Saltar ao contido

Jenseits von Gut und Böse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jenseits von Gut und Böse
Título orixinalJenseits von Gut und Böse
Autor/aFriedrich Nietzsche
OrixeAlemaña
Lingualingua alemá
Tema(s)moral
Xénero(s)filosofía e ensaio
Data de pub.1886 e xullo de 1886
Na rede
BNE: XX2108230
editar datos en Wikidata ]

Jenseits von Gut und Böse. Vorspiel einer Philosophie der Zukunft (Para alén do ben do mal, preludio a unha filosofía do futuro) é o primeiro libro publicado por Nietzsche trala edición privada, en corenta exemplares, da cuarta parte de Así falou Zaratustra en 1885. En Para alén do ben e do mal Nietzsche pasa revista a temas coñecidos nas súas obras anteriores. Comparando os índices de Humano, demasiado humano, e de Para alén do ben e do mal advírtese que son case idénticos, pero o modo de velos é distinto. A mirada «ilustrada» da época anterior a Así falou Zaratustra sufriu agora un cambio: o que procede de contemplar a figura do superhome. O «espírito libre», concepto capital en toda a filosofía de Nietzsche, é o lazo que une a primeira época con esta posterior ao Zaratustra. Mais agora ese «espírito libre» non é o mero «librepensador», senón un espírito que está máis alá do ben e do mal. E ese estar máis alá do ben e do mal deixa sentir a súa influencia sobre todos e cada un dos temas tratados. O libro constitúe, como o mesmo Nietzsche di, «unha crítica da modernidade» en todos os seus aspectos. E nesa crítica «a psicoloxía é manexada cunha dureza e unha crueldade declaradas». Como di o autor: «Este libro carece de toda palabra benévola».

Estrutura da obra

[editar | editar a fonte]

Comeza o libro cunha crítica «dos prexuízos dos filósofos». A «vontade de verdade», aparentemente desinteresada e contemplativa, queda desenmascarada como vontade de poder; o que nos move a risa nos filósofos é a súa falta de honestidade, di Nietzsche, pois chaman «a verdade» ó que non constitúe máis que a súa «fe», á cal eles lle engadiron, con posterioridade, unhas razóns xustificadoras. Os filósofos son meros avogados da súa crenza. A contraposición entre o mundo real e o aparente, a crenza no atomismo (sobre todo no atomismo anímico), a crenza no instinto de autoconservación como instinto capital do vivente, a crenza nos coñecementos inmediatos, no suxeito, na vontade libre, son temas analizados nesta primeira sección, cuxa cima se encontra no aforismo 19.

«O espírito libre» estúdase na sección segunda, e a súa comparación co «espírito libre» anterior a Así falou Zaratustra mostra que a «repetición» do tema é unha repetición desde unha perspectiva moi distinta. A defensa da verdade a toda costa, tan loada naquela primeira época, queda aquí sometida a burla. E a importante distinción entre unha época premoral, unha segunda moral e outra terceira extramoral da humanidade (aforismo 32) servirá a Nietzsche para ulteriores propostas.

Tamén a sección terceira é unha repetición (Humano, demasiado humano, ten unha sección titulada «A vida relixiosa»). O descubrimento da rebelión dos escravos na moral é posiblemente a fórmula que máis se divulgou. Pero hai outras análises que revelan unha extremada penetración psicolóxica, así, por exemplo, os das distintas clases de paixón por Deus (aforismo 50), os das relacións entre filosofía moderna e relixión (aforismo 54), os dos distintos tipos de crueldade relixiosa (aforismo 55) e os da incredulidade (aforismo 58).

A sección cuarta, titulada «Sentencias e interludios», é unha volta ó aforismo breve e punzante, de larga tradición en Nietzsche. E a quinta sinala as tarefas dunha nova «ciencia da moral», á que Nietzsche dedicará o libro seguinte a este, A xenealoxía da moral. O exame do «intelectual europeo» enche a sección sexta. Nela Nietzsche sinala os perigos que á aparición do verdadeiro filósofo opón o modo moderno de traballar na ciencia. En xeral, o home douto aparece nada máis que como un animal de tiro, nada máis que como un espello que se reduce a reflectir o que ó seu lado pasa, para poder eludir o enfrontarse a si mesmo.

A sección sétima titúlase «As nosas virtudes». E máis que as nosas virtudes, a nosa virtude: a honestidade. Nesta sección encontramos, de maneira imprevista un largo tratado (aforismos 231 a 233) sobre a muller, onde Nietzsche expón unha serie de pensamentos que ridiculizan ante todo a «emancipación feminina» falsamente entendida. «Para un home profundo e ateo unha muller sen piedade resulta algo completamente repugnante ou ridículo».

A sección oitava é unha das máis próximas á época en que foi escrita e constitúe unha crítica implacable da política daquel tempo e, ante todo, do Reich. A irónica conversación dos vellos «patriotas» sobre Bismarck (aforismo 241), así como os aforismos dedicados ós xudeus (250-251) e os referentes a Francia, Inglaterra, Rusia, conteñen, por un lado, análises retrospectivos e, por outro, profecías que, lidas agora, asoman pola súa agudeza.

A sección novena e última ten como tema básico a aparición dunha nova casta que puidera sacar a Europa da súa prostración e o seu empequenecemento. Ó europeo daquela época contrapón Nietzsche o «bo europeo», no cal se encarna agora o «espírito libre». Ese é un dos chanzos polos que poder ascender cara ao superhome. Como o son tamén eses novos filósofos que están aparecendo no horizonte e ós que Nietzsche alude desde o principio ata o final. O largo aforismo 295, dedicado ó «xenio do corazón», isto é, a Dioniso, enlaza Para alén do ben e do mal coa primeira obra de Nietzsche (aludida nese mesmo aforismo), O nacemento da traxedia. Pero mentres que nesta obra Dioniso era ante todo un símbolo estético, agora preséntase como un deus-filósofo, como un deus do coñecemento que outorga o seu saber ós seus discípulos, enriquecéndoos de tesouros. E o que ese deus quere é facer ó home «máis forte, máis malvado e máis profundo, tamén máis fermoso».

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy