Pedro de Vitoria
Biografía |
---|
O bacharel Pedro de Vitoria ou de Victoria, nado en data descoñecida e finado en 1541 ou 1542, está considerado como o primeiro reitor da Universidade de Santiago de Compostela xa que foi o primeiro catedrático do Estudio Vello, considerado o berce da universidade[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Poucos datos hai da súa vida. Polo seu testamento, datado o 13 de outubro de 1535, sábese que era fillo de Diego de Vaztierra e de María López de Letona, ambos os dous naturais de Vitoria; que probabelmente tiña un irmán en Compostela chamado Diego de Vaztierra, a quen aforou uns terreos propiedade do Estudio Vello; e que era clérigo, pois mandou ser soterrado cos seus hábitos sacerdotais. No mesmo testamento fai unha doazón de 500 ducados a outro Pedro de Vitoria, niño, o cal fai pensar que fora fillo seu[1].
Foi nomeado profesor do Estudio Vello por documento asinado en Salamanca o 22 de xaneiro de 1506 polo bispo de Mondoñedo, Diego de Muros, sendo o único profesor do Estudio e exercendo tamén os labores administrativos deste. Son de destacar as continuas queixas pola falta de cartos para a dotación de aparellos e mobiliario, manifestando en máis dunha ocasión ter que poñer do seu peto os cartos necesarios sen que estes lles fosen reintegrados[1].
Segundo o Cardeal Sanjurjo, o seu labor docente foi continuado e eficaz, ao tempo que fixo unha administracción moi intensa e proveitosa para o Estudio[1].
Descoñécese con exactitude a data da súa morte, mais pola análise de documentos da época, semella que debeu de ocorrer a finais de 1541 ou comezos de 1542. Deixou escrito no seu testamento que fora soterrado na Quintana de Palacios[2].
Predecesor: Cargo novo |
Reitor da Univ. de Santiago 1503 - 1534 |
Sucesor: Lope Sánchez de Ulloa |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Cabeza de León 1946, Tomo I, pp. 28-29
- ↑ Cabeza de León 1946, Tomo I, p. 30
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cabeza de León, Salvador (1946). Fernández-Villamil Alegre, Enrique, ed. Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (3 tomos) (en castelán). Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (Consejo Superior de Investigaciones Científicas).