Content-Length: 591396 | pFad | http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Bulgaria&veaction=edit&section=9

Bulgaria - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Bulgaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaBulgaria
България (bg) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoMila Rodino (1964) Editar o valor en Wikidata

Lema«A unión fai a forza» Editar o valor en Wikidata
Símbolo oficialLeón Editar o valor en Wikidata
EpónimoProtobúlgaros Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°45′N 25°30′L / 42.75, 25.5
CapitalSofía Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación7.000.039 (2019) Editar o valor en Wikidata (63,07 hab./km²)
Lingua oficiallingua búlgara Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie110.993,6 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar Negro Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMusala (2.925 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoMar Negro (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 13 de xullo de 1878História da Bulgária (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoRepública parlamentaria Editar o valor en Wikidata
• Presidente da Bulgária (pt) Traducir Editar o valor en WikidataRumen Radev (2017–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernment of Bulgaria (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor en WikidataNikolai Denkov (pt) Traducir (2023–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAssembleia Nacional da Bulgária (pt) Traducir , (Escano: 240) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal84.061.395.658 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaLev búlgaro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.bg e .бг (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+359 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísBG Editar o valor en Wikidata
Código NUTSBG Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webgovernment.bg Editar o valor en Wikidata
BNE: XX451182

Bulgaria (Gl-Bulgaria.ogg pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria (Gl-República de Bulgaria.ogg pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.

A actual Bulgaria inclúe partes das provincias romanas de Mesia, Tracia e Macedonia. A súa forma de goberno funciona como unha democracia parlamentaria dentro dunha república unitaria constitucional.

Artigo principal: Historia de Bulgaria.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Unha das teorías di que a etimoloxía do nome da tribo dos búlgaros, chegados á rexión no século VII, deriva de burg, palabra xermánica que significaría "castelo", mais outros din que deriva de bulgars, cuxo significado é descoñecido, sendo os burgarii ou burgarioi son os que gardan as fortalezas. Unha terceira teoría deriva o etnónimo do nome da cidade de Balkh, actualmente ao norte de Afganistán, capital do antigo estado de Balkhara, do cal procederían os antigos búlgaros.

Con todo, tradicionalmente veuse aceptando unha orixe non indoeuropea das primitivas tribos búlgaras, cuxa etnoxénese produciríase pola mestura de elementos ugrofineses con outros altaicos,[1] que tralo seu asentamento nos Balcáns prevalecería o elemento humano de orixe eslavo, poboación maioritaria nesta zona. Así, a moderna lingua búlgara pertence ás familia eslava meridional.

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]
Restos romanos de Augusta Traiana, hoxe Stara Zagora

No territorio da actual Bulgaria desenvolvéronse durante o Neolítico, os milenios VI e III a.C., culturas como a de Hamangia e a Vinča, durante o Eneolítico a cultura de Varna e durante a Idade de Bronce a cultura de Ezero. Porén, o primeiro pobo historicamente documentado que se instalou no territorio da actual Bulgaria foron os tracios, un pobo indoeuropeo, procedente das estepas de Eurasia, que chegou á zona posiblemente en torno ao ano 3500 a.C.

Doutra banda, dende o século VII a.C. comezou a producirse a colonización grega da costa do Mar Negro, fundándose numerosas cidades, moitas das cales continúan existindo na actualidade, como Odessos (Varna), Mesembria (Nesebar), Anchialon (Pomorie), Apolonia (Sozopol) ou Agathopolis (Akhtopol). A mediados do século V a.C. fundouse o primeiro Estado tracio que se coñece, o reino Odrisio, que se desintegraría no seguinte século en varios estados máis pequenos. Pouco despois Filipo II, rei de Macedonia (entre 359 e o 336 a.C.), tras vencer ao rei Cersobleptes, anexionouse os territorios dos tracios e fundou a cidade de Filipópolis (Plovdiv). No século seguinte, o territorio de Bulgaria foi invadido polos celtas, quen mantiveron un estado por espazo dun setenta anos, fundando asentamentos como Bononia (Vidin).

Durante o século I, o territorio de Bulgaria foi incorporado ao Imperio Romano, quedando dividido nas provincias de Tracia e Mesia. Os romanos fundaron numerosas cidades, entre as que destacan Serdica (a actual capital Sofía), Nicopolis (Nikopol) e Durostorum (Silistra). Cando o Imperio Romano se divide á morte de Teodosio, as provincias de Mesia e de Tracia pasaron a formar parte do Imperio Romano de Oriente. Dende o século III estes territorios sufriron invasións de pobos bárbaros: primeiro foron os godos, hunos; máis adiante, os ávaros, eslavos, que atravesaron o Danubio a principios do século VII cando se abandonaron as guarnicións de fronteira bizantinas, e os búlgaros. Estes últimos formarían, xunto cos eslavos, o primeiro estado búlgaro, no final do século VII. O nome de Bulgaria procede deste pobo.

Primeiro Imperio Búlgaro

[editar | editar a fonte]
O Khan Krum festexa a vitoria no paso de Varbitsa

Unha das teorías é que os búlgaros eran un pobo nómade e belicoso procedente de Asia Central, emparentado cos hunos. De feito, os primeiros khans búlgaros facían remontar as súas orixes ao huno Atila. Xa na primeira metade do século VII, baixo o seu rei khan Kubrat, formaran un reino ao norte do Mar Negro, que os bizantinos denominaban Magna Bulgaria. Despois da morte de Kubrat o imperio dividiuse entre os seus tres fillos máis vellos, a consecuencia do cal unha parte dos búlgaros desprazouse ao leste, á confluencia dos ríos Volga e Kama, chegando a formar o estado da Bulgaria do Volga, en tanto que outro grupo se establecía no delta do Danubio, ao mando de khan Asparukh, terceiro fillo de Kubrat, quedándose unha terceira parte da poboación búlgara.

Desde alí, os búlgaros fustrigaban as guarnicións bizantinas. As súas frecuentes expedicións de saqueo conduciron á realización dunha expedición punitiva contra eles, mandada polo emperador bizantino Constantino IV. Ao fracasar esta expedición, o Imperio Bizantino viuse obrigado a aceptar a existencia do Imperio Búlgaro e a pagarlle un tributo anual para evitar incursións. O ano 681, en que Bizancio recoñeceu por primeira vez ao estado búlgaro, é considerado a data de nacemento da moderna Bulgaria. A comezos do século IX o Imperio Búlgaro chegou a estenderse por parte de Panonia e Transilvania e abrazou o cristianismo de rito bizantino. A adopción da nova fe implicou tamén a utilización do eslavo como lingua da liturxia e da administración. A cristianización e a eslavización proporcionaron ao Imperio Búlgaro unha área de influencia maior. O estado alcanzaría o seu apoxeo tanto político como cultural co reinado de Simeón I (893-927), cuxo plan, que estivo preto de ver realizado, era unificar baixo o seu poder as monarquías búlgara e bizantina. Simeón foi o primeiro monarca búlgaro en adoptar o título de tsar (derivado do título romano caesar).

Tras a morte de Simeón, a decadencia da autoridade real, as loitas dinásticas e os ataques exteriores de pobos como os maxiares e pechenegos foron minando ao estado búlgaro que foi conquistado polo emperador Basilio II, chamado Bulgaróctonos ("matador de búlgaros") e incorporado ao Imperio Bizantino. Bulgaria permanecería baixo a autoridade de Constantinopla durante case dous séculos, entre 1018 e 1185.

Segundo Imperio Búlgaro

[editar | editar a fonte]
Tarnovo, capital de Bulgaria durante este época

Aínda que os búlgaros se rebelaron en varias ocasións contra o dominio de Bizancio durante o século XI, ningunha destas rebelións alcanzou o seu obxectivo. Durante o século XII, con todo, aproveitando que o Imperio Bizantino atopábase debilitado polas súas loitas contra serbios e húngaros, estalou unha rebelión dirixida polos irmáns Petar e Asen. Petar foi proclamado tsar "dos búlgaros, os gregos e os valaquios", co que naceu o Segundo Imperio Búlgaro (1185-1396), cuxo dominio se estendeu por todos os territorios entre o Danubio, o Mar Negro e a cordilleira de Stara Planina, incluíndo parte de Macedonia oriental e o val do Morava. Con Ivan Asen II como tsar, o Imperio ocupou Albania e Belgrado. Bulgaria rompeu coa Igrexa de Roma, creando o Patriarcado Ortodoxo de Bulgaria, ao que se adheriron os distintos patriarcados dos Balcáns, con todo, foi un monarca honesto e humano, que a pesar da ruptura con Roma abriu canles de colaboración, sobre todo comercial, con Venecia e Xénova.

Durante o século XIV, a debilitada Bulgaria, que atravesaba un período de desmembración feudal, foi presa fácil para uns novos invasores, os turcos otománs, que cruzaran a Europa en 1354. En 1362 conquistaron Plovdiv, e en 1382 Sofía. Finalmente en 1396 os otománs puxeron fin ao Segundo Imperio Búlgaro controlando por completo o país.

Dominación otomá e espertar

[editar | editar a fonte]
Vasil Levski, un dos artífices do espertar búlgaro

Dende o final do século XIV até final do século XVIII, Bulgaria non existiu como estado soberano. En 1393, por vontade do sultán dos turcos, o patriarcado da Igrexa de Bulgaria foi suprimido e sometido directamente ao Patriarca de Constantinopla, o que provocou que a Igrexa búlgara se helenizase e abandonase o eslavón nos seus ritos. Os otománs converteron a Bulgaria no beyerlik de Rumili, que era rexido por un beylerbey residente en Sofía.

A partir da segunda metade do século XVIII Rusia interveu activamente nos Balcáns, premendo o Imperio Otomán nas súas fronteiras, rompendo o illamento dos búlgaros. Durante a guerra de 1768 os rusos atravesaron Moldova e Valaquia e irromperon en Bulgaria, onde conseguiron a vitoria militar de Chumla, obrigando aos turcos a asinar a paz. O tratado de Küçük-Kaynarca concedeu a Rusia a protección dos cristiáns ortodoxos do Imperio Otomán, o que terminou converténdose nunha escusa para posteriores intervencións rusas nos Balcáns. En 1829, a rebelión dos gregos levou os rusos a ocupar gran parte de Bulgaria e conquistar Adrianópolis. O tratado de paz permitiu aos rusos establecer un protectorado sobre Moldavia e Valaquia. Con todo, os búlgaros permaneceron baixo dominio otomán, aínda que a invasión rusa fomentou o espertar nacionalista nos Balcáns.

Baixo a influencia de ideas como o liberalismo e o nacionalismo, a comezos do século XIX comezou a espertar o nacionalismo búlgaro. Tivo unha grande influencia na difusión destas novas ideas entre os medios cultivados de Bulgaria a rebelión grega contra os otománs, en 1821. Con todo, existía tamén un forte resentimento polo control grego da Igrexa Búlgara; de feito, os primeiros sentimentos nacionalistas búlgaros estiveron orientados á creación dunha igrexa búlgara independente. En abril de 1876, o Comité Revolucionario Segredo Búlgaro, con sede en Bucarest, organizou un levantamento, coñecido como Sublevación de Abril. A revolta foi reprimida con crueldade polas autoridades otomás, innumerables aldeas foron saqueadas e as vítimas da represión contáronse por decenas de miles. Os masacres provocaron a reacción da opinión pública e a diplomacia europeas e causa da intervención de Rusia, que aproveitou as matanzas de eslavos como pretexto para declarar a Guerra Ruso-Turca en abril de 1877, onde interviñeron tamén o exército romanés e tropas de voluntarios búlgaros. A guerra terminou coa completa derrota de Turquía.

O Tratado de San Stefano, asinado o 3 de marzo de 1878 estipulou a creación dun extenso principado autónomo de Bulgaria e o desmantelamento dos territorios europeos do Imperio Otomán. En 1879 unha asemblea constituínte reunida na cidade de Tarnovo adoptou unha constitución para Bulgaria, moi democrática para a época, e elixiu como príncipe a Alexandre de Battenberg, sobriño da tsarina de Rusia. Porén as ambicións nacionalistas non se conformaron coa autonomía, e finalmente logo dunha longa serie de disputas o 22 de setembro de 1908, co apoio do emperador de Austria-Hungría, Fernando I proclamou en Tarnovo a independencia de Bulgaria e tomou o título de tsar.

Época moderna

[editar | editar a fonte]
O Parlamento coas bandeiras de tódolos países da OTAN

Durante 1912 e 1913 Bulgaria estivo involucrada nas Guerras Balcánicas, unha serie de conflitos cos países veciños, durante os cales o territorio búlgaro variou a súa extensión, adquirindo acceso á costa do mar Exeo, ao oeste da Turquía europea. Durante a primeira e segunda guerras mundiais, Bulgaria aliouse cos bandos que resultaron vencidos, as Potencias Centrais primeiro e o Eixo Roma-Berlín-Toquio despois.

A historia de Bulgaria durante a segunda guerra mundial cobre o período entre 1939 e 1945. Até o 1 de marzo de 1941, Bulgaria mantense neutral. Na devandita data, convértese en aliada das forzas do Eixo até o 9 de setembro de 1944, cando cambia de bando para integrarse no dos Aliados até o final da guerra. A diferenza doutros países como Hungría ou Romanía que son, do mesmo xeito que a propia Bulgaria, uns estados satélites da Alemaña Nazi, Bulgaria mantivo relacións diplomáticas coa Unión Soviética todo o tempo. Ao termo da guerra Bulgaria caeu dentro da esfera de influencia da Unión Soviética e converteuse nunha república popular. O dominio comunista do país concluíu en 1990, ano no que se celebraron novamente eleccións multipartitas e en 1991 abandonou o Consello de Axuda Mutua Económica do que formara parte dende 1949. Bulgaria adheriuse á OTAN o 29 de marzo de 2004 e á Unión Europea o 1 de xaneiro de 2007.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xeografía de Bulgaria.
Pico Malyovitsa
Lago Belmeken

Bulgaria atópase no sueste de Europa, limita con Romanía, Serbia, Macedonia do Norte, Turquía, Grecia e o Mar Negro. A fronteira norte con Romanía segue o curso do Danubio ata Silistra. O seu territorio ocupa 110.912 km². A xeografía política de Bulgaria modificouse notablemente dende a restauración do estado en 1878. Rusia, cuxas vitorias conduciron á súa creación, premeu para crear unha "Gran Bulgaria" que incluíse unha gran parte de Macedonia. No Congreso de Berlín de 1878 as demais potencias déronlle un territorio moito máis reducido, dividido ata 1885 entre os principados de Bulgaria Rumelia Oriental. Foi reino independente dende 1908 ata 1946 e despois república. Bulgaria quixo expandir o seu territorio durante as guerras dos Balcáns de 1912 e 1913 e durante as dúas guerras mundiais. A derrota militar levou á perda de territorios en 1913 e 1919, aínda que en 1940 recuperou o sur de Dobruxa, o que foi confirmado no Tratado de París de 1947.

Bulgaria conta con partes das rexións coñecidas na época clásica como Mesia, Tracia e Macedonia. O suroeste montañoso do país ten dúas cadeas principais, o Rila e o Pirin, e máis ao leste, as máis baixas pero máis extensas montañas Ródope. A cadea de Rila inclúe o pico máis alto da Península dos Balcáns, o Musala, con 2.925 metros de altitude. O país ten unha densa rede de aproximadamente 540 ríos, a maioría deles, coa notable excepción do Danubio, curtos e con baixos caudais. A maioría dos ríos flúen a través das zonas montañosas, sendo o río máis longo situado exclusivamente no territorio búlgaro o Iskar, que ten unha lonxitude de 368 km. Outros ríos importantes son o Struma e o río Maritsa no sur. Nas cadeas de montañas de Rila e Pirin atópanse ao redor de 260 lagos de orixe glaciar, ademais hai tamén varios lagos grandes na costa do Mar Negro e máis de 2.200 lagos de presas. Existen numerosos mananciais minerais, situados principalmente no sur-occidente e centro do país ao longo das fallas entre as montañas.

En canto ao clima Bulgaria conta cunha notable diversidade, que vai dende os picos cubertos de neve dos Alpes e os Balcáns á suave e solleira costa do Mar Negro, pasando pola chaira do Danubio, antiga Mesia, onde clima é tipicamente continental ou os vales de Macedonia e as terras baixas do sur con influencia climática mediterránea. A precipitación en media a Bulgaria de 630 milímetros por ano. Nas terras baixas precipitacións varían entre os 500 e os 800 mm e nas zonas de montaña entre 1.000 e 1.400 mm. As áreas máis secas son Dobrudja e a franxa costeira do norte, mentres as partes altas da Rila, Pirin, Rodopi, Stara Planina e Osogovska reciben os niveis máis altos de precipitacións.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Catedral de San Alexandre Nevski en Sofía.
Letreiro en búlgaro, tanto en alfabeto cirílico como en latino.
Artigo principal: Demografía de Bulgaria.

No ano 2009 Bulgaria tiña unha poboación de 7 606 551 habitantes, sendo a esperanza de vida de 72,5 anos. A media de fillos por muller é de tan só 1,39, o cal está a provocar que a súa poboación se reduza un 0,83% cada ano, o que supón unhas 45.000 persoas ao ano. O nivel de alfabetización, persoas maiores de quince anos que saben ler e escribir, do 98,2%. Os principais grupos étnicos que se atopan no país son os búlgaros (83,9%), os turcos (9,4%), xitanos (4,7%), así como pequenos grupos de armenios, xudeus (maioritariamente sefardís), rusos ou macedonios.[2]

En canto a relixión, a que máis seguidores ten é a igrexa ortodoxa cun 82,6%, seguido polo islam cun 12,2%, o catolicismo cun 0,6% e o protestantismo cun 0,5%. O restante 4,1% son outras relixións, ateos e non declarados. Dende o ano 865 Bulgaria foi tradicionalmente unha nación cristiá, cunha gran maioría de búlgaros pertencentes á Igrexa Ortodoxa Búlgara. Durante o período otomán o islam estableceuse no país. En canto ao catolicismo, está presente dende tempos medievais e o protestantismo chegou no século XIX. Tamén existe unha minoría xudía no país.

A diferenza de varios dos seus veciños, en Bulgaria as relixións coexisten de forma pacífica. Sofía, a capital do país, ten reputación de ser moi tolerante e de feito, a igrexa de Santa Nedelya, a mesquita Banya Bashi e a sinagoga de Sofía están a tan só uns metros de distancia entre elas.

Artigo principal: Lingua búlgara.

O búlgaro é a lingua oficial de Bulgaria, sendo tamén un dos idiomas oficiais da Unión Europea. Está intimamente relacionado co macedonio polo seu desenvolvemento socio-cultural e histórico. Na súa diversidade conseguiu enriquecerse con palabras arcaicas e internacionais, así como con palabras típicas de cada rexión próxima ás súas fronteiras. Unha tendencia a internacionalizar o fondo verbal e mellorar a compenetración e o entendemento das diversas culturas da Península Balcánica conseguiu homoxeneidade nas formas de expresión. As outras linguas minoritarias que se poden atopar no territorio corresponden aos distintos grupos étnicos.

Goberno e política

[editar | editar a fonte]
Gardas vixiando a entrada da Presidencia

Dende 1991 Bulgaria é unha democracia, cunha constitución de república parlamentaria unitaria. O Presidente de Bulgaria é elixido mediante votación para un período de cinco anos con dereito a unha reelección. O Presidente ostenta o cargo de Xefe de Estado e Comandante en Xefe das Forzas Armadas. É ademais o xefe de Seguridade Nacional e pode devolver unha iniciativa ao parlamento para un debate. O parlamento pode sobreser ese veto coa aprobación de máis da metade dos membros da Asemblea Nacional. O actual presidente búlgaro, dende o 22 de xaneiro de 2002 é Georgi Parvanov.

O Parlamento Búlgaro está formado por unha cámara, a Asemblea Nacional composta por 240 deputados elixidos por voto popular para períodos de catro anos. Vótanse listas de candidatos para nove divisións administrativas e un partido debe obter polo menos un 4% dos votos emitidos para poder integrarse ao parlamento. O parlamento é o responsable de promulgar leis, aprobar o orzamento nacional, programar as eleccións presidenciais, elixir o Primeiro Ministro e outros ministros, formular declaracións de guerra, autorizar o despregamento de tropas búlgaras fóra do país e ratificar tratados e acordos internacionais.

O 27 de xullo de 2009 Boyko Borisov, exalcalde de Sofía, pasou a ocupar o cargo de Primeiro Ministro ao obter o 39.71% dos votos, o que supuxo 116 dos 240 escanos do Parlamento. O seu principal opositor Sergei Stanishev debeu contentarse co 17,70% dos sufraxios e 40 escanos, mentres que o Movemento para Dereitos e Liberdades, terceiro partido en número de votos, obtivo o 14,45% e 38 escanos.

Bulgaria converteuse en membro das Nacións Unidas en 1955, e foi membro fundador da OSCE en 1995. Como unha das Partes Consultivas do Tratado Antártico, o país participa na administración dos territorios situados ao sur dos 60° de latitude sur. O país ingresou na OTAN o 29 de marzo de 2004 e asinou o Tratado de adhesión á Unión Europea o 25 de abril de 2005. Converteuse en membro de pleno dereito da Unión Europea o 1 de xaneiro de 2007, e elixe a dezasete membros do Parlamento Europeo.

Dereitos humanos

[editar | editar a fonte]

En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Bulgaria firmou ou ratificou:

Bulgaria Bulgaria Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[3]
CESCR CCPR CERD CED CEDAW CAT[4] CRC MWC CRPD
CESCR CESCR-OP[5] CCPR CCPR-OP1 CCPR-OP2-DP CEDAW CEDAW-OP[6] CAT CAT-OP CRC CRC-OP-AC CRC-OP-SC CRPD CRPD-OP[7]
Pertenza Firmado e ratificado Sen información Firmado e ratificado Bulgaria recoñeceu a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes Firmado e ratificado Firmado e ratificado Sen información Firmado e ratificado Firmado pero non ratificado Firmado e ratificado Sen información Firmado e ratificado Firmado e ratificado Firmado e ratificado Nin firmado nin ratificado Firmado pero non ratificado Firmado pero non ratificado
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes.


Divisións administrativas

[editar | editar a fonte]

Dende 1999 Bulgaria está dividida en vinte e oito 28 provincias (en búlgaro: oblasti, en singular област/óblast, tamén traducido como "rexión") que corresponden aproximadamente cos 28 okrugs (distritos) que existiran antes de 1987. Dende 1987 até 1999 eses okrugs foron reagrupados en nove oblast máis grandes.[8]

Cada oblast recibe o nome da súa capital, no caso da Provincia de Sofia e a Cidade de Sofía, Sofía é a capital de ambas as provincias, mais o seu territorio está só incluído dentro de Sofía Cidade. As provincias á súa vez están divididas en 260 concellos (община/obshtina).

Sofía
Plovdiv
Varna


Provincia Poboación
(2005)
Área
(km²)
Densidade
(/km²)
Blagoevgrad 334.907 6.478 51,70
Burgas 418.925 7.618 55,00
Dobrich 206.893 4.700 44,02
Gabrovo 135.780 2.053 66,96
Haskovo 268.335 4.033 66,53
Kardzhali 159.878 4.032 39,65
Kyustendil 154.468 3.027 51,03
Lovech 159.214 4.134 38,99
Montana 166.775 3.595 47,35
Pazardzhik 300.092 4.393 68,31
Pernik 142.251 2.377 59,84
Pleven 305.025 4.216 73,64
Plovdiv 707.570 5.973 118
Razgrad 140.743 2.648 53,15
Ruse 256.835 2.616 99,07
Shumen 199.577 3.365 59,31
Silistra 135.701 2.862 47,41
Sliven 211.005 3.646 47,41
Smolyan 133.015 3.532 37,66
Sofia (cidade) 1 231 622 1.349 913
Sofia (provincia) 262.032 7.277 36,01
Stara Zagora 362.090 4.959 73,02
Targovishte 136.806 2.735 50,02
Varna 457.922 3.819 120
Veliko Tarnovo 283.599 4.684 60,99
Vidin 117.809 3.033 39,11
Vratsa 209.124 4.098 51,89
Yambol 147.906 4.209 35,14

En 1987, os vinte e oito okrugs existentes foron transformados en nove grandes oblasts. En 1999 os vellos okrugs foron restaurados, mais o nome "oblast" quedou. Os nove grandes oblasts foron:

# 1987-1999
oblasts
Comprising Provincias de Bulgaria de 1987 a 1998
1 Burgas Burgas, Sliven, Yambol
2 Varna Dobrich, Shumen, Varna
3 Lovech Gabrovo, Lovech, Pleven, Veliko Tarnovo
4 Montana Montana, Vidin, Vratsa
5 Plovdiv Pazardzhik, Plovdiv, Smolyan
6 Razgrad Razgrad, Ruse, Silistra, Targovishte
7 Sofía Sofía Cidade
8 Sofía Blagoevgrad, Kyustendil, Pernik, Sofía
9 Haskovo Haskovo, Kardzhali, Stara Zagora

Economía

[editar | editar a fonte]
Parque de negocios de Sofía
Campo de xirasoles en Dobrudja
Artigo principal: Economía de Bulgaria.

Bulgaria foi un dos países que máis problemas económicos tivo á hora de desligar a súa economía da antiga Unión Soviética, o que minguou as súas posibilidades en relación con outros países da área da Europa central. Por sectores dentro da agricultura, destaca o cultivo de cereais, estando dúas terceiras partes do solo do país están adicadas ao cultivo destes, fundamentalmente trigo, maínzo, cebada, centeo e arroz. Os cultivos industriais de tabaco, algodón e xirasol representan unha parte máis rendíbel da organización agrícola. No proceso de privatización da terra, sufriuse un gran parcelamento que non beneficiou as explotacións.

Dentro da industria destaca a siderurxia, as plantas de produtos químicos e a produción téxtil. O país carece case por completo de petróleo o que agrava a súa dependencia exterior en materia enerxética. Con todo, posúe depósitos importantes de carbón e lignito que manteñen as anticuadas centrais térmicas e a siderurxia. O resto da enerxía que produce, provén, nunha pequena proporción, da hidráulica. En 2006 tivéronse que desconectar dous reactores atómicos soviéticos da central nuclear de Kozloduy, e modernizar outros bloques da mesma mediante créditos de Euratom por un total de 212,5 millóns de euros.[9] Xa no ano 1993, coa colaboración fundamental da Comunidade Europea, que achegou cerca de 19 millóns de dólares melloráranse os sistemas de seguridade da central. Bulgaria exporta enerxía a Macedonia do Norte, Serbia, Montenegro e Romanía.

Os avances tecnolóxicos da década dos oitenta nos países occidentais fixeron que a industria búlgara ficase obsoleta. As reformas no seu momento foron tímidas e incrementouse a débeda externa dun xeito notable. Mais, segundo o seu estudo anual o Banco Mundial incluíu a Bulgaria dentro dos dez principais países que maior cantidade de reformas realizaron en 2006.[10]

Como membro da Unión Europea desde 2007, Bulgaria fixo un significativo traballo para loitar contra a corrupción e acelerar o proceso de privatización que favorece un programa de actuación até 2009. Os propios reinvestimentos dos empresarios búlgaros e mais os estranxeiros acadaron os cinco mil millóns de euros en 2006. O Tratado europeo de Lisboa subscrito no 2007 acordou con Bulgaria o dereito de chamar "evro" (евро) ao euro para adaptalo ao alfabeto cirílico.[11]

Pintura de Kostantin Velichkov

Bulgaria a miúdo é descrita como un país na encrucillada que une o Leste e o Oeste. Sempre funcionou como o centro de Europa eslava durante gran parte da Idade Media, exercendo considerable influencia literaria e cultural sobre o mundo eslavo por medio das escolas literarias de Preslav e Ohrid. Bulgaria tamén deu orixe ao alfabeto cirílico, o segundo máis amplamente utilizado do mundo, que tivo a súa orixe nestas dúas escolas no século X. Unha serie de antigas civilizacións, sobre todo os tracios, gregos, romanos, eslavos e búlgaros, deixaron a súa pegada na cultura, a historia e o patrimonio de Bulgaria. O país ten nove lugares declarados como Patrimonio da Humanidade:

  • O Cabaleiro de Madara.
  • Dúas tumbas de Tracia (unha en Sveshtari e outra en Kazanlak)
  • Tres monumentos da cultura búlgara medieval (a Igrexa de Boyana, o mosteiro de Rila e as igrexas rupestres de Ivanovo)
  • Dous exemplos de beleza natural: o Parque Nacional do Pirin e a Reserva Natural de Srébarna
  • A antiga cidade de Nesebar

Tamén a Necrópole de Varna, 3500-3200 a.C. contén os exemplos de ourivaría máis antigos do mundo. En canto á música búlgara destácase por numerosos artistas entre os que destacan o compositor Pancho Vladigerov e os cantantes de ópera Nicolai Ghiaurov, Boris Christoff, Raina Kabaivanska ou Ghena Dimitrova, tamén Anna Veleva e a mundialmente famosa arpista Anna-Maria Ravnopolska-Dean e artistas de éxito como Christo Yavashev, Jules Pascin, Vladimir Dimitrov ou Nikolay Dimitrov, que popularizaron a cultura do país en todo o mundo.

  1. The Proto-Bulgarians north and west of the Black Sea
  2. NSI Censo
  3. Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. 
  4. Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  5. Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014. 
  6. Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  7. Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014. 
  8. Government Structure of Bulgaria
  9. "Réquiem para dos reactores". Deutsche Welle 28.12.2006 (en español). 2006. Consultado o 04/11/2007. 
  10. "Singapur: el mejor para negocios". BBC 26.09.2007 (en español). 2007. Consultado o 04/11/2007. 
  11. "Europa acuerda reformas". BBC 19.10.2007 (en español). 2007. Consultado o 04/11/2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Bulgaria&veaction=edit&section=9

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy