Isabel de Farnesio
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Isabel de Farnesio ou en italiano Elisabetta Farnese, nada en Parma o 25 de outubro de 1692 e finada en Aranjuez o 10 de xullo de 1766, foi raíña consorte de España (1714-1724 e 1724 - 1746) [1] a través do seu matrimonio co rei Filipe V, do que foi a segunda esposa. Influíu de maneira importante na política do reino.
Orixes familiares
[editar | editar a fonte]Nada o 25 de outubro de 1692 na cidade italiana de Parma, como a segunda filla do Príncipe herdeiro de Parma, Eduardo II Farnesio, e de Sofia Dorotea de Neoburgo, cuñada do Emperador Leopoldo I de Austria.
Era neta por liña paterna do duque Ranuccio II de Parma e da princesa Isabel d'Este, e por liña materna do elector palatino Filipe Guillerme de Neoburgo e da princesa Isabel Amalia de Hessen-Darmstadt.
Non era unha muller fermosa, porque tiña a cara marcada por unha varíola da infancia, pero posuía un corpo esvelto e atractivo, e estaba dotada dun carácter firme, decidido e ambicioso e dunha personalidade autoritaria. Autores da época eloxiaron a súa perspicacia e a súa intelixencia. Recibiu unha educación ríxida que lle impuxo a súa nai.
As mortes sucesivas de seu irmán máis vello Alexandre Ignacio (5 de agosto de 1693), e de seu pai (6 de setembro de 1693), déixana como a terceira na liña sucesoria do ducado de Parma, precedida unicamente polos seus dous tíos, Francisco (que se convertería no seu padrasto en 1696) e Antonio Farnesio, que reinarían no ducado de Parma un tras o outro, morrendo ambos sen descendencia.
Isto converteu a Isabel na única e lexítima herdeira dos estados tanto dos Farnesio como dos Medici (vía a súa bisavoa paterna, Margarida de Medici), unha vez que esta familia se extinguiu en 1743.
A imaxe dalgúns dos seus devanceiros, entrou xogo diplomático da familia Farnesio. Grazas ao espírito de persuasión do abade Giulio Alberoni, embaixador do duque de Parma en Madrid, e ás intrigas da Camareira Maior do rei de España, María Ana de la Trémoille, princesa dos Ursinos, en 1714 Isabel casa con Filipe V de España, recentemente viúvo de María Luísa de Savoia, filla de Vítor Amadeu II de Savoia.
Matrimonio: Raíña de España
[editar | editar a fonte]Casaron o 24 de decembro de 1714 en Guadalaxara. Como xesto de simpatía cara á España, o papa lle concede a Isabel a Rosa de ouro.
A raíña viaxou a España acompañada por Alberoni. Durante a viaxe, quizais inspirada polo futuro cardeal, madura a decisión de afastar a María Ana de la Trémoille co fin de ser a única que teña ascendente no rei. Con esta manobra, España afástase da influencia francesa.
No curso dos primeiros anos de reinado foi moi ben aconsellada por Alberoni e polo seu tío Francisco Farnesio, duque de Parma. Grazas aos seus consellos, acertou a dominar o carácter indeciso do seu marido, que non contestou xamais ningunha das súas decisións, o que lle deu un peso importante na política da España do século XVIII. Foi neste período no que Alberoni foi nomeado bispo de Málaga e cardeal e, en 1716, primeiro ministro.
No seu cada vez máis continuado illamento persoal, Filipe V reducía o seu círculo persoal, o que converteu á raíña Isabel nunha peza fundamental na política do momento. Mentres o monarca caía en depresións que o sumían nunha melancolía e desconsolo cada vez máis intensos, cun abandono cada vez máis prolongado da súa hixiene persoal nestes períodos, Isabel utilizaba todas as súas influencias en pos das súas ambicións persoais para colocar aos seus fillos nos tronos de Europa.
A influencia da raíña sobre o rei leva a política española a virar de novo cara ás antigas posesións en Italia, perdidas despois da Guerra de Sucesión e que culmina coa invasión de Sardeña e de Sicilia. Pero a Cuádrupla Alianza entre Francia, Austria, Inglaterra e os Países Baixos, pon fin á súa ambición. O exército español foi batido polo francés e a frota inglesa no Cabo Passero, en Sicilia. O prezo da paz (Paz da Haia, 1720) foi a destitución e o exilio do cardeal Alberoni, a evacuación de Sicilia e a renuncia ás pretensións sobre as antigas posesións. O mesmo tratado establece, por outro lado, que o ducado de Parma e Plasencia, en caso de ausencia de herdeiro (a dinastía estaba en trace de extinguirse), pasaría ás mans do seu fillo máis vello Carlos. Ademais, pola súa ascendencia, Isabel era tamén a herdeira lexítima dos Medici, tamén en vías de extinción como os Farnesio de Parma; así, os seus fillos poderían reivindicar os seus dereitos sobre a Toscana.
En 1724, Filipe V, enfermo, abdicou no seu fillo Lois, nado do seu primeiro matrimonio, retirándose coa súa muller ao palacio de La Granja de San Ildefonso. Pero a sorte favoreceu a Isabel unha vez máis, porque sete meses máis tarde Luís morreu, e convenceu a Filipe de que volvera ao poder, permitíndolle así dirixir de novo a política española, especialmente cando o rei perdeu unha gran parte das súas facultades mentais.
Raíña viúva
[editar | editar a fonte]Á morte de Filipe V, en 1746, Isabel retírase ao palacio de La Granja de San Ildefonso, desterrada polo novo rei Fernando VI, seu fillastro. Pero, sen cesar de intrigar en favor dos seus fillos, debeu esperar a morte, en 1759, de Fernando VI, antes de ver ao seu fillo máis vello Carlos acceder ao trono de España co nome de Carlos III.
Antes, durante a guerra de Sucesión de Polonia, Carlos tomara posesión do ducado de Parma e Plasencia (1732), e despois do reino de Nápoles e de Sicilia. Foi a partir da toma de Nápoles en 1734, no curso da batalla de Velletri, cando se transfire Nápoles aos Farnesio. Despois de 1734, os dereitos que foran atribuídos a Carlos polos tratados precedentes volveron a recoñecerse a Isabel, que foi nomeada "Lexítima Raíña e Duquesa de Parma e Plasencia".
Ao final da guerra de Sucesión de Austria (1740 - 1748), no tratado de Aquisgrán, en 1748, no que se produciu un intercambio de territorios entre certas potencias, outro dos seus fillos, Filipe, recibiu a coroa ducal de Parma cedida polo seu irmán Carlos. Filipe casou con Isabel de Francia, filla de Lois XV, rei de Francia.
En 1759, á morte do seu fillastro Fernando, Isabel asume a rexencia esperando o retorno do seu fillo Carlos (que, polos tratados de paz, non podía acumular as coroas de España e de Nápoles e Sicilia).
Isabel pasou os últimos anos da súa vida en Aranjuez, onde dedicou o seu tempo en obras de caridade, e facéndose protectora dos xesuítas. Morreu o 11 de xullo de 1766, case cega.
Frederico II de Prusia, que a coñecía ben, dixo dela: "O corazón enérxico dun romano, a fereza dun espartano, a tenacidade dun inglés, a astucia dun italiano, a vivacidade dun francés concorren para crear esta muller particular; avanza audazmente para a realización dos seus proxectos, non hai ninguén que a poida sorprender, ninguén que a poida deter"
Vida pública
[editar | editar a fonte]Alcumada desprezativamente "a parmesana". Alberoni describiuna así á súa chegada a Madrid: "Trátase dunha boa moza de vinte e dous anos, feúcha, insignificante, que se ataca de manteiga e de queixo parmesano, e que xamais escoitou falar de nada que non sexa coser ou bordar".
De todos os xeitos, no seu reinado como esposa de Filipe V, formou unha importante colección de arte; cada cónxuxe marcaba os seus cadros cun símbolo dinástico diferenciado (a flor de lis e unha aspa). Tamén foi esta parella a responsábel da compra da colección escultórica de Cristina de Suecia, que inclúe o "Grupo de San Ildefonso" e as oito "Musas" (Museo do Prado).
Nunca mostrou afecto, senón desdén, polos seus fillastros. Para ela, os descendentes do primeiro matrimonio do rei con María Luísa de Savoia constituían un obstáculo para lograr o seu principal obxectivo: dotar aos seus fillos Carlos (futuro Carlos III) e Filipe dun reino onde gobernar. Mentres Filipe V viviu, a relación entre Isabel e os seus fillastros (sobre todo co infante Fernando) caracterizouse por unha continua ignorancia mutua, enmascarada por unha aparente cordialidade.
Pero Isabel tampouco se revelou como unha nai amorosa cos seus fillos, xa que consumiu todo o seu tempo e as súas enerxías dedicada ás intrigas políticas para, precisamente, forxar ese brillante porvir que tanto ansiaba para eles.
A súa política estivo orientada cara a recuperar para a monarquía española os territorios italianos perdidos polo tratado de Utrecht. Así conseguiu, para o seu fillo Carlos (futuro Carlos III), o reino de Nápoles e Sicilia, e para o seu outro fillo, Filipe, o ducado de Parma.
Cando quedou viúva, o seu fillastro, Fernando VI de España, desterrouna ao Real Sitio de San Ildefonso, Segovia, aínda que ela construíu outra residencia preto, o Palacio de Riofrío.
Nos anos de desterro, Isabel de Farnesio viviu dedicada á súa vida persoal, pero sempre atenta á evolución do reinado do seu fillastro, sobre todo pendente da saúde e a vida privada de Fernando VI, especialmente tras a morte da súa esposa, Bárbara de Braganza.
Ao morrer aquel sen descendencia en 1759 (despois de caer nun período de depresións próximas á demencia), propiciou a subida ao trono do seu fillo Carlos, e ela volveu á corte. Pero as continuas pelexas e discusións coa súa nora, María Amalia de Saxonia, fixérona volver ao seu exilio até a súa morte na localidade madrileña de Aranjuez.
Falecemento
[editar | editar a fonte]En 1766 morre Isabel en Aranjuez, sendo enterrada xunto aos restos do seu defunto marido Filipe V no Palacio Real de San Ildefonso, Segovia, concretamente nun mausoleo emprazado na Real Colexiata da Santísima Trindade, na chamada Sala das Reliquias, templo inserido no propio palacio, situado na localidade de San Ildefonso, a escasos quilómetros de Segovia.
Predecesor: María Luísa de Savoia |
Raíña consorte de España 1714 - 1724 (14 de xaneiro) |
Sucesor: Luísa Isabel de Orleáns |
Predecesor: Luísa Isabel de Orleáns |
Raíña consorte de España 1724 (6 de setembro) - 1746 |
Sucesor: Bárbara de Braganza |
Descendencia
[editar | editar a fonte]Do seu matrimonio co rei Filipe V tivo sete fillos:
Nome | Retrato | Nacemento Falecemento | Notas | |
---|---|---|---|---|
Carlos Duque de Parma Rei de Nápoles e Sicilia Rei de España |
20 de xaneiro de 1716 14 de decembro de 1788 |
Foi sucesivamente duque de Parma, Rei de Nápoles e Sicilia e, desde 1759, rei de España e das Indias, até a súa morte en 1788. En 1738 casou coa princesa María Amalia de Saxonia, coa que tivo 13 fillos. | ||
Infante Francisco |
21 de marzo de 1717 21 de abril de 1717 |
Morreu un mes despois de nacer. | ||
Infanta Mariana Vitoria Raíña de Portugal |
31 de marzo de 1718 15 de xaneiro de 1781 |
Foi raíña consorte de Portugal e os Algarves polo seu casamento con Xosé I. Á morte deste foi Raíña Rexente de Portugal. | ||
Infante Filipe Duque de Parma |
20 de marzo de 1720 18 de xullo de 1765 |
Duque de Parma, Plasencia e Guastalla (15 de marzo de 1720 – 18 de xullo de 1765), e duque de Parma de 1748 a 1765. Fundou a casa de Borbón-Parma. Casou coa princesa Luísa Isabel de Francia. | ||
Infanta Maria Teresa Antonia Rafaela Delfinesa de Francia |
11 de xuño de 1726 22 de xullo de 1746 |
Foi Delfinesa de Francia porque casou con Luís, Delfín de Francia (fillo de Luís XV). En Francia, coñecíana simplemente como Madame la Dauphine. | ||
Infante Luís Antonio Jaime XIII Conde de Chinchón |
25 de xullo de 1727 7 de agosto de 1785 |
Coñecido como o Cardeal-Infante. Foi arcebispo de Toledo, primado de España e Cardeal desde 1735. En 1754 renunciou aos títulos eclesiásticos e tomou o título de Conde de Chinchón (sucedendo no condado ao seu irmán Filipe cando este foi nomeado duque de Parma). En 1776 casou morganaticamente con Dona María Teresa de Vallabriga y Rozas, da que tivo descendencia (condes de Chinchón). | ||
Infanta María Antonia Fernanda Raíña de Sardeña |
17 de novembro de 1729 19 de setembro de 1785 |
Foi Raíña de Sardeña como esposa do rei Vítor Amedeo III de Sardeña. Foi nai de 3 soberanos de Sardeña. |
Ascendencia
[editar | editar a fonte]Isabel de Farnesio | Pai: Eduardo II Farnesio |
Avó paterno: Ranuccio II Farnesio |
Bisavó paterno: Eduardo I Farnesio |
Bisavoa paterna: Margarida de Medici | |||
Avoa paterna: Isabel d'Este |
Bisavó paterno: Francisco I d'Este | ||
Bisavoa paterna: María Farnesio | |||
Nai: Dorotea Sofía de Neoburgo |
Avó materno: Filipe Guillerme do Palatinado |
Bisavó materno: Wolfgang Guillerme do Palatinado-Neoburgo | |
Bisavoa materna: Madalena de Baviera | |||
Avoa materna: Isabel Amalia de Assia-Darmstadt |
Bisavó materno: Xurxo II de Assia-Darmstadt | ||
Bisavoa materna: Sofía Leonor de Saxonia |
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rubio, María José (2009): Reinas de España. Siglos XVIII al XXI. De María Luisa Gabriela de Saboya a Letizia Ortiz. Madrid: Editorial La Esfera de los Libros.