Adolph Alexander Weinman
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de decembro de 1870 Durmersheim (Grão-ducado de Baden) |
Morte | 8 de agosto de 1952 (81 anos) Port Chester (Estados Unidos de América) |
Lugar de sepultura | Calvary Cemetery (en) |
Educación | Art Students League of New York (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Nova York |
Ocupación | escultor, artista |
Membro de | |
Participou en | |
1928 | Xogos Olímpicos de 1928 |
Premios | |
Descrito pola fonte | The Encyclopedia Americana (mul) |
Adolph Alexander Weinman (apelidado orixinalmente Weingärtner),[1] nado en Durmersheim, Alemaña, o 11 de decembro de 1870 e finado en Port Chester, Nova York, o 8 de agosto de 1952, foi un escultor, medallista e deseñador e gravador de moeda xermano-estadounidense.[2]
Weinman acadou en 1898 a nacionalidade estadounidense.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Weinman naceu na vila de Durmersheim, próxima a Karlsruhe, no daquela Gran Ducado de Baden, o 11 de decembro de 1870. Con só 10 anos, en 1880, trasladouse aos Estados Unidos coa súa nai viúva, para vivir cuns parentes en Nova York.[3][4][5][6][7] Coma outros inmigrantes alemáns, nos Estados Unidos cambiou o seu apelido orixinal, Weingärtner, por Weinman, para lle dar unha aparencia máis próxima ao inglés.[1]
Nesa cidade, logo de traballar como aprendiz do tallador de madeira e marfil Frederick Kaldenberg,en 1887 comezou a asistir ás clases nocturnas da Cooper Union, onde o seu talento para o debuxo ornamental lle proporcionou o premio Mitchell Vance. O ano seguinte foi admitido como alumno do escultor Philip Martiny e logo continuou a súa formación artística na Art Students League, de Nova York, onde tivo como profesores a escultores tan recoñecidos como Augustus Saint-Gaudens.[3][4][5][7][1]
Carreira artística
[editar | editar a fonte]Logo da súa formación académica, Weinman continuou traballando como axudante dos escultores Charles Niehaus, Olin Warner e Daniel Chester French, ata finais do século.[3][4][7] En 1904 abriu o seu primeiro estudio propio en Nova York, e en 1923 trasladouse a outro en Forest Hills, na mesma cidade, onde residiu durante toda a súa vida.[5][6]
Aínda que Weinman acadou máis sona como deseñador e gravador de moedas estadounidenses, el reivindicou a súa condición de escultor, disciplina na que cultivou unha abundante obra, nalgúns casos de relevancia, sinaladamente a de escultura ornamental ou arquitectónica.[1]
Os seus ingresos ordinarios procedían maioritariamente da venda de pequenas reproducións en bronce das súas obras de maior tamaño. Un exemplo disto é a súa obra Descending Night, cuxa versión monumental foi encargada orixinalmente para a Exposición Internacional Panamá-Pacífico de San Francisco (1915) para decorar as súas fontes exteriores e cuxa reprodución forma parte da colección do Museo Metropolitano de Arte de Nova York.[8]
Weinman formou parte do concurso de escultura das Olimpíadas de Verán de 1928.[1] Así mesmo, pertenceu a diversas entidades artísticas e eruditas, como a Sociedade Nacional de Escultura —cuxa presidencia exerceu entre 1927 e 1930—, a Comisión de Belas Artes dos EEUU (1929-1933),[9] a Academia Estadounidense das Artes e das Letras, o Instituto Nacional das Artes e das Letras, a Academia Nacional de Deseño ou a Comisión de Arte da Cidade de Nova York, entre outras.[6] Weinman foi membro tamén da American Numismatic Association e da American Numismatic Society.[3]
Pasamento e legado
[editar | editar a fonte]Adolph Weinman finou en Port Chester, no estado de Nova York, o 8 de agosto de 1952.[6] Logo do funeral na Catedral de San Patricio, en Manhattan, o seu corpo foi soterrado no cemiterio Calvary, de Queens.[10]
Os documentos da traxectoria de Adolph A. Weinman consérvanse nos Arquivos da Arte dos Estados Unidos, do Instituto Smithsoniano.[5]
O seu fillo máis vello, Robert Weinman, foi tamén un escultor e medallista recoñecido.[11] Outro dos seus fillos, Howard Weinman, foi o autor da moeda conmemorativa de medio dólar do tricentenario de Long Island.[12]
Unha das principais discípulas de Adolph Weinman foi a escultora Eleanor Mary Mellon (1894-1979).[13]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1920): Premio Sanford Saltus de Medalla, da American Numismatic Society, de Nova York.[14]
- (1945): Medalla de ouro Elizabeth N. Watrous, da National Academy of Design, de Nova York[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Moeda e medalla
[editar | editar a fonte]Weinman é lembrado fundamentalmente por ser o deseñador e gravador da moeda de 10 centavos de dólar Mercury (1916),[16][17] e sinaladamente do medio dólar da Liberdade camiñando (1916),[18][19] un deseño este último que foi recuperado en 1986 para o anverso da popular moeda de colección American Silver Eagle.[4][20][21]
Tamén participou na creación de varias medallas de servizo para as Forzas Armadas estadounidenses, entre as que destacan os reversos das da Campaña de Asia-Pacífico; a Campaña de Europa, África e Oriente Medio, todas elas da segunda guerra mundial. Entre as medallas civís destacan a conmemorativa da Exposición da Compra de Luisiana (1904), a do Instituto Americano de Arquitectos (1907) e a outorgada como premio Stanford Saltus de Medalla (1918), da American Numismatic Society.[3][7][14][21][22]
En 1907 comezou a expor a súa obra medallística na Academia Nacional do Deseño, e nesa institución expuxo tamén os anos seguintes os modelos de varias das súas producións escultóricas máis salientables.[3] Tamén expuxo a súa produción de medallas na Exposición Medallística de Nova York e no Salón da Medalla de Bruxelas, ambos en 1910.[7]
Escultura
[editar | editar a fonte]A obra de Weinman como escultor arquitectónico pódese atopar nos capitolios dos estados de Wisconsin, Missouri e Luisiana. Weinman converteuse no escultor favorito do estudio de arquitectura McKim, Mead and White, e deseñou tamén esculturas para diversos edificios e monumentos de Nova York, como a Casa Consistorial de Manhattan, a igrexa presbiteriana de Madison Square —rematada en 1906 e demolida en 1919—, o monumento aos mártires dos barcos de prisioneiros na Guerra de Independencia e a estación de ferrocarril de Pensilvania —concluída en 1910 e demolida en 1963—.[6] Algunhas das súas aguias procedentes desta estación consérvanse noutros lugares, como as novas instalacións da propia estación ou o parque zoolóxico nacional de Washington.[23]
Entre outras das súas obras de escultura arquitectónica fóra de Nova York destacan o friso do memorial aos veteranos de guerra, en Chicago, e esculturas para o edificio do Departamento Postal, para o Jefferson Memorial e para o interior do Tribunal Supremo dos EEUU, todas estas en Washington.[3][6]
Dentro da obra escultórica non arquitectónica de Weinman pódense salientar os monumentos de Macomb e Maybury, en Detroit, así como a escultura de Abraham Lincoln situada no centro da vila de Hodgenville, en Kentucky.[6]
A maioría das obras escultóricas de Weinman corresponden a un estilo coñecido como "Neoclásico lírico". As súas figuras adoitan levar drapeados clásicos, aínda que na súa obra se aprecia tamén unha fluidez que presaxia o estilo Art Decó, que Weinman tamén cultivou. A súa pequena estatua de bronce titulada The Nude Golfer ("O golfista espido"), de 1901, é unha mostra representativa deste estilo. Este traballo evoca a escultura clásica pola súa atención á anatomía humana e ao movemento, así como o propio espido do deportista, en tanto que a propia escolla do suxeito, un xogador de golf contemporáneo, lle achega un toque de actualidade.[24]
Escolma de traballos
[editar | editar a fonte]Moeda e medalla
[editar | editar a fonte]-
Idem. R/.
-
Idem. R/.
Escultura
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Adolph Weinman". Olympedia.org
- ↑ "Weinman, Adolph Alexander". En The Encyclopedia Americana (1920).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Adolph Alexander Weinman Arquivado 17 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine.". National Academy of Design.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Reiter, E. (2000). "The Weinman Legacy. Part 1". En Professional Coin Grading Service (PCGS). 31 de xaneiro.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "Adolph A. Weinman papers, 1890-1959". Smithsonian Institution.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 "Weinman, Adolph A. (Adolph Alexander), 1870-1952". Social Networks and Archival Context (SNAC).
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Forrer, L. (1916). Páxina 427 .
- ↑ 8,0 8,1 "Descending Night. ca. 1914, cast by 1917". Metropolitan Museum of Art.
- ↑ Luebke, T. E. (2013.) Civic Art. A Centennial History of the U.S. Commission of Fine Arts. U.S. Commission of Fine Arts, Washington. Apéndice B. Páxina 557. ISBN 978-0160897023
- ↑ "Adolph Alexander Weinman". Findagrave.com
- ↑ "Robert Alexander Weinman Arquivado 17 de xaneiro de 2023 en Wayback Machine.". National Academy of Design.
- ↑ "½ Dollar Long Island". Numista.com
- ↑ Heller, J.; Heller, N. G. (2013). North American Women Artists of the Twentieth Century. A Biographical Dictionary. Routledge. ISBN 978-1-135-63882-5
- ↑ 14,0 14,1 "The Saltus Medal Award". American Numismatic Society.
- ↑ "The Louisiana Purchase Exposition, Saint Louis 1904". Metropolitan Museum of Art.
- ↑ "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.com
- ↑ Lange, D. W. (1993) A Complete Guide Book to Mercury Dimes. DLRC Press, Virginia Beach. ISBN 978-1-880731-17-8
- ↑ "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.com
- ↑ "Walking Liberty Silver Half Dollar". CoinNews.net
- ↑ "American Eagle Silver Proof Coin". United States Mint.
- ↑ 21,0 21,1 "Die Münzen und Medaillen von Adolph Weinman". Muenzen-Online.com
- ↑ Noe, S. P. (1921).
- ↑ "Eagle (sculpture)". Smithsonian Institution.
- ↑ "The nude golfer, 1901". Artnet.com
- ↑ Noe, S. P. (1921). Páxina 25.
- ↑ "1 Dime "Mercury Dime"". Numista.com
- ↑ "½ Dollar "Walking Liberty Half Dollar"". Numista.com
- ↑ "Eagle (sculpture)". Smithsonian Institution.
- ↑ Federal Writers' Project (1996). The WPA Guide to Kentucky. University Press of Kentucky. Páxina 120. ISBN 0813108659
- ↑ "Union Soldiers and Sailors Monument (sculpture)". Smithsonian Institution.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Adolph Alexander Weinman |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Forrer, L. (1916). "Weinman, Adolph Alexander". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol VI. Spink & Son, Londres. Páxinas 427-428.
- Noe, S. P. (1921). The Medallic Work of A. A. Weinman. American Numismatic Society, Nova York.