Numismático
Un numismático é un especialista en numismática, a disciplina relacionada co mundo da moeda, ben desde a perspectiva do coleccionismo ou ben desde os puntos de vista comercial ou académico e de investigación.[1] Aínda que o termo se fixou durante a primeira metade do século XIX, o comercio, o estudo e a colección de moedas víñase producindo xa desde épocas moi anteriores.[2]
En España instituíuse santo Eloi como patrón dos numismáticos.[3]
Intereses do numismático
[editar | editar a fonte]Coleccionismo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Coleccionismo de moedas.
O coleccionista de moedas móvese principalmente motivado pola propia satisfacción de reunir pezas do seu interese e clasificalas. Na maioría dos casos, os coleccionistas limitan a isto a súa afección, aínda que noutras ocasións estudan e investigan de xeito privado acerca da súa colección, mesmo ata o punto de se converteren en autoridades no coñecemento de determinados aspectos da numismática.[2][4]
Nun destes casos pódese falar de Leandre Villaronga, un industrial catalán, gran coleccionista de moedas antigas da Península Ibérica e que, dun xeito autodidacta, chegou a ser autor dunha gran cantidade de traballos sobre ese tema que, nalgúns casos, supoñen unha referencia para o seu estudo.
Na situación contraria pódese salientar o caso do rei Faruq de Exipto, coñecido como un ávido coleccionista, aínda que amosou un interese nulo polo coñecemento numismático.[5]
Comercio
[editar | editar a fonte]Unha orientación diferente é a do numismático que exerce como comeciante de moedas para colección. É frecuente referirse a estas persoas como "numismáticos profesionais" e, en moitos casos, ademais de se dedicaren á compra e a venda de moedas e coleccións, levan a cabo tamén labores de autenticación e valoración, en función de parámetros como a rareza das pezas e o seu estado de conservación. Na súa condición de expertos en moedas, en ocasións exercen como asesores de historiadores, conservadores de museos, arqueólogos e outros estudosos relacionados dunha maneira ou doutra coa moeda.[2][6][7]
É frecuente que os comerciantes numismáticos se agrupen en asociacións profesionais en cada país, como é o caso da Asociación Española de Profesionales Numismáticos, que, a nivel internacional, se unen na Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais (AINP).[8]
Estudo e investigación
[editar | editar a fonte]Un xeito diferente de entender a figura do numismático é o do intelectual que se dedica institucionalmente ao estudo da moeda e á investigación sobre a súa circulación, o seu contexto histórico e outros aspectos relacionados con ela. Cómpre ter en conta, neste sentido, que as moedas son un vehículo especialmente relevante para a datación de acontecementos históricos e para o estudo de aspectos como a economía das sociedades, particularmente nas civilizacións antigas. Pódese dicir que esta vertente comezou coa publicación, en 1514, do primeiro libro de numismática, un tratado sobre moeda romana titulado De Asse et Partibus Eius, escrito por Guillaume Budé.[2]
No mundo actual, o máis habitual é que estes numismáticos traballen en gabinetes e coleccións públicas (como o Gabinete de Medallas de París ou o Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, en Londres), en cátedras ou departamentos universitarios (como é o caso de Acuña Castroviejo na Universidade de Santiago ou Pere Pau Ripollés na de Valencia) ou, menos frecuentemente, de xeito autónomo (por exemplo, Leandre Villaronga).
Formación dos numismáticos
[editar | editar a fonte]Non son moi numerosas as institucións académicas no mundo dedicadas á formación regrada de numismáticos. Algunhas ofrecen esta disciplina como parte de titulacións en estudos clásicos, historia antiga, historia ou arqueoloxía. Os numismáticos con perspectiva académica, xa que logo, especialízanse nesta área particularmente no nivel de posgrao, con mestrados e doutoramentos, nos que a capacitación reside máis na investigación. Como resultado desta situación, a maioría dos numismáticos académicos abordan a numismática desde a óptica doutra disciplina, como a historiografía, a arqueoloxía, as linguas antigas, a economía ou a metalografía.[9]
Recoñecementos a numismáticos
[editar | editar a fonte]As principais entidades académicas e asociativas de catacter científico outorgan premios de diversos tipos ao labor dos numismáticos máis destacados, que en ocasións levan aparelladas bolsas de estudos ou o financiamento de publicacións científicas sobre diversios temas relacionados coa disciplina. Entre os recoñecementos máis valorados internacionalmente están os seguintes:
- Royal Numismatic Society, de Londres:[10]
- British Numismatic Society, de Londres:[14]
- Societé française de Numismatique:[16]
- Jeton de Vermeil.[17]
- Premio Babut.[18]
- Société Royale de numismatique de Belgique:[19]
- American Numismatic Society:[22]
- Academia Británica:[25]
- Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais:[8]
- Asociación Numismática Española:[29]
- Excelente ao mérito numismático.
- Premio Javier Conde Garriga.
Numismáticos galegos
[editar | editar a fonte]Esta é unha listaxe dalgúns dos numismáticos galegos máis salientables, tanto desde a perspectiva académica como desde a comercial ou a de coleccionismo:
- Acuña Castroviejo, Fernando (1945-2016). Foi catedrático de Arqueoloxía na USC e profesor de Historia da Moeda e de Epigrafía e Numismática.[30]
- Bello Platas, Ana Isabel (1976). Doutora en Historia pola USC, autora do libro A ceca de Xuvia (Ed. Embora. ISBN 978-84-95460-55-4), publicado en 2006.[31]
- Blanco Freijeiro, Antonio (1923-1991). Arqueólogo galego formado na USC e que foi catedrático de catedrático de Arqueoloxía, Epigrafía e Numismática na Universidade de Sevilla.
- Blanco-Cicerón, Ricardo (1844-1926). Avogado tudense residente en Santiago que reuniu unha importante colección numismática, depositada, tras a súa morte, no Museo de Pontevedra.[32]
- Fariña Busto, Francisco (1949). Arqueólogo galego autor, entre outras, de Estudios de Numismática Romana (1973) e de Monedas de un tesorillo del siglo IV d.C. hallado en Lugo (1974).[33]
- Macías, Marcelo (1843-1941). Aínda que nado en Astorga, considérase un arqueólogo e numismático galego, gran coleccionista e coñecedor das moedas, considerado unha referencia na súa época.[34]
- Naya Pérez, Juan (1914-1993). Xornalista e escritor galego, formado como autodidacta en paleografía, epigrafía, heráldica e numismática, discípulo de Vaamonde Lores.
- Orol Pernas, Antonio. Coleccionista e estudoso de moeda galega medieval. Autor de numerosos artigos entre os que destaca "Numismática gallega", en Nvmisma, Nº 162-164 (1980). A súa obra máis representativa, de 1982, é Acuñaciones de Alfonso IX (Ed Vico. Madrid. ISBN 9788485711031).
- Paz Bernardo, Jaime (1944-2005). Comerciante numismático galego establecido en Barcelona, especializado en moeda galega. Fundador do Museo Numismático de Lobios. Entre as súas publicacións destaca o catálogo especializado de 2002 Moedas galegas: moedas, medallas, billetes do século IX a.C. ó século XXI d.C. (ISBN 978-84-607-6330-7).
- Pita Fernández, Ricardo Luís (1966). Filólogo galego que publicou en 1996 A Real Casa da Moeda de Xubia. Breve historia e catálogo das súas cuñacións (ISBN 9788489641372), e en 1999 Numismática galega: a moeda en Galicia e Galicia na moeda (ISBN 978-84-605-9958-6).[35]
- Vaamonde Lores, César (1867-1942). Historiador galego, autor de numerosos artigos sobre numismática, entre eles "De monetaria Gallega: fundación de la fábrica de moneda de Jubia y noticia de sus acuñaciones, precedida de un breve recuento de otras zecas de Galicia", publicado no Boletín da RAG entre 1934 e 1936 (tomo XXII) e que quedou inconcluso.[36]
- Viqueira Barrio, José (1890-1970). Médico galego que conformou unha nutrida colección numismática, que lle foi vendida á Universidade de Santiago de Compostela en 1934.[37]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Numismático" no DRAG, no Portal das Palabras e en Definición de numismático no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "An Overview Of Numismatics". www.gainesvillecoins.com (en inglés). Consultado o 2023-06-01.
- ↑ "San Eloy, patrón de los numismáticos". Ruiz Calleja. Blog numismático.
- ↑ Acosta Nieto, I. (2008). "Coleccionismo numismático en España en el siglo XIX". En Galende Díaz J.; De Santiago Fernández, J. VI Jornadas Científicas Sobre Documentación Borbónica en España y América (1700-1868). Universidad Complutense de Madrid. Páxinas 9-42.
- ↑ Lester, C.N. "Numismatic "Gumshoe:" On the Trail of King Farouk". Gold Rush Gallery, INC.
- ↑ "Orígenes del comercio numismático español". En El Maravedí.
- ↑ Vico Belmonte, A. (2015). "El mercado numismático español en la actualidad Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En Cuadernos de Investigación. Nº 32. Páxinas 179-196. ISSN 0210-6272
- ↑ 8,0 8,1 Sitio web da AINP.
- ↑ Ramírez Sánzchez, M. (2003). "La docencia universitaria de la epigrafía y la numismática en los nuevos títulos de grado en Historia". En Documenta & Instrumenta. Nº 11.Páxinas 171-191. ISSN 1697-4328.
- ↑ Sitio web da RNS.
- ↑ "The Society’s Medal". No sitio web da RNS.
- ↑ "The Lhotka Memorial Prize". No sitio web da RNS.
- ↑ "The Parkes Weber Prize". No sitio web da RNS.
- ↑ Sitio web da BNS.
- ↑ "Sanford Saltus Gold Medal". British Numismatic Society.
- ↑ Sitio web da SFN.
- ↑ "Jeton de vermeil de la SFN". No sitio web da SFN.
- ↑ "Prix Babut". No sitio web da SFN.
- ↑ Sitio web da SRNB.
- ↑ "Règlement pour participer au prix quadriennal de la Société". No sitio web da SRNB.
- ↑ "Règlement pour participer au Prix triennal "Hubertus Goltzius" de la Société". No sitio web da SRNB.
- ↑ Sitio web da ANS.
- ↑ "Awards Given by the American Numismatic Society Arquivado 02 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da ANS.
- ↑ "Recipients of the Saltus Medal Award". No sitio web da ANS.
- ↑ Sitio web da British Academy.
- ↑ "Derek Allen Prize". No sitio web da British Academy.
- ↑ "History Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
- ↑ "IAPN-Book Prize Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
- ↑ Sitio web da ANE.
- ↑ "A historia numismática galega, a debate na USC Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En El Correo Gallego. 5 de maio de 2010.
- ↑ "Ana Isabel Bello Plata Arquivado 15 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En Archivoz. 2017. ISSN: 2659-2711
- ↑ Acuña Castroviejo, F. (2013). "O coleccionismo en Galicia entre finais do século XIX e principios do XX: Ricardo Blanco-Cicerón e o seu legado. Discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. 30 de novembro de 2013". MPG. Santiago de Compostela.
- ↑ "Fariña Busto, Francisco". En WorldCat Identities.
- ↑ Rodríguez García, P. "Marcelo Macías e a Numismática". En VV.AA. (2018). Marcelo Macías. 175 Aniversario Arquivado 08 de marzo de 2019 en Wayback Machine.. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. ISBN 978-84-453-5306-6. Páxina 55.
- ↑ Datos biográficos do autor na lapela da portada do libro de 1999: [...] licenciado en filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade de Santiago. [...] Participou como conferenciante [...] nas I Xornadas de Numismática do Círculo Filatélico-Numismático Sant-Yago [...] que actualmente preside. [...] É colaborador habitual en diversas revisas, como a madrileña Crónica Numismática.
- ↑ Consulta de artigos do autor no arquivo dixitalizado da RAG.
- ↑ Linares, M.; Alegre, S. (2015). "Nota breve sobre una colección inédita en la Universidad de Santiago". En Boletín Informativo de Amigos de la Egiptología. Nº 78. Páxina 32. ISSN 2013-7540