Parrulo de ollos dourados
Parrulo de ollos dourados | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho adulto | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Bucephala clangula' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||||
(Ollodourado europeo)
(Ollodourado americano) | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Clangula clangula |
O parrulo de ollos dourados[2] (Bucephala clangula) é un parrulo da orde das Anseriformes, de mediano tamaño, que cría nas zonas do norte de Eurasia e América.
Descrición
[editar | editar a fonte]De entre 45 e 50 cm de lonxitude, ata 80 cm de envergadura de ás e entre 500 e 1 300 gramos de peso. É unha ave gordecha, coa cabeza grande e triangular e o peteiro curto. O que máis destaca no seu aspecto son os ollos amarelos brillantes que lle dan nome. O macho na época reprodutora ten a cabeza negra con reflexos verdes metálicos e unha mancha branca arredondada entre o bico e o ollo. A parte superior do corpo é negra, a inferior e os lados, brancos. A plumaxe de eclipse é semellante á da femia, que é agrisada e ten a cabeza castaña escura. Ámbolos dous sexos teñen as patas vermellas. A subespecie americana Bucephala clangula é algo meirande cá europea B. c. clangula.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Crían nas zonas de taiga. Están presentes en lagos e ríos dos bosques boreais do Canadá e o norte dos Estados Unidos, Escandinavia e o norte de Rusia. Son aves migratorias, e as máis deles pasan o inverno en áreas marítimas abeiradas ou augas interiores de latitudes máis mornas. O seu costume de face-los niños en furados das árbores e favoreceu a súa expansión nalgúns países o aproveitaren as caixas artificiais para facer niños. Este e o caso de Escocia, onde están a espallarse lentamente.
O seu hábitat preferido son as augas interiores tranquilas coma lagos e estanques, pero acomódase tamén a ríos de corrente lenta e ás costas mariñas.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Buscan o alimento debaixo da auga: poden mergullarse ata os oito metros de profundidade. A súa alimentación baséase nos crustáceos, os insectos acuáticos e os moluscos. O tipo de presas varía coa época do ano: na época de cría predominan os insectos. Nalgunhas áreas os peixes, as plantas acuáticas e os ovos poden constituír unha parte importante da súa alimentación.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Maduran sexualmente durante o segundo ano de vida. A época de reprodución vai de abril a xuño. Fan os niños en furados das árbores (naturais ou feitos polos petos). Precisan buratos de máis de 10 cm de tamaño. As nais poñen de oito a once ovos de cor azul averdegado, duns 59x43 mm e uns 64 gramos de peso, que chocan de 28 a 32 días. Nesta especie danse casos de parasitismo: algunhas femias poñen os seus ovos en niños doutras femias e mesmo en ocasións nos de femias doutras especies de patos, polo que en ocasións un niño pode conter máis de 20 ovos. As femias están, porén, en condicións de incubar cantidades de ovos grandes.
Entre 24 e 36 horas despois de naceren, a nai conduce os polos, que son brancos e negros, á auga. Os novos parrulos de ollos dourados tardan de 8 a 9 semanas en poderen voar, tempo no que a familia pode cambiar varias veces a zona acuática na que vive. Os polos mestúranse cos doutras familias segundo se van facendo máis independentesm e coñécense casos de nais que mataron a polos doutras femias
Situación
[editar | editar a fonte]A poboación europea calcúlase nunhas 250 000 parellas reprodutoras. Segundo a IUCN a poboación total mundial sería duns 2 millóns de exemplares, e non é unha especie en perigo. É unha das especies incluídas no AEWA (Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de Eurasia e África)
É unha presa de caza habitual: nos anos 1970 matáronse en Norteamérica uns 188 300 exemplares, o 4% de tódolos parrulos vítimas dos cazadores nese período. As áreas de cría e invernada destas aves sofren a ameaza da polución e as drenaxes de áreas húmidas.
Nomes vulgares noutras linguas
[editar | editar a fonte]- Alemán: Schellente
- Danés: Hvinand
- Español: Porrón osculado
- Francés: Garrot à œil d'or
- Inglés: Common Goldeneye
- Neerlandés: Brilduiker
- Polaco: Gągoł
- Sueco: Knipa
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2012). "Bucephala clangula". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ollodourado |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos sobre o parrulo de ollos dourados en Internet Bird Collection (en inglés).
- Bucephala clangula en Avibase.org (en inglés).
- www. O sitio do parrulo de ollos dourados (en alemán).