase extramuros ao norte da cidade no ano 1260 grazas a doazóns da vila de Compostela e da dona do rei Afonso X o Sabio: Violante de Aragón. É o primeiro que as clarisas tiveron en Galicia. Foi fundado e impulsado por dona Violante, muller do rei Afonso X o Sabio, na segunda metade do s. XIII, polo que ten o título de "Real".
Sufriu diferentes modificación ao longo dos séculos, as primeiras no século XVI grazas ás doazóns da abadesa Isabel de Granada; e posteriormente nos séculos XVII e XVIII que lle deron o aspecto barroco actual. Nestes traballos participan os arquitectos Domingo de Andrade, frei Gabriel Domínguez, Pedro Arén e Simón Rodríguez.
Salienta a fachada da igrexa, obra de Simón Rodríguez, grande obra do barrroco compostelán[1].
O convento de Santa Clara foi declarado Monumento Nacional en 1940.
Descrición
[editar | editar a fonte]Fachada
[editar | editar a fonte]A fachada é obra de Simón Rodríguez en 1719, de estilo barroco compostelán, tamén chamado "barroco de placas" polas formas xeométricas puras que semellan superporse aos muros: un estilo imposto pola dureza do granito, que obriga a unha talla de formas rotundas.
Trátase dunha fachada cortina que dá paso a un pequeno xardín onde se agocha a verdadeira e sinxela fachada da igrexa. Como todo o convento realízase en cantaría de granito, en tres corpos e salienta polo seu gran dinamismo barroco debido ao xogo de luces e sombras provocado pola intensa decoración centrada da parte centra da mesma. Aparece un exceso de orixinal ornamentación, grandes cornixas, volutas, frontóns crebados e son moi característicos os grandes cilindros de pedra no bico da fachada, a xeito de bocois, que crean unha sensación de grande inestabilidade[1][2].
Interior
[editar | editar a fonte]No interior chaman a atención os enreixados típicos da clausura. Na igrexa atópanse varios altares churriguerescos dedicados a santos franciscanos e o retablo maior barroco elaborado por Domingo de Andrade no ano 1700[2] no que se venera a Inmaculada Concepción, de gran devoción por clarisas e franciscanos. Tamén atopamos o púlpito de granito e os escudos do antigo edificio medieval. Os retablos do cruceiro dedícanse a Santo Antón de Padua e á Virxe.
Cultura
[editar | editar a fonte]É tradicional crer, tanto en Santiago de Compostela coma noutras vilas coma Pontevedra, que para que o día da voda non chova, cómpre levar un cesto de ovos a un convento de clarisas.
No convento viven hoxe en día 13 monxas clarisas que, ademais das pregarias, encárganse de traballos a particulares, coma bordados ou pasar o ferro[3].
A igrexa é visitábel só antes e despois das misas. A misa é todos os días ás sete da tarde, e o rosario todos os días ás 18:30.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Detalle do cume da fachada co monumental cilindro pétreo.
-
Fiestra do convento.
-
Imaxe de Santa Clara na fachada da igrexa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Santa Clara en Turgalicia
- ↑ 2,0 2,1 Centro Virtual Cervantes (en castelán).
- ↑ Convento de Clausura de Santa Clara en Turismo de Santiago.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario monumental y artístico de Galicia. A Coruña: Fundación Barrié. pp. 555–556. ISBN 84-85728-62-9.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Convento de Santa Clara de Santiago de Compostela |