Saltar ao contido

Titónidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Curuxas
Rango fósil: Eoceno tardío-Actual

Tyto alba, a especie de curuxa que vive en Galicia.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Strigiformes
Familia: Tytonidae
Ridgway, 1914
Xéneros

Tyto
Phodilus
Para os xéneros fósiles ver o artigo

Sinonimia

Tytoninae sensu Sibley & Ahlquist

Na imaxe Phodilus badius. Phodilus é o outro xénero de titónidos, xunto con Tyto.
a curuxa australiana Tyto novaehollandiae.

Os titónidos (Tytonidae) son unha das dúas familias de aves estrixiformes ou rapaces nocturnas (a outra é a familia dos estríxidos). Comprende as curuxas, das que unha especie vive en Galicia, Tyto alba. Son aves de tamaño medio a grande con grandes cabezas e faces cunha característica forma de corazón. Teñen patas fortes e longas con poderosas gadoupas. Tamén se diferencian dos estríxidos (bufos, avelaionas, mouchos) en detalles estruturais relacionados co esterno e os pés.[1]

A familia comprende dúas subfamilias existentes: os Tytoninae e os Phodilinae. A taxonomía de Sibley-Ahlquist une os Caprimulgiformes coa orde dos bufos; onde curuxas (titónidos) son a subfamilia Tytoninae. Isto non se pode soster cos datos das investigacións máis recentes (ver Cypselomorphae), pero as relacións das curuxas en xeral aínda non están resoltas.

Os titónidos son unha familia moi estendida, aínda que están ausente do norte de Norteamérica, África sahariana, e grandes áreas de Asia. Viven en moi diversos hábitats desde os desertos aos bosques e desde latitudes temperadas aos trópicos. A maioría das 16 especies vivas de titónidos están pouco estudadas. Algunhas, como a Tyto soumagnei, apenas se volveron a ver ou estudar desde o seu descubrimento, a diferenza da curuxa común, que é unha das mellor coñecidas do mundo. Porén, algunhas subespecies da curuxa común posiblemente merecerían ser clasificadas como especies separadas, pero están pouco estudadas.

Cinco das especies de titónidos están ameazadas e algunhas especies de illas extinguíronse durante o Holoceno ou antes (por exemplo, Tyto pollens, coñecido polo fósil da illa Andros nas Bahamas. Os titónidos son principalmente nocturnos e xeralmente non migratorios, e viven en parellas ou sós.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A principal característica dos titónidos é o seu disco facial con forma de corazón, formado por plumas ríxidas que serven para amplificar e localizar a fonte sonora cando cazan. Outras adaptacións nas plumas das ás eliminan o ruído que causan ao voar, o que axuda tanto ao oído da curuxa a oír as súas presas agochadas coma a que as presas non sintan a chegada da curuxa. Os titónidos en conxunto son máis escuros na parte de atrás que na frontal, xeralmente dunha cor marrón alaranxada, e a parte frontal é unha versión máis pálida da parte de atrás ou ten pintas, aínda que hai variacións considerables entre as especies. Os do xénero Phodilus lembran moito aos Tyto, pero teñen un disco facial dividido, penachos nas orellas e adoitan ser menores.

O rexistro fósil dos titónidos remóntase ao Eoceno, pero a familia perdeu terreo en favor dos estríxidos despois da radiación dos roedores e durante o Neoxeno. Dúas subfamilias coñécense só por fósiles, os Necrobyinae e os Selenornithinae. Describíronse numerosas especies extintas de Tyto.

Xénero Tyto

Curuxa.
  • T. tenebricosa
  • T. multipunctata
  • T. novaehollandiae
    • T. novaehollandiae troughtoni - disputado; probablemente extinta (década de 1960)
  • T. aurantia
  • T. sororcula
    • T. (sororcula) cayelii
  • T. manusi
  • T. nigrobrunnea
  • T. inexspectata
  • T. rosenbergii
    • T. rosenbergii pelengensis
  • T. alba
    • T. (alba) delicatula
  • T. glaucops
  • T. soumagnei
  • T. capensis
  • T. longimembris

Xénero Phodilus

  • P. badius
    • P. (badius) riverae
  • P. prigoginei - ás veces situada en Tyto

Xéneros fósiles

  • Nocturnavis (Eoceno tardío/Oligoceno temperán) - inclúe "Bubo" incertus
  • Necrobyas (Eoceno tardío/Oligoceno temperán - Mioceno tardío) - inclúe "Bubo" arvernensis e Paratyto
  • Selenornis (Eoceno tardío/Oligoceno temperán de Quercy, Francia) - inclúe "Asio" henrici
  • Prosybris (Eoceno tardío/Oligoceno temperán de Quercy? - Mioceno temperán de Francia)

Situación sen determinar

  • Tytonidae gen. et sp. indet. "TMT 164" (Mioceno medio de Grive-Saint-Alban, Francia) - Prosybris?

A colocación nesta familia dos xéneros Palaeotyto e Palaeobyas do Eoceno tardío/Oligoceno temperán de Quercy (Francia) é provisional; poderían pertencer tamén aos Sophiornithidae.

A identidade da suposta "curuxa xigante" Basityto do Eoceno temperán de Grafenmühle (Alemaña) non está clara e podería ser unha grula (Balearica); a suposta "curuxa da illa de Pascua", baseada en ósos subfósiles atopados en Rapa Nui, era en realidade un procelárido [2]

  1. Bruce, M. D. (1999): Family Tytonidae (Barn-owls). In: del Hoyo, J.; Elliott, A. & Sargatal, J. (eds): Handbook of Birds of the World, Volume 5: Barn-owls to Hummingbirds: 34-75, plates 1-3. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 8487334253
  2. (Steadman, David William (2006): Extinction and Biogeography of Tropical Pacific Islands Birds. University of Chicago Press. ISBN 0-226-77142-3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Curuxas en Internet Bird Collection
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy