Saltar ao contido

1806

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1806
Calendario gregoriano1806
MDCCCVI
Ab urbe condita2559
Calendario armenio1255
Calendario chinés4502 – 4503
Calendario hebreo5566 – 5567
Calendario hindú
 ·  Vikram Samvat1861 – 1862
 ·  Shaka Samvat1728 – 1729
 ·  Kali Yuga4907 – 4908
Calendario persa1184 – 1185
Calendario musulmán1221 – 1222
Calendario rúnico2056
Década de 1800
1802 1803 1804 1805 1806 1807 1808 1809 1810

1806 (MDCCCVI) foi un ano común comezado en mércores segundo o calendario gregoriano.

Acontecementos

[editar | editar a fonte]

Reino Unido

[editar | editar a fonte]
  • O almirante e meteorólogo irlandés Francis Beaufort (nado no ano 1774 e finado 1857) crea e pon a punto unha escala graduada para medir a velocidade do vento. A escala proposta por Beaufort está divida por 12 graos (aínda que algún autor propón 13 - de se contar co grao "0"-) que abranguen a velocidade do vento dende "0 km/h para a calma" ata "118 km/h para o furacán". A escala pronto comezou a utilizarse universalmente.
  • O 23 de xaneiro o político británico William Pitt, o Novo, primeiro ministro dende 1783 ata 1801 e dende 1804 ata a súa morte, falece en Londres con 46 anos de idade. Parlamentario desde 1781 como "whig" independente, Pitt é nomeado primeiro ministro con 24 anos de idade, o feito veulle tras contribuír á caída da coalición ministerial Fox-North e polos seus argumentos enérxicos xunto aos habituais razoamentos como home de estado. Pitt toma o mando da política de Gran Bretaña durante as guerras da revolución francesa. Pola confianza que lle dá o rei acompañado dunha sólida maioría no Parlamento, dan lugar a que o poder político decisorio pase baixo el ás mans do primeiro ministro. Prontamente toma o mando dun grupo de políticos reformistas, e ocúpase de restablece-lo equilibrio nas finanzas conseguindo mellora-la situación económica do seu país trala perda na guerra de Independencia norteamericana.
  • O 16 de maio o consello de ministros británico, dirixido polo Lord William Wyndham Grenville (antigo ministro de Asuntos Exteriores de Pitt), decreta o bloqueo dos portos europeos, dende Brest ata Hamburgo. O chamado "ministerio de tódolos talentos", formado á morte de William Pitt (o novo); e que agruparía os partidarios de Pitt, de Addington e de Fox (tan só se mantería no poder un ano, pero lograría suprimir a trata de escravos en 1807), non atopa outra forma para asegura-lo comercio e prevenilo contra un posible ataque francés que impoñerse por medio da súa poderosa mariña.

Venezuela

[editar | editar a fonte]
  • No primeiro semestre deste ano, o xeneral Francisco de Miranda (que intentará en dúas ocasións, sen éxito, organiza-lo alzamento nas colonias venezolanas contra a dominación española) non ten posibilidade de facer fronte ao exército que avanza dende Caracas na súa procura. Miranda volve embarcar cara a Trindade con voluntarios que viñeran dende os Estados Unidos, onde preparara a expedición liberadora coa axuda do presidente Jefferson (quen buscou como aliado polo consello o primeiro ministro británico Pitt). Pitt estaba interesado en forzar aos Estados Unidos, xa comprometidos co tema de Miranda, en entrar na guerra contra Francia e España; porén, Pitt desbotaba o proxecto de crear unha América baixo o auspicio da coroa británica coma unha monarquía parlamentaria. Pero a entrada en escena dun universitario e militar, nado en Caracas no 1750, de nome Miranda, e que viaxara por España no 1771 servindo o exército peninsular ata 1780 no que foi enviado a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia estadounidense, mudou todo ao respecto. Pola súa contra, Miranda, que grazas aos seus contactos con Jefferson e Hamilton, dos que xurdiu o proxecto da independencia venezolana, volve a Europa, onde participa na revolución francesa obtendo o grao de mariscal. Encarcerado polos xacobinos, puido librarse da guillotina. Creou en Londres (onde coñeceu a Bolívar) a Gran Reunión Americana (unha loxa masónica que propugnaba, unha vez obtida a independencia, a unión de toda a América hispana).
  • Francisco de Miranda intenta apoderarse de Venezuela, contaba para iso co apoio económico do Reino Unido e o visto e prace de Estados Unidos. Logo de saír en febreiro de Nova York con 200 unidades, tenta desembarcar en Ocumare (en abril, feito que resulta un fracaso). Pero vese na obriga de refuxiarse na Illa de Granada e, posteriormente (na Illa de Barbados) recibe a axuda do almirante Cochrane. Despois do intento de conquista de Coro, no que consegue ocupala dez días (en agosto), Miranda volve ao Reino Unido, onde se xuntará con Simón Bolívar nos preparativos independentistas.
  • En Francia o físico, Charles de Coulomb (nado en Angoulème un 14 de xuño de 1736 e finado en París o 23 de agosto de 1806), enxeñeiro militar que construíu o forte Bourbon na Martinica. Pero deixou o exército e se adicou ás investigacións científicas, ocupándose do magnetismo, o roce e da electroestática. Nos seus estudos e experiencias descubriu a lei que lle fixo famoso (a lei de Coulomb); que indica as atraccións mutuas, de atracción ou repulsión, de dous corpúsculos eléctricos, cuxos valores son inversamente proporcionais aos cadrados das distancias que os separan. Tamén desenvolveu a teoría da electrificación superficial dos condutores. No 1789, tras facer estudos sobre a acción do campo magnético terrestre na que emprega unha agulla imantada, introduciu a noción do momento magnético. Tamén creou a teoría da polarización e foi nomeado membro do Instituto.
  • Desde que Napoleón I Bonaparte fora coroado como emperador dos franceses (o 2 de decembro de 1804), eleva a toda súa familia á dignidade real poñendo sobre as súas cabezas as coroas dos estados dependentes de Francia; pouco importaba que eses estados tivesen outro idioma, outra tradición política e outros costumes diferentes a Francia, e por iso rexeitaban con todas as súas forzas a idea dun rei, un goberno e unha administración estranxeira. Porén, estas consideracións non son válidas para Napoleón, quen tan só desexa poñer a Europa baixo o seu dominio. Para iso necesita persoas que sexan leais á súa persoa, que cumpran as súas ordes e, que estean capacitadas para impoñe-lo dominio francés sobre as demais nacións. Desconfiado por natureza, non cre na lealdade á súa persoa da maioría dos xenerais que o auxilian, nin tampouco confía na súa capacidade política; ademais de ver neles unhas persoas de ambicións escrupulosas, polo que non desexa entregarlle un excesivo poder. Tal situación, vese na obriga de acudir aos seus irmáns que, con escasa experiencia política, polo menos lle son fieis e préstanlle bos servizos. Seu irmán máis vello, Xosé, negociou no seu nome tratados con Austria e Gran Bretaña obtendo bos resultados. Seu irmán Luciano ocupaba a presidencia do Consello do Cincocentos o 18 de brumario (9 de novembro 1799 no calendario revolucionarios francés), data en que Napoleón fixo un golpe de estado, e dende o seu posto de presidente Luciano impediu que se celebrara unha votación con fin de condena-la toma de poder. Lois, dedicado tamén á carreira militar, e que xa o acompañara na súa campaña a Exipto como axudante, e máis tarde (no 1805), estivo como gobernador xeral de Piemonte (cargo que desenvolveu con acerto). Para iso, tras realizar unha calculada expansión nos territorios circundantes a Francia, instala como soberanos dos mesmos os seus irmáns. O 30 de marzo de 1806, José obtén a coroa de Nápoles que abandona no 1808 pola de España. En Nápoles, Napoleón coloca entón a Xaquín Murat, home da súa irmá Carolina. Nin que dicir ten para as demais irmás (Paulina e Elisa). No 1806 a República Bátava, estado dependente de Francia, convértese no reino de Holanda, de cuxa coroa faise cargo Luís. En Alemaña, Xerome é proclamado rei de Westfalia (feito que ocorrería o 18 de agosto 1807), estado formado recentemente con parte dos territorios de Prusia, Hannover e Hesse-Kassel. Deste modo, Napoleón colocou nos estados "tapón" entre Francia e Prusia, e demais territorios veciños, as persoas que máis confianza lle ofrecían. Porén, as súas esperanzas víronse defraudadas, xa que seus irmáns non se contentan con ser simples peóns da súa política, senón que intentan gobernar con estilo propio, e levar adiante as ideas que posúen, antagónicas ás veces ás do emperador.
  • O 13 de febreiro Napoleón Bonaparte enfróntase ao papa Pío VII coma consecuencia das súas reservas ante o anuncio da aparición do "Catecismo Imperial", que será proclamado o 4 de abril, e no que aparece Napoleón definido como ministro de Deus na Terra.
  • O 22 de agosto morre na cidade de París o pintor francés, Jean-Honoré Fragonard (que nacera un 5 de abril de 1732 en Grasse). Durante a súa aprendizaxe recibiu influencias dalgúns pintores famosos da súa época (Chardin, Boucher e Natoire). Neste período de aprendizaxe adicouse sobre todo a copia-las obras dos grandes pintores barrocos italianos e flamengos. Entre 1765 e 1772 centrou os seus cadros en temas de paisaxes e nus, nos que revela unha moderna sensualidade mediante a utilización de tons tenues, alternando entre os rosáceos e os perláceos ("La cómica estirada", no museo de Louvre, París). Foi máximo expoñente do decadentismo rococó, conseguindo algúns do cadros máis famosos do estilo, que resaltan polo seu cromatismo chispeante, especialmente poético ("Alegorías", no museo Louvre, París; "A rapaza que le", no museo National Gallery, Washington).

Países Baixos

[editar | editar a fonte]
  • O 5 de xuño O emperador Napoleón I transforma a República Bátava no reino de Holanda e nomea rei da mesma a seu irmán Lois Bonaparte (nado no ano 1778 e morto no 1846) que, dende 1805 vive como gobernador xeral no Piemonte. Luís, que é o terceiro irmán de Napoleón I sufrirá o bloqueo continental nese mesmo ano, polo que irremisiblemente entrará nunha oposición crecente cara seu irmán Napoleón. Trata de defende-los intereses do país polo que gaña o aprecio do seus súbditos; porén, tras varios intentos de convencer a seu irmán (máis preocupado pola estratexia militar e os seus intereses) de que está a perde-lo tempo contra Gran Bretaña. Luís ve o seu país invadido polas tropas imperiais que o fan renunciar ao trono o 30 de xuño 1810 no favor de seu fillo Lois Bonaparte (futuro Napoleón III); polo que fuxirá abandonando as responsabilidades do reino.

África do Sur

[editar | editar a fonte]
  • Gran Bretaña ocupa definitivamente a colonia do Cabo, que no 1803 devolverá temporalmente á República Bátava. Os colonizadores británicos aséntanse, poñendo na súa preferencia, a fronteira que delimita o imperio xosa.
  • Durante o levantamento dos serbios iniciado no 1804 baixo o mando de Karagjogje (máis coñecido coma Xurxo o Negro) contra o dominio estranxeiro dos otománs, os insurxentes ocupan Belgrado. Este levantamento popular remata no 1813 e Karagjogje emigra a Austria pero será asasinado no 1817 cando volve secretamente a Serbia para organizar unha insurrección xeral nos Balcáns.
  • O 26 de setembro o rei Frederico Guillerme III de Prusia esixe a Francia que desaloxe os territorios alemáns da beira dereita do Rin. O 9 de outubro, ao non atender Francia a esixencias do rei prusiano, Frederico Guillerme III publica un manifesto de guerra contra Francia, polo que se inicia a cuarta guerra de coalición.
  • O 21 de novembro o emperador de Francia, Napoleón I, promulga un decreto que declara o bloqueo continental contra Inglaterra. A partir de agora, queda prohibido o intercambio comercial con Gran Bretaña e a entrada de mercadorías británicas en tódolos portos do continente. A estratexia napoleónica consiste en privar a Londres da súa principal arma, a súa potencia comercial, colléndolle os mercados europeos. O decreto do emperador divide Europa en dous bloques rivais: Inglaterra, que mantén o dominio oceánico contando, ademais, con relacións privilexiadas con Portugal (que é outra das grandes potencias marítimas), Sicilia e Sardeña, asegura a súa presenza no Mediterráneo. Pola súa contra, o bloque rival, estruturado en torno a Francia, controla na práctica todo o continente: Dinamarca, Austria e Rusia manifestaron a súa intención de respecta-las disposicións do decreto de Berlín. Mentres tanto, a política imperial francesa non se limita a espera-los resultados do bloqueo. Para Napoleón, esa medida tiña que ser completada coa formación de novos estados vasalos. No 1807 decrétase a anexión de Etruria, ocupada polos Estados Pontificios, conquista Portugal e disponse a conquistar España. No verán de 1807, o volume de exportacións británicas diminuíra un 20 %. Pouco despois, comezaría a quedar claro que o bloqueo tiña efectos paradoxais para Gran Bretaña e para o continente. O comercio inglés, limitado fortemente en Europa, obtén o monopolio de gran parte dos produtos das colonias polo que encontra novos mercados laterais, grazas ao predominio que sobre os mares exerce a mariña real. Por outra parte, ao quedar eliminada a competencia británica, o comercio e a industria do continente coñecen unha etapa de pleno desenvolvemento; Francia, Alemaña e Suíza comezan a dispoñer dunha industria téxtil que multiplica por catro o volume de produción nos primeiros anos do bloqueo. Para o pobo das chairas do continente, as consecuencias do decreto napoleónico mídense por outro lado; a falla do algodón e da cana de azucre (mercadorías coloniais monopolizadas polos ingleses), repercute de forma nada favorable nas capas de poboación, polo que o bloqueo tamén ten un efecto distorsionador sobre o conxunto da economía, e favorece a aparición do mercado negro xunto coas máis diversas corrupcións. En Alemaña, a política do bloqueo permite o florecemento de grandes centros de comercio clandestino (Bremen, Hamburgo e Frankfurt. De feito, Napoleón veríase na obriga de instalar máis de 200 000 postos aduaneiros, con miles e miles de axentes e soldados, para asegura-lo cumprimento do decreto promulgado en Berlín. Dende o punto de vista estratéxico, a sorte do bloqueo contra Inglaterra íase xogar en España: a mariña británica controlaba o Estreito de Xibraltar, lonxe do alcance dos exércitos napoleónicos. A conquista de España sería logo nunha necesidade perentoria para Napoleón, despois de obrigar a abdicar a Carlos IV e Fernando VII, impuxo no trono español a Xosé Bonaparte. Pero a sublevación do pobo español (na noite do 2 ó 3 de maio de 1808), foi toda unha oportunidade para o exército británico para intervir, o que impuxo un novo xiro ao conxunto da situación europea. A ambiciosa táctica do bloqueo continental contra Gran Bretaña mostraba as súas primeiras debilidades e, o prestixio de Napoleón comezaba a entrar nunha zona de sombras.
  • Nos Estados Unidos ocorre que un 23 de setembro chegan os exploradores norteamericanos Meriwether Lewis e William Clark á cidade de Saint Louis tras unha viaxe de exploración, no curso da cal logran chegar ata a costa do Pacífico. A viaxe abarcou 12 372 km e comezara o 14 de maio de 1804. A iniciativa de explora-la rexión do Missouri (ata entón descoñecida) saíu de Thomas Jefferson, e tiña como primeiro obxectivo opoñerse á última expansión británica dende o Canadá cara ó curso superior do río Missouri. No 1802, Jefferson conseguiu a colaboración de Lewis (amigo del da nenez), e a finais do 1803 a empresa foi aprobada polo Congreso. Lewis e Clark remontaron o Missouri nunha lancha de 18 m de lonxitude, acompañados por 28 persoas máis (17 militares, e o resto voluntarios entre os que había: gardas fronteirizos, carpinteiros, ferreiros e cazadores): os que lles habería que sumar un intérprete e o servente negro de Lewis. Ó longo da viaxe os exploradores realizaron medicións astronómicas, xeolóxicas e xeográficas; tendo a gran sorte de que unha india shoshone, Sacagawea lles fixera de guía polos ríos Snake e Columbia ata o Pacífico.
  • O 12 de agosto na Arxentina, as tropas británicas son expulsadas de Bos Aires (no Río da Prata) da que se apoderaran o 27 de xuño cunha pequena expedición. O triunfo bonaerense, que tivo influencia decisiva no apoio a Montevideo, terá importantes consecuencias (estimula o orgullo local, provoca a militarización da cidade coa creación de milicias), que influirán no movemento independentista.
  • Na illa de Haití o 17 de outubro o emperador Jean Jacques Dessalines (que reinaba baixo o nome de Xacobo I) morre asasinado por indución dos seus rivais (Henri Christophe e Anne Alexandre Pétion). Trala caída do emperador, Haití descomponse nunha república mulata ao sur (gobernada polo presidente Pétion) e un reino baixo Henri Christophe no norte.

Sacro Imperio

[editar | editar a fonte]
  • O 6 de agosto, tras recibir un ultimato do emperador francés, Napoleón I, o emperador Francisco II renuncia á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico e declara solemnemente a súa extinción; polo que tódolos estados membros quedan liberados das súas obrigacións coa autoridade imperial. Os precedentes da disolución veñen da decisión principal da deputación do Reich (tomada o 23 de febreiro do 1803), na que se conformaba a reordenación do imperio. A secularización dos príncipes eclesiásticos supón a anulación da soberanía directa do imperio sobre os estados membros; o emperador perdera todo o seu poder e xa era unha figura simbólica. O 12 de xullo de 1806, dezaseis estados alemáns fundan a Confederación do Rin, baixo o protectorado de Napoleón I polo que o 1 de agosto se fai a declaración perante a Dieta imperial de Ratisbona a súa segregación; a disolución do Sacro Imperio Romano Xermánico é inevitable. A maioría das prerrogativas imperiais pasa ás mans da Confederación do Rin e, coas mesmas, as mans de Napoleón. Os estados de Baviera, Baden e Württemberg, que lograron aumenta-las súas extensións, intentan alcanza-la plena soberanía, e cren que a única forma de logra-lo obxectivo é aliarse co emperador francés. O estado prusiano, que tamén conseguiu ampliar territorio, está ligado a Francia cun tratado de neutralidade. Tan só uns poucos partidarios do imperio non están conformes coa progresiva desintegración deste e o paso derradeiro dado polo ata de agora, emperador Francisco II. A extinción do Sacro Imperio Románico Xermánico supón unha importante vitoria de Napoleón e, polo tanto, un afianzamento da autoridade francesa na Europa.
  • O 31 de outubro morre o mestre xilógrafo xaponés Kitagawa Utamaro (que nacera no 1753, ó parecer, en Kawagoe). Ó comezo da súa carreira, Utamaro dedicouse sobre todo ás ilustracións para novelas populares e obras eróticas, nas que tivo un gran recoñecemento pola súa mestría das descricións rigorosas de elementos e paisaxes naturais. Nas súas obras da época 1785/90, destacan "O libro dos insectos" e as "Ofrendas da marea baixa", que demostran a súa capacidade de observación e están na orixe da escola tradicionalista de pintura xaponesa coñecida co nome deste gravador: Kitagawa. Son tamén destacables na súa obra as faces femininas que exercen notable influencia; neste sentido son de especial valor os "bijinis" (retratos de mulleres novas, con faces finas e graciosas) que materializan o ideal da beleza da época.
  • O 12 de xullo celébrase na cidade francesa de París, a Confederación do Rin. Constituída por 16 príncipes alemáns (o de Baviera e o de Wüttemberg, entre outros), coma consecuencia das vitorias de Napoleón I. Con iso conságrase o fin do Sacro Imperio Romano Xermánico, comprometéndose a prover a Napoleón dun exército de 63 000 homes. Estará composta por 36 Estados despois da caída de Prusia no ano 1811. E será disolta no 1813, polo que o feito marcará unha etapa no proceso da unidade alemá. Polo momento tan só sae favorecida Baviera, xa que o duque Maximiliano I Xosé, aliado de Francia durante as guerras da Revolución e do Imperio, ve como o seu ducado se amplía, ata se converter no Estado máis importante da Alemaña meridional polo que é erixido en calidade de rei. O seu cambio de alianza no 1813 proporcionaralle a confirmación e incluso o aumento das súas adquisicións territoriais no tratado de Viena do 1815. Sucederalle o seu fillo Lois I nos albores do 1825.
  • O 14 de outubro o exército prusiano deixa de existir, como resultado da batalla de Auerstedt na que a maior parte do seus efectivos foron feitos prisioneiros. As tropas francesas ó mando do emperador Napoleón I, que pouco antes vencera os prusianos na batalla de Jena, ten agora aberto o camiño que vai cara a Berlín. Un ano antes, Napoleón reorganizara Alemaña neutralizando a preponderancia prusiana: a Confederación do Rin, formada por dezaseis estados alemáns e aliada a Francia. O feito constitúe para Berlín unha realidade insultante, polo que xunto a Gran Bretaña e Rusia, os prusianos formaron a cuarta coalición antinapoleónica, cuxo fracaso quedou neste día en evidencia. A pesar da complexa vitoria que obtiveron as tropas francesas, estas deberán enfrontarse a unha posible ofensiva rusa, feito que lles obrigará a manterse na Prusia oriental. Dende os círculos diplomáticos afírmase que Napoleón só ten coma único inimigo de Francia a Gran Bretaña, pero que estaría disposto a establecer un pacto estratéxico co tsar Alexandre I; sen contar coas diferenzas que agora lles separan. O obxectivo do emperador consiste en botar a perder o poderío económico británico.

Nacementos

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy