Saltar ao contido

Historia da zooloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pinturas de bóvidos e équidos na cova de Lascaux, Francia.
Aristóteles,[1] coinsiderado o fundadpor da zooloxía precientífica.
Cuvier, un dos fundadores da moderna ciencia zoolóxica.

A historia da zooloxía trata do estudo dos progresos que, sobre o coñecemento dos animais, foron acadados polos homes no curso dos tempos, desde a máis remota antigüidade até o presente.

Aínda que o concepto de zooloxía como un único campo coherente xurdiu hai poucos séculos, a ciencia zoolóxica foi nacendo da historia natural e, dado que a zooloxía é unha das ciencias naturais, indubidabelmente a súa historia está intimamante ligada á propia historia da ciencia.

A zooloxía comeza a tomar corpo na antigüidade grecorromana, coas obras de Aristóteles e Galeno, progresando lentamente na escura Idade Media polo traballo dos médicos musulmáns e de eruditos como Alberte o Magno.

Durante o Renacemento e a Idade Moderna, o pensamiento zoolóxico foi revolucionado en Europa por un renovado interese no empirismo e polo descubrimento de moitos animais descoñecidos procedentes do Novo Mundo. Destacados personaxes neste movemento foron, entre outros, Vesalio e William Harvey, que utilizaron a experimentación e a observación coidadosa na fisioloxía. Máis tarde, naturalistas como Linneo, Buffon e Cuvier, comenzaron a clasificar a diversidade da vida e o rexistro fósil, así como o desenvolvemento e o comportamento dos organismos.

Nos séculos XVIII e XIX a zooloxía converteuse nunha disciplina científica cada vez máis profesionalizada. Naturalistas exploradores como Alexander von Humboldt investigaron a interacción entre os organismos e o seu medio ambiente e a forma en que esta relación depende da xeografía, sentando as bases da bioxeografía, a ecoloxía e a etoloxía. Moitos naturalistas comezaron a considerar a importancia da extinción e a mutabilidade das especies. A microscopia revelou un mundo previamente descoñecido, sentando as bases para a teoría celular, que proporciona unha nova perspectiva na base fundamental da vida.

Estes acontecementos, así como os resultados da embrioloxía e la paleontoloxía, sintetizáronse na teoría da evolución por selección natural de Charles Darwin

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

A actividade científica comezou nun pasado moi remoto, moito antes da aparición dos primeiros documentos escritos, é dicir, na prehistoria. Moi probabelmente, a ciencia desenvolveuse a partir das primitivas prácticas de maxia tribal. Tamén, probabelmente, tiveron a mesma orixe tanto a relixión coma a arte, de tal xeito que ciencia, relixión e arte se nos presentan como irmás cun obxectivo común: entender e interpretar o universo no seu conxunto, aínda que por métodos totalmente diferentes.

Durante moito tempo, a maxia foi o punto de unión da sociedade, a institución na que se depositaba a sabedoría e a experiencia acumulada até o momento. A técnica precedeu á ciencia nos primeiros tempos da humanidade. Apoiándose en observacións empíricas, o home desenvolve as súas ferramentas (traballa os ósos, a pedra), e descobre o uso do lume no Paleolítico inferior. A maior parte dos prehistoriadores concordan en pensar que o lume empezou a utilizarse desde hai 250.000 anos ou 300.000 anos.


Durante este período, admítese xeralmente que a explicación máxica dos fenómenos era a regra. Porén, para numerosos paleontólogos e prehistoriadores como Jean Clottes, as pinturas rupestres mostran que o home daquela época posuía as mesmas facultades cognitivas que o home moderno.[2]

Por tanto, o home iniciou a zooloxía xa na prehistoria: a medida que ía entrando en contacto cos seres vivos (en especial, os animais) foinos coñecendo e utilizando de acordo coas súas necesidades. Os primeiros humanos deberon ter e transmitir coñecementos sobre animais para aumentaren as súas posibilidades de supervivencia, o que podería incluír aspectos do comportamento dos animais (como os patróns de migración) e coñecementos da anatomía humana e animal.

A calidade dos coñecementos que tiña acerca da natureza reflíctese nas pinturas rupestres deixadas en cavernas polo Homo sapiens sapiens (ou home de Cro-Magnon) datadas contra 28.000 a.C. en Europa, especialmente en España, representando animais de maneira estilizada.

O primeiro punto de inflexión importante no coñecemento zoolóxico chegou coa revolución neolítica hai uns 10.000 anos.

Os seres humanos domesticaron animais para acompañaren ás sociedades sedentarias resultantes desta revolución (cans, porcos, ovellas, cabras, galiñas e outrros animais) en Europa, norte de África e o Oriente Medio,[3]

Á domesticación dos animais seguiría un coñecemento aínda máis adecuado dos fenómenos da natureza.[4] As prácticas médicas rudimentarias involucraban certa clase de coñecementos sobre a anatomía humana, así como dos animais que se utilizaban na alimentación e para o traballo, que lle deron aos homes certos coñecementos superficiais das súas estruturas.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

Oriente Medio e Extremo Oriente

[editar | editar a fonte]

As escolas de medicina da antigüidade realizaban diseccións de animais con fins de comparación anatómica e adestramento cirúrxico. En Babilonia, os sacerdotes coñecían algo acerca da anatomía animal (particularmente dos que sacrificaban) e de medicina; porén, esta última estaba intimamente ligada coa astroloxía. A medicina do antigo Exipto era máis práctica.

Os exipcios e os asirios realizaron observacións sobre vermes parasitos do home. Os antigos xudeus contribuíron cos seus coñecementos ás concepcións modernas de hixiene.[Cómpre referencia]

No Extremo Oriente o coñecemento da natureza e da medicina non estaba tan avanzado como noutros aspectos da cultura.

Antigüidade clásica

[editar | editar a fonte]
  • Hipócrates (460377 a.C.) está considerado como unha das figuras máis destacadas da historia da medicina e moitos autores refírense a el como o "pai da medicina moderna",[5][6][7] en recoñecemento ás súas importantes e duradoiras achegas a esta ciencia. A súa escola intelectual revolucionou a medicina da Antiga Grecia, establecéndoa como unha disciplina separada doutros campos cos cales se asociaba tradicionalmente (notabelmente a teoloxía e a filosofía), convertendo o exercicio da medicina nunha auténtica profesión.[8][9]. Tamén é famoso por asociar a ética coa profesión médica (xuramento hipocrático).
  • Aristóteles (384322 a.C.) está considerado como o pai da zooloxía. Educador de Alexandre o Grande, sabio e filósofo, atribúeselle a clasificación dos animais en dous grupos: animais con sangue (enaima) e animais sen sangue (anaima) (aproximadamente, os vertebrados e invertebrados, respectivamente). No campo da zooloxía as súas obras máis importantes foron Historia dos animais', unha bioloxía xeral dos animais; Sobre as partes dos animais, unha anatomía e fisioloxía comparadas, e Sobre a xeración dos animais, un tratado sobre a bioloxía do desenvolvemento.

A tradición grega continuou, na época romana, ao redor do Museo de Alexandría até ao redor do ano 30 a.C., pero declinou baixoo a dominación do Imperio romano.

Durante o Imperio romano producíronse só achegas rutineiras que incorporaban novos animais ao esquema aristotélico, existindo un baleiro case absoluto en canto ás posíbeis modificacións do mesmo.

  • Plinio o Vello (23-79) foi un nnaturalista romano que dedicou catro libros (VIII, IX, X e XI) aos animais da súa Naturalis Historia (A historia natural), obra enciclopédica en 37 volumes escritos en lingua latina. Nos catro libros sobre animais estuda, sucesivamente, os animais terrestres, os "peixes" (é dicir, os animais mariños —todos— e os peixes de río), as aves e os insectos.
  • Galeno (130200) foi o primeiro gran filósofo que empregou o método experimental nos seus estudos. Realizou unha clasificación de ósos e articulacións que se perdura até o día de hoxe. Pasou boa parte da súa vida na corte imperial, levando a cabo experimentos e escribindo. Fixo viviseccións de moitos animais co fin de estudar a función dos riles e a medula espiñal. Segundo as súas propias testemuñas, utilizou a 20 amanuenses para que anotaran as súas palabras. No ano 191 un incendio destruiu algunhas das súas obras.

O estudo dos animais na época romana é máis ben descritivo e impreciso, admitindo toda unha serie de seres fabulosos (sereas, grifóns, dragóns, unicornios) etc., que foron a base dos bestiarios medievais. Isto deu lugar a que moitas persoas creran que estes animais existían, o que se agudizou durante os séculos escuros da alta Idade Media, nos que se inventaron aínda más lendas fabulosas.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

A Idade Media non representou ningún avance no coñecimento zoolóxico. Desde a morte de Galeno até o denominado renacemento do século XII, recompiláronse os traballs de gregos e romanos. A maior parte dos autores interesados na vida animal son tributarios de Isidoro de Sevilla (ca. 560-636), que reuniu, a comezos do século VII, nas súas Etimoloxías (ou Origines) gran parte dos coñecementos, pero tamén dos mitos, transmitidos por Plino na súa Historia natural.

No século XII prodúcese o redescubrimento de Aristóteles e dos seus traitados consagrados aos animais, especialmente grazas aos comentarios do filósofo árabe Averroes (1126-1198). Isto sería o punto de partida dun renacemento do interés pol munde animal. Coimpre ter preesente que durante a última parte deste período, os principais centros de cultura estiveron no Islam. Os científicos árabes conservaran e interpretaran o máis notábel da antiga ciencia grega, trasmitindo estes coñecementos á Europa cristiá. A obra zoolóxica máis notábel procede da España musulmá, data do século X e débese a Maslama al-Mayriti, o Tratado da xeración dos animais.

No século XIII, a figuras máis importantes no campo da zooloxía foron:

  • Frederico II (1194-1250), emperador do Sacro Imperio, que redacou un manual de cetrería e de ornitoloxía ilustradp, o De arte venandi cum avibus (Sobre a arte de cazar coln aves), no que describe máis de 900 especies de aves, e consigna moi precisas observacións sobre o comportamento das aves moi avanzadas para o seu tempo, non dubidado en criticar a Aristóteles ao que censura polo feito de ter un coñecemento das aves só teórico.
  • Alberte o Magno (ca. 1200-1280), autor dun vasto tratado, De animalibus (Sobre os aniimais), dedicado non só á fauna, senóin tamén á flora e aos minerais. Entre outras cousas, sinalou as diferenzas entre insectos e arácnidos, e contribuíu a eliminar os aspectos fantásticos, mitolóxicos e simbólicos que se introduciran nos séculos anteriores.

Pero, simultaneamente, a partir de finais do século XII, a historia natural dos animais atravesou o que se podería chamar o seu período fabuloso, coa multiplicación de "bestiairios" dedicados á descrición e representación simbólicae e animaao reais e imaxinarios. Os máis ricos bestiairios medievais inspíranse nunha obra oriental anónima, que data probabelmente do século II e redactada sen dúbida en Alexandria, O fisiólogo (en latín, Physiologus; en grego, Φυσιολόγος), bestiairio cristián posteriormente arrequecido por préstamos das Etimoloxías de Isidoro de Sevilla e doutro autors, que foi a fonte principal dos bestiarios medievais. Así, aparecen nestas recompilacións mulktitude de animais fabulosos ou fantásticos, entre eles unicornios, a ave fénix, os dragóns, o basilisco, a serñpe de mar, as sereas, os grifóns e moitos máis.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

Renacemento

[editar | editar a fonte]
Famosa xilografía gravada par Albrecht Dürer (Alberte Durero) en 1515, denominada O rinoceronte de Durero.

O Renacemento debe o seu nome ao redescubrimento dos traballos dos antigos pensadores gregos e romanos, que marcou a fin da Idade Media e creou alicerces sólidos para o desenvolvemento de novos coñecementos. A ciencia como disciplina do coñecemento adquire así a súa autonomía e os seus primeiros grandes sistemas teóricos, até tal punto que Michel Blay fala da "canteira da ciencia clásica".[10][11] Este período é abundante en descricións, inventos, aplicacións e en representacións do mundo.

Dos científicos desta época destácanse Francis Bacon, Nicolao Copérnico e Galileo Galilei; eles estabeleceron o denominado método científico.

Ademais, no curso dos séculos XV e XVI prodúcense en Europa, iniciadas polos reinos de Castela e Portugal, grandes expedicións marítimas de envergadura mundial, coñecidas co nome de grandes descubrimentos. O impulso renovador da zooloxía vai ligado, por iso, ao descubrimento das faunas exóticas polas grandes exploracións xeográficas. É curioso que o descubrimento destes animais novos fixera volver os ollos cara aos propios.

Bacon, Copérnico e Galileo sentaron as bases do método científico

Entre os autores que describiron a fauna americana destacan Gonzalo Fernández de Oviedo (1478-1557), autor da Historia General y Natural de Indias (1535), Francisco López de Gómara (1511-1566), que escribiu Historia General de Indias (1552) e José de Acosta (15391600) que, na súa obra Historia Natural y Moral de las Indias (1590), sentou as bases para a zooxeografía, ao comparar a fauna europea coa americana.

Século XVI

[editar | editar a fonte]

No século XVI floreceron en Europa os museos zoolóxicos e as obras de recompilación.

  • Leonardo da Vinci (14251519) estudou a anatomía, relacionándoa coa fisioloxía, sendo ademais un grande observador dos seres vivos.
  • Guillaume Rondelet (1507-1566), médico de Montpellier, publicou en 1555Universæ aquatilium historiæ pars altera, obra onde relaciona todos os animais acuáticos (incluídos os míticos) que coñecía.
  • André Vesalio (15141564), profesor de anatomía en Padua (Italia), publicou en 1543 o primeiro tratado científico sobre anatomía humana, fermosamente ilustrado.
  • Pierre Belon (ca. 1517-1564) foi o autor da Histoire naturelle des éstranges poissons marins avec la vraie peinctvre & description du Daulphin & de plusieurs autres de son espèce (Historia natural dos estraños peixes mariños coa verdadeira imaxe e descrición do golfiño e de varios outros da súa especie). Tamén escribiu outra obra titulada Histoire de la nature des oiseaux (Historioa da natureza das aves).
  • Conrad Gessner (1516-1565) publicou a súa Historia animalium (Historia dos animais) en Zürich entre 1551 e 1558. Compilador infatigábel, alcumado o Plinio suízo, recompilou todos os coñecementos sobre os animais que puido recoller. A súa obra, ricamente ilustrada (entre outros, por Albrecht Dürer), sería frecuentemente reeditada durante máis de tres séculos.

Século XVII

[editar | editar a fonte]
  • William Harvey (15781667), médico inglés, publicou a primeira información correcta acerca do movemento do sangue no corpo humano (1628). Nos seus estudos embriolóxicos (1651) deu importancia á orixe tanto das formas vivíparas como ás ovíparas.
  • John Ray (1627-1705) e Francis Willughby (1635-1672), ambos os dous briutánicos, xogaron un papel esencial tanto na botánica cpomo na zooloxía durante este príodo. Coñecéronse en Cambridge e esatableceron axiña unha grande amizade. Xuntos, viaxaron por Europa para observaren os animais nos seus ambientes. En zooloxá, Ray foi o primeiro en propoñer unha clasificación dos animais fundada nos seus caracteres anatómicos; esta clasificación, especialmente a das aves, foi a máis avanzada até a obra de Linneo. A morte prematura de Willughby impediiulle rematar varias obras que Ray arrequeceu (ás veces considerabelmente) e publicou baixo o único nome de Willughby. Foi o caso, por exemplo, de Ornithologia (Londres, 1676) e de De historia piscium (Oxford, 1686). Entre as principais obras de Ray cómpre sinalar Synopsis animalium quadrupedum et serpentini generis (Londres, 1693) e as póstumas Historia insectorum (Londres, 1710) e Synopsis avium et piscium (Londres, 1713).
  • Francesco Redi (1626-1697), médico, naturalista, fisiólogo e escritor toscano demostrou (aínda que sen ter demasiado crédito entre os científicos da época) que os insectos non nacen por xeración espontánea, expoñendo as súas experiencias na obra Osservazioni intorno alla generaziones degli insetti (Observacións sobre a xeración dos insectos), de 1668. Polo seu labor investigador, exposto sobre todo na obra Osservazioni intorno agli animali viventi che si trovano negli animali viventi (Observacións sobre os animais viventes que se atopan nos animais viventes), publicada en 1664, está considerado o fundador da helmintoloxía científica (estudo dos vermes parasitos), describindo preto de 100 especies de parasitos microscópicos ou de moi pequeno tamaño.
  • Marcello Malpighi (1628-1694), biólogo e anaromista italiano, está considerado como o pai da anatomía micróscopica ou histoloxía, e hoxe levan o seu nome ducias de estruturas do corpo humano e dos insectos.
  • Antonio Vallisneri (1661-1730), médico e naturalista italiano, publicou, entre 1696 e 1700, os seus Dialoghi sopra la curiosa Origine di molti Insetti (Diálogos sobre a curiosa orixe de moitos insectos) na Galleria di Minerva; alí expón as súas primeiras expreriencias sobre a reprodución dos insectos que, coas observacións de Redi e Malpighi, contribuíron a desmentir a crenza, moi arraigada, na xeración espontánea.

Século XVIII

[editar | editar a fonte]
  • Joseph Guichard Duverney (1648-1730), médico e anatomista francés, presentou perante a Académie des sciences de París, nos primeiros anos do século XVIII, varias importantes memorias sobre os aparellos circulatorios e respiratorios de vertebrados de sangue frío, como as ras, as serpentes etc.[12] En 1720, Michael Bernhard Valentini (1657-1729), médico e coleccionista alemán, publicou (1720) un estudo onde compara a anatomía de diferentes vertebrados, sendo tamén famoso pola publicación, en 1714, de Museum Museorum, primeiro estudo das coleccións de animais de Europa. En 1734, Jacob Theodor Klein (1685-1759) dá á luz Naturalis dispositio Echinodermatum, obra pioneira sobre os equinodermos.
  • Johann Leonhard Frisch (1666-1743), lingüista, naturalista e entomólogo alemán, demostrou que o desenvolvemento dos vexetais podía retardarse pola acción dos seus parasitos.
  • René-Antoine Ferchault de Réaumur (1683-1757) levou a cabo experiencias sobre un gran número de asuntos (os máis coñecidos sobre o termómetro), pero tamén sobre a historia natural dos zoófitos, moluscos, crustáceos, insectos, arácnidos, peixes e aves. Entre 1734 e 1742 apareecen os seis volumes das Mémoires pour servir à l'histoire des insectes.
  • Abraham Trembley (1710-1784), naturalisxa xenovés fixo en 1740 o descubrimento impactante da reprodución por bipartición da hidra der auga doce; publicou as súas observacións en 1744 co título Mémoires pour servir à l'histoire d'un genre de polypes d'eau douce à bras en forme de cornes.
  • Charles de Geer (1720-1778), biólogo e político sueco de orixe valoa elaborou unha monumnental obra sobre os insectos, que continuaba os traballos de Réamur, na que decribiu os costumes e a anatomía de máis de 1 500 especies, baixo o mesmo títulos de Mémoires pour servir à l'histoire des insectes e na mesma forma, en sete volumes in 4°, que apareceron entre 1752 e 1778.
  • Lazzaro Spallanzani (1729-1799), naturalista italiano, foi o precursor da fisioloxía experimental. Polifacético, foi profesor de lóxica, grego, metafísica, física, matemática e historia natural en varias universidades do norte de Italia (e tamén ordenado sacerdote católico). Grazas aos seus traballos, fíxose acredor do alcume de "biólogo de biólogos", porque era foi unha persoa de múltiples intereses científicos que investigou, entre outras cousas, a orixe da vida, a rexeneración, a reprodución, a respiración e outras varias funcións do ser humano. Observador e experimentador de primeira orde, Spallanzani realizou, en 1777, a primeira fecundación artificial, estudando o mecanismo da reprodución nos batracios. Realizou tamén con éxito, en 1779, a primeira inseminación artificial dunha cadela. Continuando os estudos de Francesco Redi, en 1765, que un caldo adecuadamente fervido e pechado hermeticamente nun recipiente, permanecía estéril, sen producir animais, confirmando así que non existía a xeración espontánea da vida. (A pesar diso, a crenza nesta antiga e arraigada teoría non sería totalmente abandonada até un século despois, grazas aos traballos de Louis Pasteur.)
  • Carl von Linné (1707-1778), naturalista sueco (coñecido correntemente como Linneo), sentou as bases do sistema moderno de nomenclatura biolóxica, a nomenclatura binomial. Coñecido como o pai da taxonomía moderna, é a este título polo que é importante para a zooloxía, tendo en conta que era, sobre todo, botánico (e médico). A décima edición do seu Systema Naturae (O sistema da atureza)[13] décima edición deste libro (1758) é considerada o punto de partida da nomenclatura zoolóxica.[14]
  • Buffon (1707-1788) foi un naturalista francés cuxa magna obra, Histoire naturelle, générale et particulière, marcóu o seu tempo; dedicada principalmente aos animais, comprende, entre outras partes, L'Histoire des animaux quadrupèdes (12 volumes, 1753-1767) e L'Histoire des oiseaux (9 volumes, 1770-1783).

No último cuarto do século XVIII, a zooloxía, ciencia que trata de todos os animais da natureza, estaba dividida en diferentes partes, que se poden reducir a seis:[15]

  1. Tetrapodoloxía, historia dos cuadrúpedes cubertos de pelo.
  2. Ornitoloxía, historia das aves.
  3. Anfibioloxía, historia dos animais anfibios como as serpentes, os lagartos, as ras, as tartarugas etc.
  4. Ictioloxía, historia dos peixes.
  5. Entomoloxía, historia dos insectos.
  6. Zoofitooloxía, histoiria dos zoófitos.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Século XIX

[editar | editar a fonte]
Lámina de Birds of America, de Audobon.

Gandes naturalistas como Lamarck, Cuvier, Geoffroy Saint-Hilaire e Darwin encarnan o espírito do século XIX, marcado en zooloxía polas teorías da evolución das especies animais. O descubrimento, a principios do século, da combustión, a respiración e a formación de oxíxeno polas plantas verdes (Lavoisier e Priestley), deu impulso á aplicación á bioloxía de coñecemientos químicos. A doutrina do protoplasma como unha característica universal da vida foi aceptada 30 anos despois. Caracterizaron a última parte deste ciclo os estudos sobre a mitose, o desenvolvento das células xerminais, a fecundación e a embrioloxía.

  • Jean-Baptiste Lamarck (17441829) deu a coñecer a súa teoría sobre a evolución, que formulou baseándose no uso ou non uso dos órganos vitais e na (hipotética) herdanza dos caracteres adquiridos. Expuxo a teoría no tratado Philosophie Zoologique, impecábel desde o punto de vista científico, aínda que máis tarde fixéronse evidentes algúns dos seus erros de concepto.
  • Georges Cuvier (17691832) creou a anatomía comparada e a paleontoloxía dos vertebrados. En 1812 enunciou as leis de subordinación dos órganos e de correlación das formas.
  • Étienne Geoffroy Saint-Hilaire (1772-1844) describiu a unidade dos plans de organización no seo do reino animal. Os seus traballos zoolóxicos tenden a demostrar a unidade de composición orgánica dos animais, nunha perspectiva transformista. Segundo el, existiría daquela, para o reino animal, un plan xeral de organización que sería modificado, co tempo, polo medio. Buscou entón analoxías entre as especies animais e enunciou a lei de conexión, de permanencia e de balance.
  • John James Audubon (1785-1851) percorreu a América do Norte, desde a península do Labrador até a Louisiana, durante 35 anos, acumulando notas, deseños e acuarelas sobre as aves. Os catro volumes sobre as aves de América (Birds of America) apareceron entre 1827 e 1838.
  • Karl Ernst von Baer (1792-1876) estudou a embrioloxía dos mamíferos. O seu descubrimento máis célebre foi o do óvulo (1827), até daquela confundido co folículo ovárico nos mamíferos,[16] que seguiu á posta en evidencia, en 1824, do papel fecundante dos espermatozoides por Prevost (1790-1850) e Dumas (1800-1884). O paso dunha embrioloxía descritiva a unha verdadeira embrioloxía comparada deuno, en 1828, von Baer. O embrión está formado por tres follas a partir das cales se forman ulteriormente os órganes; os primeiors estadios son semellantes en todos os animais.
  • Henri Milne-Edwards (1800-1885) fixo importantes innovacións, ligando a anatomía comparada de Cuvier coa fisioloxía. A súa obra máis importante, as Leçons sur la physiologie et l'anatomie comparée de l'homme et des animaux publicouse entre 1857 e 1881, en 14 volumes in 8º.
  • Richard Owen (1804-1892), que se autodefinía como o herdeiro de Cuvier, fou o autor de numerosas obras sobre anatomía e paleontoloxía dos vertebrados. En 1842 cuñou o nome dinosauros para designar un gran grupo de réptiles fósilss da era secundaria. Introduciu os conceptos de órgano homólogo e órgano análogo.
  • Theodor Schwann (18101882) observou os tecidos animais. Está considerado o pai da teoría celular, conxuntamente co botánico Schleiden.
  • Claude Bernard (1813-1872) foi o gran químico fisiólogo do século. Desaenvolveu a teoría do xerme das enfermidades e o principio do seu control biolóxico.
  • Johannes Peter Müller (18011858), científico con infinidade de coñecementos, aplicou a anatomía comparada, a química e a física na fisioloxía.
  • Carl Ludwig (18161898) tamén realizou estudos de fisioloxía desde o punto de vista da física. Inventou algúns dos aparellos de laboratorio máis útiles que actualmente se usan.
  • Charles Darwin (18091882) realizou, de 1831 a 1836, unha viaxe por Suramérica e as illas do Pacífico (no buque HMS Beagle) durante o cal recolleu infinidade de datos xeolóxicos, zoolóxicos e botánicos, e pasou o resto da súa vida estudando estes datos e os subministrados por outros viaxeiros posteriores, cos que elaborou a súa teoría da evolución, exposta no libro A orixe das especies (1859). Nela establece que as especies evolucionan como consecuencia da selección natural, que elixe aos individuos máis aptos.
Ilustración de Anthropogenie, de Haeckel (1874), mostrando os estadios "moi temperán", "un pouco más tarde" e "pouco antes de necer" de embrións de peixe (F), salamántiga (A), tartaruga (T), polo de galiña (H), porco (S), vaca (R), coello (K) e humano (M).
  • Thomas Huxley (1825-1895), naturalista convencido pola teoría de Darwin, e un dos seus maiores defensores (alcumábano o bulldog de Darwin) dedicouse a demostrar as afinidades entre o home e os simios antropoides. Pero a obra científica de Huxley é, sobre todo, a dun zoólogo que fixo importantes contribucións á bioloxía dos invertebrados e os vertebrados. Ademias, Huxley deulle ao fenómeno da converxencia un papel esencial no proceso evolutivo.
  • Gregor Mendel (18221914) realizou, en 1860, os experimentos que lle permitiron descubrir as leis da herdanza biolóxica que actualmente se cóñecen como leis de Mendel (aínda que non foron apreciados até 1901).
  • Francis Galton (18221911) aplicou os métodos estatísticos aos estudos da heredanza humana.
  • Karl Wilhelm von Nägeli (18171891) descubriu os cromosomas en 1875.
  • Alfred Brehm (1829-1884) publcou dede 1864 a 1869 unha vasta obra en varios volumes sobre o mundo animal co título Illustrirtes Thierleben (Vida dos animais ilustrada), Brehms Thierleben (Vida dos animais segundo Brehm) nas edicións posteriores, que lle deron ao seu autor moita sona no mundo enteiro.
  • Alphonse Milne-Edwards (1835-1900) ocupouse particularmente da fauna abisal realizando de 1880 a 1883 varias exploracións científicas submarinas nos buques Travailleur e Talisman, desde o golfo de Biscaia até as illas Canarias, as do Cabo Verde e as Azores, das que trouxo numerosas mostras de animais (peixes, crustáceos, moluscos, equinodermos, zoófitos) apañados até os 5 000 m de de profundidade (algo extraordinario para a época).

Durante o século XIX apareceron os campos disciplinarios especializados segundo o grupo animal estudado. Os principais son:

Século XX

[editar | editar a fonte]

Neste século, caracterizado por unha aplicación máis intensa dos métodos experimentais, producíronse as maiores achegas ás ciencias biolóxicas.

Coa revolución da enxeñaría xenética e da bioloxía molecular, as disciplinas naturalistas tradicionais forno en parte eclipsadas a partir dos anos 1950. Moitos países restrinxiron durante decenios os fondos asignados a elas. Pero a concesión en 1973 do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina a tres etólogos (Karl von Frisch, Konrad Lorenz e Nikolaas Tinbergen) deu un impulso aos estudos zoolóxicos e un certo crédito a estas actividades.

A zooloxía contemporánea

[editar | editar a fonte]

Aínda que o termo zooloxía caeu en desuso (as denominacións bioloxía dos organismos ou bioloxía animale son máis correntes hoxe) o estudo dos animais está sendo considerabelmente renovado integrando as achegas da filoxenia, a bioquímica, e a xenética de poboacións.

Porén, os temas de investigación rara vez agora se centran nun só organismo, ou nun taxon concreto. Salvo excepcións, estes non son máis que materiais que se utilizan para definir a disciplina, e as cuestións biolóxicas que este material achega permiten replantexar e eventualmente resolver a cuestión.

A zooloxía xa non aparece como un campo disciplinar unido, subdivididas segundo os grande clados, senón que se manifesta termina en diferentes ramas:

  1. A filosofía de Aristóteles, discípulo de Platón e con influencias de Parménides, Sócrates, Heráclito e Demócrito, tivo unha enorme influencia no pensamento occidental, especialmente despois do seu redescubremento no século XII; grandes pensadores influídos por el foron, entre outros, Avicena, Averroes, Maimónides, Alberte o Magno, Tomé de Aquino, Tolomeo , Copérnico e Galileo.
  2. Na súa obra Les Chamanes de la Préhistoire, Jean Clottes e David Lewis-Williams (profesor de arqueoloxía cognitiva) desenvolven a tese segundo a cal o home prehistórico posuía as mesmas facultades cognitivas que o home moderno.
  3. Charles A. Reed. "Animal Domestication in the Prehistoric Near East: The origins and history of domestication are beginning to emerge from archeological excavations." Science, 130 nº 3389 (11 de decembro de 1959), pp. 1629–1639.
  4. Magner, Lois N. (2002): A History of Life Sciencies. New Tork: Marcel Dekker, Inc. ISBN 0-8247-4360-1, pp. 3-4.
  5. Useful known and unknown views of the father of modern medicine, Hippocrates and his teacher Democritus., U.S. National Library of Medicine
  6. Hippocrates Arquivado 29 de outubro de 2009 en Wayback Machine., Microsoft Encarta Online Enciclopedia 2006. Microsoft Corporation.
  7. Strong, W. F. e Cook, John A. (xullo de 2007). "Reviving the Dead Greek Guys". Global Media Journal, Indian Edition. ISSN 1550-7521. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2007. Consultado o 20 de setembro de 2012. 
  8. Garrison, Fielding H. (1966): History of Medicine. Filadelfia: W.B. Saunders Company, pp. 92–93.
  9. Nuland, Sherwin B. (1988): Doctors. Knopf Doubleday Publishing Group. ISBN 0-394-55130-3, p. 5.
  10. Michel Blay, Dictionnaire critique de la science classique, Flammarion, 1988.
  11. Este período foi igualmente recoñecido como o fundador da ciencia clásica e institucional polas Actes du Congrès International d'Histoire des Sciences, que tiveron lugar en Liexa en 1997.
  12. Gascoigne, Robert Mortimer (1987): A chronology of the history of science, 1450-1900. New York: Garland. ISBN 0-8240-9106-X, p. 204.
  13. O seu título completo é Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, traducido como: "Sistema da natureza, en tres reinos da natureza, segundo clases, ordes, xéneros e especies, con características, diferenzas, sinónimos, lugares".
  14. Gribbin, Mary; Gribbin, John e Gribbin, John R. (2008): Flower hunters. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-956182-7. [1].
  15. "Zoologie", in Denis Diderot (dir.), Encyclopédie ou Dictionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers, tomo 36º, Pellet imprimeur-libraire, Genève, 1779, pp. 474-475. (A famosa Encyclopédie
  16. Karl Ernst von Baer, De Ovi Mammalium et Hominis Generi, Leipzig, 1827.
  17. Louis Agassiz, De l'espèce et de la classification en zoologie, Germer Baillière libraire-éditeur, Paris, 1869.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cole, Francis Joseph (1944): A History of Comparative Anatomy from Aristotle to the 18th Century. London: MacMillan and Co., Ltd.
  • Delort, Robert (1984): Les Animaux ont une histoire. Paris: Seuil. ISBN 2-02-019514-3.
  • d’Hondt, Jean-Loup (2007): Histoire de la zoologie. Paris: Ellipses. ISBN 2-7298-2920-9.
  • Kalof, Linda (2007): Looking at Animals in Human History. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 1-86189-334-5.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy