Rickettsia
Rickettsia é un xénero de bacterias gramnegativas non móbiles e non formadoras de esporas, moi pleomórficas, que poden ter forma de coco (de 0,1 μm de diámetro), bacilo (de 1–4 μm de longo) ou filamentosa (de 10 μm de longo). Son parasitos intracelulares obrigados, polo que a supervivencia de Rickettsia depende da súa entrada, crecemento e replicación dentro do citoplasma dunha célula eucariota hóspede (xeralmente unha célula endotelial).[8]
Debido a este tipo de parasitismo, Rickettsia non pode vivir en medios artificiais con nutrientes e hai que cultivala en cultivos de embrións (xeralmente ovos de polo embrionados) ou de tecidos biolóxicos. O método de cultivo das Rickettsia en embrións de polo inventouno Ernest William Goodpasture e os seus colegas na década de 1930. No pasado, cando non se coñecía o suficiente delas, foron situadas a medio camiño entre os virus e as bacterias. Porén, a diferenza dos xéneros bacterianos Chlamydia, Mycoplasma, e Ureaplasma, os organismos Rickettsiales posúen verdadeiras paredes celulares similares ás das outras bacterias gramnegativas.[9] A maioría das Rickettsia son susceptibles aos antibióticos do grupo das tetraciclinas.
As especies de Rickettsia son transportadas por moitas especies de carrachas, pulgas, e piollos, e causan enfermidades en humanos como por exemplo o tifo exantemático, varíola rickettsial[10], febre botonosa[10], febre manchada das Montañas Rochosas, ou a febre manchada da illa Flinders.[11] Tamén foron asociadas con diversas enfermidades de plantas. Unha vez dentro da célula hóspede a bacteria multiplícase ata encher todo o citoplasma, entón a célula esboura, liberando a proxenie ao medio circundante, onde infectan máis células.[12]
O nome do xénero procede do investigador Howard Taylor Ricketts (1871–1910), que estudou a febre manchada das Montañas Rochosas en Montana, e que finalmente acabou morrendo de tifo ao estudar esa enfermidae en México. O nome rickettsia úsase ás veces en sentido amplo para referirse a todas as Rickettsiales.
As rickettsias poden ser as bacterias vivas máis próximas ás antigas bacterias que orixinaron por endosimbiose as mitocondrias das células eucariotas.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Rickettsia divídese en tres grupos baseados na seroloxía, que son: grupo da febre manchada, do tifo e da febre de tsutsugamushi[10]. Este agrupamento foi confirmado por secuenciación do ADN. Os tres grupos conteñen patóxenos humanos. O grupo da febre de tsutsugamushi foi reclasificado como un novo xénero chamado Orientia, polo que non sería xa un membro de Rickettsia, pero moitos libros de texto médicos aínda inclúen este grupo como produtor de enfermidades de rickettsias.
Nos últimos anos foi facéndose evidente que as rickettsias están máis estendidas do que previamente se cría e agora sábese que están asociadas con artrópodos, sambesugas e protistas. Tamén se identificaron distintos tipos dentro do grupo da febre manchada e suxeriuse que este debería dividirse en dous clados.[13] As rickettsias que viven en artrópodos están xeralmente asociadas con eventos reprodutivos do animal (como a partenoxénese) para poder persistir na liñaxe do hóspede [14]
En 2010 investigacións suecos informaron dun caso de meninxite bacteriana en humanos causada por Rickettsia helvetica, que previamente se cría que era inofensiva.[15]
Outras alfaproteobacterias |
Rhodospirillales, Sphingomonadales, Rhodobacteraceae, Rhizobiales etc. | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Rickettsiales |
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Grupo da febre manchada
[editar | editar a fonte]- Rickettsia rickettsii (hemisferio occidental)
- febre manchada das Montañas Rochosas (ou, simplemente, febre das Montañas Rochosas), transmitida por carrachas
- Rickettsia akari (USA, territorios da antiga Unión Soviética)
- varíola rickettsial, transmitida por ácaros
- Rickettsia conorii (países mediterráneos, África, suroeste asiático, India)
- febre botonosa, transmitida por carrachas
- Rickettsia sibirica (Siberia, Mongolia, norte da China)
- Rickettsia australis (Australia)
- Rickettsia felis (América do Norte e do Sur, sur de Europa, Australia)
