Saltar ao contido

Mercenario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como mercenario (do latín merces, - eris, «pago»), a aquel soldado que loita ou participa nun conflito bélico polo seu beneficio persoal, xeralmente con pouca consideración na ideoloxía, nacionalidade ou preferencias políticas co bando para o que loita. Polo regular menciónanse coma asasinos a soldo, sicarios etc.

Porén, cando este termo (mercenario) se usa para se referir a un soldado dun exército regular considérase normalmente un insulto á súa honra. O soldado regular despreza sempre o mercenario por ser un asasino sen causa. Aínda que estea no seu propio bando: epíteto ou cualificativo pexorativo.

O soldado regular que representa a súa nación, está disposto a loitar por unha causa que é a da súa comunidade ou a do seu país, pola contra, o mercenario faino soamente por lucro.

Os mercenarios e as leis da guerra

[editar | editar a fonte]

No protocolo adicional á Convención de Xenebra do 12 de agosto de 1949 (APGC77), relativa á protección das vítimas de conflitos armados internacionais (protocolo I, do 8 de xuño de 1977, establécese que:

Artigo 47. Mercenarios

Un mercenario é calquera persoa que:
(a) Foi recrutada ou embarcada especificamente co fin de loitar nun conflito armado;
(b) Toma, en efecto, parte directa nas hostilidades;
(c) A súa motivación para tomar parte nas hostilidades é principalmente o desexo polo beneficio persoal, e de feito, prométeselle unha recompensa material por unha das partes no conflito, ou en favor desta que excede dun xeito substancial o pago que os combatentes das forzas armadas de dita parte reciben con similares rangos ou funcións;
(d) Non é un nacional de ningunha das partes en conflito, nin residente de ningún territorio controlado por estas;
(e) Non é membro das forzas armadas de ningunha das partes do conflito, e
(f) Non foi enviado por ningún estado alleo ás partes en conflito en cumprimento do deber coma membro das súas forzas armadas.

Débese ter en conta que moitos países, incluíndo os Estados Unidos de América non son signatarios do Protocolo Adicional da Convención de Xenebra de 1977 (APGC77), de xeito que, aínda que dito protocolo é amplamente aceptado, non é un documento definitivo.

Segundo a Terceira Convención de Xenebra, se un soldado é capturado polo inimigo, debe ser tratado coma combatente segundo a lei, e polo tanto, coma unha persoa protexida, e considerada coma prisioneiro de guerra, en tanto dito soldado sexa posto a disposición dun tribunal competente (Terceira Convención de Xenebra, artigo 5). Este tribunal debe decidir se a persoa en cuestión é un mercenario, usando os criterios do Protocolo Adicional APGC77 ou segundo algunha lei nacional equivalente. Neste intre, o mercenario convértese nun combatente fóra da lei, aínda que malia iso debe ser tratado con humanidade, e en caso de ser sometido a xuízo, non debe ser privado do dereito a un xuízo limpo e regular, dado que aínda se atopa cuberto pola Cuarta Convención de Xenebra, artigo 5. A única excepción a este artigo sería que a persoa xulgada fose cidadán ou súbdito da autoridade nacional que o xulga, polo que nese caso non podería ser considerado un mercenario baixo a cobertura do APGC77, artigo 47.d.

Se tras un xuízo regular, un soldado capturado é declarado mercenario, debe ser tratado coma un delincuente común, e podería ser sometido á pena capital. Por mor de que non é cidadán de ningunha das partes en conflito, non podería esperar a ser repatriado ó final da guerra. O caso máis coñecido trala segunda guerra mundial deuse o 28 de xuño de 1976, cando un tribunal de Angola sentenciou a morte catro mercenarios e a penas de prisión que oscilaban entre os 16 ós 30 anos a outros nove. Os catro condenados a morte, tres británicos e un estadounidense, foron fusilados o 10 de xullo de 1976.

