Saltar ao contido

Grupos Antiterroristas de Liberación

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «GAL»)
Grupos Antiterroristas de Liberación
AcrónimoGAL e GAL
Tipoorganización terrorista e escuadrón da morte
Área de operaciónEspaña e Francia
Data de fundación1983
Data de disolución1986
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Os Grupos Antiterroristas de Liberación (GAL) foron agrupacións armadas parapoliciais que practicaron o que se denominou terrorismo de Estado ou "guerra sucia" contra o grupo terrorista ETA e a súa contorna, durante a década de 1980. Foron creados e dirixidos por altos funcionarios do Ministerio do Interior de España, durante o goberno do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) do presidente Felipe González.

Aínda que dicían combater a ETA, en varias ocasións atentaron contra simples militantes da esquerda independentista vasca e contra ecoloxistas. Tamén realizaron accións indiscriminadas debido ás cales faleceron cidadáns franceses sen adscrición política coñecida.

Os GAL foron obxecto das investigacións do xornal El Mundo, dirixido por Pedro J. Ramírez, e por outros xornalistas como Pepe Rei. Estas investigacións serviron para expoñer á opinión pública a organización, fontes de financiamento e implicacións políticas dos GAL.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura de Franco e a Transición Española, cos gobernos de Unión de Centro Democrático (UCD) existiron diversas organizacións que utilizaron prácticas terroristas para enfrontarse a ETA, como a Triple A, o Batallón Vasco Español (BVE), os Comandos Antimarxistas, os Grupos Armados Españoles e Antiterrorismo ETA (ATE). Algúns actuaban por libre, simplemente tolerados, mentres que outros tiñan apoios por parte de altas instancias do goberno. Tamén existían grupos que actuaban supostamente integrando a algúns membros do aparello de Corpos e Forzas de Seguridade de entón que coordinaban as accións e aleccionaban nas tácticas e o manexo de armas, funcionando como auténticos comandos terroristas de gran mobilidade con colaboración de grupos armados internacionais (OAS, Triplo A...)

Os casos do atentado contra Antonio Cubillo, dirixente do MPAIAC (grupo independentista das Illas Canarias) en 1978, imputado a axentes co apoio directo do Ministerio do Interior español, ou do secuestro, malos tratos, tortura e simulación de execución do director do semanario El Doblón, José Antonio Martínez Soler en marzo de 1976 trala publicación dun artigo denunciando a purga de mandos moderados da Garda Civil, causaron grande impacto na opinión pública española e internacional pola súa implicación con forzas relacionadas co aparello de represión do Estado.

Nacemento

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1983 comezan unhas conversacións de paz entre o PSOE, PNV e Herri Batasuna [1]. En abril dese mesmo ano celebráronse na madrileña serra de Guadarrama reunións secretas entre membros do PSE-PSOE e membros do goberno socialista: Ricardo García Damborenea, José Barrionuevo, Rafael Vera, Ramón Jáuregui, José María Benegas e Julián Sancristóbal nas que acordaron secuestrar a membros de ETA [2]. No mes de xullo, membros do CESID, liderados polo coronel Perote, redactaron o que se coñece como acta fundacional dos GAL na que se analizan as vantaxas e desventaxas da guerra sucia [3].

Actuacións

[editar | editar a fonte]

O 28 de setembro danse por iniciadas as accións dos GAL en Francia, integrados por membros das forzas de seguridade do Estado español e por mercenarios [4]. A primeira actuación dos GAL foi o secuestro dos mozos independentistas Lasa e Zabala, o 16 de outubro. Dous días despois, catro policías españois son detidos polas forzas de seguridade francesas no intento de secuestro de José María Larretxea Goñi. Tras o informe do CESID no que señalan a Mikel Lujua coma un dos líderes de ETA, os GAL deciden secuestralo.

O 4 de decembro Segundo Marey escoitou o timbre, abriu a porta e saíu da súa casa (en Hendaya). Dous homes, que o confundiron co membro de ETA Mikel Lujúa, agarrárono e metérono pola forza noutro vehículo, logo emprenderon a viaxe en dirección a España. O subcomisario José Amedo desprazouse ó posto fronteirizo de Dantxarinea (Navarra), para esperar os secuestradores e resolver os problemas que puideran xurdir para lograr que entrasen en España coa vítima. Tras pasar a fronteira trasladáronse a unha cabana en Colindres. Malia decatarse do erro, e coa autorización de Barrionuevo, seguiron adiante co secuestro[5]. O día 6 contactaron coa Cruz Vermella de Donosti e anunciaron que se os seus catro compañeiros detidos non eran liberados executarían a Marey, dous días despois os axentes foron liberados. E o día 13 foi liberado Segundo Marey a un quilómetro da fronteira francesa e cun comunicado no que por primeira vez se vían as siglas GAL.

O 19 de decembro Ramón Oñaederra é asasinado, comezan os primeiros rumores sobre a vinculación dos GAL co Goberno [6]. O día 28 os GAL levarían a cabo un atentado contra Miguel Antonio Goikoetxea, coñecido como Txapela, na localidade francesa de Saint-Jean-de-Luz. Goikoetxea foi tiroteado por dous descoñecidos, que logo fuxiron nunha motocicleta [7].

As primeiras vítimas do ano 1984 foron Vicente Perurena Telletxea e Angel Gurmindo Lizarraga "Stein" que foron atacados por membros dos GAL en Hendaia, Francia o 8 de febreiro [8]. Tamén en Francia o día 25 foi asasinado Eugenio Gutiérrez Salazar "Tigre" [9]. No transcurso deste ano seguen a sucederse númerosos atentados contra membros de ETA como o presunto dirixente Javier Pérez Arenaza Fogorb [10]. Pero tamén realizan diversos asasinatos ou torturas a persoas de fóra da contorna da ETA, como o secuestro dos membros dos comités antinucleares Xavier Lorenzo e Endica Lorenzo [11]. A lista dos asasinados polos GAL en 1984 continúa con Jean Pierre Leiba (traballador ferroviario), Rafael Goikoetxea (membro de ETA), Tomás Pérez Revilla (membro de ETA), Ramón Orbe (membro de ETA), Christian Olaskoaga (non tiña relación con ETA) e Santi Brouard (concelleiro). A esta lista ademais hai que sumar os feridos nos tiroteos ou atentados.

A primeira vítima mortal do ano 1985 foi o fotógrafo do diario Egin, Xabier Galdeano [12]. Pero antes desta data, houbo máis atentados no que o número de vítimas que non son membros de ETA é considerábel: Xabier Manterola (dirixente de Herri Taldeak), Christian Casteigts, Benoit Pecasteing e Marc Mutio. A segunda vítima mortal do ano 1985 foi, o 26 de xuño en Baiona, Santos Blanco González "Aitite" presunto membro de ETA[13]. Días despois os GAL de novo asasinan a persoas que non teñen relación con ETA, Emile Weiss e Claude Doer son tiroteados nun bar de Ciboure e o 31 de agosto Dominique Labeyrie en Saint-Jean-de-Luz[14]. O mes de setembro tivo numerosas vítimas xa que foron asasinados os presuntos membros de ETA Juan Manuel Otegui, José Mari Etxaniz Maiztegi "Potros", Iñaki Asteasuinzarra Pagla, Agustín Irazustabarrena Urruzola "Legra" e Sabin Etxaide Ibarguren "Eskumotza".

No ano 1986 os GAL realizaron varias accións pero ningunha contra membros de ETA. O 6 de xaneiro morre Robert Caplanne tras as feridas provocadas por un atentado en Biarritz. Karmele Martínez, Federick Haramboure e Nagore Otegui, filla de Juan María Otegui de tan só tres anos de idade, son tiroteados nun bar de Baiona, os tres sobreviven[15]. Christophe Matxikote e Catherine Brion son asasinados o 17 de febreiro [16].

Hai dous asasinatos que teñen a sombra do GAL pero que nunca se chegaron a confirmar. O de Juan Carlos García Goena, o 24 de xullo de 1987, no que os detidos culpan a organización terrorista. E o do parlamentario de Herri Batasuna, Josu Muguruza, o 20 de novembro de 1989, no que se recibiu unha chamada no nome dos GAL.

O primeiro xuízo contra membros do GAL tivo lugar o ano 1991, un xuízo contra José Amedo e Míchel Domínguez. Os dous foron condenados por contratar mercenarios para realizar atentados, pero o xuíz non considerou os GAL como banda terrorista [17]. No ano 1994 o xuíz Baltasar Garzón reabriu o caso e mandou ó cárcere a dous policías de Bilbao, ó responsábel da Brigada de información de Bilbao, o xefe do Mando Único da loita antiterrorista e o director xeral da seguridade do Estado, Julián Sancristóbal [18].

En 1995 o xuíz Garzón ordena o encarceramento de Rafael Vera, esta decisión é en consecuencia das declaracións dos ex policías José Amedo e Michel Domínguez [19]. Mentres o proceso seguía aberto Damborenea e Sancristóbal cambian a súa versión e acusan a Felipe González e a Barrionuevo do caso GAL [20]. E Garzón imputa a González un delito de fundación da banda armada GAL aínda que non chegou a declarar por existir só pequenas sospeitas[21].

No ano 1991 o goberno de Aznar chegou ó poder, e negouse a entregar os papeis do CESID sobre os GAL [22]. No ano 1998 tras un novo xuízo do caso Marey Barrionuevo e Vera, entre outros, son condenados ó cárcere [23]. Máis tarde o goberno indulta os principais condenados polo caso Marey a excepción de Amedo e Domínguez [24].

Non foi até o ano 2001 cando se resolveron os recursos de todas as partes, Vera e Barrionuevo volveron a prisión pero tan só durante nove horas pola decisión das xuntas de tratamento dos centros penitenciarios, na que decidían que non eran necesarias as pernoctancias no cárcere e a condena resolveríase coa firma por parte dos condenados dúas veces por semana nas autoridades penitenciarias [25].

  1. "El PSE-PSOE acepta negociar con HB y el PNV sobre la pacificación del País Vasco". El País (en castelán). 1983-01-18. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  2. "Damborenea dice que Barrionuevo y dirigentes del PSOE acordaron en 1983 secuestrar etarras". El País (en castelán). 1996-01-05. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  3. "Perote aporta los originales de algunos 'papeles del Cesid' e involucra a Galindo en la 'guerra sucia'". El País (en castelán). 2000-02-17. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  4. "Cronología del nacimiento de los GAL". www.elmundo.es. Consultado o 2019-02-03. 
  5. "Marey, la primera víctima de los GAL". www.elmundo.es. Consultado o 2019-02-03. 
  6. "La enigmática organización contra-terrorista GAL asesinan a tiros en Francia al etarra Ramón Oñaederra: ¿Guerra sucia contra ETA?". La Hemeroteca del Buitre (en inglés). Consultado o 2019-02-03. 
  7. "El terrorista de ETAm 'Txapela', clínicamente muerto por un atentado". El País (en castelán). 1983-12-29. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  8. "Ángel Gurmindo Lizarraga y Vicente Perurena Telletxea". In Memoriam pro Pax. 2011-02-27. Consultado o 2019-02-03. 
  9. "Los GAL asesinan al militante de ETA, Eugenio Gutiérrez Salazar 'Tigre' al día siguiente del asesinato de Enrique Casas (PSOE)". La Hemeroteca del Buitre (en inglés). Consultado o 2019-02-03. 
  10. "Los GAL asesinan en Biarritz a un cuñado de Iturbe Abasolo 'Txomin', uno de los principales dirigentes de ETA Militar". El País (en castelán). 1984-03-24. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  11. "Los GAL y sus víctimas: Xavier Lorenzo y Endica Lorenzo, miembros de los comités antinucleares - Los Verdes" (en castelán). 2016-05-26. Consultado o 2019-02-03. 
  12. "El asesinato de Xabier Galdeano". Issuu (en castelán). Consultado o 2019-02-03. 
  13. "Santos Blanco González "Aitite"". 2011-06-26. Consultado o 2019-02-03. 
  14. "La sombra de los GAL persigue al PSOE". Elentir (en castelán). Consultado o 2019-02-03. 
  15. "Los heridos en el atentado contra un bar de Bayona se encuentran fuera de peligro". El País (en castelán). 1986-02-10. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  16. "Cristophe Machicotte y Catherine Brion". In Memoriam pro Pax. 2012-02-17. Consultado o 2019-02-03. 
  17. "La Audiencia Nacional condena a José Amedo y a Michel Domínguez a 108 años de cárcel por organizar los GAL". La Hemeroteca del Buitre (en inglés). Consultado o 2019-02-03. 
  18. "Cronología del 'caso Marey', la historia de un secuestro". www.elmundo.es. Consultado o 2019-02-03. 
  19. "El juez Garzón ordena el encarcelamiento del ex secretario de Rafael Vera por malversación". El País (en castelán). 1995-01-10. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  20. "Damborenea y Sancristobal cambian su versión acusan a Felipe González y a Barrionuevo de ser los responsables del 'caso GAL'". La Hemeroteca del Buitre (en inglés). Consultado o 2019-02-03. 
  21. "Garzón imputa a González un delito de fundación de la banda armada GAL y otro de malversación". El País (en castelán). 1995-07-29. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  22. "Recurso al Supremo contra la negativa del Gobierno a entregar los 'papeles del Cesid'". El País (en castelán). 1996-09-11. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  23. "El Supremo ordena encarcelar a Barrionuevo y Vera". El País (en castelán). 1998-09-09. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-03. 
  24. "El Gobierno Aznar indulta a los principales condenados por el secuestro de Marey (GAL) incluidos Barrionuevo y Vera". La Hemeroteca del Buitre (en inglés). Consultado o 2019-02-03. 
  25. "Barrionuevo y Vera salen de prisión y sólo tendrán que pasar controles periódicos". www.elmundo.es. Consultado o 2019-02-03. 
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy