Falange Española de las JONS (1934)
Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FE de las JONS, en galego: Falanxe Española das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) foi un partido político español de extrema dereita.
FE de las JONS fundouse o 15 de febreiro de 1934 en Madrid, como resultado da unificación de Falange Española e Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista. Os primeiros serían máis próximos ao fascismo italiano; os segundos aos nazis. Con todo, ambos partidos mantiñan estreitos vínculos coa dereita antirrepublicana, en especial cos partidarios de Afonso XIII. Os afonsinos foron, de feito, a principal fonte de financiamento das súas actividades.[1]
En 1937 FE de las JONS fundiuse cos carlistas de Comuñón Tradicionalista, dando lugar a FET de las JONS. Esta nova organización funcionou como o partido único da ditadura franquista, se ben o franquismo utilizou sempre a denominación de "Movemento" para referirse a ela.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Durante as negociacións José Antonio Primo de Rivera, líder de FE, aceptou boa parte da simboloxía das JONS, dirixidas por Ramiro Ledesma Ramos. Emporiso o poder da nova organización quedou en mans dos falanxistas por medio dun triunvirato no que participaban dous falanxistas e un xonsista. As relacións entre xonsistas e falanxistas non foron fáciles e xa en setembro Primo de Rivera desmontou o triunvirato e asumiu a dirección do partido. En outubro o partido adoptou a camisola azul á que se opuñan os xonsistas por considerala unha medida fascista que os arredaba das bases traballadoras e revolucionarias.
Durante a Revolución de outubro, Primo de Rivera apoiou ao goberno mentres os de Ledesma Ramos eran máis reticentes a darlle o seu apoio, buscando unha alianza coa CNT. A loita entre as dúas faccións fíxose máis dura co gallo da elaboración do programa do partido, os 27 puntos. Na redacción deste programa, presentado a finais de novembro de 1934, impuxéronse finalmente as teses de Primo de Rivera, o que motivou que o 14 de xaneiro de 1935 Ledesma Ramos e outros dirixentes da antiga JONS marchasen da FE de las JONS. Non obstante, poucos militantes máis marcharon canda eles, de xeito que non conseguiron refundar a antiga JONS.
Nas eleccións de 1936 FE de las JONS presentouse en solitario. Primo de Rivera tivo só o 4.6% dos votos e quedou sen escano, pero o triunfo da Fronte Popular produciu unha radicalización da dereita e as Juventudes de Acción Popular pasáronse en bloque á Falanxe e na guerra civil española apoiou ao bando franquista e as autoridades republicanas detiveron a Primo de Rivera que foi fusilado o 20 de novembro de 1936.
As organizacións de FE de las JONS foron sendo integradas nas estruturas do bando nacional a medida que o poder se centralizaba en Franco nos primeiros meses da guerra. O 25 de setembro de 1936 un decreto prohibiu no bando franquista toda propaganda e actividade política.[2] Con todo a Falanxe seguiu a actuar contando coas súas propias milicias, prensa e organizacións.[3] Un novo decreto do 25 de decembro someteu as milicias de todos os partidos á disciplina militar, acabando coa súa autonomía.
Disolución
[editar | editar a fonte]Un novo decreto de 19 de abril de 1937 unificou o falanxismo co carlismo. Constituíuse así a Falange Española Tradicionalista y de las JONS, en cuxo seo se disolveron tanto FE de las JONS como a Comuñón Tradicionalista. A nova organización, con Franco como dirixente, incorporou no seu programa os 27 puntos do programa de FE de las JONS, a excepción do último dos puntos, que estabelecía a determinación de FE de las JONS de pactar o mínimo posíbel con outras forzas políticas.
Así mesmo, FET de las JONS incorporou toda a simboloxía de FE de las JONS, como o seu himno, o "Cara al Sol".
Ideario
[editar | editar a fonte]O ideario do partido resúmese nos 27 puntos. Este texto foi debatido no máximo órgano do partido, o Consello Nacional, durante as primeiras semanas do outono de 1934. A principios de outubro, cando xa se camiñaba cara a súa aprobación, os traballos foron suspendidos polo inicio da Revolución de outubro. O texto definitivo foi publicado no xornal ABC o 30 de novembro de 1934.[4] Os seus principais aspectos programáticos poden resumirse nas seguintes ideas:
- Ultranacionalismo. Os puntos 1-5 afirman a unidade de España e a súa relación histórica con Hispanoamérica. Á gloria de España, segundo o punto 1, deberán supeditarse "os intereses dos individuos, dos grupos e das clases [sociais]". Así mesmo, tal e como se recolle no punto 23 a educación terá como obxectivo "conseguir un espírito nacional forte e unido".
- Militarismo. Os puntos 4 e 5 afirman a necesidade de dotar a España dunhas forzas armadas "tan capaces e numerosas como sexa preciso para asegurar a España en todo instante a completa independencia e a xerarquía mundial que lle corresponde". Así mesmo, defenden que "un sentido militar da vida informe toda a existencia española." No punto 23 estabelécese que "todos os homes recibirán unha educación premilitar" que lles permita incorporarse ao exército.
- Corporativismo e antiliberalismo. Os puntos 6-8 inciden na necesidade de prohibir os partidos políticos e o parlamentarismo. Afírmase que os españois participarán no goberno do Estado "a través da súa función familiar, municipal e sindical." As liberdades individuais estarán supeditadas á "unidade, a fortaleza e a liberdade da Patria." Os sindicatos serán verticais e estarán "ao servizo da integridade económica nacional".
- Anticapitalismo. Segundo se estabelece no punto 8, permitirase "toda iniciativa privada compatíbel co interese colectivo". Con todo, abomínase das desigualdades económicas (punto 12), dos "abusos do gran capital financeiro, dos especuladores e dos prestamistas" (punto 13) e abógase pola nacionalización da banca e dos "grandes servizos públicos" (punto 14).
- Populismo agrario. Os puntos 18-23 refiren un amplo conxunto de medidas relacionadas coa agricultura e a gandaría. Entre elas poden destacarse o estabelecemento de prezos mínimos para os produtos agropecuarios, a reorganización da propiedade agraria, o estímulo dos regadíos e da repoboación foresta e gandeira, a creación de instrumentos financeiros destinados á actividade agrogandeira ou a reorganización do tamaño das propiedades para facelas máis eficientes.
- Confesionalismo católico. O punto 25 afirma a necesidade de construír un novo estado sobre o "sentido católico", que recoñece como "predominante en España". Con todo tamén se afirma que nas relacións entre Igrexa e Estado non se aceptará "intromisión ou actividade algunha que menoscabe a dignidade do Estado ou a integridade nacional.
- Antimarxismo. No punto 10 afírmase que o marxismo resulta contrario ao "sentido nacional e espiritual" dos falanxistas.
O programa foi criticado pola súa vaguidade e provocou numerosas defeccións dentro do partido. Ao sector máis próximo ao conservadorismo pareceulle excesiva a súa chamada á revolución social, o seu anticapitalismo e escaso compromiso coa Igrexa católica. En cambio, os sectores máis próximos ao totalitarismo atopárono tépedo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ González Calleja, Eduardo (2011). Contrarrevolucionarios: Radicalización violenta de las derechas durante la Segunda República, 1931-1936. Alianza. pp. 146–172. ISBN 9788420664552.
- ↑ José Peña Historia política del constitucionalismo español.Librería-Editorial Dykinson, páxina 369
- ↑ Josep Fontana (ed.) España bajo el franquismo, Editorial Crítica, páxina 42
- ↑ "El programa de Falange Española de las J. O. N. S.". Diccionario filosófico. Manual de materialismo filosófico. Una introducción analítica (en castelán). Consultado o 31/05/2022.