O status legal dos contratistas civís depende da natureza do seu traballo e da súa nacionalidade no tocante ós combatentes, pero se non tomaron parte activa na confrontación (APGC77 artigo 47.b), non son mercenarios, e atópanse baixo a protección da Convención de Xenebra.

A situación provocada durante a ocupación de Iraq de 2003 amosa a dificultade en definir un mercenario. Mentres os Estados Unidos gobernaron o país, ningún cidadán estadounidense que traballara coma garda armado podía ser considerado mercenario, porque eran nacionais dunha das partes en conflito (APGC77, artigo 47.d). Cando se transferiu o poder ó goberno interino iraquí, podíase argumentar que, a non ser que declarasen estas persoas coma residentes en Iraq, ó non ser residentes nin nacionais dun territorio parte no conflito (APGC77, artigo 47.d), poderían ser consideradas mercenarios. Se non tivese lugar ningún xuízo das persoas acusadas de ser mercenarios, as alegacións tenderían a se evaporar nunha espiral de acusacións, denegacións e contraacusacións. Débese ter en conta que os soldados da coalición en Iraq que apoian o goberno interino iraquí non son mercenarios, xa que todos eles forman parte das forzas armadas dunha das partes en conflito ou foron enviados por un estado que non é parte do conflito en cumprimento do seu deber coma membro das forzas armadas (APGC77, artigo 47.f).

Gurkhas e lexionarios da lexión estranxeira francesa

[editar | editar a fonte]
Batallón Nusseree, posteriormente denominado 1st Gurkha Rifles, en 1857

As dúas unidades máis coñecidas nas que nacionais doutro país serven nas forzas armadas doutra nación son as brigadas británicas de Gurkhas, e a Lexión estranxeira francesa así como a Lexión española ata fai poucos anos. Os soldados que serven nestas unidades de elite non son mercenarios.

Os Gurkha británicos están plenamente integrados coma soldados do Exército Británico. Operan en unidades formadas por brigadas de Gurkhas baixo as mesmas normas e regulacións que deben cumprir tódolos soldados británicos (normas similares aplícanse ós Gurkhas que serven no exército indio). Os lexionarios estranxeiros franceses intégranse en unidades da Lexión estranxeira francesa, que son despregadas e loitan coma unidades organizadas dentro do exército francés. Isto significa que coma membros das forzas armadas británicas ou francesas, non poden ser considerados mercenarios segundo o APGC77, artigo 47.e e APGC77, artigo 47.f

Mercenarios e leis nacionais

[editar | editar a fonte]
Garda Suíza co seu uniforme tradicional

Algúns países tratan de impedir que os seus cidadáns loiten en conflitos a non ser que se atopen baixo o control das súas propias forzas armadas:

  • En 2003, Francia criminalizou as actividades mercenarias tal como son definidas pola Convención de Xénova para os cidadáns franceses, residentes permanentes e entidades legais (código penal, L436-1, L436-2, L436-3, L436-4, L436-5).
  • En 1998, Suráfrica aprobou a Acta sobre asistencia militar estranxeira, que prohibía ós seus cidadáns ou residentes enlearse en conflitos estranxeiros agás as operacións humanitarias, a non ser que un comité gobernamental aprobe o seu despregamento. En 2005, a lexislación foi revisada polo goberno por mor dos cidadáns surafricanos que traballaban coma gardas de seguridade en Iraq durante a ocupación, e por mor do xuízo contra Mark Thatcher polo posíbel financiamento e apoio loxístico en relación cunha presunta tentativa de golpe de estado en Guinea Ecuatorial, organizado por Simon Mann.
  • Segundo a lei estadounidense Neutrality Act, un cidadán dos Estados Unidos que participe nun conflito armado no que os Estados Unidos sexa neutral pode incorrer en responsabilidades penais.
  • Suíza prohibiu ós seus nacionais o servizo coma mercenarios en 1927, agás á Garda Suíza do Vaticano.

Operacións con mercenarios

[editar | editar a fonte]

Sábese do uso de mercenarios nos conflitos da antiga Iugoslavia. Moitos destes mercenarios eran ex-soldados procedentes dos países do antigo bloque do leste, desempregados trala caída da Unión Soviética.

Compañías privadas militares

[editar | editar a fonte]

As compañías privadas militares son empresas que ofrecen loxística, man de obra e outros servizos para forzas militares. Os seus contratistas son civís autorizados para acompañar as tropas no teatro de operacións.

Pódese argumentar que as forzas paramilitares baixo control privado son funcionalmente mercenarios, no canto de gardas de seguridade ou asesores. Porén, os gobernos nacionais resérvanse o dereito de regula-lo número, natureza da súa función e armamento de semellantes forzas privadas, aducindo que non se atopan empregadas na fronte de batalla en favor das actividades militares, polo que non se poden considerar mercenarios.

Se os empregados deste tipo de empresas se envolvesen nas actividades militares de xeito activo, normalmente pódense considerar mercenarios, e as súas empresas empregadoras pódense chamar compañías de mercenarios. Tres destas compañías, que os medios de comunicación consideraron compañías mercenarias nos anos 1990 son:

En 2004, esta industria dos mercenarios obtivo un considerábel pulo, sobre todo, por mor do emprego de compañías privadas militares por parte dos Estados Unidos e outros membros da coalición para traballos de seguridade en Iraq. En marzo de 2004, catro empregados da empresa estadounidense «PMC Blackwater», que vixiaban un almacén de fornezo de alimentos, foron atacados e asasinados en Faluxa. Nuns incidentes do que as imaxes deron a volta ó mundo, os asasinatos e o subseguinte desmembramento dos corpos convertéronse no principal argumento usado polo goberno estadounidense para desenvolve-la batalla de Faluxa que tivo lugar pouco máis tarde e que se saldou con centos de mortos.

As compañías militares privadas adóitanse ver con desagrado polas Nacións Unidas (aínda que malia isto, a mesma ONU usou os seus servizos para dar apoio loxístico en África). Malia isto, estas empresas adoitan ser útiles para combate-lo xenocidio e as matanzas en situacións onde a ONU se atopa pouco disposta ou incapaz de intervir.

Nun informe sobre as PMC (Private Military Companies, Compañías Militares Privadas) efectuado polo ministerio de asuntos exteriores británico e publicado en febreiro de 2002, este ministerio fai notar que a demanda de servizos militares por parte da ONU e de organizacións internacionais podería significar que o emprego de semellantes empresas é máis barato que o uso de tropas regulares por parte dos países membros. En todo caso e a día de hoxe, tras considera-lo uso de empresas privadas militares coma apoio das operacións de Nacións Unidas, o seu secretario xeral, Kofi Annan, tomou a decisión de prescindir destas.

Mercenarios en África

[editar | editar a fonte]

Século XX

[editar | editar a fonte]

Durante o século XX, os mercenarios foron usados con frecuencia nos conflitos do continente africano. Aconteceron varios incidentes desagradábeis durante as múltiplas guerras africanas, algúns dos cales enleaban a cidadáns europeos e americanos, homes polo xeral procuradores de fortuna, que foron enviados a situacións de combate das que non puideron sobrevivir para recibi-la súa paga.

Moitos dos aventureiros en África que foron descritos coma mercenarios estaban de feito motivados ideoloxicamente para apoiar a certos gobernos, e non loitaban para o mellor ofertante.

Entre estes mercenarios particularmente notorios atópanse:

Os mercenarios loitaron para o Biafra na cuarta brigada de comandos durante a guerra civil nixeriana (1967-1970). Outros mercenarios tiveron como cometido pilotar avións para esta facción. En outubro de 1966 por exemplo, un DC-4M «Argonaut» da Royal Air Burundi pilotado por un mercenario chamado Heinrich Wartski (tamén coñecido coma Henry Wharton), estrelouse no Camerún con fornecementos militares destinados a Biafra.

A mediados dos anos 1970, o británico John Banks recrutou mercenarios para loitar a favor da Fronte Nacional de Liberación de Angola (FNLA) contra o Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA) durante a guerra civil tras conseguir Angola a independencia de Portugal en 1975. Ó ser capturado, o seu papel coma líder dos mercenarios fixo que fora condenado a morte por fusilamento. Outros nove mercenarios foron encarcerados, e houbo tres execucións máis: O estadounidense Daniel Gearhart foi sentenciado a morte, ó se publicitar nun periódico dos Estados Unidos coma mercenario; Andrew MCKenzie e Costas Georgiu (autodenominado este «Coronel Callan»), quen serviran no exército británico, foron sentenciados a morte por asasinato.

O estadounidense Bob MacKenzie matárono nos Montes Malal en febreiro de 1995 mentres comandaba un escuadrón de gardas de seguridade Gurkha en Serra Leoa. Este escuadrón foi pouco despois substituído pola empresa Executive Outcomes. Ámbolos dous foron empregados polo goberno de Serra Leoa coma asesores militares e para o adestramento das tropas gobernamentais. Alegouse que estas sinaturas proporcionaron soldados que tomaron parte activa na loita contra a Fronte Revolucionaria Unida (RUF).

Un retrato ficticio das operacións de mercenarios nos anos 1970 é o libro de Frederick Forsyth «Os cans da Guerra», novela que ten lugar na illa de Malabo (renomeada «Zangaro» no libro), onde supostamente atopaba unha reserva de platino. Dende o descubrimento de petróleo a mediados dos anos 1990, esta illa non necesita esas supostas reservas de platino para acapara-lo interese de financeiros e mercenarios. En agosto de 2004 elaborouse un plan para derrotar o goberno de Guinea Ecuatorial en Malabo. Arestora, oito soldados surafricanos da era do apartheid (o líder dos cales é Nick du Toit), seis aviadores armenios e cinco guineanos atópanse na prisión de Praia Negra, nesta illa. Están acusados de se-la avanzada dun golpe de estado co obxecto de pór o opositor Severo Moto no poder. A CNN informaba o 25 de agosto de 2004 que:

O avogado de Nick du Toit dixo que foi presentado a Thatcher en Suráfrica o ano anterior por Simon Mann, o líder dos 70 homes arrestados en Zimbabwe en marzo coma sospeitosos de integrar un grupo de mercenarios que se dirixían cara á Guinea Ecuatorial.

Segundo estas palabras, o golpe de estado estaría planeado por Simon Mann, fundador de Executive Outcomes e antigo oficial do SAS. O 27 de agosto de 2004 foi atopado culpable en Zimbabwe de tráfico de armas para o seu uso neste golpe. Mann admitiu que transportaba armas, aínda que asegurou que as mesmas eran para a protección dunha mina de diamantes na República Democrática do Congo. Asegúrase que o seguimento das pistas a través dos documentos implica a Sir Mark Thatcher, Lord Archer e Ely Calil (un comerciante de petróleo libanés).

De novo, a BBC informaba nun artigo titulado «Preguntas e Respostas: A trama do golpe na Guinea Ecuatorial»:

O programa de televisión da BBC Newsnight tivo acceso ós rexistros financeiros das compañías de Simon Mann, que amosan grandes pagamentos a Nick du Toit e tamén uns dous millóns de dólares de ingresos, aínda que as fontes deste financiamento é practicamente imposíbel de investigar.

O 10 de setembro de 2004, a BBC informaba sobre Zimbabwe:

Simon Mann, o líder británico dun grupo de 67 presuntos mercenarios, acusado de planear un golpe de estado en Guinea Ecuatorial, foi condenado a sete anos de prisión. O resto dos pasaxeiros recibiron condenas de 12 meses de prisión por viola-las leis sobre inmigración, mentres que os dous pilotos foron condenados a 16 meses. O tribunal ordena tamén a confiscación do Boeing 727 de Mann e os 180.000 dólares atopados a bordo.

Dada a actual crise en Zimbabwue, un Boeing 727 é unha moi útil adición á liña aérea estatal, e os 180.000 dólares poderían ser máis que dabondo para cubri-los gastos de manter a esta cantidade de homes en prisión.

Antigo Exipto

[editar | editar a fonte]

Os primeiros datos sobre o uso de mercenarios remóntanse ata o Antigo Exipto, ó redor do ano -1500, cando o faraón Ramsés II fixo uso de 10.000 deles no transcurso das súas batallas.

Mercenarios na historia europea

[editar | editar a fonte]

Mercenarios na época clásica

[editar | editar a fonte]

Durante a época clásica moitos mercenarios gregos loitaron nas guerras para o Imperio Persa, por exemplo:

  • Xerxes I, rei da Persia que invadiu Grecia en -484 empregou mercenarios gregos. O máis lembrado é Demarato, pola súa advertencia a Xerxes de non subestima-los espartanos antes da batalla das Termópilas.
  • En Anábase, Xenofonte relata como Ciro o Novo recrutou un grande exército de mercenarios gregos (os «Dez mil») en -401 para arrebata-lo trono de Persia ó seu irmán, Artaxerxes II. Malia que este exército obtivo a vitoria na batalla de Cunaxa, Ciro morreu na batalla e toda a expedición atopouse perdida. Illados moi dentro do territorio inimigo, o xeneral espartano Clearco e moitos dos outros xenerais gregos foron asasinados pouco máis tarde a traizón por orde de Artaxerxes II. Xenofonte exerceu un papel fundamental ó afouta-lo exército grego dos «Dez mil» para que marcharan cara ó norte cara ó Mar Negro, nunha loita épica durante a súa retirada.
  • Memnón de Rodas (-380 - -333) foi o comandante dos mercenarios gregos que loitaban para o rei Persa Darío III cando Alexandre o Grande de Macedonia invadiu a Persia en -334 e venceu os persas na Batalla do Gránico. Alexandre empregaba tamén mercenarios gregos durante as súas campañas. Eran estes uns homes que loitaban directamente para el, e non coma o resto das unidades do seu exército que proviñan das cidades-estados gregas.
  • Cartago contratou pastores das Illas Baleares coma lanzadores de fonda durante as guerras púnicas contra Roma. A ampla maioría dos militares cartaxineses eran mercenarios, agás os altos oficiais, a mariña e a garda de palacio.
  • Os membros das tribos independentes tracias coma os «Bessi» e «Dii» uníronse con frecuencia a exércitos maiores coma mercenarios.
  • Os fillos de Marte foron mercenarios italianos empregados polos reis gregos de Siracusa ata o remate das guerras púnicas.

Nos últimos tempos do Imperio Romano, os emperadores e os xenerais tiveron cada vez máis dificultades para recrutar unidades militares a partir da cidadanía por diversas razóns: falla de man de obra, falla do tempo necesario para o adestramento, carencias materiais e, inevitablemente, consideracións políticas. Polo tanto, comezando a finais do século IV, o Imperio comezou a contratar bandas completas de bárbaros xa fose dentro das lexións ou coma federacións autónomas. Os bárbaros foron romanizados, e os veteranos superviventes establecéronse en áreas que requirían de repoboacións. A Garda Varanxiana do Imperio Romano do leste, tamén coñecido coma Imperio Bizantino, é a unidade máis coñecida formada por mercenarios bárbaros.

Mercenarios nas guerras medievais

[editar | editar a fonte]

Os emperadores bizantinos continuaron a antiga práctica romana de contrataren estranxeiros para a defensa do Imperio. En 1071, por exemplo, o emperador Romano IV liderou unha campaña contra os turcos selxúcidas de Iconio. Segundo o musulmán Imad ad-Din (século XII) e outros cronistas contemporáneos a Romano IV, o exército, duns 100.000 homes, estaba composto por romanos (bizantinos), rusos, kházaros, alanos, cumanos, xeorxianos, armenios, xermanos, normandos, godos de Crimea, pechenegos e búlgaros. A meirande parte das tropas propiamente bizantinas proviñan dos themas (lexións) da metade oriental do Imperio, con reforzos da Garda Varenga e dos Tagmata (os rexementos de elite acuartelados en Constantinopla).

Bizancio foi tamén a creadora dun dos máis soados corpos mercenarios, a Garda Varenga. A súa orixe remóntase a un tributo de homes que enviaba o soberano de Kíiv ó Emperador bizantino. Con Aleixo I Comneno, a vella garda do Palacio Imperial, os Excubitores, foi disolta, e no seu lugar colocou a Garda Varenga. Estes acudían de entre os pobos máis belicosos, dos cales os varengos (viquingos) e os anglo-saxóns eran os máis comúns, aínda que tamén había alemáns, teutóns, normandos, escoceses e toda clase de xente do norte. Como esta garda non tiña vínculos coa poboación grega, era de supor que sería máis eficaz á hora de esmagar calquera rebelión. Un dos seus máis famosos integrantes foi o que posteriormente sería o rei Harald III de Noruega, tamén coñecido coma Harald Hardrada, que chegou a Constantinopla en 1035, onde se alistou á Garda Varenga. Participou en dezaoito batallas e foi nomeado «Akolouthos», comandante da Garda, antes de retornar para o seu país en 1043. Morreu na Batalla de Stamford Bridge en 1066, onde o seu exército foi derrotado por un exército inglés comandado polo rei Harold Godwinson, nas guerras que enfrontaron este último con Hardrada e con Guillerme de Normandía, chamado o Conquistador.

En Italia, o condottiero era un xefe militar que ofrecía as súas tropas, os condottieri, ó servizo das cidades-estados.

Durante a época dos Reinos de Taifas en Al-Andalus, os cabaleiros cristiáns coma El Cid podían loitar para algúns gobernantes musulmáns contra os seus inimigos, xa fosen estes cristiáns ou musulmáns.

Os Almogávares foron mercenarios aragoneses, cataláns e navarros, preferentemente proviñan dos Pireneos; que loitaron para Cataluña e Aragón, aínda que a principios do século XIV formouse a Compañía Catalá, integrada por máis de 8000 almogávares ó mando de Roger de Flor, Berenguer d'Entença e Bernat de Rocafort, para auxilia-lo Imperio Bizantino. Roger de Flor obtivo grandes vitorias en Asia Menor, destacando a batalla de Filadelfia, e chegou ata as Portas de Ferro, nas montañas de Tauro, en Armenia. Tralo éxito das Compañía Catalá, o emperador nomeou Megaduque do Imperio a De Flor, e pouco máis tarde, César do Imperio, a terceira dignidade en importancia de Bizancio. Este éxito espertou o receo de Miguel IX, co-emperador e fillo do emperador Andrónico II. Tralo asasinato de Roger de Flor en Adrianópolis por orde de Miguel IX, a compañía de almogávares, apostada en Galípoli, saqueou gran parte de Tracia e Macedonia, aínda que sen se achegar á inexpugnábel Constantinopla, e posteriormente loitaron ó servizo de varios nobres francos de Grecia, ata que se negaron a lles pagar, e os almogávares tomaron, en vinganza, os ducados de Atenas e Neopatria, onde a bandeira da Coroa de Aragón ondearía durante polo menos 70 anos.

Durante a Baixa Idade Media formáronse compañías libres, que eran realmente compañías de tropas mercenarias. As nacións-estados non posuían os recursos necesarios para manter forzas permanentes, polo que tendían a aluga-los servizos destas compañías para servir nos seus exércitos nos tempos de guerra. Este tipo de compañías tiñan a súa orixe ó final dos períodos de conflitos, cando os homes de armas xa non eran requiridos polos seus respectivos gobernos. Os soldados veteranos buscaban daquela outros xeitos de emprego, xeralmente converténdose en mercenarios. As compañías libres especializaríanse normalmente en formas de combate que requirían longos períodos de adestramento que non serían factíbeis por parte das milicias mobilizadas. A Compañía Branca, comandada por Sir John Hawkwood é a máis coñecida deste tipo de compañías no século XIV. Welshman Owain Lawgoch («Owain da Man Vermella»), formou unha compañía libre e loitou para os franceses contra os ingleses durante a Guerra dos Cen Anos, antes de ser asasinado por un escocés de nome Jon Lamb, ás ordes da coroa inglesa en 1378, durante o sitio de Mortagne.

Mercenarios na época moderna

[editar | editar a fonte]

Os mercenarios suízos eran buscados durante a segunda metade do século XV por ser unha forza de combate especialmente efectiva, ata que as súas algo ríxidas formacións de batalla fixéronse vulnerábeis ós arcabuces e á artillaría que se desenvolveu neste período.

Foi daquela cando os Landsknecht europeos, coloridos mercenarios con reputación de irredutíbeis, tomaron a testemuña ás forzas suízas e convertéronse na forza máis formidábel de finais do século XV e ó longo do século XVI, sendo contratados por tódalas potencias en Europa e loitando frecuentemente en bandos opostos.

Santo Tomé Moro, na súa Utopía, avogaba polo uso preferente de mercenarios en lugar dos cidadáns. Os mercenarios bárbaros empregados por Utopía estaban inspirados nos mercenarios suízos.

Aproximadamente no mesmo período, Nicolás Maquiavelo argumentaba contra o uso de exércitos de mercenarios na súa obra mestra, «O Príncipe». O seu razoamento era que a única motivación dos mercenarios era a súa paga, polo que este tipo de soldados non estaría disposto a corre-lo tipo de riscos que poderían da-la volta a unha batalla pero que lle poderían custa-la vida. El cría, loxicamente, que os cidadáns cun apego real á súa nación estarían máis motivados para defendela, o que os convertería en moito mellores soldados.

[editar | editar a fonte]

O igual cá pirataría, o espírito mercenario resoa con aventuras idealizadas, misterio e perigo. Exemplos disto son:

  • A novela Cans da Guerra de Frederick Forsyth, e a película homónima de 1981, baseada nunha trama sobre operacións mercenarias na África dos anos 1960.
  • A novela Os Gansos Salvaxes de Daniel Carney, e a película do mesmo nome de 1978. O argumento xira sobre un sindicato financeiro británico que busca rescatar ó líder deposto dun país centroafricano, contratando unha banda de mercenarios para este traballo.

É interesante constatar que ámbolos dous títulos derivan doutras fontes. «Berra ¡Devastación!, e solta os cans da guerra», é unha cita de Xulio César, acto III, obra de Shakespeare. Trala sinatura do Tratado de Limerick (1691), os soldados do exército irlandés que deixaron Irlanda por Francia tomaron parte no que é coñecido coma o «Voo dos Gansos Salvaxes», tralo cal moitos deles fixeron carreira servindo coma mercenarios para os exércitos do continente. O máis famoso deles foi Patrick Sarsfield, quen sendo mortalmente ferido en terra estranxeira dixo: «Se isto fose por Irlanda...»

Existe na actualidade unha revista especializada ostensiblemente escrita para mercenarios, chamada «Soldado de Fortuna». Tamén no filme Casabranca, Rick Blaine é un antigo mercenario, aínda que se deixa intuír que elixe o bando no que loita por motivos ideolóxicos, no canto de elixi-lo mellor ofertante.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy