Macrorrexión
Unha macrorrexión, no contexto da globalización, é unha subdivisión xeopolítica que abarca varias rexións tradicional ou politicamente definidas.
O significado pode variar de acordo co seu denominador común, que pode ser cultural, económico ou de similitude histórica ou social.[1]
Tipos de macrorrexións
[editar | editar a fonte]A macrorrexión:
- Pode referirse a varios tipos de agrupacióna dos Estados-nación baseados na proximidade xeográfica.[1]
- En Romanía, as macroregiuni (macrorrexións) son as subdivisións de maior nivel do país.
- Ás veces, a "Gran Rexión" do Sarre-Lorena-Luxemburgo-Renania-Palatinado-Valonia-Comunidade Xermanófona de Bélxica, que aínda non ten un nome específico, chámase "a macrorrexión".
- Macrorrexión fisiográfica de China é un termo suxerido polo antropólogo norteamericano G. William Skinner como unha subdivisión da China apropiada para nove zonas de acordo coas concas dos ríos principais e outras características xeomorfolóxicas.[2]
- As Rexións do Brasil, divisións territoriais que teñen carácter legal e que foron propostas polo Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística (IBGE) en 1969, para o que se tomaron en consideración aspectos naturais na división do país, como o clima, o relevo, a vexetación e a hidrografía, moitas veces denomínanse "macrorrexións", para evitaren a confusión coa palabra común "rexión".[3]
- O termo "macrorrexón" pode tamén ser utilizado no contexto das rexións naturais, como en Eslovenia.[4]
Algunhas macrorrexións
[editar | editar a fonte]- Alemaña
- Chile (1950)[5]
- Norte Grande
- Norte Chico
- Núcleo Central
- Concepción e a Fronteira
- Rexión dos Lagos
- Rexión dos Canales
- Eslovenia (División clásica de Ivan Gams):[6][7]
- Alpes (Visokogorske Alpe)
- Outeiros prealpinos (Predalpsko hribovje)
- Conca de Liubliana (Ljubljanska kotlina)
- Eslovenia submediterránea (Litoral) (Submediteranska - primorska Slovenija)
- Carso dinárico de Eslovenia interior (Dinarski kras notranje Slovenije)
- Eslovenia subpanoniana (Subpanononska Slovenija).
- Italia
- México
Macrorrexións da Unión Europea
[editar | editar a fonte]Aínda que até este momento non existe unha definición oficial, unha macrorrexión europea, tal e como a considera a Unión Europea, é un territorio que comprende varias rexións pertencentes a diferentes países membros e que se caracterizan por teren unha ou máis características ou retos comúns,[8] é dicir, unha unión de rexións (eurorrexións) que se constitúe para facer un camiño xuntos e alcanzar obxectivos conxuntos en base a intereses e recursos comúns.
As macrorrexións europeas teñen, entre outros, os seguintes obxectivos:[8]
- Reforzar a alianza político-institucional entre as rexións involucradas;
- Poñer en común intereses e recursos compartidos;
- Aumentar a capacidade de negociación cos gobernos nacionais respectivos e coas instancias comunitarias de cara á programación dos recursos (orzamento da UE);
- Incrementar as oportunidades a favor das persoas e dos territorios.
Para a consecución destes obxectivos cóntase coa presenza e participación activa de representantes da sociedad civil (organizacións empresariais e sindicais, universidades e outras asociacións, organizacións ou institucións) e, sen necesidade de crear novas estruturas que comporten custos administrativos adicionais.[8]
As macrorrexiónes son unha innovación na arquitectura da Europa a 27 (agora xa a 28). A día de hoxe están constituídas só tres, unha nas rexións do mar Báltico, denomianda "Báltico", na que participan oito estados membros da UE, outra na conca do río Danubio, chamada "Danubio", con seis estados membros involucrados, e a máis recente (2010) denominada "Rexións so Suroeste europeo" (véxase máis abaixo).[9]
A macrorrexión no sentido que se lle dá na UE non se debe confundir con macrorrexión urbana, conxunto de áreas metropolitanas, tamén chamada megápole ou conurbación.
Macrorrexión Rexións do Suroeste Europeo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Rexións do Suroeste Europeo.
Os gobernos de Galicia, a rexión Norte de Portugal (que xa se uniran Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal), e de Castela e León constataron, ao igual que outras rexións europeas, que existen intereses comúns con outras rexións españolas e de países veciños, coas que cumporiría emprender unha estrategia de cooperación interrexional que trascendera á simple cooperación transfronteiriza. En consecuencia, reuníronse o 17 de xaneiro de 2010 en Zaragoza con representantes das Comunidades Autónomas de Aragón, País Vasco, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Navarra, e das rexións de Aquitania (Francia e Centro de Portugal, para sentar as bases dunha futura macrorrexión. Segundo explicou a Directora Xeral de Relacións Institucionais e Acción Exterior do goberno de España, María de Diego, ao finalizar a reunión, esta constituía un "primeiro paso" cara á creación da macrorrexión.[8]
Froito daquela reunión, xusto nove meses máis tarde, o 17 de setembro de 2010, o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDRN), Carlos Cardoso Lage, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, asinaron en Valladolid o convenio polo que se constituía a macrorrexión Rexións do Suroeste Europeo (RESOE), a primeira deste tipo que se pon en marcha no territorio ibérico.[8][10]
Portugal e España analizarían, no seguinte cumio bilateral luso-español, en decembro, en Elvas, a creación da primeira macrorrexión ibérica, un espazo de nove millóns de habitantes que abre novas perspectivas de negocio e investigación científica. O paso seguinte sería o recoñecemento, por parte dos dous gobernos, da importancia estratéxica deste novo modelo de cooperación, que xorde das experiencias bilaterais e transfronteirizas. A idea que subxace nesta iniciativa ibérica non é da creación de novos organismos, senón a de complementar ás comunidades de traballo xa existentes. Se os dous Estados estiveran de acordo na importancia da constitución da macrorrexión do Suroeste Europeo (como así sucedeu), a proposta sería presentada á instancias comunitarias.[11]
As tres rexións da nova RESOE constitúen un espazo que reúne a máis de nove millóns de habitantes repartidos entre os tres territorios, cunha extensión superior aos 145.000 km2, nos que se asentan unha vintena de universidades e sete aeroportos de diferente tamaño, como recursos potenciais de desenvolvemento económico.[9]
A nova macrorrexión nacía aberta á incorporación doutras autonomías —no caso de España— e rexións do resto de Europa que compartan intereses estratéxicos, xa que neste tipo de estrutura non é necesario que se comparta fronteira, como ocorre no caso das eurorrexións.[9]
Primeira ampliación
[editar | editar a fonte]O 9 de maio de 2014 prodúcese a primeira ampliación da macrorrexión RESOE coa incorporación de dous socios máis, Asturias e a Rexión Centro de Portugal, nun acto no que se asinou, no Porto, o memorando que formalizou ditas incorpotracións. No acto tomaron a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, os presidentes das Comisións de Coordinación e Desenvolvemento Rexional (CCDR) das rexións Norte e Centro de Portugal, Emídio Gomes e Pedro Saraiva, e o presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández Fernández. Con estas dúas incorporacións a macrorrexión conta xa con once millóns de habitantes, máis que ningunha outra comunidade da Península Ibérica, e ocupa o 30 % do seu territorio.[12][13][14]
Galería
[editar | editar a fonte]Mapas indicando a situación xeográfica dos territorios ue forman na actualidade a macrorrexión "Rexións do Suroeste Europeo".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 John H. Dunning, ed. (2000): Regions, Globalization, and the Knowledge-Based Economy. Oxford University Press. ISBN 0-19-829536-7. Sinopse.
- ↑ G. William Skinner, ed. (1977): The City in Late Imperial China. Stanford, California: Stanford University Press.
- ↑ Geoffrey Hewings, Michael Sonis and David E. Boyce, eds. (2002): Trade, networks, and hierarchies: modeling regional and interregional economies. Springer. ISBN 978-3-662-04786-6, p. 100.
- ↑ Ogrin, Darko (2004): "Modern climate change in Slovenia", en Slovenia: a geographical overview. Association of the Geographical Societies of Slovenia.
- ↑ Errázuriz Körner, Ana María (1998). Manual de Geografia de Chile. Santiago (Editorial Andrés Bello). pp. 37–39. ISBN 9561315238.
- ↑ Perko, Drago (1998). "The Regionalization of Slovenia - Gams's Regionalization of Slovenia" (PDF). Geografski zbornik 38. pp. 11–57. ISSN 0373-4498. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de xuño de 2013. Consultado o 18 de maio de 2014.
- ↑ Unha división máis moderna, proposta por Darko Ogrin, considera só catro macrorrexións: Alpina, Mediterránea, Dinárica e Panónica.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Ocho regiones del noroeste peninsular estudian adherirse a la macrorregión Regiones del Sudoeste Europeo (RESOE) Web da Xunta de Castela e León.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Galicia, Norte de Portugal y Castilla León ultiman nacimiento de tercera macrorregión UE. Eixo Atlántico. Consultada o 10/05/2014.
- ↑ Creación de la Macrorregión del suroeste europeo Vídeo da Xunta de Castela e León. Consultado o 10/05/2014.
- ↑ El Norte de Portugal se vuelca con España en búsqueda de negocios y ciencia en Eixo Atlántico. Consultada o 10/05/2014.
- ↑ Web do Goberno do Pincipado de Asturias Arquivado 12 de maio de 2014 en Wayback Machine. Consultada o 10/05/2014.
- ↑ La eurorregión gana peso en la UE con Asturias y el Centro luso La Voz de Galicia, 10/05/2014.
- ↑ Norte de Portugal, Galiza e Castela e Leão voltam a tentar criar uma macro-região europeia Arquivado 12 de maio de 2014 en Wayback Machine. Diario Público (Portugal), 26/09/2013.