Saltar ao contido

Marco finlandés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marco finlandés †
Suomen markk en finés
Código:FIM
Ámbito:Finlandia Finlandia
Símbolo:mk
Fracción:100 penniä
Moedas:1, 5, 10, 20, 50 penniä 1, 5, 10 marcos
Billetes:10, 20, 50, 100, 500, 1.000 marcos
Emisor:Banco de Finlandia
Taxa de troco:
fixa
1 EUR = 5,94573 FIM
Oficial até o 28-02-2002

O marco finlandés (en finés: markka) foi a moeda de curso legal en Finlandia. Coexistiu co euro desde 1999 a 2002, ano en que saíu definitivamente de circulación. Un marco finlandés dividíase en 100 peniques (penniä). O código ISO 4217 para esta unidade monetaria é FIM e a súa abreviatura era mk.

O marco foi emitido por primeira vez en 1860 polo Banco de Finlandia, substituíndo ao rublo ruso cunha taxa de cambio de 1:1. En 1865 o marco desligouse do rublo e uniu o seu valor á prata. Trala independencia de Finlandia en 1917 a divisa foi apoiada polo valor do ouro. O patrón de ouro abandonouse en 1940 e o marco sufriu unha severa inflación durante os anos da segunda guerra mundial. En 1963 fíxose unha desvalorización creando un novo marco, equivalente a 100 antigos marcos.

Finlandia uniuse aos Acordos de Bretton Woods en 1948. O valor do marco ligouse ao dólar cunha taxa de cambio de 320 FIM = 1 USD, que sufriu cambios en 1963 e 1967. Trala finalización dos Acordos de Bretton Woods en 1971, xurdiron novas divisas ás que tomar como referencia. Ocasionalmente a moeda desvalorizábase, até nun 60% entre 1975 e 1990, permitindo achegarse máis ao dólar estadounidense que ao emerxente marco alemán. A industria papeleira, que utilizaba nas súas transaccións o dólar estadounidense, foi culpada destas desvalorizacións para incrementar as súas exportacións. Varias políticas de control económico elimináronse e gradualmente o mercado se liberalizou durante os anos 80 e 90.

En 1991 o marco fixouse ao ECU, pero tivo que desligarse aos dous meses cunha desvalorización do 12%. En 1992 Finlandia entrou nunha gran recesión causada por varios factores, o principal deles a gran débeda interior producida polo boom económico. Outro factor foi o colapso da Unión Soviética, xa que con esta mantíñanse varios acordos económicos que desapareceron. Como resultado abandonáronse as antigas taxas de cambio e o marco saíu á boia. O seu valor diminuíu inmediatamente un 13% e os prezos converxeron aos niveis alemáns. Tamén algúns emprendedores que tomaron prestado diñeiro en divisa estranxeira víronse de súpeto cunha débeda insustentable.

En 1996 o marco finlandés uniuse ao mecanismo europeo de tipos de cambio e en 1999 ao euro para ser substituído por este fisicamente en 2002. Especulouse moito se Finlandia adoptaría o euro debido ás flutuacións do mercado e da chamada burbulla tecnolóxica que influíron no valor do marco.

As primeiras moedas que se cuñaron foron denominacións de 1, 5 e 10 penniä de cobre, 25 e 50 penniä de prata, e 1 e 2 marcos de prata, e 10 e 20 marcos de ouro. Tras a I Guerra Mundial substituíronse os metais nobres por moedas de 25 e 50 penniä e 1 marco de cuproníquel en 1921, seguidas de 5, 10 e 20 marcos de bronce-aluminio entre 1928 e 1931. Durante a segunda guerra mundial o cobre substituíu o cuproníquel nas denominacións de 25 e 50 penniä e 1 marco, seguidas por unhas cuñaxes de ferro de 10, 25 e 50 penniä e 1 marco. Durante este período tamén se emitiron moedas de 5 e 10 penniä con buraco.

En 1948 tódalas moedas inferiores a 1 marco deixaron de cuñarse. En 1952 introduciuse unha nova serie con moedas máis pequenas de ferro en denominacións de 1 e 5 marcos, seguidas das de 10, 20 e 50 marcos de bronce-aluminio dende 1956, e denominacións de 100 e 200 marcos de prata. Esta serie mantívose até a introdución dun novo marco en 1963.

As series do novo marco compúñanse ao principio de seis denominacións: 1 penniä de aluminio, 5 penniä de cobre e máis tarde de aluminio, 10 penniä de bronce-aluminio e despois de aluminio, 20 e 50 penniä de bronce-aluminio e 1 marco de prata e máis tarde de cuproníquel. Desde 1972 introduciuse unha nova moeda de 5 marcos de bronce-aluminio.

As moedas en circulación antes da substitución polo euro eran as seguintes:

Imaxe Denominación Metal Diámetro
(mm.)
Peso
(gr.)
Canto Anverso Reverso
Anel Centro
10 penniä Cu+Ni 16,30 1,80 Liso Convallaria - SUOMI · FINLAND - ano de cuñaxe 10 PENNIÄ · PENNI - Panal
50 penniä Cu+Ni 19,70 3,30 Liso Oso pardo - SUOMI · FINLAND - ano de cuñaxe 50 PENNIÄ · PENNI - Musgo capilar
1 marco Cu+Ni+Zn 22,25 4,90 Liso Escudo de Finlandia - SUOMI · FINLAND - ano de cuñaxe 1 MARKKA · MARK
5 marcos Cu+Ni+Zn 24,50 5,50 Liso
SUOMI
FINLAND
Foca do lago Saimaa - SUOMI · FINLAND - ano de cuñaxe 5 MARKKA · MARK - Cabaliño do demos e nenúfares
10 marcos Cu+Ni Cu+Ni+Zn 27,25 8,00 Liso Pita do monte - SUOMI · FINLAND - ano de cuñaxe 10 MARKKA · MARK - Xerbo

Os billetes en circulación até 2002 eran os das denominacións que a continuación se describen:

Imaxe do anverso Imaxe do reverso Denominación Cor predominante Anverso Reverso
10 Marcos Azul 10 - KYMMENEN MARKKAA - TIO MARK - Paavo Nurmi - SUOMEN PANKKI 10 - Kymmenen markkaa - Tio mark - Estadio Olímpico de Helsinqui - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia
20 Marcos Verde/Azul 20 - KAKSIKYMMENTÄ MARKKAA - TJUGO MARK - Väinö Linna - SUOMEN PANKKI 20 - Kaksikymmentä markkaa - Tjugo mark - Ponte de Tammerkoski - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia
50 Marcos Marrón 50 - VIISIKYMMENTÄ MARKKAA - FEMTIO MARK - Alvar Aalto - SUOMEN PANKKI 50 - Viisikymmentä markkaa - Femtio mark - Finlandia Hall - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia
100 Marcos Verde 100 - SATA MARKKAA - HUNDRA MARK - Jean Sibelius - SUOMEN PANKKI 100 - Sata markkaa - Hundra mark - Cisnes - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia
500 Marcos Vermello 500 - VIISISATAA MARKKAA - FEMHUNDRA MARK - Elias Lönnrot - SUOMEN PANKKI 500 - Viisisataa markkaa - Femhundra mark - Camiño nun bosque - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia
1.000 Marcos Violeta 1000 - TUHAT MARKKAA - TUSEN MARK - Mikael Agricola - SUOMEN PANKKI 1000 - Tuhat markkaa - Tusen mark - Castelo de Turku - SUOMEN PANKKI - FINLANDS BANK - Escudo de Finlandia

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy