São Paulo
Himno | Hino do município de São Paulo (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Paulo de Tarso | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Brasil | ||||
Unidades da federación | São Paulo | ||||
Capital de | |||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 11.895.893 (2014) (7.810,83 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 1.523 km² | ||||
Bañado por | Rio Pinheiros (pt) e Río Tietê | ||||
Altitude | 760 m | ||||
Punto máis alto | Pico do Jaraguá (pt) (1.135 m) | ||||
Comparte fronteira con | Cajamar (pt) Poá (pt) Itaquaquecetuba (pt) Guarulhos Mairiporã (pt) Ferraz de Vasconcelos (pt) São Caetano do Sul (pt) Mauá (pt) Diadema São Bernardo do Campo São Vicente Caieiras (pt) Barueri (pt) Embu-Guaçu (pt) Juquitiba (pt) Santo André Santana de Parnaíba (pt) Itapecerica da Serra (pt) Taboão da Serra (pt) Embu das Artes Osasco Cotia (pt) Itanhaém (pt) | ||||
Creación | 25 de xaneiro de 1554 | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Ricardo Nunes (pt) (2021–) | ||||
Órgano lexislativo | Câmara Municipal de São Paulo (pt) Circunscrición: 0, (Escano: 55) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 01000-000 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 11 | ||||
Código de concello do Brasil | 3550308 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | prefeitura.sp.gov.br | ||||
São Paulo[1][2] (pronúnciase AFI: [sɐ̃w̃ ˈpawlu] ouça) é un municipio brasileiro, capital do estado homónimo e principal centro financeiro, corporativo e mercantil da América do Sur.[3]. É a cidade máis grande do Brasil cuns 11 253 503 habitantes, conforme estatísticas do Goberno Brasileiro feitas en 2011. Sitúase a 430 km da cidade do Río de Xaneiro, a 586 km da cidade de Belo Horizonte e a 1015 km de Brasilia, a capital do Brasil. Foi fundada polos misioneiros xesuítas o 25 de xaneiro de 1554. A área do municipio (equivalente a concello) é 1.522,99 km², e, coa súa rexión metropolitana (formada por outros 38 concellos veciños), atinxe máis de 8 mil km² e un total de 20 millóns de poboadores, tornándoa así a cidade máis poboada de América do Sur e unha das máis grandes aglomeracións urbanas do mundo.
São Paulo é a cidade brasileira máis influente no escenario global, sendo, en 2016, a 11.ª cidade máis globalizada do planeta, recibindo a clasificación de cidade global alfa, por parte do Globalization and World Cities Study Group & Network (GaWC). Así mesmo, é a cidade lusófona máis poboada e importante do mundo en termos tanto demográficos como culturais e económicos.
É un importante centro financeiro de América Latina,[4] algunhas fontes sitúana como a mellor cidade para facer negocios en América Latina.[5] [6][7]Segundo estudos das consultoras Brookings, AméricaEconomía e PriceWaterhouseCoopers, é a cidade máis rica de América Latina, segundo o seu PIB (PPA).[8]
São Paulo é un dos grandes centros de cultura, entretemento, moda, negocios e tráfico de drogas a nivel mundial. A Bovespa é a décimo terceira maior bolsa de valores (en valor de mercado) do mundo e a maior de Latinoamérica. Segundo o sitio da Bovespa, neste mercado cotízanse máis de 500 compañías.[9] A pizza é un dos pratos favoritos da cidade, cunha produción de 1 millón de unidades por día, con 30 % das vendas nacionais, só superada por Nova York.[10]
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia urbana de São Paulo.
Dende a súa fundación ó 1554, São Paulo foi inicialmente un pequeno concello, ata a súa elevación a cidade, ó 1711. Despois, continuou a ser unha pequena cidade, mesmo cando se tornou na capital da entón provincia de São Paulo, hoxe estado. O seu crecemento só comezou a acelerarse despois da construción do ferrocarril conectando a cidade de Santos (no litoral) ata Jundiaí (no interior do estado de São Paulo), ó 1867 pasando pola cidade de São Paulo. Coa inauguración desa liña, o café, producido no interior do estado, pasou a ser transportado máis facilmente ata o porto de Santos, e a riqueza producida polo café posibilitou a implantación das primeiras industrias na capital.
Para substituír a man de obra escrava utilizada no traballo, cada vez máis escasa a mediados do século XIX ata o fin do réxime escravista en 1888, o Brasil pasou a buscar inmigrantes en Europa interesados en emigrar ao país e empregarse como asalariados. Moitos interesáronse nas posibilidades de traballo, principalmente os italianos. Pero outros destes inmigrantes (un gran número de italianos, e a maioría dos españois e portugueses) preferiron ir á capital, traballar nas industrias que xurdían e no comercio que crecía. As familias propietarias de grandes facendas no interior do estado comezaron a instalarse na rexión da Avenida Paulista a finais do século XIX. A partir de 1908, comezan a chegar os xaponeses, que se establecen no barrio da Liberdade. Os seus descendentes, actualmente espallados por toda a cidade, están totalmente integrados na vida paulistana, ou sexa, da cidade de São Paulo, e forman unha comunidade numericamente importante.
Coa inmigración crecente, a poboación comezou a medrar no inicio do século XX. No ano 1900 eran 240 mil habitantes. Chegou a primeira guerra mundial e a dificultade de importar, así as industrias creceron, e con elas, a necesidade de man de obra. Despois da Crise de 1929, a baixa do prezo do café no exterior dificultou a obtención de diñeiro para as importacións, aumentando o mercado para as industrias locais. Outro impulso veu coa segunda guerra mundial, pola dificultade de importar manufacturados dos países involucrados no conflito. Nos anos 50 instalouse a industria automobilística no Brasil, e un aumento aínda máis forte da necesidade de man de obra.
Estas expansións da industria ata fins da primeira guerra mundial, atraeron primeiro os inmigrantes estranxeiros; despois atraeu inmigración de brasileiros, de estados do Nordeste e de Minas Xerais. A inmigración de brasileiros intensificouse despois da segunda guerra mundial, sobre todo nos anos 1950 ata 1970. A melloría das condicións de hixiene e saúde despois dos avances da medicina no século XX tamén contribuíron ao aumento das expectativas de vida e redución da mortalidade infantil, posibilitando un aumento acelerado da poboación. No Censo de 1940, a cidade tiña 1,3 millón de habitantes; en 1950 eran 2,2 millóns; en 1960 xa eran 3,8 millóns; en 1970, 5,9 millóns; en 1980 alcanzáronse os 8,47 millóns.
Este vigoroso crecemento nunha escala que non foi coñecida en ningún país europeo, xunto coa demora en crear a súa rede de transporte urbano de alta capacidade (a primeira liña do metro foi inaugurada en 1975), resultou en problemas de tráfico urbano e escaseza de transporte colectivo, pois as persoas vivían cada vez máis lonxe dos seus locais de traballo. Outra consecuencia do rápido poboamento foi o xurdimento de vivendas en condicións precarias (no Brasil, chamadas favelas, ou cando aparecen en edificacións moi antigas e abandonadas, cortiços), polución do aire (fumes dos vehículos) do solo (lixo) e dos ríos (residuos domésticos e industriais) e ausencia de parques e prazas para lecer da poboación.
Xeografía
[editar | editar a fonte]São Paulo está localizada na cunca do río Tietê e dos seus principais afluentes na área urbana, o Río Pinheiros, o río Tamanduateí e o río Aricanduva. A súa altitude media é 760 m e o seu punto máis alto é o Pico do Jaraguá, con 1.135 m de altitude.
O clima da cidade é tropical de altitude, e moi influenciado actualmente pola urbanización. O gran número de edificios e de rúas asfaltadas fan xurdir as chamadas illas de calor, onde a temperatura local é máis elevada que en rexións próximas recubertas por vexetación.
As principais áreas verdes da cidade encóntranse nos seus extremos norte (Serra da Cantareira) e sur (Serra do Mar). Algúns parques, como o Parque do Ibirapuera, o Parque do Estado (onde se sitúan o Xardín Zoolóxico e o Xardín Botánico da cidade), o Parque Trianon, o Parque do Carmo e outros, son illas de verde en medio da grande area urbanizada. A cidade de São Paulo atinxiu un récord de baixa temperatura e, en 1918, onde a temperatura chegou a -7,6 °C na rexión da Avenida Paulista e en temperaturas moito máis baixo en áreas residenciais, como Santo Amaro daquel distrito, que rexistrou -9,8 °C no mesmo día.
Goberno
[editar | editar a fonte]Por ser a capital do estado de São Paulo, a cidade é sede do Goberno estatal, cuxa sede está no Palácio dos Bandeirantes, e da Asemblea Lexislativa do Estado.
O Poder Executivo do municipio de São Paulo é representado polo prefecto (equivalente ao alcade) e o seu gabinete de secretarios. A lei orgánica do municipio é o actual Plan Director da cidade, porén, determínase que a administración pública deba garantir á poboación ferramentas efectivas de manifestación da democracia participativa, o que fai que a cidade sexa dividida en subprefecturas, cada unha delas liderada por un subprefecto nomeado polo prefecto[11].
O Poder Lexislativo é representado pola Cámara Municipal de São Paulo, composta por 55 vereadores (concelleiros) electos para cargos de catro anos. Cabe á Cámara elaborar e votar leis fundamentais á administración e ó Executivo, especialmente o orzamento municipal, coñecido coma Lei de Directrices Orzamentarias.
Como complemento ó processo lexislativo e ó traballo das secretarías, existen tamén unha serie de consellos municipais, cada un deles versando sobre temas diferentes, compostos obrigatoriamente por representantes dos sectores varios da sociedade civil organizada. A actuación e representatividade efectivas de tales consellos, porén, son ás veces cuestionadas. Os seguintes consellos municipais están actualmente en actividade: Consello Municipal da Crianza e do Adolescente (CMDCA); da Informática (CMI); dos Deficientes Físicos (CMDP); da Educación (CME); da Vivenda (CMH); do Medio Ambiente (CADES); da Saúde (CMS); do Turismo (COMTUR); dos Dereitos Humanos (CMDH); da Cultura (CMC); da Asistencia Social (COMAS) e das Drogas e Alcol (COMUDA).
Pertence tamén á prefectura (ou é esta socia maioritaria nos seus capitais sociais) as seguintes empresas responsábeis de aspectos diversos dos servizos públicos e da economía de São Paulo:
- São Paulo Turismo S/A (SPTuris): empresa responsábel da organización de grandes eventos e da promoción turística da cidade[12].
- Companhia de Engenharia de Tráfego (CET): subordinada á Secretaría Municipal de Transportes, é responsábel da fiscalización do tráfico, aplicación de multas (en cooperació co DETRAN) e mantemento do sistema viario da cidade.
- Companhia Metropolitana de Habitação de São Paulo (COHAB): subordinada á Secretaría da Vivenda, é responsábel da execución de políticas públicas de vivenda, especialmente a construción de conxuntos habitacionais[13].
- Empresa Municipal de Urbanização de São Paulo (EMURB): subordinada á Secretaría de Planificación, é responsábel das obras urbanísticas e do mantemento dos espazos públicos e mobiliario urbanos.
- Companhia de Processamento de Dados de São Paulo (PRODAM): responsábel da infraestrutura electrónica e informática da prefectura.
- São Paulo Transportes Sociedade Anônima (SPTrans): responsábel do funcionamento dos sistemas de transposte público xestionados pola prefectura, coma as liñas de autobuses municipais[14].
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]A cidade divídese en 31 subprefecturas, que á súa vez se dividen en distritos. Estas subprefecturas agrúpanse en nove rexións ou zonas.
Rexión Central
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura da Sé
Rexión Este 1
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura de Ermelino Matarazzo
- Subprefeitura de Itaquera
- Subprefeitura da Penha
- Subprefeitura de São Mateus
Rexión Este 2
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura da Cidade Tiradentes
- Subprefeitura do Itaim Paulista
- Subprefeitura de Guaianases
- Subprefeitura de São Miguel Paulista
Rexión Sueste
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura de Aricanduva
- Subprefeitura do Ipiranga
- Subprefeitura da Mooca
- Subprefeitura da Vila Prudente
Rexión Oeste
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura do Butantã
- Subprefeitura da Lapa
- Subprefeitura de Pinheiros
Rexión Nordés
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura de Casa Verde
- Subprefeitura do Tremembé
- Subprefeitura de Santana
- Subprefeitura da Vila Maria
Rexión Noroeste
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura da Freguesia do Ó
- Subprefeitura de Perus
- Subprefeitura de Pirituba
Rexión Centro-Sur
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura do Jabaquara
- Subprefeitura de Santo Amaro
- Subprefeitura da Vila Mariana
Rexión Sur
[editar | editar a fonte]- Subprefeitura da Capela do Socorro
- Subprefeitura do Campo Limpo
- Subprefeitura da Cidade Ademar
- Subprefeitura do M'Boi Mirim
- Subprefeitura de Parelheiros
Economía
[editar | editar a fonte]A cidade comezou a medrar axiña a partir de fins do século XIX e comezo do século XX, coa inmigración estranxeira, principalmente de italianos e tamén españois e portugueses, que viñan traballar nas primeiras industrias que se instalaban na cidade, principalmente manufacturas de tecidos, metalurxia, alimentos e xabón. As industrias instaláronse próximas ás liñas de ferrocarril, en barrios como Brás, Barra Funda, Belém e Mooca. Aínda hoxe, existen unhas 30 mil industrias na cidade, a maioría pequenas e medias. Unhas poucas quedaran nos barrios antigos. Outras tantas están nos barrios de Santo Amaro e Capela do Socorro, ó sur da cidade. A maioría delas está espallada pola cidade, cercadas por barrios residenciais moi construídos, o que non lles permite grande expansión das plantas. Así, a tendencia futura das industrias máis grandes é abandonar a capital e instalarse no interior ou noutros estados.
Hoxe as principais actividades económicas da cidade son o comercio e mailos servizos. A cidade de São Paulo é sede de importantes bancos brasileiros e de sucursais de bancos estranxeiros no Brasil. A súa Bolsa de Valores (BOVESPA), fundada en 1890, é unha das principais da América Latina.
Posúe tamén rúas de comercio especializado, como a Rúa Santa Ifigenia, no centro da cidade, especializada en artigos eléctricos e electrónicos, ou a rúa 25 de Março e os barrios do Bom Retiro e Brás, especializados en téxtiles e roupas, co vendas por xunto. Este diversificado comercio grosista tamén atrae compradores doutros estados e ata de países veciños, que compran en grandes cantidades para revender. Posúe tamén máis de 20 grandes centros comerciais (shopping centers), algúns máis sofisticados, e outros máis populares ou de clase media.
Transportes
[editar | editar a fonte]A cidade é atravesada por liñas de ferrocarril que a conectan coas cidades veciñas, nun total de 261,7 km. Posúe tamén unha rede de 61,3 km de trens subterráneos (metro), insuficiente para a dimensión da cidade (hai barrios situados a máis de 30 km en liña recta do centro, para non mencionar a poboación de cidades veciñas que traballa en São Paulo capital), parcialmente integrada con liñas de ómnibus, e que transporta máis de 2,5 millóns de pasaxeiros por día. Existen máis de 5 millóns de automóbiles rexistrados na cidade, 1 para cada dous habitantes, que, se saísen todos ás rúas, paralizarían o tráfico. Así mesmo, unha gran cantidade de automóbiles sae diariamente ás rúas, pois os ómnibus (máis de 10 mil vehículos, percorrendo unhas 800 liñas) nin sempre utilizan os camiños máis curtos, e hai poucas faixas exclusivas de tráfico para os mesmos (as rúas, mesmo as avenidas, non foran proxectadas para o tamaño de poboación e tráfico actual), o que os torna moitas veces pouco eficientes. Soamente a expansión do metro pode evitar o caos no tráfico, pois a tendencia futura é de se concentrar as oficinas comerciais nalgúns barrios ao sur da cidade, a 8 ou máis quilómetros do centro, e a poboación medrar en barrios ao leste e nas cidades veciñas a oeste, a 20, 30, ou máis quilómetros do centro.
Para tentar reducir o problema do tráfico e da polución, implantouse un sistema de circulación restritiva de automóbiles na rexión coñecida como centro expandido (delimitada por avenidas de grande circulación que forman un anel en torno do centro) todas as semanas, de luns a venres: entre as 7:00 e as 10:00 e entre as 17:00 e 20:00 horas son prohibidos de circular, conforme o día, os automóbiles con matrículas finais 1 e 2 (luns), 3 e 4 (martes), 5 e 6 (mércores), 7 e 8 (xoves), e 9 e 0 (venres). Coñecido en São Paulo como rodízio de veículos, actualmente apenas minimiza, sen resolver definitivamente, os problemas do tráfico nas horas de punta.
Cultura e lecer
[editar | editar a fonte]A cidade é sede da famosa Universidade de São Paulo, unha das máis importantes universidades públicas do Brasil, e de moitas institucións de ensino superior particulares. Tamén posúe teatros, cinemas (a maioría actualmente concentrada nos shopping centers), librarías, museos, planetario e un Centro Cultural (onde hai unha biblioteca e unha discoteca con diversas obras, algunhas raras), algunhas bibliotecas públicas e un Sambódromo semellante ao de Río de Xaneiro, onde ocorren os desfiles de Carnaval da cidade.
Tódolos anos a cidade é sede dunha das competicións do Campionato Mundial de Fórmula 1: o Grande Premio do Brasil, disputado no Autódromo de Interlagos, na zona sur da cidade.
Principais puntos turísticos
[editar | editar a fonte]- Parque do Ibirapuera - situado a 7 km do centro, o parque posúe 1,5 km² de superficie, museos, planetario, e locais para exposicións temporáneas de arte.
- Museu de Arte de São Paulo (MASP) - situado á Avenida Paulista, posúe dende pinturas da Idade Media (doazóns) ata arte moderna (pasando por Clasisismo, Barroco, Romantismo, Realismo e Arte Abstracta)
- Parque da Independencia e Museu do Ipiranga - situados xunto ó local onde Pedro I do Brasil proclamou a independencia do país. O museo garda mobiliario e roupas do século XIX e pezas de períodos anteriores.
- Pinacoteca do Estado - situada 2 km ó norte do centro, posúe cadros de pintores brasileiros do século XIX e dúas esculturas de Rodin
- Museu de Arte Sacra - colección de obras relixiosas do barroco portugués e brasileiro
- Horto Florestal - situado ó norte da cidade, dende pasa a liña do Trópico de Capricornio, posúe un bosque de Mata Atlántica
- Parque do Estado - situado á zona sur da cidade, nel están o Zoolóxico da cidade (con animais brasileiros e estranxeiros), o Xardín Botánico (espécimes brasileiras e estranxeiras) e un recinto de exposicións
- Museu de Arte Contemporánea (MAC) - pertence á Universidade de São Paulo - USP e sitúase no seu campus, coñecido como Cidade Universitária. Ten cadros de Pablo Picasso, Joan Miró, Wassily Kandinsky, Henri Matisse e tamén de brasileiros, como Tarsila do Amaral, Di Cavalcanti e Cândido Portinari.
- Memorial do Inmigrante: situado ó barrio da Mooca, na antiga hospedaría dos inmigrantes que chegaran a São Paulo dende 1887 ata 1978. Garda fotografías, mobiliario, listas de pasaxeiros de navíos, co nomes de inmigrantes italianos, españois, portugueses, xaponeses, e outros obxectos. O visitante pode consultar rexistros dos seus antepasados e parentes de orixe estranxeira que inmigraron para o Brasil.
- Museu Lasar Segall - casa onde morou no Brasil por 25 anos o pintor expresionista de orixe rusa Lasar Segall. Nela están 3 mil obras súas. A súa biblioteca tamén pode ser visitada, e ten 18 mil títulos.
- Catedral Metropolitana ou Catedral da Sede - inaugurada o 1954 nas conmemoracións dos 400 anos da cidade. En estilo neogótico, no seu interior está un órgano que pertenceu á antiga Igrexa da Sé, demolida en 1913. Está xunto á estación Sé do metro.
- Pátio do Colégio ("Pátio do Colexio") - Conxunto arquitectónico erguido no local onde José de Anchieta fundou a cidade e o seu colexio para catequese dos indios. Fai parte do conxunto o Museu de Anchieta, que garda unha pía bautismal de 1556.
- Autódromo de Interlagos - situado na zona sur da cidade. Nel acontecen o Grande Prémio do Brasil de Fórmula 1 e ás veces outras competicións como a Fórmula Truck (corrida de camións) ou eventos relixiosos.
- Centro Cultural de São Paulo - situado xunto á estación Vergueiro do metro (Liña Azul). Ten unha vasta biblioteca, unha discoteca e local para presentacións de teatro.
Gastronomía
[editar | editar a fonte]São Paulo é considerada unha capital da gastronomía pola gran cantidade e variedade de restaurantes que ten. Salienta a arte culinaria que veu cos inmigrantes (portugueses, italianos -destacando as súas pizzas e macarróns-, xaponeses, árabes, españois, xudeus, chineses e alemáns), a cociña brasileira do Nordeste e de Minas Xerais, o churrasco (carne de gando asada en espetos), a popular feijoada brasileira (prato a base de feixóns negros, carne seca de gando e porco, servida con arroz, col cocida e mollo de pementa) e ata mesmo a gastronomía francesa e internacional en restaurantes máis sofisticados. Pódese ata mesmo mesturar estas influencias culinarias nunha mesma comida: nunha churrascaria, por exemplo, pódese atopar como acompañamento das carnes as ensaladas, as esfihas árabes, as paellas de orixe española ou os suxis de orixe xaponesa.
Cidades irmás
[editar | editar a fonte]
|
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pauleiro.
- ↑ López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1445. ISBN 9788482893419.
- ↑ Pimenta, Angela (2/11/2007). "Esqueça os países. O poder está com as cidades". Revista Exame (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2009. Consultado o 11 de decembro de 2023.
- ↑ Londres es la capital financiera mundial. CNN Expansión (10-6-2008). Consultado el 14 de septiembre de 2009.
- ↑
"São Paulo é a melhor cidade para fazer negócios na América Latina". Consumidor Moderno. 2011. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2012. Consultado o 11 de decembro do 2023.
Ranking 2011
- ↑ San Pablo: Luis Carlos Mussó Arquivado 19/01/2012, en Wayback Machine.. La Revista (1-3-2009). Consultado el 14 de septiembre de 2009.
- ↑ A cidade não pode parar Arquivado 21 de novembro de 2008 en Wayback Machine. (en portugués). Abril.com (2004). Consultado o 11 de decembro do 2023.
- ↑ "Global MetroMonitor". Arquivado dende o orixinal o 5 de xuño de 2013. Consultado o 11 de decembro do 2023.
- ↑ (en portugués)"Copia archivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2006. Consultado o 11 de decembro do 2023.? Empresas que cotizan en la Bovespa
- ↑ (en portugués) http://www.tottalmarketing.com/descricoes_noticia.php?go=4&index=10570&PHPSESSID=0c69946a930b77 Arquivado 17 de xullo de 2011 en Wayback Machine. San Pablo es la segunda ciudad donde se consumen más pizzas después de Nueva York
- ↑ Secretaria Municipal de Coordenação das Subprefeituras (ed.). "O que é" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2016. Consultado o 16 de outubro de 2015.
- ↑ São Paulo Turismo (ed.). "São Paulo Turismo: eventos, cultura, negócios" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2015. Consultado o 16 de outubro de 2015.
- ↑ Prefeitura de São Paulo (ed.). "Secretaria Municipal de Habitacão: História" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2013. Consultado o 16 de outubro de 2015.
- ↑ "A SPTrans" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2015. Consultado o 16 de outubro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cidade de São Paulo |
- Prefeitura da Cidade de São Paulo Consellería da cidade. (en portugués)
- Universidade de São Paulo (en portugués)'(en inglés)'(en castelán)
- Museu de Arte de São Paulo - MASP Coleccións do museo e informacións. Páxina oficial. (en portugués)
- Metro de São Paulo - Páxina oficial do metro de São Paulo. (en portugués)