- Rickettsia africae (África do Sur)
- Rickettsia hoogstraalii (Croacia, España e estado de Georgia, EEUU)[16]
- Patoxenicidade descoñecida
Grupo do tifo
[editar | editar a fonte]- Rickettsia prowazekii (en todo o mundo)
- Tifo epidémico, tifo exantemático histórico, transmitido por piollos[10]
- Rickettsia typhi (en todo o mundo)
- Tifo murino (tifo exantemático endémico), transmitido por pulgas.[10]
Grupo da febre de tsutsugamushi
[editar | editar a fonte]Patoxénese en flora e fauna
[editar | editar a fonte]Diversas enfermidades de plantas foron asociados con organismos do tipo Rickettsia (RLO).[17] Entre eses organismos están:
- RLO da roseta latente da remolacha
- Bacteria do enverdecemento dos cítricos
- RLO da folla de trevo
- RLO da necrose infecciosa da vide
- Bacteria da enfermidade de Pierce da vide
- RLO do amarelo da vide
- RLO da enfermidade da vasoira de bruxa do alerce
- RLO falso do pexego
A infección dáse tamén en mamíferos non humanos; por exemplo, especies de Rickettsia atacan o guanaco (Lama guanacoe, camélido suramericano).[18]
Xenómica
[editar | editar a fonte]Certos segmentos do xenoma das rickettsias lembran ao das mitocondrias.[19] O xenoma de R. prowazekii ten unha lonxitude de 1.111.523 bp e contén 834 xenes codificantes de proteínas.[20] A diferenza das bacterias de vida libre, non contén xenes para a glicólise (proceso anaerobio) nin xenes implicados na biosíntese e regulación de aminoácidos e nucleósidos. Neste sentido é similar aos xenomas mitocondriais, e en ambos os casos deben usarse recursos codificados no núcleo da célula (hóspede).
A produción de ATP in Rickettsia é igual que nas mitocondrias. De feito, de todos os microbios coñecidos, a Rickettsia é probablemente o máis próximo (nun sentido filoxenético) ás mitocondrias. Pero, a diferenza das mitocondrias, o xenoma de R. prowazekii, contén un conxunto completo de xenes que codifican os encimas do ciclo do ácido tricarboxílico e o complexo da cadea respiratoria. De todos modos, os xenomas de Rickettsia e das mitocondrias dise frecuentemente que son produtos resultantes dunha evolución redutiva.
O descubrimento recente dunha semellanza entre os xenomas de Rickettsia e certos virus pode servir para loitar contra as infeccións por VIH.[21] A resposta inmune humana contra o patóxeno da febre de tsutsugamushi, Orientia tsutsugamushi (antes Rickettsia tsutsugamushi), parece proporcionar un efecto beneficioso contra o progreso da infección por VIH, ao influír negativamente no proceso de replicación do virus. Unha posible razón para este fenómeno é o certo grao de homoloxía entre a rickettsia e o virus, concretamente teñen epitopos comúns debido a fragmentos do xenoma que son comúns en ambos os patóxenos. Sorprendentemente, outra infección da que se informou que probablemente produce o mesmo efecto (decrecemento da carga viral) é a enfermidade de orixe vírica dengue.
As análises comparativas de secuencias xenómicas identificaron 5 indeis sinatura conservados en importantes proteínas, que só se encontran en membros do xénero Rickettsia. Estes indeis consisten nunha inserción de 4 aminoácidos no factor Mfd de acoplamento de reparación da transcrición , unha inserción de 10 aminoácidos na proteína ribosómica L19, unha inserción de 1 aminoácido no FtsZ, unha inserción de 1 aminoácido no factor sigma 70 maior, e unha deleción de 1 aminoácido na exonuclease VII. Estes indeis son todos característicos do xénero e serven como marcadores moleculares para Rickettsia.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Beati, L.; Meskini, M., et al. (1997), "Rickettsia aeschlimannii sp. nov., a new spotted fever group rickettsia associated with Hyalomma marginatum ticks"[Ligazón morta], Int J Syst Bacteriol 47 (2): 548-55s4
- ↑ Kelly P.J., Beati L.; et al. (1996). "Rickettsia africae sp. nov., the etiological agent of African tick bite fever". Int J Syst Bacteriol 46 (2): 611–614.[Ligazón morta]
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Skerman, VBD; McGowan, V; Sneath, PHA, eds. (1989). Approved Lists of Bacterial Names (amended ed.). Washington, DC: American Society for Microbiology.
- ↑ Fujita, H.; Fournier, P.-E., et al. (2006), "Rickettsia asiatica sp. nov., isolated in Japan"[Ligazón morta], Int J Syst Evol Microbiol 56 (Pt 10): 2365–2368
- ↑ Truper H.G., De' Clari L. (1997). "Taxonomic note: Necessary correction of specific epithets formed as substantives (nouns) 'in apposition'" (PDF). Int J Syst Bacteriol 47 (3): 908–909.[Ligazón morta]
- ↑ Billings A.N., Teltow G.J.; et al. (1998). "Molecular characterization of a novel Rickettsia species from Ixodes scapularis in Texas" (PDF). Emerg Infect Dis 4 (2): 305–309. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2011. Consultado o 11 de maio de 2013.
- ↑ La Scola, B.; Meconi, S., et al. (2002), "Emended description of Rickettsia felis (Bouyer et al. 2001), a temperature-dependent cultured bacterium"[Ligazón morta], Int J Syst Evol Microbiol 52 (Pt 6): 2035–2041
- ↑ Walker DH (1996). Rickettsiae. In: Barron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. (via NCBI Bookshelf).
- ↑ "Rickettsia typhi". Baylor College of Medicine. Consultado o 29 May 2012.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Diccionario Terminológico de Ciencias Médicas. Masson. 13ª edición. 1999. Páxinas 1081. ISBN 84-458-0095-7.
- ↑ Unsworth NB, Stenos J, Graves SR; et al. (2007). "Flinders Island spotted fever rickettsioses caused by "marmionii" strain of Rickettsia honei, Eastern Australia". Emerging Infectious Diseases 13 (4): 566–73. PMC 2725950. PMID 17553271. doi:10.3201/eid1304.060087.
- ↑ M. Madigan, J. Martinko, J. Parker. Brock. Biología de los Microorganismos. 10ª edición. 2003. Páxina 381. ISBN 84-205-3679-2.
- ↑ Gillespie J.J., Beeir M.S., Rahman M.S., Ammerman N.C., Shallom J.M., Purkayastha A., Sobral B.S., Azad A.F. Plasmids and rickettsial evolution: insight from 'Rickettsia felis'. PLoS ONE. 2007;2:e266. doi 10.1371/journal.pone.0000266.
- ↑ Perlman S.J., Hunter M.S., Zchori-Fein E. The emerging diversity of 'Rickettsia'. Proceedings of the Royal Society B-Biological Sciences. 2006;273:2097–2106. doi 10.1098/rspb.2006.3541
- ↑ ""Rickettsia helvetica in Patient with Meningitis, Sweden, 2006". Emerging Infectious Diseases, Volume 16, Number 3 - March 2010". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2011. Consultado o 11 de maio de 2013.
- ↑ Duh, D., V. Punda-Polic, T. Avsic-Zupanc, D. Bouyer, D.H. Walker, V.L. Popov, M. Jelovsek, M. Gracner, T. Trilar, N. Bradaric, T.J. Kurtti and J. Strus. (2010) Rickettsia hoogstraalii sp. nov., isolated from hard- and soft-bodied ticks. International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology, 60, 977-984; http://ijs.sgmjournals.org/cgi/content/abstract/60/4/977 Arquivado 10 de xullo de 2012 en Archive.is, accessed 16 July 2010.
- ↑ Smith IM, Dunez J, Lelliot RA, Phillips DH, Archer SA (1988). European Handbook of Plant Diseases. Blackwell Scientific Publications. ISBN 0-632-01222-6.
- ↑ C. Michael Hogan. 2008. Guanaco: Lama guanicoe, GlobalTwitcher.com, ed. N. Strömberg Arquivado 04 de marzo de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Emelyanov VV (2003). "Mitochondrial connection to the origen of the eukaryotic cell". Eur J Biochem 270 (8): 1599–618. PMID 12694174. doi:10.1046/j.1432-1033.2003.03499.x.
- ↑ Andersson SG; et al. (1998). "The genome sequence of Rickettsia prowazekii and the origen of mitochondria". Nature 396 (6707): 133–40. PMID 9823893. doi:10.1038/24094.
- ↑ Kannangara S, DeSimone JA, Pomerantz RJ (2005). "Attenuation of HIV-1 infection by other microbial agents". J Infect Dis 192 (6): 1003–9. PMID 16107952. doi:10.1086/432767.
- ↑ Gupta, R. S. (2005). Protein signatures distinctive of alpha proteobaccteria and its subgroups and a modle for alpha proteobacterial evolution. Critical Reviews in Microbiology. 3:101-135. DOI: 10.1080/10408410590922393.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Rickettsia, xenoma e información relacionada en PATRICArquivado 10 de maio de 2013 en Wayback Machine., un centro de recursos bioinformáticos sostido polo NIAID
- African Tick Bite Fever da Centers for Disease Control and Prevention