Saltar ao contido

Feofitina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Feofitina a. É unha clorofila a sen o ión Mg2+.

A feofitina é un composto químico que funciona como primeiro transportador de electróns intermediario na cadea de transporte de electróns do fotosistema II nas plantas e tamén no centro de reaccion de tipo II fotosintético (RC P870) atopado nas bacterias púrpuras. Tanto no fotosistema II coma no centro de reacción P870, a luz arranca electróns do centro de reacción a través da feofitina, que despois pasa os electróns a unha quinona (QA) nos centros de reacción P870 e P680. Os mecanismos globais e funcións das moléculas de feofitina nas dúas cadeas de transporte son análogos.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Bioquimicamente a feofitina é unha molécula de clorofila á que lle falta o ión Mg2+ central. Pode sintetizarse a partir da clorofila sometida a un tratamento cun ácido débil, producindo un pigmento azulado escuro ceroso.[1] A etimoloxía probable procede desta descrición, de pheo 'escuro'[2] e phyt 'planta'.[3]

Historia e descubrimento

[editar | editar a fonte]

En 1977 os científicos Klevanik, Klimov e Shuvalov realizaron unha serie e experimentos para demostrar que era a feofitina e non a plastoquinona a que funcionaba como aceptor de electróns primario no fotosistema II. Por medio de varios experimentos, incluíndo a resonancia paramagnética de electróns (EPR), puideron demostrar que a feofitina era reducible e, por tanto, o aceptor electrónico primario entre o P680 e a plastoquinona (Klimov, Allakhverdiev, Klevanik, Shuvalov). Este descubrimento atopou unha forte oposición, xa que moitos científicos crían que a feofitina era só un subproduto da degradación da clorofila. Porén, máis experimentos probaron que a feofitina era realmente o aceptor de electróns primario do fotosistema II, que actuaba entre o P680 e a plastoquinona (Klimov, Allakhverdiev, Shuvalov). Os datos que obtiveron foron os seguintes:[4]

  1. Observouse a fotorredución da feofitina en varias mixturas que contiñan os centros de reacción do fotosistema II.
  2. A cantidade de feofitina estaba en proporción directa co número de centros de reacción do fotosistema II.
  3. A fotorredución da feofitina ocorría a temperaturas de só 100 K e observábase despois da redución da plastoquinona.

Estas observacións son todas características de fotoconversións de compoñentes de centros de reacción.

Reacción nas bacterias púrpuras

[editar | editar a fonte]

A feofitina é o primeiro transportador de electróns intermediario no centro de fotorreacción (RC P870) das bacterias púrpuras. A súa intervención neste sistema pode desglosarse en 5 pasos básicos. O primeiro paso é a excitación das bacterioclorofilas (Chl)2 (ou o par especial de clorofilas), tal como se ve na seguinte reacción:

  • (Chl)2 + 1 fotón → (Chl)2* (excitación)

No segundo paso a (Chl)2 pasa un electrón á feofitina (Pheo), producindo un radical cargado negativamente (a feofitina) e un radical cargado positivamente (o par especial de clorofilas), o cal orixina unha separación de cargas.

  • (Chl)2* + Pheo → ·(Chl)2+ + ·Pheo (separación de cargas)

O terceiro paso é o movemento rápido de electróns á menaquinona QA fortemente unida, que doa inmediatamente os electróns a unha segunda quinona (QB) debilmente unida. Dúas transferencias de electróns converten QB na súa forma reducida (QBH2).

  • 2·Pheo + 2H+ + QB → 2Pheo + QBH2 (redución da quinona)

O quinto paso final implica encher o “oco” no par especial por medio dun electrón procedente dun hemo do citocromo c. Isto rexenera os substratos e completa o ciclo, permitindo que teñan lugar as seguintes reaccións.

Participación no fotosistema II

[editar | editar a fonte]

No fotosistema II a feofitina exerce un papel moi similar. De novo actúa como transportador de electróns intermediario do fotosistema. Despois de que o P680 se excita a P680*, transfire un electrón á feofitina, o cal converte a molécula nun radical cargado negativamente. Dous radicais de feofitina cargados negativemente pasan rapidamente os seus electróns extra a dúas moléculas de plastoquinona consecutivas. Finalmente, os electróns pasan pola molécula de citocromo b6f e abandonan o fotosistema II. As reaccións indicadas arriba no capítulo sobre as bacteria púrpura dan unha imaxe xeral do movemento real dos electróns a través da feofitina e do fotosistema. O esquema global é:

  1. Excitación.
  2. Separación de cargas.
  3. Redución da plastoquinona.
  4. Rexeneración dos substratos.
  1. http://dictionary.reference.com/browse/pheophytin Merriam-Webster Medical Dictionary definition of Pheophytin
  2. http://dictionary.reference.com/browse/pheo- Definition of pheo in The American Heritage Stedman's Medical Dictionary
  3. phyt. CollinsDictionary.com. Collins English Dictionary - Complete & Unabridged 11th Edition. Consultado o 19 de outubro de 2012.
  4. Klimov VV (2003). "Discovery of pheophytin function in the photosynthetic energy conversion as the primary electron acceptor of Photosystem II". Photosyn. Res. 76 (1–3): 247–53. PMID 16228584. doi:10.1023/A:1024990408747. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • McWilliams, Margaret (1982). Illustrated Guide to Food Preparation (4th ed.). Redondo Beach, CA: Plycon Press. 
  • Nelson, David L.; Cox, Michael M. (2005). Lehninger Principles of Biochemistry (4th ed.). New York: W. H. Freeman. 
  • "Photosynthetic Molecules Section." Library of 3-D Molecular Structures. 22 de abril de 2007
  • Xiong, Ling, and Richard Sayre. "The Identification of Potential Pheophytin Binding Sites in the Photosystem II Reaction Center of Chlamydomonas by Site-Directed Mutagenesis." (2000). America Society of Plant Biologists. 22 de abril de 2007.
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy