Content-Length: 196127 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Impala

Impala - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Impala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Impala
Aepyceros melampus

Impala macho no P. N. de Serengeti, Tanzania

Impala femia no P. N. Mikumi, Tanzania
Impala femia no P. N. Mikumi, Tanzania

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Aepycerotinae
Gray, 1872
Xénero: Aepyceros
Sundevall, 1847
Especie: A. melampus
Nome binomial
Aepyceros melampus
(Lichtenstein, 1812)
Área de distribución do impala
Área de distribución do impala

Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Antilope melampus Lichtenstein, 1812

O impala (Aepyceros melampus) é un mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, que é o tipo, e única especie, do xénero Aepyceros e da subfamilia dos epicerotinos.

É un antílope africano de tamaño mediano, e de aparencia similar á das gacelas, polo que no pasado críase que estaba emparentado con estas, que pertencen á subfamilia dos antilopinos). Aínda que a quen máis se parece é aos cobos, da subfamilia dos reduncinos.

Estudos actuais sitúan ao impala na súa propia subfamilia.

Características

[editar | editar a fonte]

Os principais caracteres físicos do impala son os seguintes:[2][3]

Cabeza dun impala macho, da subespecie A. m. melampus.
Cabeza dun impala macho, da subespecie A. m. petersi.
Impala macho saltando, amosando estendido o pincel branco da cola.

É un antílope de tamaño mediano, esvelto e elegante, co perfil do lombo recto.

A súa cabeza é grácil, con ollos grandes e orellas de lonxitude media, finas e afiadas na punta. Presenta no fociño un pequeno triángulo entre as fosas nasais.

Só presentan cornos os machos. Estes son grandes (de 51 a 91,7 cm), delgados e moi gráciles, en forma de lira, configurados en "S", convexos na súa metade basal, curvados primeiro cara a atrás e despois cara a adiante, separándose, nas puntas.

A lonxitude da cabeza e o tronco oscila entre os 125 e os 160 cm nos machos, e entre os 120 e os 130 cm nas femias; a da cola, entre os 20 e os 45 cm nos machos, e entre os 30 e os 54 cm nas femias.

A altura na cruz varía de 85 a 95 cm. E o peso, entre os 55 e os 82 kg.

A pelaxe é fina e lustrosa, de coloración xeral parda amarelada (rubia), máis pálida nos flancos.

A cabeza non presenta cores contrastadas, agás unha estreita liña escura entre os ollos; a subespecie A. m. petersi presenta unha mancha escura, case negra, na parte frontal da cara.

Todas as subespecies levan unha liña escura no dorso, desde a metade das ancas até a cola, que é branca, cunha liña mediana negra que non chega até o final, que forma un pincel branco.

As partes inferiores e as nádegas son brancas. Presentan tamén unha raia vertical negra na parte posterior das coxas, pero que non chega a bordear as brancas nádegas.

Un carácter único entre os antílopes é a presenza dun penacho de pelos negros, longos e ásperos, que cobre os talóns das patas traseiras.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]
Femias de impala de cara negra (A. m. petersi) bebendo nunha poza no P. N. Etosha (Namibia).

O impala vive na sabana arborada con acacias (miombo) e en bosques ralos de mopanes (Colophospermum mopane), a miúdo preto da auga.[2][3]

Impala en pleno salto, no delta do Okavango (Botswana).

A súa área de distribución abarca desde Kenya e Uganda, polo norte, até Namibia, Eswatini, Botswana e Suráfrica, polo sur, incluíndo Tanzania, Zambia, Angola, República Democrática do Congo, Mozambique e Cimbabue.[2][3]

Foi introducido en dúas áreas protexidas de Gabón. A subespecie de cara negra, ou angolana (A. m. petersi), está limitada ao suroeste de Angola e ao Kaokoland, en Namibia (véxase máis abaixo). O impala común (A. m. melampus) foi amplamente introducido en diversas zonas de Suráfrica.[3]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Os impalas son gregarios e sedentarios. As femias viven coa súa única cría en mandas de dez a cen individuos. É frecuente na época de partos ver a varias crías reunidas cun número moi pequeno de femias; grupos coñecidos como mandas de gardaría, nos que unhas poucas femias vixían ás crías mentres as demais pastan.[2][3]

Á parte destes grupos tamén se forman mandas de machos xoves e adultos vellos (machos solteiros), que son demasiado débiles para defenderen un territorio.

Os machos de mediana idade son solitarios e territoriais e, na época da reprodución, requiren para si a cada unha das femias que pasa polo seu territorio. Durante os meses secos, os impalas xúntanse en mandas maiores.[2]

Os seus movementos poden ser moi rápidos. Ante calquera ameaza, foxen de contado para poñerse a cuberto, sendo capaces de realizar grandes saltos, mesmo cando non hai obstáculos que salvar, de até 9 m de lonxitude e 3 m de altura.[2]

O grito de chamada é un sonoro bufido de ton agudo, que emiten especialmente cando están alarmados. Os impalas son moi ruidosos e gruñen a miúdo durante todo o día,[2]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Activos tanto durante o día como a noite, aliméntanse, nas sabanas arboradas e bosques pouco densos en que viven, comen fundamentalmente herba (preferentemente curta) na maior parte das zonas (até o 95%),[3] pero tamén follas das acacias e dos arbustos, directamente nas súas pólas, e tamén consomen flores, froitos e sementes.
Dependen en gran medida da auga, pero poden sobrevivir unicamente coa rosada durante longos períodos e tempo.[2]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Mentres dura a tempada de reprodución, por regra xeral, un macho dos impalas vixía a un grupo de femias, camiñando dun lado ao outro, exhibindo a súa cornamenta, coas orellas pegadas ao pescozo e o rabo ergueito.

A loita dos machos polo seu harén divídese en tres series de combates.

  • Primeira, o desafiador amosa a súa parte clara do ventre, bocexa e saca a súa lingua con rapidez. Despois, coma provocación ao combate nega a testa.
  • Na segunda fase ambos os dous rivais, situados un enfronte do outro e coas testas ergueitas, achéganse e retíranse.
  • Se posteriormente ningún dos dous se dá por vencido, cravan os seus cornos, e empuxan cara a adiante e cara a atrás, sepáranse e comezan de novo coa última fase até que un dos dous animais se rende.

A xestación dura entre seis e medio e sete meses, e as femias paren unha cría por parto.[3]

Reciprocidade directa

[editar | editar a fonte]

Os impalas que pertencen ao mesmo grupo social aséanse os uns aos outros utilizando a lingua. O custo do aseo —gasto de saliva e certa redución da vixilancia antipredatoria— é relativamente baixo. Porén, o beneficio que se obtén polo feito de seren aseados é considerábel, xa que esta conduta serve para eliminar ectoparasitos. Xa que os animais non poden asearse mutuamente ao mesmo tempo, os receptores devolven o favor aos emisores máis adiante.[4]

Sinais de alarma

[editar | editar a fonte]

Para alertar aos seus conxéneres da presenza dun depredador ou de calquera outro perigo, os impalas empregan unha serie de sinais visuais, acústicos e olfactivos.
Os sinais visuais son os máis coñecidos destes animais. A cara dorsal da súa cola é dunha cor branca inmaculada. Cando están alerta, alzan a cola mentres van dando unha serie de saltos. A cor branca da cola pódese divisar a varios metros de distancia, alertando aos demais animais dos arredores.
Os sinais acústicos comprenden unha serie de bufidos que recordan ao disparo dun rifle. Cando o depredador fol identificado estes bufidos resoan por toda a sabana.
Os sinais olfactivos son menos coñecidos. As glándulas que os impalas levan no calcaño das súa patas traseiras segregan unhas feromonas que indican a presenza dun depredador. É probábel que sexa esta a razón pola cal os impalas saltan dando "couces" ao aire, como se estivesen nunha randeeira flotante. Ao saltar desta maneira, conseguen que o olor se vaia expandindo polas zonas do redor alertando á manda e ao resto de animais da presenza dun depredador. Esta cualidade pode ser debida ao costume que este antílope ten de vivir en zonas arboradas e de vexetación mesta, onde os sinais visuais non serven en gran medida.

Principais depredadores

[editar | editar a fonte]

O impala é un antílope que debe estar en constante alerta, xa que é unha peza clave no menú de calquera depredador de gran tamaño de África. Os seus principais depredadores son o leopardo, o guepardo, o licaón, a hiena pinta, o crocodilo e a pitón. O león tamén cazan impalas ocasionalmente, sobre todo durante as épocas de seca, cando presas máis substanciosas (ñus e cebras) migran cara a outras zonas.[2][3]

As crías non só teñen estes depredadores, senón tamén babuínos, chacais, hienas, aguias, caracais e rateis.

Todo isto converte ao impala nunha especie fundamental do seu ecosistema.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descricións

[editar | editar a fonte]

A subfamilia foi descrita en 1872 polo naturalista inglés John Edward Gray.

En canto o xénero fora descrito en 1847 polo zoólogo sueco Carl Jakob Sundevall, na súa obra Kongl. Svenska Vet.-Akad. Handl. Stockholm, 1845: 271].[5]

E a especie fora descrita xa en 1812 polo zoólogo alemán Martin Hinrich Carl Lichtenstein, na súa obra Reisen Sudlichen. Africa, 2., baixo o nome de Antilope melampus.[5]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome vernáculo impala é unha voz da lingua zulú que significa "gacela".

Sundevall tirou o nome científico do xénero, Aepyceros, dos termos do grego antigo αiπύς aipýs "alto" e κέρας kéras "corno". E Lichtenstein tomara o específico, melampus, de μέλασ mélas "nego", e πούς poús "pé").[6] Literalmente, "o de cornos altos e pés negros", isto último en alusión ao penacho de pelos negros que cobre unha glándula no talón das patas traseiras.

Variación taxonómicas

[editar | editar a fonte]

Debido á súa estreita afinidade con algunhas especies de gacelas, cobos e reduncas, os taxonomistas colocaran ao impala na mesma tribo que estes, a dos alcelafininos. A súa semellanza co alcélafo buséfalo (Alcelaphus buselaphus) conduciu á paleontóloga Elisabeth Vrba a considerar o impala como un clado irmán dos alcelafinos e Aepyceros foi incluído na subfamilia dos alcelafinos en 1985.[7] Porén, o impala foi situado posteriormente na súa propia tribo, a dos Aepycerotini, que en 1992 foi elevada ao rango de subfamilia (epicerotinos).[8][9]

Análise de ARNr mitocondrial e de secuencias de β-espectrinas dos glóbulos vermellos, suxiren unha asociación entre Aepyceros e Neotragus.[10]

Subespecies

[editar | editar a fonte]
Distribución de A. m. melampus (vermello), e de A. m. petersi (azul).

Na especie Aepyceros melampus distinguíanse tradicionalmente as seguintes subespecies:[5]

  • Impala común, do sur ou surafricano (Aepyceros melampus melampus)
  • Impala de Malaui (Aepyceros melampus johnstonii)
  • Impala de Uganda (Aepyceros melampus katangae)
  • Impala de cara negra ou angolano (Aepyceros melampus petersi)
  • Impala de Kenya (Aepyceros melampus rendilis)
  • Impala de Tanzania (Aepyceros melampus suara)

Porén, na actualidade, a maioría dos autores só recoñecen dúas:[1][11]

  • Aepycerus melampus melampus
  • Aepycerus melampus petersi

Considerando as outras como simples variedades de A. m. melampus.

Variacións interespecíficas

[editar | editar a fonte]

As principais variacións entre as distintas subespecies son:[2]

  • O impala do sur (A. m. melampus), que se estende desde o sueste da R. D. do Congo, Zambia e o sur de Tanzania até o río Orange, é o de menor tamaño, ten a coloración máis apagada e os cornos máis curtos.
  • O impala de Kenya (A. m. rendilis), que habita en Kenya e no sur de Uganda, é de cores máis brillantes e ten os cornos máis grandes.
  • O impala angolano (A m. petersi) presenta unha máscara escura na cara, e ten a cola moi poboada.

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) avalía o estado de conservación desta especie como LC (pouco preocupante). Porén, a subespecie de cara negra (Aepyceros melampus petersi) está clasificada como vulnerábel, aínda que a súa poboación nos últimos anos vai en aumento.[1]

Especie extinta

[editar | editar a fonte]

Coñécese tamén unha especie extinguida, Aepyceros datoadeni, que viviu no que hoxe é Etiopía durante o plioceno, hai uns 3 millóns de anos, que foi descrita en 2012 por Denis Geraads, René Bobe e Kaye Reed. Na maioría dos aspectos, incluíndo a forma dos cornos e dos dentes, semellábase moito ao impala actualmente vivo, aínda que era significativamente de menor tamaño.[12]

  1. 1,0 1,1 1,2 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Impala. Aepyceros melampus na Lista Vermella da IUCN. Versión 2019-1. Consultada o 18 de abril de 2019.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Dorst, J. et al.. (1973), p. 238.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Haltenorth, T. et al. (1986), pp. 87-89.
  4. Connor, R. C. (1995): "Impala allogroming and the parcelling model of reciprocity". Animal Behaviour, 49: 528-530.
  5. 5,0 5,1 5,2 Wilson & Reeder (2005).
  6. Huffman, Brent, en: Aepyceros melampus en Ultimateungulate (en inglés).
  7. Kingdon, J.; Butynski, T. & Happold, D. (2013): Mammals of Africa. London: Bloomsbury Publishing. ISBN 1-4081-8996-8.
  8. Estes, R. D. (2004): The Behavior Guide to African Mammals: Including Hoofed Mammals, Carnivores, Primates. 4th ed. Berkeley: University of California Press. ISBN 0-5200-8085-8, pp. 158–66.
  9. Groves, C. & Grubb, P. (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 1-4214-0093-6.
  10. Kuznetsova, M. V. & Kholodova, M. V. (2003): "Revision of phylogenetic relationships in the Antilopinae subfamily on the basis of the mitochondrial rRNA and β-spectrin nuclear gene sequences". Doklady Biological Sciences, 391 (1-6): 333–336.
  11. Aepycerus no NCBI.
  12. Denis Geraads, René Bobe & Kaye Reed (2012): "Pliocene Bovidae (Mammalia) from the Hadar Formation of Hadar and Ledi-Geraru, Lower Awash, Ethiopia". Journal of Vertebrate Paleontology 32 (1): 180–197. Resume.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Impala

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy